Ruth Bader Ginsburg
Este artigo ou sección precisa dunha revisión ortográfica e/ou de gramática (recurso útil: corrector ortográfico en liña de galego). Podes axudarte do revisor ortográfico, activándoo en: Preferencias → Trebellos → Navegación → Colabora connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
Esta páxina ou sección está a editarse nestes intres. Para evitar posibles conflitos de edición, non edites esta páxina ou sección mentres vexas esta mensaxe. Revisa o historial de edicións para saber quen traballa nela. O usuario Lidiagilotero (conversa · contribucións) realizou a última edición na páxina hai 11 días. O tempo máximo de presenza deste marcador é dun mes dende a última edición do usuario que o puxo; pasado ese tempo debe retirarse. |
Ruth Joan Bader Ginsburg, nada en Brooklyn (Nova York) o 15 de marzo de 1933 e finada en Washington, D.C. o 18 de setembro de 2020, foi unha xuíza e xurista estadounidense que destacou especialmente polo seu traballo na loita pola igualdade legal entre homes e mulleres. Dende o 10 de agosto de 1993 e ata o seu pasamento foi xuíza da Corte Suprema dos Estados Unidos, nomeada polo presidente Bill Clinton. Foi a primeira muller xudía e a segunda muller en servir na Corte, despois de Sandra Day O'Connor. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís.
Ginsburg mantivo unha alta popularidade nos Estados Unidos. Icona da cultura pop, recibiu o alcume de "Notorious R.B.G." e estaba considerada como un símbolo da resistencia pública e da xustiza.[1]
Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Joan Ruth Bader Ginsburg naceu en Brooklyn, Nova York, no seo dunha modesta familia xudía. Era a segunda filla de Celia e Nathan Bader. O seu pai era un emigrante xudeu de Odesa, e a súa nai naceu en Nova York de país xudeus orixinarios de Cracovia. A filla maior do matrimonio, Marylin, morreu de meninxite aos seis anos, cando Joan tiña só 14 meses. Aquela puxéralle a Joan o alcume de "Kiki", por ser unha "kicky baby", é dicir, unha bebé moi inquieta.[2] A nai de Ruth, Celia, participou moi activamente na eduacación da súa filla, impulsándoa aos libros e ao estudo. Con todo, morreu o día antes da súa graduación debido ao cáncer.[3]
Ruth Bader asistiu cunha bolsa á Universidade de Cornell, en Ithaca, na década de 1950. Coñeceu entón ao que foi o seu marido, Martin D. Ginsburg, aos 17 anos. Graduouse na devandita universidade en xuño de 1954, onde obtivo a súa titulación B.A. (Bachelor of Arts) cunha especialización en "Goberno".[4] Un mes despois casou con Ginsburg e mudáronse a Fort Sill, Oklahoma, onde Martin estaba destinado como oficial da Reserva do Exército dos Estados Unidos durante a Guerra de Corea. Aos 21 anos, Ruth comezou a traballar na oficina da Administración do Seguro Social dos Estados Unidos.
No outono de 1956, Ruth matriculouse na Facultade de Dereito da Universidade Harvard, [5] onde era unha das únicas 9 mulleres nunha clase aproximadamente de 500 homes.[6] Cando o seu esposo conseguiu un traballo na cidade de Nova York, Ruth solicitoulle ao decano da Facultade, Erwin Griswold, a posibilidade de completar o seu terceiro ano na Facultade de Dereito da Universidade de Columbia e obter, aínda así, o título de Dereito de Harvard. Porén, o decano denegou a súa petición, polo que Ruth trasladouse á que sería a súa alma mater, a Universidade de Columbia, onde se graduou en Dereito en 1959.[7]
Inicio da súa carreira
[editar | editar a fonte]
Os primeiros anos no mundo xurídico non foron doados para Ruth, quen tivo dificultades para atopar emprego. En 1960, o xuíz do Tribunal Supremo de Estados Unidos Felix Frankfurter rexeitou a Ginsburg para un posto de asistente legal debido ao seu xénero. [8] Máis tarde, ese mesmo ano, Ginsburg comenzou a súa pasantía co xuíz Edmund L. Palmieri, do Tribunal de Distrito dos Estados Unidos para o Distrito Sur de Nova York, e ocupou ese posto durante dous anos.[3]
Academia
[editar | editar a fonte]De 1961 a 1963, Ginsburg foi investigadora asociada e, posteriormente, directora asociada do Columbia Law School Project on International Procedure. Este posto permitiulle realizar unha estadía de investigación en 1962 na Universidade de Lund, na que puido coñecer de primeira man o desenvolvemento que estaba a ter no país sueco o dereito á igualdade por razón de xénero, o que supuxo unha forte inspiración para a súa traxectoria posterior.[4]
Tras o seu regreso a Estados Unidos, Ginsburg ocupou o seu primeiro posto como profesora na Facultade de Dereito da Universidade de Rutgers, de 1963 a 1972. Naquel momento, era unha das menos de vinte profesoras de Dereito nos Estados Unidos. Alí axudou a fundar Women's Right Law Reporter, a primeira revista xurídica nos Estados Unidos centrada exclusivamente nos dereitos das mulleres.[9]
De 1972 a 1980 exerceu como profesora de Dereito na Universidade de Columbia, converténdose na primeira muller profesora titular da institución. Tamén recibiu unha bolsa de investigación no Center for Advanced Study in the Behavioral Sciencies da Universidade de Stanford, en California, entre 1977 e 1978.[4]
Asesoramento e litixios
[editar | editar a fonte]En 1972, Ginsburg cofundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís (ACLU), onde iniciou a súa batalla legal pola igualdade entre homes e mulleres. En 1973 converteuse na asesora xeral da sección. Como avogada, a súa labor centrouse na defensa dos casos legais en favor da igualdade de dereitos entre mulleres e homes. Liderou seis dos principais casos ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos, dos que gañou cinco.
