Rula turca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rula turca
Eurasian Collared Dove, England RWD2.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Xénero: Streptopelia
Especie: S. decaocto
Nome binomial
'Streptopelia decaocto'
(Frivaldszky, 1838)
Distribución mundial da rula turca.

Distribución mundial da rula turca.

A rula turca [2] ou rola turca (Streptopelia decaocto) é unha especie de ave columbiforme da familia Columbidae propia de Eurasia.[3] Orixinalmente estendíase polo sur de Asia mais axiña colonizou toda Europa e o norte de África de xeito natural, e tamén América do Norte e Xapón onde foi introducida. Ademais empeza a se atopar en puntos localizados de América do Sur.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

A súa plumaxe é lisa, non escamada como a doutras rulas.
Detalle da testa.

A rula turca é unha rula de talle medio, dunha lonxitude total semellante á da pomba das rochas aínda que a súa cola é máis longa e é moito máis esvelta. É un pouco maior ca a rula europea cunha lonxitude media de bico a cola de 32 cm, unha envergadura alíxera de entre 47 e 55 cm, e un peso de 125 a 240 g.[5] A súa plumaxe en xeral é de cor beixe cinsenta, cun certo matiz rosado na testa e o peito. As súas costas e as coberteras superiores das ás son de ton marrón claro uniforme e as da parte inferior son gris azuladas, e as súas primarias son pardas máis escuras. Presenta unha característica lista negra ribereteada de branco que arrodea os costados e parte posterior do seu pescozo a xeito de colar. As plumas da súa cola son de cor anteado agrisado por riba, mentres que as da parte inferior teñen o baseamento negro e o resto é cinsentos escuro coa punta branca. As plumas laterais da cola tamén teñen a súa terminación esbrancuxada por riba. As súas patas son curtas e de cor avermellada e o seu bico é negro. O iris dos seus ollos é vermello escuro aínda que de lonxe parecen negros porque as súas meniñas son moi grandes, e presenta un fino anel periocular branco. Ambos os sexos teñen unha aparencia virtualmente indistinguíbel, aínda que os xuvenís ou non teñen colar, ou o teñen pouco desenvolvido, e o iris dos seus ollos é castaño.[6][7][8] Ademais da variedade natural en catividade, críanse rulas brancas.

A rula turca diferénciase principalmente da rula común europea, pola súa plumaxe lisa, que carece do padrón de cor escamado característico desta última.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Rula noviña antes da formación do colar, en Gran Canaria.

A rula turca foi descrita cientificamente polo naturalista húngaro Imre Frivaldszky en 1838, como Columba decaocto, Posteriormente foi trasladada ao xénero Streptopelia creado por Charles Lucien Bonaparte en 1855.[9][10] Está emparentada moi de preto coa rula bicolar do sueste asiático e a rula de colar da África subsahariana, coas que forma unha superespecie.[11]

Recoñécense dous subespecies de rula turca:[9][12]

  • Streptopelia decaocto decaocto - esténdese de Europa a Corea e o oeste da China;
  • Streptopelia decaocto xanthocycla - ao redor do sueste asiático, Birmania e leste da China. Ten o anel ocular amarelo no canto de branco.[11]

O nome do seu xénero, Streptopelia, é de etimoloxía grega, consiste na combinación das palabras στρεπτός (streptos) que significa «cadea» e πέλεια (pelia) «pomba», en referencia á lista negra do seu pescozo. Pola contra, o seu nome específico é a suma de termos latinos deca- «dez» e octo «oito», en alusión a un mito grego sobre unha nova criada que pediu aos deuses ser liberada porque o seu duro traballo só era remunerado con 18 moedas ao ano, e concedéuselle o seu desexo converténdoa en rula, que no seu arrolo lembraría o número para sempre.[13]

Distribución e expansión[editar | editar a fonte]

Mapa temporal da expansión da rula turca por Europa.

A rula turca non é migratoria, mais é moi dispersiva. No século XX a rula turca protagonizou unha das maiores colonizaciones realizadas polas aves de todo o mundo. A súa área de distribución orixinal a finais do século XIX era as rexións temperadas e subtropicais de Asia, dende Turquía até o sur da China, incluído todo o subcontinente indio e Ceilán. En 1838 rexistrouse por primeira vez en Bulgaria, porén non empezaría a estenderse por toda Europa até o comezo do século XX, aparecendo noutras partes dos Balcáns entre 1900–1920, e estendéndose axiña cara ao noroeste, acadando Alemaña en 1945, Gran Bretaña a redor de 1953 (rexistrándose a súa reprodución alí por vez primeira en 1956), Irlanda en 1959, e as illas Feroe a comezos dos anos 1970. Tras esta rápida dispersión en dirección noroeste foi ampliando a súa expansión en todas direccións, ao norte chegou até o círculo ártico en Noruega, até os montes Urais en Rusia, e tamén colonizou o Mediterráneo. Chegou a España no ano 1960, ocupando inicialmente Asturias. desde onde colonizou o resto da península ibérica.[14] Tamén colonizou as rexións costeiras do norte de África, dende Marrocos até Exipto, a finais do século XX, chegando a acadar as illas Canarias. Ademais en Asia estendeuse até o nordés da China, e tamén colonizou algunhas partes do Xapón (probabelmente introducida).[6][7][11][15] Conseguiu acadar Islandia como divagante (41 rexistros até 2006), aínda que non se ten conseguido establecerse alí.[16]

Rula turca en Hermosillo, Sonora, México.
No barrio de La Victoria en Málaga.

