Indochina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Península Indochina»)
Mapa da rexión de Indochina.

Indochina é a península situada no sueste asiático, situada entre a India e a China. Actualmente está formada por Camboxa, Vietnam, Laos, Myanmar e Tailandia. No sentido máis estrito só se denomina Indochina ás colonias francesas de Asia (Laos, Camboxa, Annam, Tonkín e Cochinchina). Ás veces tamén se consideran parte desta rexión a Malaisia peninsular e Singapur.

Conta con máis dun millón e medio de km² de territorio e unha poboación que supera os 200 millóns de habitantes.

Verde escuro: países sempre considerados da Indochina, verde claro: normalmente considerados da Indochina, Vermello: ás veces incluídos na Indochina.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A súa situación ó sur da China e ó leste da India dálle o seu nome ó territorio. A península está situada aproximadamente entre os 25º de latitude norte e a liña do ecuador, e os 90º de lonxitude leste e os 110º de lonxitude leste.

Limita ó norte cos montes de Assam, a meseta de Yun-yaya e os montes de Kwang-si; ó leste, pola provincia de Kwang-si (Cantón), o golfo de Tong-king, o mar da China Meridional, o golfo de Siam e o estreito de Malaca; e ó oeste co golfo de Martaban e o golfo de Bengala.

As principais cadeas montañosas son as de Assam (a Montaña Azul, de 2170 m), e as Arakan-Yoma, entre o Bramaputra e Irawadi, as Shañ-Yoma, entre este e o Salwin, que se elevan a uns 3.200 metros e as montañas Tanen-taung-gyi entre Me-kong e Salwin, (Lai-pang-ngoun, 2.460 m).

Historia[editar | editar a fonte]

Indochina pre-colonial[editar | editar a fonte]

En tempos remotos esta zona foi poboada por dúas correntes inmigratorias, unha que veu do norte da India a través de Siam (Tailandia), tribos de indios que ocuparon as zonas coñecidas hoxe como Laos, Camboxa, Siam, Cochinchina e o centro e o sur da rexión de Annam. A segunda destas correntes corresponde ós mongois, que, dende o sur da China, trasladáronse ó norte de Annam, fundando o Imperio Annamita. Estes annamitas foron mesturándose cos habitantes anteriores ata que os absorberon por completo.

A dinastía chinesa gobernou Annam coma vasalos do Imperio Celestial ata 257 a. C. De 257-110 a. C., o Imperio Annamita estivo gobernado por dúas dinastías nativas, ambas feudais a China. Pero dende 110 a. C. ata 930 China ocupou Annam e foi xestionada e administrada por gobernadores chineses, excepto pola dominación de dúas efémeras dinastías locais.

Estes territorios tamén estiveron gobernados pola dinastía dos Khmer, pero, segundo arquivos chineses, foron os seus vasalos ata 1296. Unha segunda indicación da decadencia Khmer foi o establecemento do Reino dos Ciampas no sur e centro de Annam. Neste período, a influencia annamita foi fortemente resistida por Khmer e Ciampas, pero despois uniron forzas para loitar contra o rei de Camboxa derrotado pola devandita unión e convertido en vasalo, en 1658. Isto levou a unha guerra civil no territorio de Camboxa, que provocou a intervención de Annam en 1675, establecendo un rei vasalo en Odong e outro en Saigón.

Unha nova revolta na zona en 1689 permitiu que Annam establecera gobernantes propios en novas rexións, pertencentes á familia Nguyen. Nas derradeiras décadas do século XVIII houbo unha grande insurrección provocada por Tay Shon Thong Tac (a Guerra das Grandes Montañas do Oeste). Esta rebelión obrigou a refuxiarse na China ó último dos membros da familia Nguyen; pero posteriormente, o herdeiro, Nguyen-an, logrou axuda francesa e tomou as cidades de Saigón (1789) e Hue (1801). En 1802 entrou en Ke-so (Hanoi), a capital de Tonkín, e se declarou a si mesmo Emperador baixo o nome de Gia-long.

Con tódolos territorios de Indochina, agás Laos, Gia-long dedicou toda a súa enerxía a ordena-lo país. A el débese que a península tivera unha cantidade importante de canles e camiños, especialmente un gran camiño que comeza en Saigón, atravesa Annam e Tonkín, pasando a través de Hue e Hanoi, rematando en Lang-song, na fronteira coa China. En 1820 Minh-mang sucedeu ó seu pai Gia-long, pero este odiaba notablemente ós europeos. Durante o seu reinado (1820-1841), Siam arrebatou Camboxa a Annam, o que provocou a intervención francesa.