Durante aquela etapa, a súa estratexia xurídica caracterizouse por un enfoque gradual e planificado. En lugar de impugnar de forma global todas as normas discriminatorias existentes, Ginsburg centrouse en cuestionar disposicións concretas desas normas que perpetuaban a desigualdade entre homes e mulleres. Un dos trazos máis distintivos da súa actuación foi a elección estratéxica dos demandantes. Con frecuencia representou homes afectados por normas baseadas en estereotipos de xénero para evidenciar que a discriminación non prexudicaba unicamente ás mulleres, senón que limitaba as oportunidades e dereitos de toda a cidadanía. Esa estratexia tamén se proxectou sobre a elección das súas palabras, empregando o termo xénero en lugar de sexo nos seus escritos xurídicos, ao considerar que a segunda expresión podía distraer a atención dos xuíces sobre o verdadeiro problema de desigualdade subxacente.[10]
Un dos seus primeiros éxitos produciuse en Reed v. Reed (1971), colaborando na elaboracion do escrito presentado ante a Corte Suprema dos Estados Unidos. A sentenza dese caso declarou contraria á Constitución unha norma de Idaho que establecía unha preferencia automática a favor dos homes na designación de administradores de herzandas. Esa sentenza foi a primeira resolución do alto tribunal que aplicou ás mulleres a cláusula de igualdade de protección da Décimo Cuarta Emenda para prohibir así unha discriminación baseada no sexo.[5]
Ao ano seguinte participou no caso Moritz v. Commissioner (1972), representando a un home solteiro ao que se lle negara unha dedución fiscal por asumir o coidado da súa nai de idade avanzada. Ginsburg argumentou na súa defensa que a norma tributaria se baseaba en estereotipos tradicionais sobre os roles familiares e conseguiu que o tribunal recoñecese o carácter discriminatorio da disposición.
En Frontiero v. Richardson (1973), no que actuou como amicus curiae, impugnou unha regulación das Forzas Armadas que permitía aos militares homes obtener determinadas prestacións familiares para as súas esposas de maneira automática, mentres que obrigaba ás militares mulleres a demostrar a dependencia económica dos seus maridos. O Tribunal Supremo declarou inconstitucional esa desigualdade de trato e fallou a favor da demandante, a tenente Sharron Frontiero.
Ese mesmo ano participou tamén nunha demanda federal contra o programa de esterilizacion forzosa de persoas con discapacidade mental de Carolina do Norte, presentada en nome de Nial Ruth Cox, unha muller que fora esterilizada de manera coercitiva nese mesmo programa baixo a ameaza de que, se non o facía, a súa familia perdería os beneficios asistenciais. Ese caso, coñecido como Roe v. Wade (1973) converteuse nun dos exemplos máis coñecidos das súas actuacións en defensa dos dereitos reprodutivos e da protección das persoas socialmente vulnerables.
Outra das súas intervencións máis destacadas produciuse en Weinberger v. Weisenfeld (1975), no que representou a un viúvo ao que se lle negaran determinadas prestacións de supervivencia da Seguridade Social reservadas exclusivamente ás viúvas. Ginsburg sostivo que a lei discriminaba tanto aos homes viúvos como ás mulleres traballadoras, xa que lles impedía ofrecer ás súas familias a mesma protección económica que os traballadores varóns. Finalmente, a Corte Suprema aceptou o razoamento e declarou inconstitucional a diferenza de trato.[11]
En Craig v. Boren (1976), Ginsburg participou na impugnación dunha lei de Oklahoma que establecía idades mínimas diferentes para o consumo de bebidas alcohólicas segundo o sexo. A sentenza resultante marcou un fito na xurisprudencia estadounidense ao introducir o concepto intermediate scrutiny, un estándar de control constitucional máis rigoroso para examinar as normas que distinguen entre mulleres e homes.[11]
O seu último caso ante o Tribunal Supremo como avogada foi Duren v. Missouri (1979). Nesta ocasión cuestionou un sistema que permitía ás mulleres quedar exentas do servizo de xurado pola simple solicitude. Ginsburg argumentou que esa excepción perpetuaba a idea de que as mulleres tiñan un papel secundario na vida pública e que o servizo nos xurados constituía unha responsabilidade cívica que debía ser asumida por toda a cidadanía en condicións de igualdade e que, polo tanto, non debería ser opcional para as mulleres. [12]
Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]Ante o crecente atraso no poder xudicial federal, o Congreso aprobou a Omnibus Judgeship Act de 1978, que aumentou o número de xuíces federais en 117 nos tribunais de distrito e en 35 nos tribunais de circuíto. A lei insistiui en garantir a presenza de mulleres e doutros grupos minoritarios entre os xuíces, tendo en conta o carácter e a experiencia dos candidatos. Ginsburg foi entrevistada polo Departamento de Xustiza dos Estados Unidos para converterse en Procuradora Xeral, pero sospeitaba que ela e o candidato afroamericano entrevistado ese mesmo día tiñan poucas posibilidades polo Fiscal Xeral Griffin Bell.[7]
Sendo bolseira na Universidade de Stanford, en xaneiro de 1979 completou a súa candidatura ao Tribunal de Apelacións do Segundo Circuíto de Estados Unidos e do Circuíto do Distrito de Columbia. O presidente Jimmy Carter nomeouna xuíza do Tribunal de Apelacións do Distrito de Columbia, tras a vacante producida pola morte do xuíz Harold Leventhal. Foi confirmada polo Senado dos Estados Unidos o 18 de xuño de 1980 e recibiu o seu nomeamento ese mesmo día. O seu servizo rematou o 9 de agosto de 1993, debido ao seu ascenso ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos.

