Parque do Pasatempo
Esta páxina ou sección está a editarse nestes intres. Para evitar posibles conflitos de edición, non edites esta páxina ou sección mentres vexas esta mensaxe. Revisa o historial de edicións para saber quen traballa nela. O usuario Piquito (conversa · contribucións) realizou a última edición na páxina hai 8 días. O tempo máximo de presenza deste marcador é dun mes dende a última edición do usuario que o puxo; pasado ese tempo debe retirarse. |
Tipo | parque Jardim histórico (pt) | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Betanzos, España | |||
| ||||
Características | ||||
Altitude | 6 m | |||
Elemento da Lista Vermella do Patrimonio | ||||
Data | 25 de febreiro de 2019 | |||
Identificador | parque-enciclopedico-del-pasatiempo | |||
Actividade | ||||
Uso | parque, campo de concentración, agricultural enterprise (en) e spoil tip (en) | |||
O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado aproximadamente en 1914, a instancias dos benfeitores e emigrantes betanceiros na Arxentina os Irmáns García Naveira.
O Pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.[1]
Os impulsores
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Irmáns García Naveira.
Os impulsores do parque foron os irmáns Juan e Jesús García Naveira, nados en Betanzos a mediados do século XIX, no seo dunha familia labrega. Ambos emigrarían á Arxentina, onde residiron ata o seu retorno á súa vila natal en 1893. Logo do seu regreso, ambos irmáns comezaron a súa actividade filantrópica na vila, destinada principalmente nos colectivos máis desprotexidos na época: as nenas e nenos, as mulleres, e as persoas anciás.[2]
Nome
[editar | editar a fonte]O nome orixinal do parque era "Pasatiempo", en castelán. Este nome posiblemente faga alusión ao teatro "El Pasatiempo", un teatro fundado na cidade de Buenos Aires en 1876 e situado na rúa Paraná, ao que posiblemente os irmáns García Naveira, como moitos outros españois da época, acudiran durante a súa estadía na Arxentina.[3][4]
O parque recibiu diversas denominacións que atenderon ás súas características ou ao seu uso. Coñeceuse como "xardín" polas súas decoracións vexetais, tamén como "granxa" por contar con diferentes tipos de animais. Debido ás s´úas características foi chamada "quinta" pola súa similitude coas ostentosas facendas rústicas, mais logo do abandono do parque na década de 1930, a veciñanza denominouno "horta de don Juan" en referencia ao seu principal impulsor, Juan María García Naveira, e ao uso que se lle comezou a dar a algunhas partes do parque, nas que se comezaron a cultivar hortalizas e lúpulo.[4]
Algunhas personalidades referíronse ao parque de distintos xeitos, como o fotógrafo Ksado, que en 1922 o definiu como "finca-museo",[5] ou Luis Seoane, que dende o exilio referiuse a el como "parque enciclopédico".[4]
Na actualidade o espazo recibe o nome de "Parque do Pasatempo", en galego.[6]
Localización
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: O Carregal, Betanzos.
