Carlo Di Benedetto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlo Di Benedetto
Nacemento31 de maio de 1996
NacionalidadeFrancia
Ocupaciónxogador de hóckey a patíns
IrmánsRoberto Di Benedetto e Bruno Di Benedetto
editar datos en Wikidata ]

Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués.

É irmán maior dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Noisy-le-Grand e SA Mérignac (2000-2012)[editar | editar a fonte]

Naceu en Francia, fillo dun italiano e unha coruñesa de Monte Alto.[1][2] Comezou a xogar ao hóckey a patíns con 3 anos no club CS Noisy-le-Grand, xunto aos seus irmáns Bruno e Roberto. Alí xogou ata 2012, cando marchou cos seus irmáns a Mérignac (Xironda) para xogar no SA Mérignac. Debutou aos 16 anos co primeiro equipo na Nationale 1 e na Copa CERS.

La Vendéenne (2013-2016)[editar | editar a fonte]

Tras un ano no Mérignac, os tres irmáns ficharon polo La Vendéenne. Co club francés gañou unha liga francesa na súa terceira e derradeira tempada, na que foi ademaiso segundo máximo goleador da liga con 35 goles.

HC Liceo (2016-2019)[editar | editar a fonte]

En 2016 trasladouse á Coruña tras recibir unha oferta do Liceo. Na súa primeira tempada enfrontouse ao seu ex equipo e aos seus irmáns na Copa de Europa, derrotándoos tanto na ida como na volta. Nas seguintes dúas campañas acabou como subcampión da OK Liga por detrás do FC Barcelona. Na súa segunda tempada no Liceo foi o terceiro máximo anotador da Liga con 28 goles e na última tempada foi segundo, con 41 goles, só por detrás do arxentino Pablo Álvarez.

FC Porto (2019-actualidade)[editar | editar a fonte]

Na tempada 2019/20 deixou o Liceo para fichar polo FC Porto, ao mesmo tempo que os seus irmáns recalaban no equipo coruñés.[3] No seu primeiro ano na liga portuguesa non chegou a rematar a tempada, pois a competición foi suspendida por mor da pandemia por coronavirus.

Selección francesa[editar | editar a fonte]

En 2010, aos 14 anos, uniuse ás categorías inferiores da selección francesa, coa que disputou ese ano o Campionato de Europa sub-17.[4] Dous anos despois, acabou como segundo máximo goleador na mesma competición, anotando nove goles e contribuíndo á medalla de prata da súa selección. Dous meses despois participou tamén no Campionato de Europa sub-20, gañando a medalla de bronce, que repetiu dous anos despois en Valongo.

Tamén en 2014 participou na súa primeira competición coa selección francesa absoluta, o Campionato de Europa, na que o seu país rematou quinto.[5] En 2015 disputou a 66ª Copa das Nacións, onde foi o máximo goleador, e uns meses despois o Mundial de Francia, onde a súa selección caeu en oitavos de final fronte á Arxentina.

No Campionato de Europa de 2016, a selección francesa, onde xa xogaban os tres irmáns Di Benedetto, caeu en cuartos de final fronte a Suíza, mentres que no Mundial de 2017 non pasou da fase de grupos. No Campionato de Europa de 2018 obtivo o cuarto posto, despois de caer en semifinais por 8-2 contra a España de Xavier Malián, Edu Lamas, Adroher e Bargalló entre outros. Carlo anotou 7 goles no campionato. No Mundial de 2019 o equipo chegou ás semifinais, onde foi eliminado pola Arxentina.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Una saga internacional de Monte Alto". La Opinión A Coruña (en castelán). 21 de febreiro de 2017. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  2. "Os veráns ao sol de Monte Alto". La Opinión A Coruña. 12 de decembro de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  3. Varela, María (26 de febreiro de 2019). "As fichaxes, de dúas en dúas". La Opinión A Coruña. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  4. "Debrouver et Di Benedetto visent le podium". ouest-france.fr (en francés). Consultado o 29 de novembro de 2020. 
  5. "Les Bleus ambitieux!" (en francés). 10 de xullo de 2014. Consultado o 29 de novembro de 2020.