Tribunal Supremo dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]O 22 de xuño de 1993 o presidente Bill Clinton nomeou a Ginsburg como xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos tralo retiro do xuíz asociado Byron White. O Senado confirmou o seu nomeamento cunha votación de 96-3. Converteuse entón na segunda muller na historia (tras Sandra Day O'Connor) en servir neste alto órgano xudicial.

Ginsburg foi unha das principais voces do á liberal do Tribunal Supremo. Durante os seus anos no Tribunal, Ginsburg votou a favor do dereito ao aborto e da citación de dereito internacional nas opinións da Corte. Ademais, votou en contra da pena de morte e a favor dos dereitos das persoas homosexuais.[13]
Discriminación de xénero
[editar | editar a fonte]Ginsburg foi a autora da opinión do Tribunal en Estados Unidos contra Virxinia, 518 U.S. 515 (1996), unha decisión histórica que declarou inconstitucional a política de admisión estritamente masculina do Instituto Militar de Virxinia por vulnerar a Cláusula de Igualdade de Protección da Décimo Cuarta Emenda. Sostivo que o Estado non podía empregar o sexo como criterio para negar ás mulleres a igualdade de protección da lei e que, en consecuencia, debía ofrecerlles a mesma oportunidade de acceder á formación singular impartida polo IMV. A sentenza consolidou o principio de que as clasificacións xurídicas baseadas no sexo requiren unha xustificación excesivamente persuasiva por parte dos poderes públicos. Durante o litixio, o Estado de Virxinia propuxo como alternativa a creación dun instituto separado para mulleres. Ginsburg rexeitou ese argumento por considerar que unha solución segregada non podía equipararse ao acceso á institución. Na súa opinión, a proposta lembraba aos intentos de Texas de manter a Facultade de Dereito da Universidade de Texas reservada para estudantes brancos creando unha facultade separada para persoas negras, unha fórmula que o Tribunal xa declarara incompatible co principio de igualdade.[14]
Tamén destacou pola súa contundente discrepancia en Ledbetter v. Goodyear, 550 U.S. 618 (2007). Neste caso, Lilly Ledbetter demandou á empresa Goodyear alegando que fora vítima de discriminación salarial por razón de sexo, en violación do Título VII da Lei de Dereitos Civís de 1964. Nunha decisión adoptada por cinco votos contra catro, a maioría do Tribunal considerou que o prazo para presentar a reclamación comezaba a contar dende cada decisión salarial discriminatoria, aínda que a traballadora non tivese coñecemento da diferenza retributiva ata moito tempo despois. No seu voto particular, Ginsburg criticou duramente esta interpretación por afastarse da realidade do mercado de traballo. Argumentou que as traballadoras adoitan descoñecer durante anos as diferanzas salariais existentes respecto dos seus compañeiros varóns e que, por tanto, resultaba irrealista esixirlles que impugnasen cada nómina no momento da súa percepción. Ademais, sinalou que moitas mulleres empregadas en ámbitos masculinizados poden mostrarse reticentes a iniciar accións xudiciais por cantidades relativamente reducidas, preferindo agardar ata que a desigualdade retributiva sexa evidente. A súa discrepancia concluía cun chamamento explícito ao Congreso dos Estados Unidos para que modificase a lexislación e correxise os efectos da decisión do Tribunal.[15] Tras a elección de Barack Obama como presidente en 2008, o Congreso aprobou a Lei Lilly Ledbetter Fair Pay, que facilitou a presentación de demandas por discriminación salarial ao reiniciar o cómputo do prazo cada vez que se percibía unha remuneración afectada pola discriminación.