O Parque do Pasatempo está situado na zona coñecida como O Carregal, situada na área da desembocadura dos ríos Mendo e Mandeo, onde un estreitamento reduce o avance da auga do mar terra adentro favorecendo a sedimentación do fondo do estuario.[7]
A zona do Carregal fora obxecto dun proxecto de acondicionamento para o uso humano no sécuulo XVIII, cando o enxeñeiro Lemaur quixo gañar o espazo á marisma para pastos, cultivos e como zona habitable, mais sen éxito. Non foi ata o século XIX, da man de Juan García Naveira, cando se retomou a idea de urbanizar a área dentro do seu programa de axuda social que o levou a construir diversos edificios públicos na vila, así como o Parque do Pasatempo.[7]
Historia
[editar | editar a fonte]Construción e inauguración
[editar | editar a fonte]Adoita situarse o inicio das obras do Parque do Pasatempo no ano 1893, o mesmo ano do regreso dos irmáns García Naveira a Galicia, sendo xa uns emigrantes ricos, uns indianos.[8][9] Coñecemos pola documentación existente que Juan comezou a mercar terreos para a construción dos xardíns que conformarían o parque na época na que tomou a decisión de regresar a Galicia, aínda que a adquisición das terra e a execución das obras foron tarefas longas e complexas que les dilataron ata a década de 1910.[9] Con todo, O Pasatempo foi concibido como un parque aberto a todo o mundo e non como xardín privado.[10]
Pénsase que o deseño do parque foi encargado a especialistas en pedagoxía,[11] se ben descoñécense os profesionais que estiveron dirixindo as obras de construción do xardín, polo que tamén e probable que foran os propios irmáns os que tomaban as decisións da súa construción. O que si se sabe é que as obras para a súa construción deron traballo a 200 persoas, entre elas persoas sen emprego, ás que se lles ofrecía ir ao parque a aprender un oficio mentres se formaban en clases nocturnas. Un elemento novidoso da construción do parque foi o cemento Portland, que ata o momento nunca se empregara en Galicia.[12][13][11]
Se ben a ausencia dun arquivo na familia dificulta saber máis sobre o parque, estímase que tiña unha extensión de nove hectáreas no momento da súa inauguración en 1914.[12][10] Sábese que nese momento o parque tivo unha gran repercusión, e a revista viguesa Vida Gallega chegou citar o parque ata en cinco ocasións, o que significaba un grande éxito, xa que a revista era moi popular tanto en Galicia como entre as comunidades emigrantes da América, Madrid e Lisboa, feito que fixo que O Pasatempo traspasara fronteiras e chamase a atención de personalidades como o fotógrafo Ksado, que fixo unha reportaxe gráfica do parque, que describe como "finca-museo".[5] O parque contaba con numeroso elementos como fontes, estanques, gruta, paseos arborados, un labirinto, invernadoiros, pavillóns, relevos alegóricos e un zoo, polo que foi denominado por algúns como Luis Seoane "parque enciclopédico", un lugar no que os irmáns García Naveira amosaron os lugares e as cousas do mundo que eles coñeceran.[10][11]
Decadencia
[editar | editar a fonte]A morte do mecenas Juan García en 1933 deu comezo á decadencia do parque. Se ben pensouse que durante a guerra civil española o campo de concentración de Betanzos, que estivo en funcionamento dende agosto de 1937 ata canto menos maio de 1939, durante un tempo encontrábase dentro das instalacións do parque, agora sábese que en realidade estivo nunha finca da familia Naveira e que se encontraba a carón do parque.[14][15][12] Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos, aínda que o parque mantívose nun estado bastante aceptable ata o ano 1955, cando se construíu unha estrada que atravesaba o parque, partindo en dous o recinto orixinal do Pasatempeo, ademais foi neste momento cando se comezaron a extraer pezas do parque.[16][12] O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.
Na década de 1950 constuiuse unha estrada que partiu o parque en dous, un feito que propiciou a perda da maior parte do recinto.[10]
O abandono do parque motivou o traslado de numerosas pezas a outros lugares, como a estatua dos irmáns García Naveira, que pasou a presidir a praza que leva o seu nome. Un caso salientable é o das estatuas de dous leóns realizadas en mármore de Carrara que flanquexaban a entrada do parque, e que en 1970 Juan Jesús García Iribarne, fillo de Juan García, vendeu polo equivalente a 3 000 euros dúas, que foron trasladados ao Santuario de Covadonga. A pesar dos intentos levados a cabo polo Concello de Betanzos, que tentou negociar a recompra das estatuas, a oposición do arcebispado de Oviedo impediu o regreso dos leóns á súa localización orixinal.[10][17][18][19][20] Outros elementos que non foron trasladados a outros lugares, como a estatua da Caridade, pasaron a estar rodeadas de anuncios publicitarios ao carón da estrada.
