Bulé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Areópago desde a Acrópole.

Nas cidades de Grecia Antiga a Bulé (en grego Βουλή, tamén transcrito por Boulé) era unha asemblea restrinxida de cidadáns encargados dos asuntos correntes da cidade. O seu nome, a miúdo, foi traducido por «Consello», e máis raramente, por «Senado».

En Atenas chamábase Bulé o consello do Areópago, ata que Solón creou o Consello dos Cincocentos. Clístenes ampliou o número de buleutas até 500, número que se conservará posteriormente. Estes elíxense anualmente por sorteo entre os cidadáns de máis de trinta anos e reciben unha paga de cinco óbolos. Son o verdadeiro órgano de goberno da democracia e gozan das funcións deliberativa, administrativa e xudicial.

Na Ilíada, relatando a Guerra de Troia suponse desenvolvida na época arcaica, a Bulé é a asemblea dos xefes gregos que debaten, á chamada de Agamenón, sobre cuestións de estratexia e de goberno. Deste tipo de estrutura de nobres aconsellando a un rei máis poderoso, a denominación da Bulé evoluciona para designar diferentes institucións, con poderes variábeis, segundo os réximes políticos e as épocas. Así como nos réximes oligárquicos o cargo de buleuta era hereditario, na Atenas democrática e as súas émulas, era outorgado por sorteo. A maioría das bulái son descoñecidas, só a Bulé ateniense está descrita por abundantes fontes históricas (e especialmente a Constitución dos atenienses atribuída a Aristóteles e aos seus discípulos do Liceo, cuxa redacción sería sobre o -330).

A Bulé de Atenas: unha institución en evolución[editar | editar a fonte]

Ronsel con decreto da Bulé ateniense. c. -440 / –425.

O consello orixinal de Atenas foi o Areópago. Estaba composto por ex-arcontes e tiña carácter aristocrático.

Creación por Solón[editar | editar a fonte]

A bulé ateniense foi establecida por Solón en -594. Estaba composta de 400 homes - 100 de cada unha das clases censatarias atenienses que eran os pentacosiomedimnos, os cabaleiros (hippeis), os zeugitas, e os tetes - e moi pouco se coñece sobre o funcionamento e o papel exacto da bulé ateniense nesta época, a súa existencia, ademais, foi posta en dúbida.

Reforma de Clístenes[editar | editar a fonte]

Coa reforma de Clístenes fundada especialmente na Ekklesía, asemblea soberana que exercía o esencial do poder lexislativo e onde podía reunirse calquera cidadán, a Bulé evoluciona nunha asemblea de 500 membros renovados cada ano, chamada Consello dos Cincocentos. Por cada unha das dez novas tribos, 50 cidadáns eran designados buleutas por sorteo entre listas de voluntarios redactadas por demos. Despois das reformas de Pericles esta maxistratura foi retribuida polo misthós. Os cidadáns atenienses podían ser buleutas un máximo de dúas veces na súa vida.

O papel da Bulé era recoller as proposicións de lei dos cidadáns, os probuleuma (προβούλευμα), a fin de establecer a orde do día das sesións da Ekklesía que ela convocaba. Non había ningunha concorrencia entre estas dúas institucións. Unha presidencia rotatoria da Bulé, a pritanía dunha duración dun mes ateniense, estaba asegurada polos buleutas dunha mesma tribo. O mandato do buleuta era anual, e o ano ateniense constaba de 10 meses, todo buleuta chega a ser prítane unha vez. Entre os prítanes, sorteábase diariamente un «Presidente do Consello», o epístata. Era responsábel do bo desenvolvemento das sesións da Bulé e da Ekklesía. No caso da promulgación ou a discusión dun decreto contrario ás leis da cidade baixo a súa curta presidencia, podía ser condenado a unha grave sanción polo procedemento da graphè para nomon (ἡ γραφή παρά νόμων).

Na práctica os probuleuma eran tomados en conta polos buleutas que transmitían enseguida un informe aos prítanes en exercicio. O cal discutían entre eles e co conxunto dos buleutas sobre a oportunidade de levantar unha sesión da Ekklesía.

