Sinfonía nº 6 (Mahler)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A sexta sinfonía de Mahler foi composta entre os anos 1903 e 1904. A estrea da obra realizouse en maio de 1906 en Essen.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Trátase da sinfonía de Mahler máis escura e cun estilismo musical decididamente tenebroso. Estruturalmente falando segue o esquema dunha sinfonía clásica, por contar con catro movementos. Mais o desenvolvemento e ordenación destes son innovadores.

Allegro energico[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente o primeiro movemento das sinfonías era unha sonata. Mahler emprega tamén unha sonata nesta sinfonía, mais en vez de empregar a estrutura tripartita clásica A(Exposición)-B(Desenvolvemento)-A'(Conclusión), engade unha coda ó final do movemento. Esta coda continúa os temas traballados no desenvolvemento, quedando o esquema final A-B-A'-B'. Neste parte desenvólvense e mestúranse ata cinco motivos musicais diferentes:

  • Marcha disfórica. É un dos elementos máis representativos da música de Mahler. Saca o seu poder expresivo da súa mesma incongruencia: unha marcha militar, que en teoría anima os soldados a avanzar, é musicada de tal xeito que mostra o avance imparable do home nun medio hostil e preso de malos agoiros.
  • Coral pastoral. Obtense a partir de mesturar dous xéneros contraditorios: a pastoral que reflicte a vida feliz e apracible no medio nunha natureza idealizada, e a coral, canción de orixe litúrxica protestante e que era empregada no romanticismo como sinal de transcendencia.
  • Motivo lírico. De gran semellanza cunha serenata clásica. Mahler imprímelle un sentido de transcendencia, non necesariamente amoroso ou relixioso.
  • Música distante. Este motivo musical é marcado polos violíns en modo pianississimo. Dalgún xeito representa a fuxida de home cara a outro mundo; tal e como fixeran nas súas obras Verdi e Wagner. Tamén reforza esta sensación a presenza (sorprendente nunha sinfonía) da celesta ou os Chocallos. Estes instrumentos, de acordo con Mahler, son un símbolo doutro mundo, no que o home solitario se atopa coa eternidade.
  • Selo maior-menor. Mahler emprega este efecto coma un descoloramento dun acorde. Este efecto de selo convértese nun emblema estilístico. Ten unha función dramatúrxica e estrutural, aparece en momentos estratéxicos da narración.

Scherzo[editar | editar a fonte]

Exemplo de pintura negra de Goya.

A estrutura é A-B-A-B-AA-Coda, onde o A é o scherzo propiamente dito e as B son tríos que complementan o movemento.

Tradicionalmente o scherzo era o terceiro movemento das sinfonías, e o movemento lento (adagio) o segundo. Neste caso Mahler inverte as posicións.

A diferenza dos scherzos clásicos que tiñan aire de broma ou parodia, os scherzos románticos son lúgubres e escuros. Bos exemplos son os scherzos de Brahms ou Chopin. Mahler, seguindo a tendencia da época presenta un scherzo desasosegante. Este desasosego é transmitido por uns acordes que non paran de escoitarse e pola repetición obsesiva dos acordes. Ademais a instrumentación axuda a acadar esta atmosfera; así empréganse trompas e violíns (para imitar berros), os trilos dos instrumentos de madeira (símbolo de burla), o tam-tam (símbolo da morte), os clarinetes (nun tempo fortississimo suxerindo ridiculez ou absurdo) e as frautas e as cordas (recreando risos sinistros). Finalmente, a harmonía e irregular e disonante, facendo que o oínte non poida apreciar patróns no desenvolvemento musical. O significado semántico do scherzo parece situarse no terreo metafísico, mostrando unha obsesión coa morte e a relación tensa e complexa entre o autor e o mundo. A este scherzo de Mahler téñenselle atopado similitudes no ton e na intención cos Kindertotenlieder ou, na ambientación, cos augafortes de Goya.

Andante moderato[editar | editar a fonte]

Extracto da partitura da Sinfonía Nº6.

Pasaxe chea de ambigüidade e ironía. Ten unha estrutura moi semellante á do scherzo: A1-B1-A2-B2-A3. Mais aquí as partes B teñen un carácter desenvolvedor de A. A melodía, ó comezo, é simple, como indicando intimidade. Posteriormente sobe disonantemente interrompido o ritmo de maneira agresiva, desembocando finalmente nuns acordes moi lentos. O andante complementa a visión dos movementos anteriores. Ó principio parece triunfar un motivo lírico que asemella asimilar todas as tensión anteriores e transcendelas. Porén, a firmeza do lirismo exposto e os diversos saltos en ritmo e tonalidades parecen mostrar un escepticismo sobre a posibilidade de acadar tal transcendencia.

Finale[editar | editar a fonte]

É o movemento de maior duración e pecha e condensa todas as partes anteriores. Formalmente trátase dunha sonata clásica, mais Mahler desenvolve todos os temas anteriormente mostrados, combinándoos nun ritmo e desenvolvemento que formalmente non son lóxicos.

Nesta parte introdúcense os martelos, que Mahler coñecía ben do teatro e que el introduce na linguaxe sinfónica. O martelo xa se empregaba na ópera para facer referencia a elementos da narración dramática. Como exemplo pódese citar Das Rheingold (O ouro do Rhin) de Wagner, Il trovatore (O trobador) de Verdi ou o Benvenuto Cellini (Benvido Cellini) de Berlioz. Porén, Mahler emprega os martelos dun xeito metafórico, para simbolizar os golpes do destino sobre o home ou o artista, que finalmente é derrubado.

En xeral o ambiente deste movemento é dunha densidade inabarcable para o oínte. Ademais, son frecuentes os colapsos, moi característicos na linguaxe musical de Mahler: momentos nos que o ritmo e os acordes musicais chegan a unha catarse, e derrúbanse creando unha atmosfera pesimista e de mal agoiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]