Sitta nagaensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Sitta nagaensis
Sitta nagaensis montium en Sichuan.
Sitta nagaensis montium en Sichuan.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. nagaensis
Especie tipo
Sitta nagaensis
Godwin-Austen, 1874
Distribución aproximada de S. nagaensis no sueste asiático.

Distribución aproximada de S. nagaensis no sueste asiático.
Sinonimia
  • Sitta europaea obscura La Touche, 1921
  • Sitta europaea nebulosa La Touche, 1922
  • Sitta europaea tibetosinensis Kleinschmidt & Weigold, 1922
  • Sitta europaea delacouri Deignan, 1938
  • Sitta europaea kongboensis Kinnear, 1940

Sitta nagaensis é unha especie de ave da familia dos Sittidae. É un gabeador de tamaño medio, que mide de 12,5 a 14 cm de lonxitude. As partes superiores son dun azul agrisado uniforme, cun loro negro moi marcado. As partes inferiores son uniformes da gorxa ao ventre, de grises a marróns, con vermello ladrillo nos flancos, e as plumas subcaudais son brancas beireadas de vermello. A especie emite diversas chamadas, que ás veces poden lembrar as alarmas emitidas polos paxaros Troglodytes, e o seu canto é unha crepitación monótona e estereotipada, normalmente en forma de chichichichichi. Hai poucos datos sobre a súa ecoloxía, pero sábese que se alimenta probablemente de pequenos artrópodos e de sementes, e a estación reprodutora comenza entre marzo e maio. O niño está tipicamente situado nun burato no tronco dunha árbore, e a posta é de dez a cinco ovos.

Vive desde o extremo nordeste da India, a unha parte do Tíbet e do centro-sur da China, a súa área de distribución descende ata o leste de Birmania e o noroeste de Tailandia. Hai poboacións illadas que viven no sur de Laos e de Vietnam. Habita en bosques perennes ou en piñeirais, pero pode tamén facelo en bosque mixtos ou de folla caduca. A súa distribución altitudinal varía segundo as localidades, pero abrangue desde os 915 aos 4 570 m. A especie foi descrita en 1874 polo naturalista británico Henry Godwin-Austen que a denominou Sitta nagaensis en referencia ás montañas Naga, lugar onde se recolleu o material tipo. Pertence ao grupo de especies « europaea » (que comprende tamén S. cashmirensis e S. europaea), cuxos membros tapan todos con barro a entrada do niño. Non se estimaron os efectivos cos que conta a especie pero parecen estar en declive. Porén, a distribución da ave é relativamente vasta, e a IUCN considera que está en situación "pouco preocupante".

Descrición[editar | editar a fonte]

Plumaxe e medidas[editar | editar a fonte]

Debuxo de John Gould da subespecie nominal S. n. nagaensis.

S. nagaensis é un gabeador de tamaño medio, que mide entre 12,5 e 14 cm de lonxitude.[2][3] As partes superiores son dun gris azulado uniforme, do píleo á cola, cun loro negro moi marcado que se prolonga cruzando os ollos e estendéndose ata a base da á. As partes inferiores son grises pálidas, máis ou menos tinguidas de cor de rebezo segundo a subespecie ou o gastada que estea a plumaxe; a parte de atrás dos flancos é vermello ladrillo escuro que contrasta fortemente co resto das partes inferiores.[2] As plumas coberteiras subcaudais son da mesma cor, cunha grosa beira branca na punta das plumas, ou, segundo a subespecie, unha mancha branca preto da punta.[4]

O dimorfismo sexual é pouco marcado. No macho, a parte traseira dos flancos é de cor vermella ladrillo intensa, que contrasta co vermello das subcaudais, que é tamén vermello nas da femia. A femia ten igualmente as partes inferiores máis apagadas, e as dos individuos novos son máis cor de rebezo que as dos adultos con plumaxe gastada.[5] O iris é marrón ou marrón escuro, o peteiro é gris escuro ou anegrado coa base da mandíbula inferior (e ás veces a base da superior) gris lousa ou gris azulada. As patas son marróns escuras, verdosas ou grises azuladas, e as garras case negras.[4]