Ademais, a Bulé estaba encargada de verificar que as leis e decretos promulgados pola Ekklesía, que eran a miúdo probuleuma emendados, non podían ir en contra das leis fundamentais da cidade. No entanto, a Bulé non exercía nunca o menor poder de bloqueo, é dicir sempre transmitiu aos maxistrados, para a execución e colocación na ágora os decretos votados pola Asemblea; a Ekklesía permaneceu sempre dona das súas decisións en última instancia.

Novas atribucións[editar | editar a fonte]

Ao cabo dos séculos, a Bulé recibiu novas atribucións, e en particular as da acusación, como a graphè para nomon e a 'eisangelia'. Así, a Bulé codetentaba unha pequena parte do poder xudicial.

  • A graphē para nomōn (en grego antigo: γραφή παρανόμων, , graphē paranómōn): a graphē (grego, γραφή) é a acción na xustiza pública en oposición á díkē (grego, δίκη), acción na xustiza privada. A graphè para nomon é literalmente unha acción pública na xustiza para (defender as) leis. Traducíase pola posibilidade ofrecida a todos os cidadáns de solicitar a abrogación dun decreto ou dunha lei, no momento da súa proposición e durante o ano que seguía á súa adopción, se se estimaba que as leis fundamentais da cidade eran infrinxidas ou postas en perigo. O autor, pero tamén o epístata que presidía a Asemblea o día da votación eran perseguidos e condenados a graves sancións. Este procedemento xudicial empezaba na Pnyx pero o procesamento era feito polos heliastas. A graphè para nomon tentaba protexer a democracia dos excesos da maioría soberana (sistema de regulación particularmente innovador e pioneiro, este risco non fora percibido nas democracias representativas até máis tarde con Tocqueville), e puña ás institucións ao abrigo dos demagogos e do clientelismo. Neste sentido era seguida polo ostracismo, desaparecido en -417.
  • A eisangelia (grego antigo: ἡ εἰσαγγελία, literalmente «o anuncio»). É a denuncia pública dun cidadán ou dun maxistrado ante a Ekklesía, onde se lle acusaba dunha acción política ou dun delito que lesionaba os intereses da cidade, como unha corrupción ou un complot. Se polo seu voto, a Ekklesía decidía seguir cunha acusación, o informe era transmitido á Bulé que redactaba entón un probuleuma para definir precisamente o delito e propor a sanción. A Ekklesía decidía entón xulgar ela mesma o asunto (dispomos así de alegacións dirixidas ao pobo), ou de levala ante a Heliea (naquel caso as alegacións dirixíanse aos xuíces).

Ademais, a Bulé exercía outra gran función: era responsábel da rendición de contas dos maxistrados, é dicir, do control do seu traballo ao final do seu mandato e do control preliminar dos novos buleutas entrantes, a dokimasia. Ocupábase tamén da recepción dos hóspedes estranxeiros no Tholos.

A Bulé na época helenística e romana[editar | editar a fonte]

Tras a conquista de toda Grecia por Filipo II de Macedonia, as cidades perderon a súa independencia, pero gardaron certa forma de autonomía. Así en Atenas, a Bulé foi a única institución conservada. Xogou entón o papel dun consello municipal. Os buleutas non son xa elixidos por sorteo nin elixidos, senón que son escollidos entre os cidadáns máis ricos. Son responsábeis das finanzas da cidade e dos impostos do rei, logo do emperador durante a dominación romana. Deben asumir as liturxias asegurando o confort e a diversión dos seus concidadáns. A cambio, son honrados con inscricións e estatuas.

A xerusía: Bulé espartana?[editar | editar a fonte]

En Esparta, as funcións habitualmente desenvolvidas pola Bulé foron desempeñadas pola xerusía (grego, γερουσία guerusía) unha asemblea de 28 homes de máis de 60 anos, elixidos para sempre por aclamación na Apella (Asemblea espartana).

A xerusía tiña as funcións consultivas habituais dunha bulé, sobre todo a supervisión das leis. Xulgaba os asuntos criminais máis importantes, o que correspondía máis ben ás prerrogativas do Areópago, se é válida a comparación co réxime ateniense, e xogou quizais un papel diplomático.

Con todo, a bulé tiña unha diferenza fundamental coa xerusía, e é que nela se recibían as propostas políticas de todos os cidadáns atenienses, mentres que na xerusía tan só se aceptaban as propostas de éforos, reis ou xerontes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rhodes, P. 1972. The Athenian Boule. Oxford: Clarendon (en inglés).