Dereito ao aborto
[editar | editar a fonte]As opinións de Ginsburg sobre o aborto estiveron estreitamente unidas a súa concepción da igualdade de xénero e da autonomía das mulleres. Ao longo da súa traxectoria no Tribunal Supremo mantivo unha posición favorable ao dereito ao aborto e participou en numerosas decisións relacionadas cos dereitos reprodutivos.[16]
En Stenberg v. Carhart, 530 U.S. 914 (2000), uniuse á opinión do Tribunal que declarou inconstitucional unha lei de Nebraska que prohibía determinados procedementos de aborto. Redactou tamén un destacado voto particular en Gonzales v. Carhart, 550 U.S. 124 (2007), no que unha maioría de cinco maxistrados confirmou a constitucionalidade da prohibición federal do denominado aborto por nacemento parcial. No seu voto criticou a deferencia mostrada pola maioría cara as conclusións do Congreso, segundo as cales ese tipo de aborto implicaba riscos para a saúde das mulleres. Para Ginsburg, aquelas afirmacións carecían dun apoio suficiente na evidencia científica dispoñible e reflectían unha visión paternalista incompatible coa autonomía das mulleres para adoptar decisións reprodutivas. En Whole Woman's Health v. Hellerstedt, 579 U.S. 582 (2016), uniuse á opinión maioritaria que invalidou varias disposicións dunha lei de Texas de 2013 que impoñía novos requisitos aos provedores de servizos de aborto. Ademais de subscribir a sentenza, redactou unha breve opinión na que formulou críticas aínda máis contundentes á normativa. Segundo Ginsburg, as restricións impugnadas non estaban realmente orientadas á protección da saúde das pacientes, como sostivera o Estado de Texas, senón que tiñan como efecto e propósito dificultar o acceso efectivo das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo.[17]
Crenzas e liberdade relixiosa
[editar | editar a fonte]Ginsburg redactou a opinión maioritaria no caso Cutter v. Wilkinson, 544 U.S. 709 (2005), relativa aos dereitos relixiosos das persoas privadas de liberdade. Na sentenza, o tribunal concluíu que as institucións que reciben financiamento federal non poden denegar aos reclusos as adaptacións necesarias para o exercicio das súas crenzas relixiosas. Sinalou que a liberdade relixiosa protexe tanto as crenzas como as prácticas derivadas delas, aínda que advertiu que a concesión de adaptacións por motivos relixiosos non implica outorgar un tratamento preferente fronte a opcións de carácter non relixioso.[18]
Tamén foi autora da opinión maioritaria no caso Christian Legal Society v. Martinez, 561 U.S. 661 (2010), centrado na política dunha universidade pública que esixía ás asociacións estudantís admitir a calquera estudante como membro ou dirixente, independientemente das súas crenzas ou condicións persoais, para obter o recoñecemento oficial da institución. O Tribunal avalou esta política ao considerar que garantizaba a igualdade de acceso dentro dun foro público limitado.[19]
Nativos americanos
[editar | editar a fonte]En 1997, Ginsburg redactou a opinión maioritaria en Strate v. A-1 Contractors, 520 U.S. 438 (1997), un caso relativo á xurisdición tribal sobre determinadas terras situadas dentro dunha reserva. O litixio derivaba dun accidente de tráfico causado por unha persoa allea á tribo na Nación Mandan, Hidatsa e Arikara. Ginsburg sosotivo que a estrada na que se producira o accidente constituía un dereito de paso estatal e que, para os efectos da xurisdición, debía ser considerada equivalente a territorio non indíxena. Sinalou que, aínda que as tribos poden regular determinadas actividades de persoas non pertencentes á comunidade tribal cando existe unha relación relevante coa tribo, esa excepción non resultaba aplicable ao caso. A empresa do condutor mantiña vínculos coa tribo, pero a vítima non tiña relación con ela. Por este motivo, concluíu que a resolución do caso por parte dun tribunal tribal non era esencial para preservar a integridade política, a seguridad económica nin o benestar das Tres Tribos Afiliadas.[20]
En 2005 tamén foi autora da opinión maiotiaria en City of Sherrill v. Oneida Indian Nation of New York, 544 U.S. 197 (2005), unha decisión que impediu á Nación Oneida recuperar o exercicio da súa soberanía histórica sobre determinadas terras ancentrais readquiridas. Ginsburg argumentou que a zona en cuestión experimentara profundas transformacións dende que os oneida perderan a posesión deses territorios, tanto polo seu carácter predominantemente non indíxena como pola prolongada autoridade reguladora exercida polo Estado de Nova York e as administracións locais.[21]
En decembro de 2005 emitiu un voto particular discrepante en Wagnon v. Prairie Band Potawatomi Nation, 546 U.S. 95 (2005), no que sostivo que un imposto estatal sobre o combustible vendido por comerciantes vinculados á Nación Potawatomi limitaba indebidamente a capacidade tributaria da propia tribo. Posteriormente, en 2008 tamén discrepou parcialmente da decisión adoptada en Plains Commerce Bank v. Long Family Land & Cattle Co., 554 U.S. 316 (2008). Nesa ocasión defendeu que o tribunal tribal da Nación Lakota do Río Cheyenne si debía contar con xurisdición para coñecer do litixio. Xa na última etapa da súa traxectoria xudicial, en 2020, uniuse á maioría do Tribunal en McGirt v. Oklahoma, 591 U.S. 894 (2020), unha sentenza que confirmou a vixencia de amplas reservas indíxenas en Oklahoma e reafirmou as competencias xurisdicionais das nacións nativas sobre eses territorios.[22]