Non foi ata 1986 cando o Concello mercou o parque para intentar a súa reconstrución,[11] con dous proxectos diferentes, que remataron fracasando.[Cómpre referencia] O Concello non tería atendido as recomendacións do cronista de Betanzos, que tiña un proxecto de restauración e financiamento, para que nos terreos do parque non se construíra equipamento público.[12]
O 10 de abril de 1989 presentaron o proxecto para o novo estadio municipal de fútbol, construído nos terreos que ocupou o Estanque dos Papas do parque, e que se acabou denominando Estadio Municipal García Hermanos en honor aos filántropos betanceiros.[21][22]
O resultado da rehabilitación vén sendo discutido dende fai anos, así como o feito de que o propio Concello de Betanzos non solicitara para el ningún tipo de catalogación.[23] En febreiro do ano 2017, coa caída dun dos muros que limitan coa estrada, a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, que realiza actividades de difusión, limpeza e potenciación do parque, así como a investigación do seu pasado a través da revista Casa dos Espellos, solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural para o xardín, algo que o Concello de Betanzos viña prometendo dende 1981[24].[25][Cómpre referencia] Finalmente, o 6 de febreiro de 2020 foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Xardín Histórico aínda que o parque está pechado ao público dende o derrubamento provocado nun dos estanques en outubro do 2018.[26]
O 27 de febreiro de 2019 o Concello de Betanzos decidiu pechar a área histórica do parque logo de producirse un desprendemento na área do templete do estanque, onde no momento se estaban a realizar traballos de vaciado da auga. Dada a súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC), dende o Concello notificouse a situación a Patrimonio co obxectivo de que os técnicos a avaliaran e sinalaran as medidas a adoptar.[27]
Recuperación
[editar | editar a fonte]O 9 de xuño de 2020 o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou o decreto polo que o Parque do Pasatempo pasaba a estar declarado como Ben de Interese Cultural (BIC). Deste xeito continuábanse os trámites iniciados polo Concello de Betanzos ante Patrimoniio. A decisión, prevista inicialmente para finais do mes de febreiro, atrasouse ata o verán a causa da paralización da Administración motivada polo confinamento ante a pandemia de COVID-19. Este feito supuxo, en palabras da alcaldesa betanceira, María Barral, un paso importante para:[28]
“ | ... poder desenvolver a recuperación deste espazo. Unha figura, a súa declaración BIC, que permitirá optar a fondos económicos aos que ata agora non se podía chegar. | ” |
— María Barral, alcaldesa de Betanzos. |
No 2021 foi adxudicada a redacción do Plan Director ao arquitecto Mario Crecente, ao tempo que comezaba a restauración do Estanque do Retiro, dirixida polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Vieites, executada pola empresa Parteluz. A restauración do estanque corresponde á primeira fase dun proceso de restauracións que demorarán varios anos.
