Saltar ao contido

Raxó, Poio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Gregorio de Raxó
igrexa parroquial
ConcelloPoio[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°24′14″N 8°45′04″O / 42.40401, -8.750978
Área1,8 km²
Poboación1.218 hab. (2022)
Densidade676,67 hab./km²
Entidades de poboación2[1]
editar datos en Wikidata ]

San Gregorio de Raxó é unha parroquia do concello de Poio, na comarca de Pontevedra. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 1.218 habitantes (585 homes e 633 mulleres).

Con 1.8 km² é a parroquia máis pequena do concello. Dista 8,5 km da casa consistorial. Ten once entidades de poboación: A Igrexa, Caneliñas, Espedregada, Lameiriña, Outeiro, Praia, Portería, O Rego, Serpe, Terradepedra e Valdemós. Porén, debido ó desenvolvemento urbano o IGE conta só dous núcleos, Raxó e Serpe.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Ó igual que as demais parroquias do concello, se ben en menor medida, caracterízase por ter un relevo forte, cunha notable pendente. En menos de 3 km. pasa da franxa litoral ós 171 m. de altitude. Os seus principais accidentes costeiros son a punta de Sinás, e as praias de Fonte Maior, de Sinás, e a de Xiorto, ademais das praias da Granxa de Dorrón (Sanxenxo), lugar influenciado por Raxó, cuxos límites se confunden no núcleo urbano principal.

Por outro lado, Raxó carece de cursos fluviais importantes, talmente como sucede coas demais parroquias do concello, que contan tan só con catro regos de curso e caudal moi reducido.

Vista xeral.

O clima de Raxó, é o propio das Rías Baixas, determinado pola influencia das correntes cálidas (Gulf Stream), que lle confire un certo carácter mediterráneo dentro do tipo oceánico. A temperatura é relativamente elevada para a súa latitude (42º 26’ norte), oscila entre os valores medios comprendidos entre os 12,5 °C e os 20,5 °C. En inverno, valores medios de 10 °C, en verán algo superiores os 20 °C. A súa precipitación alcanza os 1.500 mm. anuais, pero nos meses de verán apenas chega os 50 mm.

Vexetación

[editar | editar a fonte]

A súa vexetación é o resultado da actividade dos servizos forestais e de intereses particulares, con extensións de piñeiro e eucalipto. Debido a esta acción antrópica a asociación arbórea natural, o carballo, atópase practicamente ausente, agás nalgunhas valgadas, pero sendo sempre pouco extenso. Tamén existen toxos, silveiras e fentos, propios do monte baixo galego.

A parroquia de Raxó está vencellada ó mosteiro da Armenteira, que segundo a tradición, foi fundado por Ero da Armenteira no século XII. Durante o mandato do abade nº 21, Domingo (1308-1338), existe a primeira referencia documental de Raxó. Segundo o P. Duarte acontece o milagre da curación de "Gonzalo Pérez de Rajó, escribán que foi deste mosteiro".

Na referencia que fai do abade nº 28, Juan de Castro (1449-1477), aporta unha descrición dos límites da parroquia dicindo que "dita herdade formaba coto, e os seus confíns eran desde Fontemaior, xunto o mar, ata o Outeiro da Pedreira, e de alí o marco de Tabuelas e o marco dos Outeiros de Dorrón, e de alí o marco da Torre, e o marco dos Bandos e o couto da viña de Juan Minez, clérigo, e de alí o muro abaixo ao mar, tornando mar arriba ata onde empezou, entrando tamén no mar, como din os marcos".

En 1404, Frei Juan García, abade nº 29 do mosteiro de San Xoán de Poio afora a Juan de Rajoo o mozo e a súa muller Inés Yanes, veciños de San Pedro de Tenorio.

A mediados do século XV, época de grande esplendor para Pontevedra, o mercador Ares García de Rajó, rexedor perpetuo da Vila, casado con María do Río, fixeron as bases do que pasado o tempo chegou a ser unha das familias burguesas máis sobranceiras de Pontevedra pois, detentaron ós seus descendentes cargos vitalicios na vila e dotáronse das prerrogativas propias do seu status social. En 1536, edificoulle a casa o pedreiro mestre Diego Gil. Dita casa sitúase no nº 11 da rúa dos soportais da Ferrería, e ten unha inscrición en caracteres góticos na imposta da fachada e sobre os arcos, que di Esta obra mandou fazer o muito nobre senhor Ares Garcia de Raioo, regidor desta vila. Era de mil e quinhentos e trinta e seis anos.

