Viet Minh
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2012.) |
O Việt Minh foi unha coalición pola independencia nacional vietnamita formada en Pac Bo, o 19 de maio de 1941. O Việt Minh foi formado orixinalmente para buscar a independencia de Vietnam con respecto a Francia (ata 1954 formou parte da Indochina Francesa). Cando comezou a ocupación xaponesa do Vietnam, durante a segunda guerra mundial o Việt Minh combateu contra o Xapón con apoio dos Estados Unidos e da República Popular Chinesa. Despois da devandita guerra, o Việt Minh opúxose á reocupación de Vietnam levada a cabo por Francia e, máis tarde, combateu contra os Estados Unidos na Guerra de Vietnam. A liga estivo dirixida por Ho Chi Minh.
Formación do Viet Minh
[editar | editar a fonte]Tras unha longa viaxe, Ho Chi Minh regresou a Vietnam tras 20 anos o 8 de febreiro de 1941, a Pac Bo. Inmediatamente convocou un pleno do Partido Comunista de Vietnam no cal se decidiu crear unha ampla fronte política para loitar contra os ocupantes xaponeses, que durante a segunda guerra mundial controlaron o territorio, e o poder colonial francés, que exercera o mando da Indochina Francesa dende 1859. As fontes de ingresos para financia-la coalición debían de ser, así mesmo, o máis amplas posible. Para lograr o apoio financeiro do goberno chinés, controlado polo Kuomintang, decidiuse reactivar unha organización revolucionaria que fora recoñecida por ese goberno en 1936, pero que, por falta de fondos, non existira máis que no papel. Oficialmente, a organización era independente do Partido Comunista. A organización chamouse Việt Nam Ðộc Lập Ðồng Minh Hội ou Viet Minh.