Se ben o parque non fora concibido como xardín senón como parque enciclopédico, durante as restauracións dos anos noventa se plantaran árbores que chegaron a supoñer unha ameaza para algúns dos seus elementos, como as grutas. Ademais estas árbores impedían a visualización de varios relevos dun dos muros, no que Juan García Naveira quixera representar catro grandes obras da enxeñaría: a canle de Panamá, a mesquita de Muhammad Alí, a pirámide de Queops e a Gran Muralla Chinesa. En febreiro de 2023 retirouse parte duesta vexetación, o que fixo posible ver de novo este relevos, protexer as grutas, e que o león colosal fora visible dende o exterior do parque, [29]
A finais de outubro de 2022 presentouse o plano director do Parque do Passatempo, un proxecto a 15 anos vista redactado por Mario Crecente no que se marcaban as directrices para o mantemento, conservación e posta en valor do parque, que pasaría a acoller distintas actividades como obradoiros representacións teatrais. No acto de presentación, a directora de Turismo e Patrimonio Cultural de Betanzos, Nava Castro, sinalou o investimento de 1,4 millóns de euros procedentes do plano Xacobeo Next Generation.[30]
En marzo de 2024 o Concello de Betanzos solicitou unha axuda de tres millóns de euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cos que se mellorarían os accesos, suprimiríanse barreiras arquitectónicas, melloraríase a rede de servizos, restauraríanse elementos artísticos, e se crearía un centro de recepción de visitantes. Este proxecto incluía a posible recuperación, restauración e reubicación de pezas que se encontraban no parque e que foron cedidas a particulares, e valoraríase a posibilidade de incluír elementos que se perderon pero dos que se conservan imaxes cunha calidade suficiente como para poder realizar reproducións fieis dos orixinais.[31]
Características
[editar | editar a fonte]Visión xeral
[editar | editar a fonte]Foi unha iniciativa novidosa e única no seu xénero, precursora dos actuais parques temáticos, aínda que conta tamén cunha importante simboloxía masónica[32][10] e pedagóxica, sendo ás veces considerado coma un parque iniciático.[33] No parque, os irmáns incluíron numeroas fontes, estanques, covas, esculturas, avenidas arboladas, un labirinto, invernadoiros, pavillóns, relevos alegóricos e un pequeno zoolóxico.[10] Segundo se pode saber grazas a unha nota de prensa en Teruel, os estanques do parque serían navegables, e moitas fontes sinalan que no zoolóxico habería lobos, monos, un iac que tería mandado Afonso XIII, e unha cerva.[12]
Sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas,[a] combinaba na parte chá do terreo un amplo xardín de recreo, con variada vexetación, estanques e paseos, xunto á zona do Pasatempo propiamente dito, constituído por socalcos sucesivos que ascendían pola aba do monte, con estatuas, relevos e construcións que buscaban reflectir lugares e feitos de todo o mundo, conformando o que se denominou como un auténtico parque enciclopédico ao servizo da ilustración do pobo de Betanzos e os seus visitantes, e que figuraba nas guías de viaxe da súa época. Empregáronse na construción materiais novidosos e unha estética entre modernista e romántica mediante a distribución dos espazos con numerosos elementos relativos á cultura universal, inspirados na visión que lle proporcionara a Juan García as distintas viaxes que realizou.[34]
O parque contaba con numerosas estatuas das que agora se sabe que o 90 % eran reproducións de pezas que figuraban en catálogos de diferentes fundicións europeas.[12]
Estrutura
[editar | editar a fonte]A porta da parte baixa estaba custodiada por dous grandes leóns (dende os anos 60 na entrada do Santuario de Covadonga), como boa parte dos elementos ornamentais desta zona, e comunicaba coa avenida dos Emperadores Romanos, con bustos en mármore, e coa avenida dos Álamos, con estatuas de afamados escritores[35] Na actualidade o espazo que ocupaban a avenida dos Emperadores Romanos e o Estanque dos papas o ocupa o Estadio Municipal García Hermanos, onde o Betanzos Club de Fútbol disputa os seus partidos como local.[10][36][37] Nestes xardíns, cun labirinto vexetal e un invernadoiro, e numerosas fontes, estanques e estatuas, erixíase unha estatua dos propios irmáns, hoxe na praza principal de Betanzos.
Na aba do monte concéntrase a maior parte do parque orixinal, que estaba coroada por un león colosal de catro metros de alto, e cuxos muros están de relevos.[10] Nesta parte, coñecida como a parte alta, as estruturas distribuíanse en cinco niveis aos que se chegaba a través de escalinatas e pasos subterráneos imitando grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros, e con grandes explanadas e miradoiros á cidade.