En 1581 Antonio García de Rajó, fundou o vínculo e morgado dos Rajó. Este mesmo señor fixo construír en 1590 a denominada capela da Anunciación no convento de San Francisco de Pontevedra. Aínda hoxe pode lerse a inscrición que di Antonio Garcia de Raioo fundo i doto esta capilla con obligacion de tres misas en cada semana. Año 1590.

Outra familia que colaborou co convento de San Francisco foi a de Manuel Domínguez de Rajóo. Baixo a advocación de San Lourenzo, en 1673 fíxose unha fundación con licenza de Juan García de Rajóo e María da Veiga, os seus pais, e cedeulles as sepulturas que están o pé do altar e no nicho da dereita, coa obriga de "facer e pintar o retablo".

Tamén son desta época, 1583, as noticias que sobre preitos entre a Confraría do Corpo Santo e os mariñeiros de Raxó pola pesca con sacadas. Nesta zona o emprego das distintas artes estaba dividida por mares. O Mar de Raxó estaba comprendido entre punta Sinás e a punta de Festiñanza. En 1594, os mareantes da Moureira prenderon en Raxó por faenar con redes de xeito durante a temporada dos cercos ó barco con redes e peixe que a veciña de Portonovo, Maior García, lle alugara ó pontevedrés Juan González. Olló decir que abían llegado al dicho puerto de Rajó.

Ó abade nº 40 da Armenteira, Eugenio Gerrero (1560-1563), tocoulle aclarar un asunto que preocupaba as conciencias de moitos fieis de Raxó e doutros cotos do mosteiro, os cales tiñan a obriga de acudir a igrexa do mosteiro para recibir os sacramentos. En 1561, o abade compadecido deles e para facilitarlles o cumprimento dos seus deberes relixiosos, autorizoulles a que puideran oír misa e recibilos sacramentos na ermida que o mosteiro tiña dentro da granxa de Raxó agás por pascua de resurrección.

O abade nº 68, Felix de Barcena (1632-1635), fixo a cerca de Raxó e o lugar e edificios da Granxa.

En tempos do abade nº 81, Baltasar de Zamora (1665-1668), suscitaranse graves polémicas a causa da facenda do partido de Raxó. Neste proceso faise referencia a D. de la Rúa Freire, reitor de Bueu..."

Co abade nº 83, Manuel Guerrero (1671-1674), volveu o problema da Vaqueriza.

Bernabé Cano (1683-1686), abade nº 87, aforoulle a Domínguez Rodríguez de Raxó, para si e por tres vidas de reis ou raíñas, a herdade chamada de Rabo do Porco, por un ferrado de centeo, posto a súa cata na granxa de Raxó.

O abade nº 91, Manuel Conde (1695-1698), arranxou a igrexa de Raxó, puxo nela o Santísimo e todo o necesario para o culto, así como a casa do cura.

Raxó no mapa da xurisdición da Lanzada incluído no Catastro de Ensenada, 1752.

Momento histórico destacado foi o goberno do abade nº 105, Jerónimo Villanueva (1738-1741). En 1747 visitou a igrexa de Raxó o arcebispo de Santiago, Cayetano Gil Taboada, quen vendo nela todo o necesario para atender os fieis elevouna a parroquia.

Opúxose o mosteiro en virtude dos privilexios de Orde e particulares, obtendo a revogación do mandado.

En similar proceso interveu no ano 1749 o abade nº 109, Nivardo Pérez (1747-1750), onde obtén unha vez máis a razón para o mosteiro pois “a igrexa de Raxó é mera axuda de parroquia”.

No ano de 1753 prodúcese un feito transcendental para o coñecemento da realidade socioeconómica de Raxó, xa que a través do Interrogatorio, o denominado catastro de Ensenada, transcenderon respostas que non existen nos rexistros dos Abades.