S. n. montium nos montes Wawu, xian de Hongya.

Recoñécense tres subespecies (ver a sección Taxonomía), pero as variacións son esencialmente clinais, as poboacións chinesas (S. n. montium) teñen as partes inferiores de cor de rebezo, as cales son máis apagadas e dun gris máis puro na parte sur da área de distribución da especie. Así no nordeste da India e oeste de Birmania, S. n. nagaensis coas plumas novas é tan cor rebezo coma S. n. montium coas plumas gastadas. No sur do Vietnam e o suroeste de Birmania, S. n. grisiventris ten as partes inferiores dun gris máis puro que S. n. nagaensis.[4] Os adultos experimentan unha muda completa despois da tempada de reprodución, a partir de maio-xuño, e outra incompleta antes desta.[4]

As medidas varían algo segundo a subespecie: a á dobrada mide de 72 a 89 mm no macho de S. n. montium e de 71 a 88 mm na femia ; de 75 a 81 mm no macho de S. n. nagaensis e de 72 a 75 mm na femia ; de 71 a 83 mm no macho de S. n. grisiventris, e de 69 a 80,5 mm na femia. En S. n. montium, o peteiro mide de 16,5 a 22 mm, o tarso de 16 a 20 mm, a cola mide de 40 a 51 mm no macho e de 37 a 49 mm na femia. O peso, medido para a subespecie S. n. montium, é de 12 a 22 g.[4]

Especies similares[editar | editar a fonte]

S. himalayensis ten as partes inferiores uniformes e moito máis coloreadas que S. nagaensis.

A área de distribución de S. nagaensis solápase coa de S. neglecta e de S. cinnamoventris. S. nagaensis distínguese delas doadamente pola cor das súas partes inferiores, e a ausencia de contraste entre os flancos da testa e a gorxa, mentres que as outras dúas especies teñen o queixo, a cara e a rexión parótide brancas, que contrastan coas partes inferiores de vermello ladrillo a laranxa marrón. Porén, en S. nagaensis, certos individuos coa plumaxe fresca (escpecialmente na subespecie S. n. montium) poden ter as partes inferiores case tan de cor rebezo coma certas femias ou xoves de S. neglecta. S. nagaensis recoñécese tamén polas súas partes superiores, que son dun azul máis escuro e máis apagado, polos seus flancos vermellos que contrastan coa cor rebezo e polas súas subcaudais, con plumas beireadas de vermello que forman un deseño en «escamas», mentres que estas parecen case uniformemente brancas en S. neglecta.[2]

A subespecie S. n. montium pode tamén confundirse coa subespecie S. e. sinensis de S. europaea naqueles lugares onde coexisten en Sichuan e Fujian. Se esta última especie ten as partes inferiores máis laranxas, certas femias de S. europaea poden ser difíciles de diferenciar dunha S. nagaensis con plumaxe fresca. Porén, as dúas especies distínguense polas súas vocalizacións, S. nagaensis non emite o dwip, dwip cantareiro característico de S. europaea.[2] Suponse que hai híbridos entre estes dous taxons,[6] e as poboacións montañosas de S. e. sinensis son, igual que S. nagaensis, máis grises por abaixo, máis escuras por arriba e máis grandes que os individuos da chaira. Porén, S. nagaensis é aínda máis gris, e non ten a cara abrancazada de S. europaea.[2]

