Saltar ao contido

Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra
Tiposociedade científica
Data de fundación15 de agosto de 1894
Data de disolución1938
Presidente/aCasto Sampedro Folgar (-) Editar o valor en Wikidata
SedePontevedra
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]
Momento da visita da Infanta Isabel de Borbón, La Chata, ás ruínas de San Domingos, Pontevedra, en 1906.

A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra [1] foi unha asociación de distintas personalidades da arte e cultura pontevedresa fundada o 15 de agosto de 1894 cos obxectivos de estudar as ciencias arqueolóxicas e adquirir e conservar tódolos obxectos de mérito no relativo á arte e historia da cidade de Pontevedra.

Entre estes obxectos de mérito incluían debuxos, gravados, esculturas, escudos, epigrafía, moedas, elementos arquitectónicos etc., así como música e poesía popular. Por medio de compras ou donativos acumulou unha completísima colección de libros e obxectos de arte de todo tipo. Loitou pola recuperación e restauración de diversos monumentos, destacando as ruínas de San Domingos, que salvou do derrubamento definitivo que aprobara a corporación municipal en 1874 e 1880. Polo contrario, os intentos para conservar a capela da Virxe do Camiño foron infrutuosos.

Precedente inmediato da constitución da Sociedade Arqueolóxica foi a xuntanza que se celebrou nas propias ruínas de San Domingos o 16 de setembro de 1889 [2], baixo a convocatoria do poeta Roxelio Lois Estévez, daquela director de O Galiciano, Manuel de la Fuente e o médico Xosé Casal Lois, estes dous delegados da Comisión Provincial de Monumentos. Esta xuntanza converteuse nunha especie de ocupación das ruínas como sede da Sociedade.

Compoñentes destacados

[editar | editar a fonte]
Placa na honra de Casto Sampedro, nas Ruínas de San Domingos.

A constitución da Sociedade Arqueolóxica foi obra de Casto Sampedro, folclorista e investigador pontevedrés, que soubo agrupar e orientar a artistas e investigadores de sona, preocupados pola conservación da historia de Pontevedra. Presidida polo propio Sampedro, contou con colaboradores importantes como Carmelo Castiñeira Antelo (membro do movemento rexionalista La Patria Gallega) e Xosé Casal Lois (morto en 1912) (médico, etnógrafo e bibliófilo, que colectou un amplo cancioneiro).

Outro dos membros fundadores foi o médico Luís Sobrino Rivas (morto en 1907), pai de Carlos Sobrino. Foi el quen propiciou a colaboración coa Sociedade Arqueolóxica do propio Carlos Sobrino e mais dos irmáns Enrique e Fernando Campo.

Tamén debe citarse a Enrique López de la Ballina e Heliodoro Fernández Gastañaduy, poeta e autor teatral, así como a José Millán, Juan Novás Guillán e Víctor Said Armesto (morto en 1914) (que destacou na recollida de textos literarios e musicais).

O Labirinto de Mogor, un dos debuxos de Enrique Campo

Unha importante sección da Sociedade foi a constituída polos debuxantes que plasmaron graficamente boa parte dos edificios notables de Pontevedra e os seus elementos característicos. Entre eles deben citarse a Federico Alcoverro, Celso García de la Riega (que tamén fixo unha recollida de relatos tradicionais), Alfredo Souto Cuero e, quizais o máis destacado, Enrique Campo Sobrino, socio desde 1906, cando só contaba con 16 anos; Campos realizou máis de 500 debuxos para a Sociedade. Igualmente, dentro deste grupo cómpre citar os fotógrafos Francisco Zagala, Sáez-Mon e Lorenzo Novás.

A Sociedade Arqueolóxica mantivo unha nutrida rede de correspondentes e informadores noutras localidades galegas, especialmente na provincia de Pontevedra pero tamén en Santiago de Compostela, entre os que se encontraba o mesmo Antonio López Ferreiro, e mesmo fóra de Galicia.

