Roberto Di Benedetto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roberto Di Benedetto
Nacemento8 de maio de 1997
Lugar de nacementoNoisy-le-Grand
NacionalidadeFrancia
Ocupaciónxogador de hóckey a patíns
IrmánsCarlo Di Benedetto e Bruno Di Benedetto
editar datos en Wikidata ]

Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Deportivo Liceo, da OK Liga.

É irmán xemelgo bivitelino de Bruno Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Noisy-le-Grand e SA Mérignac (2000-2012)[editar | editar a fonte]

Naceu en Francia, fillo dun italiano e unha coruñesa de Monte Alto.[1][2] Comezou a xogar ao hóckey a patíns con 3 anos no club CS Noisy-le-Grand, xunto ao seu irmán xemelgo bivitelino Bruno e seu irmán máis vello Carlo. Alí xogou ata 2012, cando marchou cos seus irmáns a Mérignac (Xironda) para xogar no SA Mérignac.

La Vendéenne (2013-2017)[editar | editar a fonte]

Tras un ano no Mérignac, os tres irmáns ficharon polo La Vendéenne. Co club francés gañou dúas ligas francesas en catro anos.

Lleida (2017-2019)[editar | editar a fonte]

En abril de 2017, un ano despois da marcha do seu irmán Carlo ao Liceo, Roberto anunciou á súa vez que deixaba Francia con rumbo tamén á OK Liga para fichar xunto a seu irmán Bruno polo Lleida.[3] Xogou dúas tempadas no club catalán, proclamándose dúas veces campión da Copa CERS. Chegou tamén ás semifinais da Copa do Rei de 2019, onde caeu eliminado fronte ao Liceo de seu irmán Carlo.[4]

Deportivo Liceo (2019-2021)[editar | editar a fonte]

Na tempada 2019/20 fichou xunto ao seu xemelgo polo Deportivo Liceo, ao mesmo tempo que o seu outro irmán, Carlo, deixaba o club coruñés rumbo ao Porto.[5] Os dous irmáns chegaron á Coruña xunto a outro par de irmáns, Carles e Marc Grau.

Na súa primeira tempada o equipo galego acabou subcampión da OK Liga, ao suspenderse a competición por mor da pandemia por coronavirus, subcampionato que repetiu na tempada seguinte, na que gañou a Copa do Rei. Na campaña 2021/22 proclamouse campión de liga, despois de derrotar na final ao Reus, e foi elixido mellor xogador do campionato.[6]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Categorías inferiores[editar | editar a fonte]

En 2012 disputou coa selección francesa sub-17, e xunto aos seus irmáns, o Campionato Europeo sub-17 na Bretaña, onde o seu equipo se proclamou subcampión, caendo na final contra a España de Ferran Font, Ignacio Alabart e César Carballeira. Repetiu medalla de prata na edición seguinte, sendo derrotados na final esta vez por Portugal. En 2014 xogou o Europeo sub-20, conseguindo a medalla de bronce despois de perder en semifinais contra Portugal.

Selección absoluta[editar | editar a fonte]

É internacional coa selección francesa absoluta dende 2016, ano no que disputou xunto aos seus irmáns o Campionato de Europa, caendo en cuartos de final fronte a Suíza.[7] En 2017 participou no seu primeiro Campionato do Mundo, onde o equipo non pasou da fase de grupos. Xogou tamén o Europeo de 2018, onde obtivo o cuarto posto, despois de caer en semifinais por 8-2 contra a España de Xavier Malián, Edu Lamas, Adroher e Bargalló entre outros. No Mundial de 2019 o equipo chegou ás semifinais, onde foi eliminado pola Arxentina.

Palmarés[editar | editar a fonte]

La Vendéenne
Lleida Llista Blava
Liceo da Coruña
Individual

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Una saga internacional de Monte Alto". La Opinión A Coruña (en castelán). 21 de febreiro de 2017. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  2. "Os veráns ao sol de Monte Alto". La Opinión A Coruña. 12 de decembro de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  3. "El Lleida ficha a los gemelos Di Benedetto" (en castelán). 29 de abril de 2017. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  4. "Carlo reina en la batalla entre los hermanos Di Benedetto" (en castelán). 24 de febreiro de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  5. Varela, María (26 de febreiro de 2019). "As fichaxes, de dúas en dúas". La Opinión A Coruña. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  6. "Premios de tempada para Juan Copa, Di Benedetto, Carles Grau e Dava Torres" (en castelán). 23 de xuño de 2022. Consultado o 26 de xuño de 2022. 
  7. "Euro Hommes 2016: Le parcours des trois frères Di Benedetto - rollerenligne.com". rollerenligne.com (en francés). Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]