No suroeste da China, S. nagaensis vive na área de distribución de S. yunnanensis. Esta última é máis pequena, presenta un fino sobrecello branco, e ten as partes inferiores unidas, cor rebezo pálidas, sen cor vermella nos flancos.[7] No nordeste da India e noroeste de Birmania, S. nagaensis pode condundirse con S. himalayensis, xa que as dúas especies poboan hábitats similares. S. himalayrnsis ten un punto branco na parte superior das rectrices centrais, e ten as partes inferiores máis laranxas, sen os flancos vermellos ladrillo nin manchas brancas nas subcaudais.[8] A especie S. magna, cuxa repartición se solapa coa de S. nagaensis na India, en Birmania e Tailandia, diferénciase desta polo seu tamaño bastante máis grande, o seu trazo ocular máis fino e o seu píleo máis claro que o resto do manto.[5]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Voz[editar | editar a fonte]

As chamadas son variadas, con sons monótonos en forma de sit ou a miúdo sit-sit, repetidos máis ou menos rapidamente con diversas inflexións e en series irregulares. Ás veces emiten son similares pero máis secos que soan como tchip ou tchit, a miúdo nun trilo que lembra a alarma do paxaro Troglodytes hiemalis. As chamadas de alarma indícanse na literatura anglófona como sons nasais similares a un quir, kner ou mew, ou un tsit enfático e metálico, ás veces dobre ou repetido en series rápidas. O canto é unha voz chiante ou un trémolo estereotipado e monótono, en chichichichichi… ou trr-r-r-r-r-r-r-r-ri…, durante menos dun segundo ou ás veces un chi-chi-chi-chi-chi… ou diu-diu-diu-diu-diu que lembra o canto de S. europaea.[5]

Pódese escoitar o canto de S. nagaensis en xeno-canto.

Alimentación[editar | editar a fonte]

En inverno, a ave Machlolophus spilonotus pode desprazarse en compañía de S. nagaensis formando parte de bandadas mixtas de alimentación.

A especie busca alimento xeralmente soa ou en parella, ou forma bandadas mixtas de alimentación fóra da estación reprodutora. En inverno, pode tamén observarse na compaña de diferentes especies de Paridae como Machlolophus spilonotus, ou de Aegithalidae[9], así como de petos[10], de Alcippe e Minla.[11][12] Procuran o alimento a miúdo no chan, sobre as rochas, en tocos vellos ou nas árbores.[5] Non se publicou ningún traballo preciso sobre a súa alimentación, mais a especie nútrese probablemente de pequenos artrópodos e de sementes.[13]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Aínda que a estación reprodutora varía segundo as rexións, xeralmente ten lugar de marzo a maio: de marzo a xuño na India, de abril a principios de xuño no leste de Birmania, de abril a maio en Fujian. No monte Victoria, os xuvenís acabados de saír do niño observáronse desde o 31 de marzo. Segundo as observacións realizadas en Tailandia e Vietnam, a construción do niño comeza en xaneiro. Este está situado a unha decena de metros de altura nun burato dunha árbore ou nun toco.[5]

S. nagaensis, igual que S. europaea e outras especies da familia, tapan con barro parte da entrada do niño para reducir a abertura e evitar así a predación as crías. Tapizan o fondo do niño con cachos de codia e musgos e algúns pelos. A posta está constituída por dous a cinco ovos, que miden como media 18,6 × 13,8 mm en S. n. nagaensis e 18,3 × 14 mm en S. n. montium. Son brancos, con puntos vermellos superpostos sobre un fondo chatolado de vermello-violeta e principalmente concentrados no extremo máis ancho do ovo.[5][14]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución aproximada de S,. nagaensis no sueste asiático.