Decisión de non retirarse con Obama
[editar | editar a fonte]Cando John Paul Stevens se xubilou en 2010, Ginsburg converteuse na xuíza de máis idade do Tribunal, aos 77 anos. Varias veces, durante a presidencia de Barack Obama, avogados e activistas progresistas pediron que Ginsburg se retirase para que Obama puidese nomear un sucesor afín,[23] [24] especialmente mentres o Partido Demócrata mantiña o control do Senado dos Estados Unidos. Ginsburg reafirmou o seu desexo de seguir sendo xuíza mentes tivese a capacidade suficiente para desempeñar as súas funcións.[25] En 2013, Obama mantivo unha reunión con ela na Casa Branca, e suxeriulle que se retirase, xa que os demócratas poderían perder pronto o control do Senado. Con todo, Ginsburg decidiu continuar no seu posto.[26] Finalmente, faleceu no cargo en setembro de 2020, aos 87 anos. Pasados 35 días, Trump e o Senado, controlado polos republicanos e liderado por Mith McConnell, conseguiron nomear á conservadora Amy Coney Barrett como sucesora de Ginsburg, xusto antes das eleccións presidenciais estadounidenses de 2020.[27].[5]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Uns días despois de que Ruth Bader se graduase en Cornell, casou con Martin D. Ginsburg. Tralo nacemento da súa filla, a Martin diagnosticáronlle cancro testicular. Durante ese período, Ruth asistiu a clase e tomou notas para ambos, escribindo os traballos que lle ditaba o seu marido e coidando tanto da súa filla como del. Martin converteuse en profesor na Facultade de Dereito da Universidade de Georgetown, e finalmente morreu por complicacións dun cancro metastásico o 27 de xuño de 2010.[28]
En 1999, Ruth Bader Ginsburg foi diagnosticada cun cancro de colon, o primeiro dos varios procesos oncolóxicos que padeceu ao longo da súa vida. En febreiro de 2009 foi operada de cancro de páncreas tras detectárselle un tumor nun estadio inicial.[29] En novembro de 2018 unha caída no seu despacho do Tribunal Supremo provocoulle a fractura de tres costelas e obrigouna a ser hospitalizada. Durante as probas médicas realizadas tras o accidente detectáronse nódulos cancerosos nos pulmóns. En decembro dese ano foi sometida a unha lobectomía do pulmón esquerdo.[30] En agosto de 2019, o Tribunal Supremo informou de que Ruth completara tres semanas de radioterapia dirixida para tratar outro tumor localizado no páncreas. En xaneiro de 2020 declarouse libre de cancro, aínda que a enfermidade reapareceu xa no mes seguinte.[31] En maio de 2020 iniciou un novo tratamento pola recorrencia da doenza. Finalmente, faleceu por complicacións do cancro de páncreas o 18 de setembro de 2020.[32][33] Consciente da súa morte inminente e das eleccións presidenciais que terían lugar en menos de dous meses, ditou unha nota á súa neta: "O meu desexo máis fervente é non ser substituída ata que haxa un novo presidente".[34][35]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]
Ruth Bader Ginsburg foi cualificada como "icona da cultura pop".[36][37][38] A súa proxección pública incrementouse especialmente tras a retirada de Sandra Day O'Connor do Tribunal Supremo en 2006, momento no que pasou a ser a única muller integrante da institución. As súas alegacións cada vez máis apaixonadas, particularmente en asuntos de gran relevancia pública como Shelby County v. Holder, contribuíron a reforzar a súa notoriedade e deron lugar ao alcume "The Notorious R.B.G", inspirado no rapeiro The Notorious B.I.G.[39] O sobrenome e os memes foron popularizados inicialmente a través dun blog de Tumblr creado pola estudante de Dereito Shana Knizhnik, que posteriormente colaborou coa xornalista de MSNBC Irin Carmon para converter o blog nun libro titulado Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg.[40], editado en outubro de 2015. Esta obra acadou a lista de libros máis vendidos do New York Times. [41]
A popularidade de Ginsburg transcendeu o ámbito xurídico e converteuna nun fenómeno cultural. A súa figura inspirou produtos de todo tipo, entre eles camisetas, tatuaxes, cuncas, disfraces de Halloween, libros de colorear para nenos e incluso deseños de arte de uñas.[40][42][43][44] Ela mesma recoñeceu conservar unha ampla colección de camisetas relacionadas co fenómeno "Notorius RBG", que adoitaba regalar a persoas amigas e coñecidas.[45] A súa imaxe tamén serviu de inspiración para obras musicais e escénicas, incluída unha canción composta polo músico Jonathan Mann empregando parte da súa disertación en Burwell v. Hobby Lobby Stores, Inc..[46] . A cervexeira Samuel Adams lanzou unha edición especial demoninada "When There Are Nine", aludindo á coñecida resposta de Ginsburg á pregunta sobre cantas mulleres deberían formar parte do Tribunal Supremo.[47]
Dende 2015, a actriz e humorista Kate McKinnon interpretou a Ginsburg de maneira recorrente no programa televisivo Saturday Night Live.[48] As súas aparicións caricaturizaban a xuíza como unha figura combativa e enérxica, coñecida por lanzar comentarios satíricos denominados "Ginsburns" e por celebrar as súas vitorias con bailes característicos.
