Saltar ao contido

Peter Greenaway

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPeter Greenaway

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento5 de abril de 1942 Editar o valor en Wikidata (82 anos)
Newport, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
ResidenciaMonmouthshire Editar o valor en Wikidata
RelixiónAteísmo Editar o valor en Wikidata
EducaciónForest School (en) Traducir
Walthamstow College of Art (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndirector teatral, director de fotografía, actor, director de televisión, realizador, artista visual, montador, guionista, director de cinema, pintor, escritor, experimental artist (en) Traducir, libretista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1964 Editar o valor en Wikidata -
Familia
CónxuxeSaskia Boddeke Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteUbuWeb (en) Traducir
Obálky knih, enllaç URL,
mediakunst.net (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0000425 Allocine: 868 Rottentomatoes: celebrity/peter_greenaway Allmovie: p92456
Facebook: PeterGreenawayPage Twitter: Greenaway_Peter Youtube: UCKiKTlw7bM15f-bmBmcekTA BNE: XX1169290 Musicbrainz: 3c7a86f3-1f79-4d0e-b32c-9f65f28a5233 Discogs: 1593309 Editar o valor en Wikidata

Peter Greenaway, nado en Newport o 5 de abril de 1942, é un director de cine británico.

Lonxe dos supostos do cine comercial actual, a súa obra caracterízase no visual por unha forte influencia da pintura renacentista e da flamenga en particular, especialmente no tocante á composición e á iluminación da escena xunto cos contrastes da roupa coa nudez, a natureza coa arquitectura, a decoración coa xente, os praceres sexuais coa morte dolorosa.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Peter Greenaway naceu en Newport (País de Gales), e medrou en Essex (Inglaterra). A súa familia deixou o sur de Gales cando el tiña tres anos. A unha idade temperá Greenaway decidiu que quería ser pintor. Interesouse polo cine europeo, fixándose primeiro no de Bergman, e despois en directores da Nouvelle Vague francesa tales como Godard, e en maior medida Alain Resnais.

En 1962 iniciou os seus estudos na Walthamstow College of Art, na que foi compañeiro do músico Ian Dury, que máis tarde formaría parte do elenco de The Cook, the Thief, His Wife & Her Lover (O cociñeiro, o ladrón, a súa esposa e o seu amante). Greenaway formouse como muralista durante tres anos. Fixo a súa primeira curta, Death of Sentiment, un ensaio sobre o mobiliario dos adros: cruces, anxos e tipografías na pedra. A película foi filmada en catro grandes cemiterios londinienses. En 1965, ingresou na Oficina Central de Información (Central Office of Information ou COI) (axencia estatal británica adicada á creación de campañas informativas para á cidadanía), traballando nela quince anos como editor e director de películas. Neste tempo adicouse a creación de películas experimentais, comezando con Train (1966), a partir de fragmentos da filmación do último tren de vapor que chegou á estación de Waterloo, (situada xusto detrás da COI). É esta unha cinta de estilo abstracto influenciada por Man Ray e o seu ballet mécanique, sobre a que montou unha banda sonora de música concreta. Tree (1966), ten como protagonista unha árbore que medra cercada polo formigón do Royal Festival Hall, no South Bank de Londres. Os anos setenta amosan a un Greenaway máis ambicioso e serio, con obras como Vertical Features Remake e A Walk Through H. Na primeira, examina variacións de formas con estruturas aritméticas, e a segunda é unha viaxe a través dos mapas dun lugar ficticio.

En 1980, Greenaway fará o seu traballo máis ambicioso ata aquel momento, The Falls, unha colosal e fantástica enciclopedia do absurdo composta por 92 pequenas partes relacionadas con 92 vítimas do que é chamado no filme o Violent Unknown Event (VUE), ou Suceso Violento Descoñecido. Nos anos oitenta, o cine de Greenaway florece nos seus filmes máis coñecidos, The Draughtsman's Contract (O contrato do debuxante) (1982), A Zed & Two Noughts (1985), The Belly of an Architect (O ventre do arquitecto) (1987), Drowning by Numbers (Conspiración de mulleres) (1988), e a súa película de máis éxito (e máis polémica), The Cook, the Thief, His Wife & Her Lover (O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante) (1989).

En 1989, colaborou co artista Tom Phillips nunha miniserie de televisión titulada A TV Dante, escenificando os primeiros cantos do Inferno de Dante. Nos anos noventa, presentou o seu visualmente espectacular Prospero's Books (Os libros de Próspero) (1991), o seu polémico The Baby of Mâcon (O neno de Macon) (1993), The Pillow Book (1996), e 8½ Women (1999).

