Antístenes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antístenes
Nacemento444 a. C.
Lugar de nacementoPiraeus
Falecemento365 a. C.
Lugar de falecementoAtenas
NacionalidadeAntiga Atenas
Ocupaciónfilósofo
editar datos en Wikidata ]

Antístenes (444 a. C.365 a. C.) foi un filósofo grego, o fundador da escola cínica. Nado en Atenas de pais tracios, a súa condición de estranxeiro marcouno durante toda a súa vida. Estímase que gozou de boa posición económica durante a súa xuventude, e estudou retórica baixo Gorxias, Hipias e Pródico.

Desencantado da filosofía existente, perdeu a fe nela. Nesa situación fíxose discípulo de Sócrates. O seu entusiasmo pola disciplina socrática levouno a fundar unha escola no santuario e ximnasio de Cinosargo; o nome do lugar (probablemente de κύων ἀργός, kýon argós, "can áxil") é unha das probables orixes para o nome de cínicos (no grego κυνικός, kynikós, "semellante ao can"). Os seus discípulos contábanse sobre todo entre as clases populares, debido á simplicidade que predicaba. A súa vestimenta —capa e báculo— converteuse no uniforme da escola.

A doutrina de Antístenes é fragmentaria, aínda que Dióxenes Laercio informa que escribiu extensamente. Sábese que, como os eleáticos, negaba a realidade das calidades, posto que implicarían que un determinado ser é e non é o mesmo ó mesmo tempo. De Antístenes é a primeira definición conservada do enunciado como "aquilo que di o que algo é ou era" (Dióxenes Laercio VI, 3). Á súa vez, segundo o Crátilo de Platón, pódese apreciar outra ensinanza del, pola que "o que coñece o nome, coñece a cousa".

Escribiu pouco sobre ética, preferindo predicar o ascetismo e a simplicidade co exemplo. Defendeu unha teoloxía negativa, afirmando que o deus non é como as cousas, e nada do que poida dicirse delas pode afirmarse del. Aristóteles e Platón mostran pouco aprecio pola súa filosofía, afirmando que era incapaz de comprender as sutilezas da dialéctica.

Un dos seus discípulos foi Dióxenes.