Arula turca foi introducida nas Bahamas a mediados da década de 1970, desde onde alcanzou a Florida a redor de 1982.[17] Así se converteu nunha especie invasora, que se estendeu axiña pola maior parte de América do Norte.[18] Aínda que o seu principal bastión norteamericano aínda son as costas do Golfo de México, esténdese desde Porto Escondido e Tehuantepec en Oaxaca e California, até Alasca, Alberta, o bordo dos Grandes Lagos e Nova Escocia. A súa relativamente temperá presenza na zona de Cancún indica que puido chegar a través do mar. Algunhas das dispersións máis distantes poden terse debido a novos escapes locais de rulas en catividade.[11] Descoñécese o seu impacto sobre as especies nativas, aínda que parece ocupar o nicho ecolóxico da zenaida huilota e a pomba brava (esta última tamén invasora en Norteamérica). En Arkansas (EUA) a rula turca rexistrouse por primeira vez en 1989, e dende aquela estendeuse ocupando 42 das súas 75 condados. A súa dispersión desde o extremo sueste do estado en 1997 ao extremo noroeste produciuse en 5 anos, cubrindo unha distancia de 500 km, o que supón unha taxa de 100 km por ano.[19] Esta taxa é máis do dobre dos 45 km por ano rexistrados na súa expansión por Europa.[20]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Atópase con facilidade nos espazos urbanos.
Ovo de rula turca.

A rula turca non é unha ave recelosa e adaptouse aos espazos urbanos. É unha especie gregaria e forma bandados considerábeis no inverno cando hai alimento dispoñíbel. Polo xeral os seus bandados son de entre 10 a 15 individuos, mais chegáronse a rexistrar bandados de 10.000 rulas.[7] A súa dieta natural componse basicamente de sementes, gomos e insectos. Poden verse rulas alimentándose nos parques e nos xardíns das casas e eidos, mesmo visitan os comedoiros de aves. As maiores concentracións xeralmente atópanse ao redor das granxas onde se deixa gran caído ou se alimenta con el ao gando.

Adulto a alimentar o seu pichón nun niño situado nun vaso de plantas.

As rulas turcas adoitan criar na contorna urbana sempre que haxa árbores e atopen alimento. O cortexo do macho consiste nunha exhibición de voo, como en moitas outros colúmbidos, na que realiza un ascenso rápido case vertical seguido por un descenso planeando en círculos, mantendo as ás baixo o seu corpo en forma de "V" invertido.

A rula turca aniña case sempre en árbores, ás veces en edificios. O niño é unha plataforma basta de poliñas, nalgunhas ocasións tapizadas con material vexetal máis lene. Case todos os seus niños atópanse a menos dun quilómetro dos edificios habitados por humanos. A femia pon dous ovos en días seguidos. A femia choca os ovos á noite e o macho polo día. A incubación dura entre 14 e 18 días, e os pichóns tardan de 15 a 19 días en emplumar e deixan o niño 21 días tras a eclosión. A reprodución pode producirse durante todo o ano mentres haxa alimento dispoñíbel, aínda que é raro que se produza no inverno onde estes son fríos, e a maioría de postas realízase de marzo a outubro. É normal que críen tres ou catro niñadas cada ano, e chegouse a rexistrar até seis nun ano.[7] Ás 5-6 semanas os pichóns son completamente independentes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 17 de abril de 2015. 
  2. Nome galego en Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa, 1 (1999): 121-138; Guía das aves de Galicia, A Coruña, Baía Edicións, 1991; Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Ed. do Cumio, 1999
  3. Bernis, F; De Juana, E; Del Hoyo, J; Fernández-Cruz, M; Ferrer, X; Sáez-Royuela, R; Sargatal, J (1998).
  4. Presencia de la paloma turca (Streptopelia decaocto) en la ciudad de Lima, Perú
  5. Campbell, Donald (2000). "Collared Dove". The Encyclopedia of British Birds. Bath: Parragon. p. 95. ISBN 0752541595. 
  6. 6,0 6,1 Snow, D. W.; Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic (Concise Edition ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854099-X. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Cramp, S., ed. (1985).
  8. Javier Blasco-Zumeta, Laboratorio Virtual Ibercaja Ficha de identificación de la especie
  9. 9,0 9,1 Zoonomen (2015). "Taxonomía de Columbiformes." (en inglés). Consultado o 13 de abril. 
  10. Ficha resumo do taxon da especie en AnimalBase.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Hoyo, J. del, et al., eds. (1997). Handbook of the Birds of the World, vol. 4. Barcelona: Lynx Edicions. p. 137. ISBN 84-87334-22-9. 
  12. Frank Gill e David Donsker.
  13. James A. Jobling.
  14. Francisco Bernis; et al. "Sobre la expansión y ecología de la Tórtola Turca..." (PDF). 
  15. Hagemeijer, W. J. M., & Blair, M. J., eds. (1997).
  16. Birding Iceland: Eurasian Collared Dove
  17. Eurasian Collared-Dove in Birds of North America.
  18. Beckett, S. M., Komar, N., & Doherty, P. F. (2007).
  19. Fielder, J. M., R. Kannan, D. A. James, and J. C. Cunningham. 2012.
  20. Hengeveld, R. 1988.