No nivel inferior construíuse o estanque do Retiro, cunha insua central na que había dúas estatuas imitando figuras romanas, bordeadas por un coidadoso mosaico con motivos de peixes. Nas paredes do estanque, completamente decoradas con cunchas de distintos moluscos, hai relevos representando un globo aerostático e un funicular. Nun dos muros que separan un nivel doutro esculpíronse relevos de gran tamaño representando unha viaxe a Exipto, coa pirámide de Queops, a muralla chinesa e o canal de Panamá. No centro desta parede abríase a boca dun complexo entrecruzado de grutas pola que se ascendía ó nivel superior, cunha ampla terraza-miradoiro no que cómpre destacar un enorme león. Desde aquí accedíase a un parque zoolóxico, hoxe desaparecido, e á zona máis alta do parque, convertido en miradoiro.
Materiais
[editar | editar a fonte]Un feito chamativo do parque é a convivencia de materiais considerados nobles, como o mármore, a pedra ou os azulexos, con outros materiais como o cemento ou o formigón, que no momento da súa construción eran innovadores. En palabras de Ignacio Somovilla, autor de El Pasatiempo y otros jardines (extra)ordinarios:[10]
“ | Pode resultar chocante mais, como novos ricos que eran, buscaban o último e, nesa época, eses eran os materiais de moda. | ” |
— Ignacio Somovilla (El País, 2 de maio de 2024) |
Significado
[editar | editar a fonte]Descoñécese o significado e a intencionalidade do Parque do Pasatempo, debido en boa parte á destrución de moitos dos seus elementos, uns soamente decorativos e outros manifestamente pedagóxicos. Con todo, poden apreciarse nuemerosos elementos masóns, comezando pola críptica inscrición da súa entrada, na que se pode ler en letras maiúsculas:[10][38][39]
“ | VD. QUE LLE GUSTA VIAXAR E QUE TEN COÑECEMENTOS E UNHA EDUCACIÓN QUE SE SEPARA ELEVÁNDOSE DA DAS CLASES ELEVADAS DE ESPAÑA SACARÍA GRAN PROVEITO E GUSTO VISITANDO TODO ESTE PAIS DE ORIENTE... | ” |
Outro feito que faría referencia ao carácter masónico do parque sería a presenza dun escudo da organización, co compás, o escuadro, o mazo e a estrela. Esta representación, xa perdida, estaría situada no pasadizo que daba acceso ao templete do Estanque do Retiro.[10]
O historiador e director do Arquivo Municipal de Betanzos, Ángel Arcay, sinala que a propia estrutura da parte alta do parque, coa súa división en cinco niveis, podería corresponder cos graos da masonaría simbólica:[10]
“ | ... adquirindo en cada nivel os coñecementos que cada masón recibiría dentro da loxa | ” |
— Ángel Arcai, El País (2 de maio de 2024) |
Ademais desta división en cinco niveis, a zona alta do parque está formada por grutas e socalcos que poden interpretarse como o paso do máis escuro ao luminoso que poden simbolizar igualmente os distintos graos da masonaría.[12]
Non existe ningunha evidencia documental que demostre que os irmáns García Naveira foran masóns máis aló do seu xeito de actuar e do simbolismo presente no parque, e polo tanto non se pode demostrar que seguiran deliberadamente os preceptos masóns na súa obra.[10] Si que os irmáns tiveron contacto coa masonaría, aínda que non se sabe con seguridade se este contacto produciuse xa na Arxentina ou ao seu regreso, xa que nesa época sábese que había varias loxas con actividade na comarca.[12]
Lendas
[editar | editar a fonte]Ao longo da historia circularon numerosas lendas populares sobre o parque, como a presunta conexión das covas co exterior do parque ou que o león colosal orixinal fora dinamitado a petición das monxas que traballaban no nivel superior e que non quererían verlle os xenitais á escultura xigante do animal.[12]
Unha crenza moi estendida entre a poboación da vila é que a guerra civil española marcou o declive do parque, se ben este mantívose nun estado relativamente bo ata 1955, momento no que se construíu a estrada que partiu o parque en dous e propiciou a perda da maior parte do recinto.[12]
Galería
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do Parque do Pasatempo.