A parroquia de San Gregorio de Raxó pertencente a xurisdición da Lanzada. Tiña 25 naturais e con 97 forasteiros. Estaba composta por dous únicos lugares, o de Raxó e o de Bacariza. As casas eran terreñas e con tellado ou colmado, alpendres, cabalarías e currais. Os forasteiros eran case todos de Dorrón e Samieira. As profesións de aprendiz de sangrador, estanquilleira de tabaco, costureira e sobre todo xornaleiros.

A casa do Priorado era alta e tellada, con dúas salas, bodega e lagar. Un pallar e unha cabalariza tamén tellada, curral e eira. Rodeada de terra propia, dezaseis ferrados e tres cuartos, destes doce ferrados son de viña de por metade de 1ª e 2ª categoría. Dous ferrados de devesa de carballos de 2ª categoría. Un cuarto de hortalizas de regadío de 2ª, outro cuarto canaveral tamén de 2ª. Un ferrado souto de castiñeiros de 1ª, medio ferrado souto de castaños de 2ª e outro medio tamén souto de castaños de 3ª o cuarto restante de vimbieira de 3ª categoría.

Século XIX e XX

[editar | editar a fonte]
A pequena praia de Sinás

Coa desamortización de Mendizábal, en 1835 rematou o vencello de Raxó co mosteiro da Armenteira. Porén, Raxó non foi parroquia independente ata 1850. O templo actual pasou por tres etapas de ampliación, partindo da ermida primitiva, en 1724, 1778 e 1890.

O primeiro camposanto parroquial data de 1833, e xorde a consecuencia da Real Orde do 1832, que prohibía enterrar dentro do templo. Unha primeira ampliación tivo lugar en 1903 e a segunda en 1948.

A pegada deixada por case 700 anos de dependencia do mosteiro da Armenteira é aínda hoxe perceptible en certos comportamentos sociais. A patroa da parroquia é a Virxe da Saleta e o patrón San Gregorio Magno, que non adoitan ser as devocións propias das vilas da ribeira do mar.

O feito definitivo que confirmou a nova dependencia de Raxó respecto de Poio foi cando o 30 de novembro de 1836 publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a "Nova Planta" da provincia de Pontevedra, e por ende a do concello de Poio, figurando San Gregorio de Rajó con 50 veciños e 190 almas, correspondéndolle 3 electores.

A poboación de Raxó experimentou no século XIX un crecemento lento pero continuado, en sintonía co que acontece no resto de Galicia. Entre 1833 e 1855 este incremento de poboación foi superior mesmo ó das zonas rurais do resto de España. As causas que adoitan ofrecerse para explicar este feito son a maior benevolencia das epidemias, que as economías campesiñas e mariñeiras enfocadas cara ó autoconsumo non se viro afectadas pola gran depresión económica que se produciu entre os anos 1817 e 1856, e a plena consolidación do cultivo da pataca, que acadou neste tempo unha difusión acelerada logo da súa introdución a finais do século XVIII e principios do XIX. A pataca asume neste tempo o papel que outrora desempeñara o millo, permitindo un policultivo de subsistencia nos eidos da parroquia e completando na dieta ó peixe, outro dos alimentos básicos nesta zona.

A emigración que se produciu nos séculos XIX e XX é un trazo estrutural da sociedade galega que tamén afecta de xeito importante á parroquia de Raxó. Cómpre ter en conta que o fenómeno da emigración afectou non só á evolución absoluta do número de habitantes, senón tamén ó proceso de envellecemento, á caída das taxas de natalidade, á distribución por sexos e idades etc.

Os países de acollida dos emigrantes de Raxó coinciden, a grandes liñas, cos que podemos sinalar para o conxunto de Galicia: América Latina entre mediados do século XIX ata aproximadamente 1930, e Europa occidental a partir da década de 1960. As causas que provocan este éxodo foron fundamentalmente de tipo económico, relacionadas sempre co desequilibrio entre a poboación e os recursos: atraso da industria, falta de capitais, peso excesivo dos tributos, impostos e rendas, ou moi especialmente no caso de Raxó o carácter artesanal da pesca orientada cara ó autoconsumo. Diversos estudos sinalan como factor causante da emigración masiva a partir da metade do século XIX os continuos temporais e choivas dos anos 1852-53 que asolagaron Galicia, ocasionando a perda das colleitas e dificultando cando non impedindo as faenas no mar. Aínda que esta crise de subsistencia puntual non é máis que un factor sumado á unha pésima situación estrutural da economía. A emigración foi unha vía de saída, dirixíndose nestes primeiros tempos cara países como Cuba, Arxentina, Uruguai ou Brasil.