Esta especie vive desde o Tíbet ata o centro sur do Vietnam[15]. Na India encóntrase unicamente nos estados do extremo leste do país: Arunachal Pradesh (principalmente no Patkai), Nagaland, Manipur, Assam (nas montañas Cachar) e Meghalaya (nas montañas Khasi). A especie vive nas montañas Chin no oeste de Birmania, pero o esencial da súa distribución nese país encóntrase na metade leste, desde o estado de Kachin ao norte (vales de Adung e de Chindwin) ata o estado de Shan polo menos (fundamentalmente en Kengtung e Kalaw), para seguidamente cruzar a fronteira no oeste de Tailandia (provincias de Mae Hong Son e Chiang Mai). A especie habita tamén no Tibet e no centro sur da China, desde o oeste de Sichuan, de Yunnan e marxinalmente no suroeste de Guizhou. Unha poboación chinesa illada vive igualmente no noroeste de Fujian, no monte Huanggang.[5] Outras dúas poboacións illadas forman o extremo sur da área de distribución da especie, unha atópase no sur de Vietnam na meseta de Đà Lạt[5], outra en Laos na meseta dos Bolovens.[16][17]

Poboa xeralmente os bosques perennes dos relevos da súa área, ou os bosques e áreas de piñeiros que crecen nos cumios secas situadas no medio dos bosques perennes. Localmente, vive tamén en bosques de folla caduca, do nordeste da India, en carballeiras-amieirais (Quercus-Alnus) no nordeste de Birmania, nas zonas de píceas (Picea sp.), e abetos (Abies sp.) ou nas zonas poboadas de rododendros en Yunnan, ou nos bosques de lamagueiros (Populus sp.) ou de nogueiras ( Juglans sp.) en Sichuan.[5] A repartición altitudinal esténdese desde os 1 400 aos 2 600 m na India, en Birmania (ocasionalmente ata os 3 200 m) e en Tailandia, e desde os 1 050 a máis de 3 500 m no Tíbet, en Sichuan, e ata os 4 570 m en Yunnan. A poboación do sur do Vietnam vive entre os 915 e os 2 285 m.[5]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

S. nagaensis foi descrita en 1874 palo naturalista británico Henry Godwin-Austen[18]. O seu nome específico, composto de naga e do sufixo latino -ensis, «que vive en», déuselle para facer referencia á zona onde foi recollido o material tipo, as montañas Naga (Naga Hills),[19] un macizo montañoso que está entre Birmania e a India. Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, que é pouco utilizada, S. nagaensis é situado no subxénero Sitta (Sitta) Linnaeus, 1758.[20] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional[15] e Alan P. Peterson,[21] existen tres subespecies:

  • S. n. montium La Touche, 1899, descrita como unha forma de montaña polo ornitólogo John David Digues La Touche co protónimo Sitta montium[22], que vive no leste do Tíbet, o sur e leste da China, en Birmania e no noroeste de Tailandia ;
  • S. n. nagaensis Godwin-Austen, 1874, que vive no nordeste da India e oeste de Birmania ;
  • S. n. grisiventris Kinnear, 1920, descrita co protónimo Sitta europaea grisiventris xa que S. n. nagaensis era considerada subespecie de S. europaea,[23] vive no suroeste de Birmania e o sur de Laos e de Vietnam.

A subespecie S. n. montium foi considerada como unha posible hibridación entre S. nagaensis e a subespecie sinensis de Sitta europaea,[6] ou polo menos como unha posible intergradación con esta.[2] Isto é posiblemente debido ao feito de que a serie tipo de S. e. sinensis é composta, e comprendía un espécime de S. nagaensis. Por estas razóns, Voisin et al. designaron un lectotipo para o nome Sitta sinensis J. Verreaux, 1871.[24][25] A atribución das poboacións do suroeste de Birmania e do sur de Indochina á mesma subespecie, S. n. grisiventris (con S. n. nagaensis intercalándose entre estas poboacións no oeste de Birmania) parece insostible e as súas taxonomías deben, pois, ser verificadas.[26]

En 2014, Éric Pasquet et al. publicaron unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores.[27] O grupo « europaea » é próximo aos dous gabeadores de zonas rochosas, que son S. neumayer e S. tephronota. No seo do grupo « europaea », S. himalayensis (e así probablemente S. victoriae, que é moi próximo en morfoloxía, aínda que non estaba incluído no estudo) parecía ser basal, e S. nagaensis era próxima a S. europaea e S. cashmirensis. As especies S. castanea), S. cinnamoventris), S. neglecta e S. arctica non estaban incluídas no estudo. Todas as especies do grupo « europaea » tapan parcialmente a entrada do seu niño con barro.[27]