-
Pasarela sobre do xardín.
-
Xardín.
-
Labirinto.
-
Estanque do retiro.
-
Mosaicos do estanque do Retiro
-
Escudos.
-
Árbore xenealóxica do capital.
-
Representación do Exipto.
-
Interior dunha gruta.
-
Interior dunha gruta.
-
León nun miradoiro dos niveis superiores.
-
Invernadoiro.
-
Dragóns.
-
Mergullador explorando o mar.
-
Resto da decoración orixinal.
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago (Xunta de Galicia)
- ↑ "Juan María García Naveira" (en castelán). Real Academia de la Historia . Consultado o 29 de xuño de 2024.
- ↑ "Corrientes, la calle de los teatros" (en castelán). revisionistas.com.ar. Consultado o 15 de xullo de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Teijeiro Mosquera 2019, p. 371.
- ↑ 5,0 5,1 Teijeiro Mosquera 2019, p. 370.
- ↑ "Os imprescindibles". Turismo de Betanzos. Consultado o 15 de xullo de 2024.
- ↑ 7,0 7,1 Crespí Rodríguez 2002, p. 401-402.
- ↑ Cabano Vázquez, Pato Iglesias & Sousa Jiménez 1992, p. 19.
- ↑ 9,0 9,1 Crespí Rodríguez 2006, p. 443.
- ↑ 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 10,12 10,13 10,14 Pérez Ventana, Alfonso (2 de maio de 2024). "110 años de misterio: el admirado jardín público de Betanzos que sobrevive cerrado al abandono". El País (en castelán). Consultado o 12 de xullo de 2024.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Nebreda, Marcos (13 de decembro de 2011). "'El Pasatiempo', un sueño indiano que se resiste a morir". El Mundo (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2024.
- ↑ 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 12,10 Vázquez, Dolores (10 de xaneiro de 2021). "Secretos revelados de O Pasatemp". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 23 de xullo de 2024.
- ↑ Arcay Barral, Ángel (2020). El parque del Pasatiempo de Betanzos. Autoedición. ISBN 978-84-09-26081-2.
- ↑ "Campo de concentración de Betanzos" (en castelán). loscamposdeconcentraciondefranco.es. Consultado o 25 de xullo de 2024.
- ↑ "O campo de concentración de Betanzos". Nós Diario. 21 de outubro de 2019. Consultado o 25 de xullo de 2024.
- ↑ Pérez, Antares (2019-06-29). "O Pasatempo que intentó salvar Isaac". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-10-29.
- ↑ Corte, Cristina (8 de outubro de 2016). "Así viajaron los leones a Covadonga". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024.
- ↑ Casabella, Xosé Manuel (27 de outubro de 2019). "El viaje de los leones del Pasatiempo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024.
- ↑ Pérez, Antonio (12 de febreiro de 2017). "Los leones se quedan en Covadonga". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024.
- ↑ Gea, Juan Carlos (5 de outubro de 2016). "Betanzos quiere «rescatar» los leones de Covadonga". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2024.
- ↑ "Acontecementos do ano" (PDF). Anuario Brigantino: 327.
- ↑ "Campo de fútbol construido sobre el Estanque de los Papas" (en castelán). Cronista de Betanzos. 16 de abril de 2017. Consultado o 2 de setembro de 2024.
- ↑ "La Xunta insta a Betanzos a solicitar la declaración de BIC para el Pasatempo". Cadena SER. 17/02/2017. Arquivado dende o orixinal o 27/01/2018. Consultado o 06/06/2017.
- ↑ "Decreto del DOG nº 35 de 2020/2/20 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2022-10-29.
- ↑ "El expediente para que El Pasatiempo sea BIC lleva ya 35 años “en trámite”". El Ideal Gallego (en castelán). 29/09/2015. Consultado o 06/06/2017.
