Radio Free Europe/Radio Liberty

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logo de Radio Free Europe/Radio Liberty.

Radio Free Europe/Radio Liberty (RFE / RL) é unha organización de radiodifusión financiada polo goberno dos Estados Unidos que transmite novas, información e análise a países de Europa do Leste, Asia Central e Medio Oriente onde di que "o libre fluxo de información está prohibido polo goberno ou non está completamente desenvolvido".[1] RFE/RL é unha corporación 501c-3 que recibe fondos do goberno estadounidense e é supervisada pola Xunta de Gobernadores de Radiodifusión, unha axencia que supervisa todos os servizos de radiodifusión internacionais do goberno federal dos Estados Unidos.

Durante a guerra fría, Radio Free Europe (RFE) transmitiuse ós países satélites soviéticos e Radio Liberty (RL) dirixiuse á Unión Soviética. RFE foi fundada como unha fonte de propaganda anticomunista en 1949 polo Comité Nacional para unha Europa Libre. RL fundouse dous anos máis tarde e as dúas organizacións fusionáronse en 1976. Os gobernos comunistas enviaban con frecuencia axentes para infiltrarse na sede de RFE, e a KGB regularmente bloqueaba os seus sinais. RFE/RL recibiu fondos da CIA até 1971.[2] Durante os primeiros anos de existencia de RFE, a CIA e o Departamento de Estado emitiron amplas directivas de política, dando lugar ó xurdimento dun sistema onde a política de difusión determinábase entre eles e o persoal de RFE.[3]

RFE/RL tivo a súa sede na cidade alemá de Múnic de 1949 a 1995. En 1995, a sede trasladouse a Praga, na República Checa. As operacións europeas reducíronse significativamente dende o final da guerra fría. Ademais da sede, o servizo mantén 17 oficinas locais nos países ó longo da súa rexión de transmisión, así como unha oficina corporativa en Washington, D.C. RFE/RL transmite en 25 linguas a 20 países en Europa do leste, Medio Oriente, Asia central e o subcontinente indio.[4]

Notas[editar | editar a fonte]