Chegada dos europeos[editar | editar a fonte]

Os portugueses foron os primeiros que desembarcaron nas costas de Indochina en 1511, e pouco despois chegaron os españois, que mantiveron un trato cos nativos da rexión por bastante tempo. Máis tarde os holandeses construíron unha factoría en Hanoi, a capital de Tonkín. Os primeiros misioneiros católicos desembarcaron na Cochinchina no ano 1615, e en Tonkín en 1626. Os comerciantes da Compañía Holandesa das Indias Orientais establecéronse en Tonkín en 1636, os ingleses en 1672 e os franceses en 1684.

En canto a España, o seu primeiro contacto co rey de Annam foi a través dos seus misioneiros. A embaixada española foi fundada en 1645 por varios relixiosos e soldados. Os embaixadores foron recibidos polo rei de Annam, e 4.000 homes das tropas annamitas renderon honores a este primeiro comité. O 7 de xullo de 1676 varios dominicos españois de Filipinas encargáronse da misión de Tonkín central. Pero a partir do século XVIII foron perseguidos, resultando asasinados moitos misioneiros: Leziniana (1745), Castañeda (1745), Odorico (1834), o vispo Ignacio Delgado (1839), Henarez Fernández y Jiménez (1839). En 1787 o rei Nguyen Anh foi expulsado da Cochinchina a causa dunha sublevación, concluíndo unha alianza con Lois XVI pola cal cedía a Francia a península de Turana e dúas pequenas illas a cambio de axuda militar. En 1789 chegou á Cochinchina procedente de Siam o bispo francés Pigneau de Behaine, en calidade de plenipotenciario de Lois XVI, quen axudou ó seu protexido a obte-la vitoria. Unha vez lograda, Nguyen Anh proclamouse emperador co nome de Gia Long, levando a cabo unión de Tonkin e Cochinchina con Annam (1802). Baixo o reinado dos seus sucesores foron perseguidos os cristiáns, cuxas comunidades españolas e francesas estendéranse considerablemente. Estas persecucións aumentaron baixo o reinado de Tu-Duc, o que obrigou a Francia a enviar unha escuadra baixo as ordes de Lilieux Villeneuve.

Uns vinte anos máis tarde, e como consecuencia do asasinato de 10.000 cristiáns e do bispo español José María Díaz, unha expedición franco-española foi organizada ó mando de Rigault de Genouilly, xefe das forzas navais de Francia na China. O conde Waleswki, ministro francés de negocios estranxeiros, solicitou á raíña Isabel II a cooperación de España a través do envío de tropas dende Filipinas. O goberno español aceptou, enviando 1.500 homes baixo as ordes do coronel Ruiz de Lanzarote, que desembarcou o 31 de agosto de 1858 na baía de Turana, conquistando as fortificacións annamitas. O 16 de febreiro de 1859 a cidade de Saigón tamén foi conquistada polas tropas do coronel. No mes de abril do mesmo ano, a pesar da diminución das forzas expedicionarias provocadas polo envío de parte do continxente francés a China, vólvese a producir unha nova vitoria contra os annamitas, pero a escaseza de tropas obrigou ó mando francés a evacuar Saigón o 23 de maio de 1860. Na zona quedaron só 1.000 homes entre franceses e españois, que se defenderon como puideron das forzas annamitas, moi superiores en número. O 5 de xuño de 1869 asinouse en Saigón un tratado de paz que poñía fin a catro anos de hostilidades. Nel definíanse:

1º A cesión a Francia das provincias de Bieng-Hoa, Gia-Dinh e Finh-Toung, e a illa de Poula-Condare. 2º Franceses e españois podían comerciar nos portos de Turana, Balal e Luang-an. 3º O reino Annamita debía pagar unha indemnización de 4 millóns de pesos, suma que beneficiou principalmente ós franceses.

Finalmente, polo convenio de Hué en 1867, o emperador de Annam cedeu a Francia a provincia de Saigón, Vien-Hoa e My-tho. Este territorio foi organizado baixo o nome de Cochinchina Francesa. En 1870, o explorador Dupuis remontou o Songka ata Yun-nan, pero a guerra franco-alemá paralizou a misión. Dupuis retomou as súas exploracións en 1873, e se apoderou dos fortes de Hanoi en Tonkín. En 1874 asinouse un convenio en virtude do cal se abrían tres novos portos ó comercio francés, e no mesmo ano cedeuse a Francia a zona da desembocadura de Songka. A todo isto, o reino de Annam continuaba sen cumprir o tratado asinado en 1869. Foi daquela cando o almirante francés Courbet destruíu os fortes de Hué e obrigou ó emperador Tu-Duc a recoñecer o protectorado de Francia sobre Annam e Tonkin (a 25 de agosto de 1884). Meses máis tarde, morreu o emperador Tu-Duc, e despois dos efémeros reinados de Kien-Phuc e Ham-Nghi, un sobriño de Tu-Duc chamado Dong Khanh subiu ó trono (1885 – 1889). Despois del reinaron Thanh Tai (1889 – 1907), Duy Tan (1907 – 1916) e Khai Dinh (1916 – 1925), ó que sucedeu seu fillo Bao Day.