A partir de 1921, cando xa a Sociedade entrara en franco declive, Filgueira e Castelao, representando ó Centro de Estudios Históricos e o Club Karepas (de Sánchez Cantón, Losada Diéguez, Iglesias Vilarelle, Pintos Villar etc.) ofrécense a Sampedro para revitalizar a Sociedade. Aínda con reticencias, Sampedro aceptou esta colaboración, que tivo como froito a participación de Castelao como debuxante da Sociedade, a compilación do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae de Ramón Sobrino (publicado en 1935) e, sobre todo, a constitución do Museo de Pontevedra en 1927.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

A Sociedade publicou distintos traballos, entre os que destacaron os dedicados á música popular e ó léxico. A seguir, unha relación non exhaustiva de publicacións:

  • Colección de música popular gallega. Parte dunha base recollida por Casto Sampedro, que en actas de 1895 se describe como riquísima y pendiente de ordenación, completada posteriormente con achegas de Said Armesto, Arana, Osorio-Tafall e Luis María Fernández Espinosa. Gañou o premio da Real Academia de Belas Artes en 1909, e foi publicado polo Museo de Pontevedra en 1942 baixo o título de Cancionero musical de Galicia. Foi reeditado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza [1].
  • Leyendas populares de Galicia, recollidas por Luis García de la Riega. Non se conserva o texto pero sábese da súa existencia por estar recollido nas Actas.
  • La leyenda de Don Juan, de Said Armesto.
O verbo dos arxinas é a xerga gremial dos canteiros de Pontevedra
  • Diccionario de la jerga de los canteros, comezado por Xosé Casal Lois e López de la Ballina pero que quedou nas enquisas preparatorias. Anos despois foi rematado e publicado por Alfredo García Alén.
  • Corrección y aumento del Diccionario Gallego e Jurisconsultos y Derecho en Galicia, dous traballos apenas encetados por Carmelo Castiñeira.
  • Colección de letras de cantares gallegos, de Xosé Casal e publicado moitos anos despois polo Museo de Pontevedra.

A que sería a obra senlleira da Sociedade (Obra cume da erudición pontevedresa, segundo a cualificou Filgueira) foi a Colección de Documentos para a Historia de Pontevedra. Publicouse en tres volumes, o primeiro en forma de separata do xornal La Opinión a partir de marzo de 1896. Os outros dous tomos, escritos persoalmente por Casto Campedro, publicáronse baixo o título de Documentos, inscripciones, monumentos, extractos de manuscritos, tradiciones, noticias etc. para la historia de Pontevedra, o segundo en 1899 e o terceiro en 1904. Este terceiro volume, co subtítulo de Volume II relativo a la Cofradía del Corpo Santo y Gremio de Mareantes, é un denso estudo de Casto Sampedro sobre as Ordenanzas e 1577 e a historia do gremio de mareantes de Pontevedra. Houbo un cuarto tomo, constituído por un vocabulario das devanditas Ordenanzas, que estaba rematado para remitir ó prelo en 1930 pero que desapareceu.

A maiores, a Sociedade organizou excursións sistemáticas, chamadas Xeiras, para coñecer e investigar lugares e monumentos sobre os que os membros da Sociedade recolleron abundante información, datos, debuxos e fotografías. A modo de exemplo:

Mosteiro de Carboeiro

Outras tarefas da Sociedade foron a organización de escavacións en Mourente, Tomeza, Salcedo (tres parroquias do concello de Pontevedra), Vistalegre (Vilagarcía) e Toiriz (Vila de Cruces), entre 1895 e 1898.

Igualmente, organizou unha exposición arqueolóxica en 1895, nos salóns da nova Casa do Concello; outra en 1896 na Deputación provincial, e unha terceira, en 1910, no Liceo Gimnasio. Como xa se mencionou, colaborou con abundante material á Exposición Rexional de 1909.

Desaparición

[editar | editar a fonte]
O Museo de Pontevedra, herdeiro da Sociedade Arqueolóxica.

A morte dos membros fundadores e doutros colaboradores da Sociedade foi reducindo a súa actividade ata o punto de quedar case só o presidente Sampedro. Filgueira exprésao así: "a entidade chegou a converterse nunha sorte de pseudónimo seu", e conta como Sampedro libraba de libros as cadeiras do seu despacho para celebrar xuntanzas da Sociedade ás que non asistía ninguén. Os fondos que reunira ó longo dos anos foron cedidos ó Museo de Pontevedra en 1927 e disolveuse formalmente en 1938.

  1. Nos Estatutos da asociación, publicacións e no propio cuño, Sociedad Arqueológica de Pontevedra, en castelán.
  2. No libro editado polo Museo de Pontevedra, Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Filgueira Valverde dá a data do 16 de setembro de 1886 (px. 10). Pero máis adiante, as autoras do capítulo dedicado á Sociedade, dan a data de 1889 (px. 31).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Catálogo da exposición Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Museo de Pontevedra 1995.
  • Filgueira Valverde: "Sociedad Arqueológica de Pontevedra", en Gran Enciclopedia Galega.