Rosalía de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Infobox biografía

Rosalía de Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837Padrón, 15 de xullo de 1885) é unha das mellores escritoras en lingua galega e unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas é feriado por causa de ser a data de edición da súa obra Cantares Gallegos.

Biografía

Nacemento

Casa de Rosalía en Padrón

Rosalía de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 en Camiño Novo, un arrabal de Santiago de Compostela, sendo bautizada o mesmo día cos nomes de María Rosalía Rita. No rexistro do Hospital Real de Santiago de Compostela figura como filla de pais descoñecidos. A súa acta de bautizo rezaba:[1]

En veinte y cuatro de febrero de mil ochocientos treinta y seis, María Francisca Martínez, vecina de San Juan del Campo, fue madrina de una niña que bauticé solemnemente y puse los santos óleos, llamándole MARÍA ROSALÍA RITA, hija de padres incógnitos, cuya niña llevó la madrina, y va sin número por no haber pasado a la Inclusa; y/ para/ que así conste, lo firmo.
José Vicente Varela y Montero

A súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro, fidalga da casa grande de Arretén vida a menos[2] pertencente á linaxe dos Castro, de orixe castelá, pero establecida en Galicia dende a Idade Media (foron condes de Lemos nunha das súas ramas[1]), contaba con trinta e dous anos cando naceu[2]. O seu pai, don José Martínez Viojo, nado o 7 de febreiro de 1798 e de profesión crego, acababa de cumprir os trinta e nove anos cando naceu, debido á súa condición, non puido recoñecer nin lexitimar á súa filla, encargando o seu coidado ás súas irmás, polo que parece que si se interesou pola súa manutención[2].

Infancia

Yo tuve una dulce madre,
concediéramela el cielo,
más tierna que la ternura,
más ángel que mi ángel bueno.
En su regazo amoroso,
soñaba... ¡sueño quimérico!
dejar esta ingrata vida
al blando son de sus rezos.


Fragmento Madre, Dulce Madre

Despois do seu nacemento, foron as súas tías paternas Teresa e máis María Josefa e non a súa nai, quen se fixeron cargo dela na súa casa (chamada a dos Castro) na parroquia de San Xoán de Ortoño, Ames[2]. O máis probable é que a nai non se fixera cargo de Rosalía debido á súa condición de solteira, e, máis aínda, polo feito de ser crego o pai de Rosalía.

Trala estancia coas súas tías, Rosalía volveu vivir coa súa nai. Malia non saberse con exactitude a data do reencontre da nai e da filla, atopáronse testemuños nos que se indica foi na súa nenez cando se produciu. Nun rexistro do concello de Padro coa data do 17 de setembro de 1842[3], consta que reside naquela localidade Teresa de Castro, coa súa filla Rosalía e máis unha criada chamada María Martínez. No rexistro, Teresa aparece co estado civil de solteira e coa idade de trinta e seis anos (dato erróneo, xa que, segundo a data de nacemento do Libro de Bautizados de Iria Flavia, a nai de Rosalía nacera o 24 de novembro de 1804; polo que, en realidade, Teresa estaba a piques de cumprires os trinta e oito anos) e Rosalía coa idade de cinco anos e sete meses. Ao non existires máis datos ou testemuños, semella que a data do rexistro de Padrón correspóndese coa data na que nai e filla voltaron vivir xuntas[2].

Formación

Non se sabe exactamente cando se trasladaron a Compostela, pero si que en 1850 vivían nai e filla nesa cidade. Ali comeza a formarse en torno á Sociedad Económica de Amigos del País. En Santiago recibe formación musical, artística e literaria; participou nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. As súas correntes ideolóxicas, que impregnarán a obra de Rosalía, eran o socialismo e o republicanismo[4]. No liceo coincidiría con Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Paz Novoa.

Manuel Murguía, o marido da escritora, foi quen lle publicou Cantares gallegos

Familia

En 1856 trasladouse a Madrid, onde viviu cunha curmá. Comezou a publicar e, en 1858 casou con Manuel Murguía, investigador, cronista e xornalista. A vida do matrimonio fíxose itinerante debido ós cargos funcionariais de Murguía. En 1859 regresaron a Galiza, onde naceu Alejandra, a súa primeira filla; en 1861, de novo en Madrid, publicou obras en galego e castelán. Logo duns anos en Madrid, trasladáronse a Lugo, e despois voltaron a Madrid, onde naceu Aura; as actividades do seu home leváronos por diferentes lugares: Simancas, A Coruña, Compostela, Lestrove (residindo no Pazo de Hermida), Estremadura, Alacante... e mentres foron nacendo máis fillos: Aura, nada en decembro de 1868 (morreu en 1942). Gala e Ovidio, xemelgos, naceron en xullo de 1871 (Gala morreu en 1964 e Ovidio en 1900), Amara, nada en xullo de 1873 (morreu en 1921), Adriano Honorato Alejandro, nado en marzo de 1875, (morreu en novembro de 1876 debido a unha caída) e Valentina, nada morte en febreiro de 1877[2].