A súa vida e traxectoria profesional foron obxecto de varias producións audiovisuais. En 2018 estreouse o documental RBG, dirixido polos cineastas Betsy West e Julie Cohen para CNN Films e presentado previamente ao Festival de cine Sundance de 2018, que recibiu dúas candidaturas aos Oscar.[49] Ese mesmo ano chegou ás salas Unha cuestión de xénero, unha longametraxe centrada nos primeiros anos da súa loita pola igualdade de dereitos,[50] protagonizada por Felicity Jones no papel de Ruth e Armie Hammer Armie Hammer no de Martin Ginsburg.[51] O guión estivo na lista negra dos mellores guións sen producir en 2014.[52] A propia xuíza realizou unha breve aparición na película. [53]
A influencia cultural de Ginsburg estendeuse igualmente a numerosas referencias na ficción contemporánea. No filme Deadpool 2 (2018) aparece a súa fotografía cando o protagonista, Deadpool, considera posibles integrantes para o seu equipo de superheroes X-Force.[54]. A sétima temporada da sitcom New Girl inclúe unha personaxe chamada Ruth Bader Schmidt por Ginsburg.[55] En 2019, unha figura de Lego inspirada nela apareceu brevemente en The Lego Movie 2. Ginsburg deu a súa autorización para o cameo e para a produción da figura como parte dos conxuntos de xoguetes de Lego trala estrea en febreiro de 2019.[56] Tamén foi representada na miniserie Mrs. América (2020), onde foi interpretada por Tara Nicodemo. A súa figura tamén foi evocada na cultura televisiva e literaria. Na comedia The Good Place mencionouse humorísticamente unha suposta relación ideal entre Ginsburg e o músico canadense Drake.[57] En 2018 participou en The Late Show, con Stephen Colbert, onde realizou a súa habitual rutina de exercicio físico e respondeu a varias preguntas do presentador, entre elas o popular debate sobre se un hot dog pode considerarse un bocadillo.[58]
O libro Sisters in Law (2015), de Linda Hirshman, analiza de maneira paralela as carreiras xudiciais de Ginsburg e Sandra Day O'Connor.
O seu coñecido interese pola ópera quedou reflectido en "Scalia/Ginsburg", unha ópera cómica composta por Derrick Wang e inspirada na amizade e rivalidade intelectual entre Ginsburg e Antonin Scalia.[59] A obra foi presentada aos propios maxistrados no Tribunal Supremo en 2013[60] e contou coa asistencia de Ginsburg tanto á súa estrea no Festival de Castleton en 2015[61] como a unha versión revisada presentada no Festival Glimmerglass en 2017.[62] Ela e Scalia redactaron os prólogos do libreto,[63] e Ginsburg incorporou fragmentos da obra ao seu libro My Own Words. Ademais de facer referencia á ópera en numerosas entrevistas e intervencións públicas, citouna expresamente na declaración emitida tras o falecemento de Scalia.[64] Segundo a directora de ópera Francesca Zambello, Ginsburg mostraba unha especial admiración polo final de Götterdämmerung de Richard Wagner, que interpretaba como unha demostración de como unha muller pode cambiar o curso da historia. Zambello sinalou tamén que a xuíza entendía a ópera como unha vía privilexiada para comprender as experiencias humanas, aspecto que consideraba esencial na súa visión do mundo.[65]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "'RBG': How Ruth Bader Ginsburg became a legit pop-culture icon".
- ↑ Bader Ginsburg, Ruth; Harnett, Mary; Williams, Wendy W. (2016). My Own Words. Simon & Schuster. ISBN 9781501145247.
- 1 2 "Ruth Bader Ginsburg". OYEZ. U.S. Supreme Court Media. Archived from the original on 19 de marzo de 2007. Consultado o 24 de xullo de 2026.
- 1 2 3 Centro de Estudios Políticos y Constitucionales (2022). Ruth Bader Ginsburg. Pionera de la igualdad entre mujeres y hombres.
- 1 2 3 "Ruth Bader Ginsburg, la juez que encandila a los ‘millennials’".
- ↑ Bader Ginsburg, Ruth (2004). "The Changing Complexion of Harvard Law School". Harvard Women's Law Journal 27.
- 1 2 De Hart, Jane Sherron (2020). Ruth Bader Ginsburg. A Life. Vintage Books. ISBN 9781984897831.
- ↑ "The Supreme Court: Woman in the News; Rejected as a Clerk, Chosen as a Justice: Ruth Joan Bader Ginsburg". New York Times. 15 de xuño de 1993.
- ↑ Hill Kay, Herma (2004). "Ruth Bader Ginsburg. Professor of Law". Columbia Law Review 104 (2): 2–20.
- ↑ Toobin, Jeffrey (11 de marzo de 2013). "Heavyweight. How Ruth Bader Ginsburg has moved the Supreme Court". The New Yorker. Consultado o 24 de xullo de 2026.
- 1 2 Webster Williams, Wendy (2013). "Ruth Bader Ginsburg's Equal Protection Clause: 1970-1980". Columbia Journal of Gender and Law (25): 41–49.
- ↑ Von Drehle, David (19 de xullo de 1993). "Redefining Fair with a Simple Careful Assault. Step-by-step strategy Produced Strides for Equal Protection". The Washington Post. Archived from the original on 02 de setembro de 2010. Consultado o 24 de xullo de 2026.
- ↑ El Espectador. "La octogenaria jueza que se convirtió en icono pop".
- ↑ Jones Merritt, Deborah; M. Lieberman, David (2004). "Ruth Bader Ginsburg's Jurisprudence of Opportunity and Equality". Columbia Law Review 104 (40).