Colonia francesa[editar | editar a fonte]

Os franceses tomaron Saigón e arredores en 1859, Camboxa en 1863, a Cochinchina en 1867, Annam e Tonkín en 1883 e finalmente Laos, establecendo unha das colonias do imperio colonial francés. A Indochina Francesa formouse en outubro de 1887 con Annam, Tonkín, Cochinchina, e a República Khmer ; Laos agregouse en 1893. A federación durou ata 1954. A capital de Indochina foi Hanói. Cada territorio mantivo nominalmente certa autonomía ó ter á súa fronte a distintos monarcas, aínda que o poder real estivera en mans das autoridades francesas.

En setembro de 1940, durante a segunda guerra mundial, Francia, derrotada polo III Reich cedeu o territorio ao Xapón tras unha breve resistencia das tropas francesas alí presentes. Isto permitiu ao Xapón un mellor acceso a China durante a segunda guerra sino-xaponesa, contra as forzas de Chiang Kai-shek. Pero isto tamén era parte da estratexia do Xapón para a dominación do océano Pacífico. Os xaponeses mantiveron a burocracia francesa en Indochina.

Despois da guerra, Francia procurou reafirmarse no país, pero chegou o conflito con Viet Minh, unha organización de nacionalistas comunistas vietnamita baixo o mando de Ho Chi Minh, quen fora educado en Francia. Durante a segunda guerra mundial, os Estados Unidos apoiaran ó Viet Minh na súa resistencia contra os xaponeses; o grupo controlaba o país, posto que os franceses marcharan en 1945. Despois de persuadir ó Emperador Bao Dai para que abdicara no seu favor, o 2 de setembro de 1945, Ho Chi Minh —como presidente— declara a independencia para a República Democrática de Vietnam. Pero antes de finais de setembro, unha unión de forzas británicas, francesas e indias, restauraron o control francés. Comezaron entón amargas loitas. En 1950, Ho Chi Minh declara outra vez a independencia da República Democrática de Vietnam, que foi recoñecida polos gobernos comunistas da China e da Unión Soviética.

a loita durou ata marzo de 1954, cando o Viet Minh tivo unha vitoria decisiva contra as forzas francesas na batalla de Dien Bien Phu. Isto conduciu á partición de Vietnam no lado norte, baixo control do Viet Minh, e lado sur, que foi chamado República de Vietnam, que contaba co apoio dos Estados Unidos, do Reino Unido e Francia. Os acontecementos de 1954 tamén marcaron a fin da dominación francesa na rexión, e o comezo do serio compromiso dos Estados Unidos con Vietnam do Sur que conduciu á guerra de Vietnam. A separación foi acordada na Conferencia de Xenebra, onde os Estados Unidos de América, a Unión Soviética, o Reino Unido, Francia e a República Popular da China tamén estableceron varias disputas excepcionais acerca da guerra de Corea. Foi nesta conferencia na que Francia abandonou calquera intención de reclamo do territorio na península de Indochina.

Linguas na península[editar | editar a fonte]

As tres nacións da Indochina (Vietnam, Laos, Camboxa, Myanmar e Tailandia) teñen principalmente dous idiomas: o propio de cada nación (o vietnamita, a lingua laosiana, o camboxano, o birmano e o tailandés, respectivamente) e mailo idioma comercial, que é o francés, debido ós tantos anos que pertenceu Indochina a Francia: dende 1884 a 1954.

Relixións[editar | editar a fonte]

O 90% da poboación da Indochina practican o budismo, sendo as principais ramas as de Theravāda, Animismo e Mahāyāna. Malia isto, hai entre un 3-4% da poboación que se declara cristiá católica pola influencia colonial de Francia.

Demografía[editar | editar a fonte]

As seguintes cifras de evolución de poboación son aproximadas e non definitivas, baseadas en cálculos de historiadores sobre a poboación na Indochina, pero ofertan unha visión xeral do crecemento demográfico na península:

  • Ano 0: 7 000 000.
  • Ano 1000: 11 000 000 hab.
  • Ano 1500: 19 000 000 hab.
  • Ano 1600: 22 000 000 hab.
  • Ano 1700: 25 000 000 hab.
  • Ano 1820: 33 000 000 hab.
  • Ano 2011: 229 198 000 hab.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]