Obras

Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,


Fragmento Cantares gallegos

Rosalía de Castro escribiu tanto en prosa coma en verso, empregando o galego e o castelán. A súa obra estivo profundamente marcada pola circunstancias que rodearon a súa vida: coma a súa orixe, os problemas económicos, a perda dos seus fillos e a súa fráxil saúde.

En 1863 foi publicado en Vigo o seu primeiro grande libro, "Cantares Gallegos", publicado polo seu marido, Manuel Murguía, quen xestionou, sen o permiso da súa muller, a saída do prelo dun poemario que fixa o comezo dunha nova xeira para a poesía galega e que, sen dúbida, é a base de todo o rexurdimento literario e non literario da literatura galega. Cantares gallegos constitúe o primeiro libro escrito en galego nunha época na que a lingua galega estaba extinta coma lingua escrita. Moitos poemas do seu libro son glosas de cantigas populares, nelas Rosalía denuncia a miseria, a pobreza e a emigración masiva a que estaban obrigados os galegos, sen deixar de verte-los seus sentimentos e vivencias persoais.

O 17 de maio daquel mesmo ano, de Castro asina a dedicatoria da obra pra Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber y Larrea), sendo adoptada esa data co gallo do seu centenario, como Día das Letras Galegas (1963).

En todo estás e ti es todo
pra min e en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.


Fragmento do poema Negra Sombra
Follas Novas

En 1880 a escritora publicou unha escolma de poemas á que chamaría Follas Novas. Nun comezo o poemario concebiuse como unha continuación de Cantares gallegos: O 40% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863, mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser.

En castelán publicaría La flor (1857), A mi madre (1863) e En las orillas del Sar (1884) e a novela El caballero de las botas azules (1867) todas elas encravadas no movemento romántico.

Últimos anos e morte

Co seu xordo e costante mormorio
atráime o oleaxen dese mar bravío,
cal atrái das serenas o cantar.
«Neste meu leito misterioso e frio
-dime-, ven brandamente a descansar».
El namorado está de min... ¡o deño!
i eu namorada del.
Pois saldremos co empeño,
que si el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortáis de apousar nel.


Fragmento de Follas Novas

Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería en casa-museo. A morte do seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885, aos corenta e oito anos na súa casa de Padrón -a cal é hoxe un museo-. Rosalía foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Imaxe do escritorio da casa de Padrón onde Rosalía escribía os seus poemas

Derradeiros momentos de Rosalía por González Besada[2][5].

Recibiu con fervor os Santos Sacramentos, recitando en voz baixa as súas predilectas oracións. Encargou aos seus fillos queimasen os traballos literarios que, reunidos e ordeados por ela mesma, deixara sen publicar, dispuxo ser soterrada no cemiterio de Adina, e pedindo un ramo de pensamentos, a flor da súa predileción, non ben foille achegada aos beizos sufriu un afogo que foi o comezo da súa agonía. Delirante, e nubrada a vista, díxolle á súa filla Alejandra: 'Abre esa fiestra, que quero ver o mar', e pechando os seus ollos pra sempre, expirou.

Obra

En galego

En castelán

  • 1857 (poesía) La Flor
  • 1859 (prosa) La hija del mar
  • 1861 (prosa) Flavio
  • 1863 (poesía) A mi madre
  • 1863 (prosa) El cadiceño
  • 1866 (prosa) Ruinas
  • 1866 (prosa) Las literatas
  • 1867 (prosa) El caballero de las botas azules
  • 1881 (prosa) El primer loco
  • 1881 (prosa) El domingo de Ramos
  • 1881 (prosa) Padrón y las inundaciones
  • 1884 (poesía) En las orillas del Sar

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de Rosalía de Castro

Referencias

  1. 1,0 1,1 Rosalía de Castro (1837-1885)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Biografía cervantesvirtual.com
  3. Dado a coñecer por Manuel Pérez Grueiro (Véxase Andrés Pociña / Aurora López, Rosalía de Castro Estudios sobre su vida y su obra, p. 24).
  4. 1963 Rosalía de Castro.
  5. Traducción ao galego

Véxase tamén

Bibliografía

  • Un importante documento para a biografía de Rosalía de Castro, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Grial 136, páx. 479-501, 1997.
  • Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro , Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. A Trabe de Ouro, 39, 1999.

Ligazóns externas