- ↑ Barnes, Robert (30 de maio de 2007). "Over Ginsburg's Dissent, Court Limitis Bias Suits". The Washington Post. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Bazelon, Emili (7 de xullo de 2009). "The Place of Women on the Court". The New York Times.
- ↑ Hirshman, Linda (27 de xuño de 2016). "How Ruth Bader Ginsburg just won the next abortion fight". The Washington Post.
- ↑ Merchant, Anusha. "Religious Freedom For All?: Determining What is Left of First Amendment Protections for America's Incarcerated". Columbia Undergraduate Law Review. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ J. Russo, Charles; E. Thro, William (2011). "Another Nail in theh Coffin of Religious Freedom? Christian Legal Society v. Martinez". Education Law Journal 12.
- ↑ "RBG's Mixed Record on Race and Criminal Justice". The Marshall Project. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Goldberg, Carole (2009). "Finding the Way too Indian Countryy: Justice Ruth Bader Ginsburg's Decisions in Indian Law Cases". Ohio State Law Journal 70 (4).
- ↑ Wamsley, Laurel. "Supreme Court Rules that About Half of Oklahoma is Native American Land". NPR. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Chemerinsky, Erwin (15 de marzo de 2014). "Much depends on Ginsburg". Los Angeles Times. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Bernstein, Jonathan (29 de novembro de 2013). "Yes, Stephen Breyer and Ruth Bader Ginsburg should still retire". The Washington Post. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Bravin, Jess (2 de maio de 2014). "For Now, Justice Ginsburg's 'Pathmarking' Doesn't Include Retirement". The Wall Street Journal. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Dominu, Susan; Savage, Charlie (25 de setembro de 2020). "The Quiet 2013 Lunch That Could Have Altered Supreme Court History". The New York Times. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ Totenberg, Nina (18 de setembro de 2020). "Justice Ruth Bader Ginsburg, Champion of Gender Equality, Dies At 87". NPR. Consultado o 28 de xullo de 2026.
- ↑ "Husband of Supreme Court jUstice Ruth Bader Ginsburg dies". The Washington Post. 27 de xuño de 2010. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2012. Consultado o 30 de xullo de 2026.
- ↑ Cook, Theresa (3 de marzo de 2009). "Justice Ginsburg Treated for Pancreatic Cancer". ABC News. Consultado o 30 de xullo de 2026.
- ↑ Totenberg, Nina (21 de decembro de 2018). "Justice Ruth Bader Ginsburg Undergoes Surgery for Lung Cancer". NPR. Consultado o 30 de xullo de 2026.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg declares shes 'cancer free'". The Washington Post. 8 de xaneiro de 2020. Consultado o 30 de xullo de 2026.
- ↑ Liptak, Adam (September 18, 2020). "Justice Ruth Bader Ginsburg Dies at 87". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o September 19, 2020.
- ↑ Sherman, Mark (September 18, 2020). "Supreme Court Justice Ruth Bader Ginsburg dies of metastatic pancreatic cancer". The Boston Globe (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ Orixinal en inglés: "My most fervent wish is that I will not be replaced until a new president is installed".
- ↑ Totenberg, Nina (September 18, 2020). "Justice Ruth Bader Ginsburg, Champion Of Gender Equality, Dies At 87". National Public Radio. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ Waldman, Paul (28 de novembro de 2014). "Why the Supreme Court should be the biggest issue of the 2016 campaign". The Washington Post. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- ↑ Alman, Ashley (16 de xaneiro de 2015). "This Badass Tattoo Takes Ruth Bader Ginsburg Fandom To New Levels". The Huffington Post. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- ↑ Ryan, Patrick (9 de novembro de 2018). "'RBG': How Ruth Bader Ginsburg became a legit pop-culture icon". USA TODAY (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2018.
- ↑ Lithwick, Dahlia (16 de marzo de 2015). "Justice LOLZ Grumpycat Notorious R.B.G.". Slate. Consultado o 18 de febreiro de 2016.
- 1 2 Bazelon, Emily (4 de decembro de 2015). "Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg'". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ Carmon, Irin; Knizhnik, Shana (27 de outubro de 2015). Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg. Dey Street Books. ISBN 978-0062415837.
- ↑ Reynolds, Eileen (30 de xullo de 2014). "How An 81-Year-Old Supreme Court Justice Became An Unlikely Pop Culture Icon". Business Insider. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ O'Leary, Tom F. (16 de febreiro de 2016). The Ruth Bader Ginsburg Coloring Book: A Tribute to the Always Colorful and Often Inspiring Life of the Supreme Court Justice Known as RBG (en inglés). S.l.: Gumdrop Press. ISBN 978-0692644782.
- ↑ "How Ruth Bader Ginsburg became a meme – and why that's so surprising". Press Herald (en inglés). 3 de xuño de 2018. Consultado o 10 de xuño de 2018.
- ↑ Miller, Zeke J. (19 de outubro de 2014). "Ruth Bader Ginsburg Says She Has Quite a Large Supply of Notorious RBG Shirts". TIME.com. Consultado o 22 de decembro de 2016.