- ↑ O Parque do Pasatempo, declarado BIC como un dos máximos exemplos do eclecticismo
- ↑ Devesa, Caterina (27 de febreiro de 2019). "Betanzos cierra la zona histórica de O Pasatempo tras desprenderse una parte del templete del estanque". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2024.
- ↑ "El «BOE» bendice la declaración BIC del parque de O Pasatempo de Betanzos". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xuño de 2020. Consultado o 20 de agosto de 2024.
- ↑ Vázquez, Dolores (17 de febreiro de 2023). "El león de O Pasatempo de Betanzos, más visible al retirar vegetación que comprometía las grutas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de xullo de 2024.
- ↑ Martínez, Rosalía (29 de outubro de 2022). "El plan director del parque de O Pasatempo plantea su uso para talleres y obras de teatro". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de agosto de 2024.
- ↑ "Betanzos tramita una inversión de 3 millones para continuar con las obras de O Pasatempo". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 2024. Consultado o 16 de xullo de 2024.
- ↑ Arcay Barral, Ángel (2019). "Que é o Parque do Pasatempo?: Arte, capricho e iniciación". Anuario brigantino (42): 319–368. ISSN 1130-7625.
- ↑ Arcay Barral, Ángel (2017). "O Parque do Pasatempo de Betanzos: Narrativas para comprender un patrimonio profano". Atas do V Congresso Internacional Casa Nobre: Um património para o futuro (Arcos de Valdevez).
- ↑ El primer turista gallego, El País (en castelán).
- ↑ O portal Turgalicia escribe, erroneamente en presente, que hai "256 esculturas de papas, emperadores romanos".
- ↑ "HISTORIA DO CLUB". betanzoscf.org. Consultado o 13 de xullo de 2024.
- ↑ "El Pasatiempo de Betanzos: Imágenes de un desatino (III)" (en castelán). cronistadebetanzos.com. 16 de abril de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2024.
- ↑ Martín López 2023, p. 98.
- ↑ Cabano, Pato & Sousa 1986, p. 97.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Parque do Pasatempo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Betanzos. Ruta de los Hermanos García Naveira. Concello de Betanzos, 2009.
- Arcay Barral, Ángel (2019). "O Parque do Pasatempo de Betanzos: Narrativas para comprender un patrimonio profano" (PDF). Anuario Brigantino.
- Arcay Barral, Ángel; Duo Suárez, Yosune; Souto Santé, José (2020). El Parque del Pasatiempo de Betanzos (en castelán). ISBN 978-84-09-26081-2.
- Cabano Vázquez, Ignacio; Pato Iglesias, Mª Luz; Sousa Jiménez, Xosé (1992). «El Pasatiempo». O capricho dun indiano (2ª ed.). O Castro, Sada: Edicións do Castro. ISBN 84-7492-509-6.
- Cabano Vázquez, Ignacio; Pato Iglesias, Mª Luz; Sousa Jiménez, Xosé (1986). "El Pasatiempo (I) un país de Oriente" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (9).
- Crespí Rodríguez, José (2002). "El Pasatiempo un modelo utópico de ordenación" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (25).
- Crespí Rodríguez, José (2006). "Revalorización del Parque histórico de «El Pasatiempo»: Investigación, gestión e intervención" (PDF). Anuario Brigantino (en castelán) (29).
- Martín López, David (2023). "El jardín masónico en España, siglos XVIII-XXI: problemáticas de historiar y preservar". Revista electrónica de Patrimonio Histórico (en castelán). doi:10.30827/erph.33.2023.29740.
- Somovilla, Ignacio (2024). El Pasatiempo y otros jardines (extra)ordinarios (en castelán). Botanicae. p. 150. ISBN 978-84-09-56239-8.
- Teijeiro Mosquera, Daniel Lucas (2019). "O Parque do Pasatempo: unha «finca-museo»" (PDF) (42).
- Fuente García, Santiago de la. Gran Enciclopedia Galega, tomo 21.