Esta situación mantívose ata principios do século XX, cando comezaron a xurdir as primeiras experiencias industriais a partir das pesquerías realizadas en Raxó. Ademais da pesca propiamente dita, que neste tempo comeza a xerar excedentes que dan lugar primeiro a unha economía de troco e despois de mercado, cómpre falar das primeiras fábricas de salgadura. Mantéñense aínda en pé os restos de dúas fábricas de salgadura, unha fronte á praia da Maceiriña, no límite dos concellos de Poio e Sanxenxo, e outra na Granxa de Abaixo, xa no concello de Sanxenxo. Ámbalas dúas industrias contaban cun pequeno peirao onde atracaban as chalanas e os barcos co peixe. Son os precedentes máis directos da posterior fábrica de conservas Camping, propiedade de Rafael Casaponsa en funcionamento na actualidade, que se instalará en Fontemaior, se ben estas primeiras industrias traballaron máis como talleres artesanais que como fábricas modernas

A guerra civil española someteu de novo ós habitantes de Raxó a unha penuria económica, provocando un novo éxodo migratorio e o traballo dos homes na navegación de grande altura. En efecto, gran número dos mariñeiros que non emigran, embárcanse tanto en mercantes (Transmediterránea etc). como en pesqueiros de altura, ou en petroleiros da CAMPSA, e en menor medida en barcos de compañías estranxeiras. Na década dos setenta e principios dos oitenta, hai tamén traballadores de Raxó nas plataformas petrolíferas holandesas do Mar do Norte, entre outras.

A mellora das condicións económicas do país, unida ó benestar das familias que teñen o cabeza de familia na emigración, na pesca de grande altura, na navegación ou nas plataformas, vai dar lugar a unha mellora económica apreciable. É a época na que se crean pequenos negocios na vila, diversificando as tradicionais tabernas e bares existentes.

Tamén o turismo contribúe a partir dos anos 60 do século XX a mellorar a economía do pobo. Raxó ten nas súas praias e na súa natureza un grande atractivo para o turismo interior, que chegará ó pobo residindo primeiro en casas particulares e posteriormente en explotacións hoteleiras. Sen ser o sector principal na economía do pobo, o turismo contribúe a completar a riqueza do mesmo, aportando de acordo coa forme estacionalidade que o caracteriza importantes ingresos para moitas familias do pobo.

Este feito é importante tamén para explicar o enorme e non sempre ben ordenado crecemento urbanístico de Raxó. A estrutura de vila mariñeira, con construcións baixas de pedra, que se conserva ata os anos cincuenta do século XX vai desaparecer ben axiña engulido por unha urbanización rápida e pouco planificada, pensada para alugar pisos e apartamentos ós turistas. De xeito que, a tradicional orientación de construír unha vivenda para dar cumprido acomodo a un novo núcleo familiar, hai que engadir un número moi alto de vivendas construídas para o turismo e que permanecen baleiras fora da época estival.

Entidades locais

[editar | editar a fonte]

As asociacións organizadas son fundamentalmente a Asociación de Veciños A Laxe, que ten unha escasa actividade pero que se mantén vixente no plano legal, e a Sociedade Cultural e Deportiva Raxó, fundada en 1982. Arredor da igrexa creouse recentemente o Consello parroquial, para organizar as actividades relixiosas e o culto.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Raxó

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Raxó no concello pontevedrés de Poio

Caneliñas | Espedregada | A Igrexa | A Lameiriña | O Outeiro | Portería | A Praia | O Rego | Serpe | Terra da Pedra | Valdemós

Parroquias de Poio

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Poio

Combarro (San Roque) | Poio (San Salvador) | Poio (San Xoán) | Raxó (San Gregorio) | Samieira (Santa María)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]