- ↑ Abby Ohlheiser (30 de xuño de 2014). "Read Justice Ginsburg's Passionate 35-Page Dissent of Hobby Lobby Decision". The Atlantic. Consultado o 26 de decembro de 2018.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg beer? Guilty, says Sam Adams, giving new meaning to 'bar exam'". USA Today Money. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ Lavender, Paige (4 de maio de 2015). "'Ruth Bader Ginsburg' Brings The Sass On SNL". The Huffington Post. Consultado o 4 de novembro de 2015.
- ↑ Sperling, Nicole (21 de xaneiro de 2018). "Ruth Bader Ginsburg Wows Celebrity-Packed Crowd at Sundance Film Festival". HWD (en inglés). Consultado o 22 de xaneiro de 2018.
- ↑ Rodríguez Álvarez, Ana (2021). Una cuestión de género. Ruth Bader Ginsburg o la lucha por la igualdad. Tirant lo Blanch. ISBN 9788413783987.
- ↑ McNary, Dave (18 de xullo de 2017). "Felicity Jones to Star as Ruth Bader Ginsburg in Biopic 'On the Basis of Sex'". Variety (en inglés). Consultado o 17 de setembro de 2017.
- ↑ Bloom, David; Yamato, Jen (15 de decembro de 2014). "Blacklist 2014: Full List – Update". Deadline. Consultado o 9 de decembro de 2016.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg Films Cameo in Biopic 'Notorious'". Hollywood Reporter. 17 de abril de 2018. Consultado o 26 de decembro de 2018.
- ↑ "Ninja Supreme Court Justice: Ruth Bader Ginsburg Has Fun With Fame". The New York Times. 9 de maio de 2018.
- ↑ Maas, Jennifer (10 de abril de 2018). "'New Girl': Here's Why Schmidt and Cece's Daughter Is Named Ruth Bader". TheWrap. Consultado o 8 de maio de 2018.
- ↑ Alexander, Bryan (19 de xaneiro de 2019). "Supreme reveal: Ruth Bader Ginsburg makes star appearance in 'Lego Movie 2'". USA Today. Consultado o 19 de xaneiro de 2019.
- ↑ "The Good Place season 3 finale: Who is Ruth Bader Ginsburg?". Express CO UK. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg settles it for Stephen Colbert: Hot dogs are sandwiches". CNN Politics. Consultado o 17 de agosto de 20266.
- ↑ "Opera Preview: "Scalia/Ginsburg" - Mining (and Minding) the Political Gap". The arts fuse. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ "Scalia V. Ginsburg. Supreme Court Sparring, Put to Music". NPR. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ "Scalia/Ginsburg' opera draws VIPs of the legal world". The Washington Post. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ "Glimmerglass Being Judmental". Opera Today. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ Scalia, Antonin; Bader Ginsburg, Ruth (2019). "Prefaces to Scalia/Ginsburg: A (Gentle) Parody of Operatic Proportions". The Columbia Journal of Law and the Arts 38 (2). doi:https://doi.org/10.7916/jla.v38i2.2118
|doi=incorrecto (Axuda). - ↑ "Justice Ruth Bader Ginsburg on Justice Antonin Scalia: "We Were Best Buddies"". NBC News. 14 de febreiro de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2026.
- ↑ "Ruth Bader Ginsburg Loved Opera, and Opera Loved Her Back". The New York Times. 19 de setembro de 2020. Consultado o 17 de agosto de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bayer, Linda N. Ruth Bader Ginsburg. Philadelphia: Chelsea House Publishers, 2000. ISBN 978-0791052877 OCLC 42771306
- Campbell, Amy Leigh, and Ruth Bader Ginsburg. Raising the Bar: Ruth Bader Ginsburg and the ACLU Women's Rights Project. Princeton, NJ: Xlibris Corporation, 2003. ISBN 978-1413427417 OCLC 56980906
- Carmon, Irin, and Shana Knizhnik. Notorious RBG: The Life and Times of Ruth Bader Ginsburg. Nova York, Dey Street, William Morrow Publishers, 2015. ISBN 978-0062415837 OCLC 913957624
- Clinton, Bill. My Life. Nova York: Vintage Books, 2005. pp. 524–25, 941. ISBN 978-1400043934 OCLC 233703142
- de Hart, Jane Sherron. Ruth Bader Ginsburg: A Life. Nova York: Knopf, 2018. ISBN 978-1400040483
- Dodson, Scott. The Legacy of Ruth Bader Ginsburg. Cambridge: Cambridge University Press, 2015. ISBN 978-1107062467 OCLC 897881843
- Garner, Bryan A. Garner on Language and Writing. Chicago: American Bar Association, 2009. Forward by Ruth Bader Ginsburg. ISBN 978-1590315880 OCLC 310224965
- Ginsburg, Ruth Bader, et al. Essays in Honor of Justice Ruth Bader Ginsburg. Cambridge, MA: Harvard Law School, 2013. OCLC 839314921
- Hirshman, Linda R. Sisters in Law: How Sandra Day O'Connor and Ruth Bader Ginsburg Went to the Supreme Court and Changed the World. Nova York: HarperCollins, 2015. ISBN 978-0062238481 OCLC 907678612
- Moritz College of Law. 2009. "The Jurisprudence of Justice Ruth Bader Ginsburg: A Discussion of Fifteen Years on the U.S. Supreme Court: Symposium". Ohio State Law Journal. 70, no. 4: 797–1126. ISSN 0048-1572 OCLC 676694369