Ameazas e proteción[editar | editar a fonte]

As poboacións de S. nagaensis están en declive debido á destrución e fragmentación do hábitat, pero a súa área de distribución, estimada en 3 800 000 km2, é ampla[28] e a especie é xeralmente común no conxunto da súa área de distribución.[5] Por estas razóns, a especie considérase en situación "menos preocupante" pola IUCN.[28] Un estudo realizado en 2009 tratou de predicir o impacto que poderían ter os cambios climáticos sobre a área de distribución de varias especies de gabeadores en Asia, modelizando dous escenarios ; a área de distribución de S. nagaensis podería diminuír dun 15,9 % a un 17,4 % desde agora ata as décadas de 2040 a 2069.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 24 de xaneiro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Harrap 1995, p. 114.
  3. HBWonline, « Descriptive notes ».
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Harrap 1995, p. 116.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Harrap 1995, p. 115.
  6. 6,0 6,1 McCarthy, Eugene M. (2006). "Nuthatches - Family Sittidae". En Oxford University Press. Handbook of Avian Hybrids of the World (PDF) (en inglés). pp. 246–247. ISBN 978-0-19-518323-8. .
  7. Harrap 1995, p. 143.
  8. Harrap 1995, p. 114-15.
  9. Stanford, John Keith; Ticehurst, Claud Buchanan (2008). "On the Birds of Northern Burma. Part I". Ibis (en inglés) 80 (1): 65–102. doi:10.1111/j.1474-919X.1938.tb00185.x. .
  10. Schäfer, Ernst; de Schauensee, Rodolphe Meyer (1938). "Zoological Results of the Second Dolan Expedition to Western China and Eastern Tibet, 1934-1936. Part II: Birds". Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia (en inglés) 90: 185–260. .
  11. Stanford, John Keith; Mayr, Ernst (2008). "The Vernay-Cutting Expedition to Northern Burma. Part II". Ibis (en inglés) 83 (1): 56–105. doi:10.1111/j.1474-919X.1941.tb00596.x. .
  12. Matthysen 2010, p. 217-237, capítulo 13 : « Scientific and Common Names of Nuthatches ».
  13. HBWonline, « Food and feeding ».
  14. HBWonline, « Breeding ».
  15. 15,0 15,1 COI.
  16. Robson, Craig (2005). New Holland Publishers, ed. New Holland Field Guide to the Birds of South-East Asia (en inglés). p. 210. .
  17. Duckworth, John W.; Tizard, Robert J.; Timmins, Robert J.; Thewlis, Richard M.; Robichaud, William B.; Evans, Tom D. (1998). "Bird records from Laos, October 1994-August 1995" (PDF). Forktail (en inglés) 13: 33–68. .
  18. Godwin-Austen 1874.
  19. Pittie, Aasheesh (2004). "A dictionary of scientific bird names originating from the Indian region". Buceros (en inglés) 9 (2). .
  20. Matthysen 2010, p. 269-270, annexe I : « Scientific and Common Names of Nuthatches ».
  21. Zoonomen.
  22. La Touche 1899.
  23. Kinnear 1920.
  24. Voisin et al. 2002.
  25. Dickinson 2006.
  26. HBWonline, « Taxonomy ».
  27. 27,0 27,1 Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés). doi:10.1007/s10336-014-1063-7. .
  28. 28,0 28,1 UICN.
  29. Menon, Shaily; Islam, Zafar-ul; Peterson, Andrew Townsend (2003). "Projected climate change effects on nuthatch distribution and diversity across Asia". The Raffles Bulletin of Zoology (en inglés) 57 (2): 569–575. .

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Referencias taxonomicas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]