A comezos dos noventa, Greenaway tamén escribiu dez libretos de Ópera, serie coñecida como Death of a Composer. Esta serie percorre os puntos en común nas mortes de dez compositores, dende Anton Webern a John Lennon, sendo o resto personaxes ficticios, un deles da película The Falls. En 1995, Louis Andriessen completou o sexto libreto, Rosa - A Horse Drama.

Greenaway completou a artisticamente ambiciosa, The Tulse Luper Suitcases (As maletas de Tulsa Luper), un proxecto multimedia con técnicas de filmación innovadoras que finalmente quedou conformado nun total de cinco películas. Tamén contribuíu coa curta The European Showerbath a Visions of Europe, colección de pequenos filmes realizados por varios directores da Unión Europea. No 2007 levou a cabo Nightwatching, película sobre o pintor holandés Rembrandt.

Características destacadas da súa obra

[editar | editar a fonte]

O cine de Greenaway está marcado por unha serie de imaxes ou elementos que se repiten, case invariablemente, cinta tras cinta, dun xeito obsesivo, lúdico e rotundo:

  • En primeiro lugar, e de forma sobresaínte e orixinal, a súa paixón pola orde, polo enciclopédico, polas coleccións, a taxonomía. Conta, lista, clasifica toda clase de obxectos: libros, maletas, corpos, comidas, arquitecturas etc. Deste xeito vemos, literalmente, montañas de libros en Prospero's Books e unha enumeración deles, con nomes suxestivos. En The Tulse Luper Suitcases. The Moab Story, vai relacionando unha lista de maletas numeradas, e os curiosos contidos de cada unha delas.
  • O seu amor polas letras e os números, que lle axudan nas clasificacións que mencionamos, pero que, maioritariamente, para el teñen un valor en si mesmos. Emprega con profusión letras e números en moitos tipos diferentes. As letras soas (máis como debuxos que como letras) ou en compañía formando palabras e frases percorren a pantalla, aparecen en calquera momento, están incluso sobre os corpos humanos (The Pillow Book).
  • A anatomía é outra das constantes do cine de Greenaway. Sempre hai algún corpo nu, alguén que se ispe, alguén que é espido. Ás veces a imaxe do corpo pode ser máis ou menos erótica, mais, na meirande parte, é un corpo presentado como un corpo máis da orde animal, como un estudo anatómico. Clasificado mais case inhumano.
  • Procura incansable do xeométrico, o equilibrio e o simétrico. Planos que se dividen, multiplican. Por tódolos fotogramas atopamos cadrados, circunferencias, rombos, liñas paralelas... Todo equilibrado e tras unha simetría exacta. Obxectos que se equilibran a ambos lados da pantalla. Xemelgos.
  • O seu xogo coa arte é común a tódolos seus filmes. Personaxes que semellan nun cadro, referencias abundantes á literatura, á arquitectura, á música,... Personaxes que son artistas. Títulos das súas películas nas que aparecen palabras como "arquitecto", "debuxante"...
  • O barroco é o modelo e a norma nas súas cintas. O abundante, o excesivo, o sobrecargado... Fragmentos de estatuas enormes (The Belly of an Architect), reses abertas en canal (The Cook, the Thief, His Wife & Her Lover). A propia época (The Baby of Mâcon, The Draughtsman's Contract).
  • Imaxes, fixas ou en movemento, nun ou máis cadrados, sobre a imaxe principal. Son como fiestras a outros personaxes, a outras situacións, a outros puntos de vista, a accións paralelas. Películas dentro das películas.

Estes elementos que se repiten están en liña coa música minimalista e repetitiva do compositor Michael Nyman, que habitualmente se encarga das bandas sonoras das súas películas.

Greenaway mantense escéptico acerca das restritivas fronteiras do cine. Pódese dicir que as súas películas non intentan manter vixentes as súas características tradicionais.

A súa estratexia actual é investigar e trocar as limitacións do cine tradicional e con este fin inviste moito tempo en actividades diferentes ao cine, co ánimo de levar ditas actividades até este coa esperanza de reinventalo.

Por exemplo, en xuño do 2005, efectuou a súa primeira actuación como VJ (Video Jockey) en Ámsterdam, con música de DJ Serge Dodwell (DJ Radar). Como fondo, ‘VJ’ Greenaway empregou para o seu set un sistema especial consistente nunha gran pantalla de plasma con control táctil, mesturando en directo imaxes das historias de "Tulse Luper".

Filmografía

[editar | editar a fonte]

Curtametraxes

[editar | editar a fonte]

Longametraxes

[editar | editar a fonte]

Documentais/Falsos documentais

[editar | editar a fonte]

Televisión

[editar | editar a fonte]

Exposicións

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]