Parador de turismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Parador de Turismo")
Paradores de Turismo
Logo-paradores.png
SantCompostela98.jpg
Hostal dos Reis Católicos
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1928
Localización Calle Requena, 3 28013 Madrid España España
Fundador Marqués de la Vega Inclán
Industria Hoteis
Número de empregados 3.400 (2011)
Páxina web parador.es

Os Paradores Nacionais de Turismo son un conxunto de hoteis situados en España e operados por Paradores de Turismo de España, S.A., unha empresa estatal que xurdiu en 1928 baixo o patrocinio do rei Afonso XIII. O Parador de Gredos, na provincia de Ávila foi o primeiro parador da rede. Os seguintes en abrir as súas portas foron os de Oropesa (Toledo) e Úbeda (Xaén) en 1930, Ciudad Rodrigo (Salamanca) en 1931 e Mérida (Badaxoz) en 1933. A rede foi especialmente promovida durante a época na que o político galego Manuel Fraga estivo á fronte do Ministerio de Información e Turismo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Coa súa creación buscábase aproveitar os numerosos monumentos históricos e artísticos, así como as paraxes de gran beleza que posúe España, para situar uns establecementos que permitisen coñecer a variada riqueza cultura, artística, histórica e paisaxística do país

A rede de Paradores abarca gran parte da xeografía española, desde os Pireneos ata as Illas Canarias. Boa parte deles están situados en edificios de interese histórico-artístico, tales como castelos ou mosteiros, que foron debidamente rehabilitados para usos hostaleiros. Outros, na súa maioría os de recente apertura, son de nova planta.

Tales establecementos adoitan estar situados en zonas apartadas e afastadas dos habituais circuítos turísticos. Deste xeito, ningunha das principais cidades de España (como Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla ou Bilbao) conta cun, aínda que todas teñen algún parador próximo. Nas Illas Baleares tampouco hai Paradores de Turismo. Porén, as Illas Canarias contan con cinco (en La Gomera, El Hierro, Tenerife, La Palma e Gran Canaria) e tamén hai en Ceuta e Melilla, as dúas cidades autónomas do norte de África.

No ano 2012, a rede de paradores estaba formada por 93 establecementos. O Plan de Expansión de Paradores fai fincapé na innovación e modernización.[1]

En Portugal, pódense atopar establecementos equivalentes aos Paradores de Turismo españois que reciben a denominación de Pousadas.

Paradores Museo[editar | editar a fonte]

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Portada do Parador de Santiago.

Un Parador Museo é un parador que trata de contar aos seus usuarios os secretos dun edificio que transmite a súa historia e as súas lendas, que informa de quen foron os personaxes que o habitaron, dos usos que tiñan no pasado os seus espazos, que significado esconde a decoración dos seus patios e fachadas, e como se distinguen os seus diferentes estilos arquitectónicos.

Os que se hospedan nun Parador Museo reciben, xunto coa chave do seu cuarto, unha guía de visita para poder facer un percorrido polo interior do monumento, durante o que van encontrando un conxunto de soportes informativos, ilustrados con planos, mapas, gráficos e fotografías, que explican os aspectos máis significativos do edificio.[2] Para a elaboración destes contidos, a rede de paradores conta cun equipo propio que investiga o pasado dos monumentos, mergullándose en arquivos históricos, bibliotecas e museos, até reuniren unha información ampla e fidedigna do pasado do parador.[3]

Parador de Cardona[editar | editar a fonte]

Castelo de Cardona.
Artigo principal: Parador de Cardona.

Instalado no Castelo de Cardona Barcelona, que ten as súas orixes no século III a.C., no que os iberos xa construíran no lugar unha fortificación e que, na alta Idade Media, foi fronteira da Marca Hispánica con Al-Andalus.

Neste enclave establecéronse as tropas francas de Carlomagno a finais do século VIII. Cen anos máis tarde, o conde Wifredo I o Viloso impulsou a construción do castelo e lle outorgou a primeira carta de poboación.

Desde o século XI até o XV foi a residencia dos señores de Cardona, que iniciaron a edificación das dependencias palacianas da espectacular canónica de Sant Vicenç, obra fundamental do románico catalán. A riqueza proporcionada polo sal impulsou o seu poder, até o punto de seren considerados como reis sen coroa.

A aparición da artillaría obrigou, no século XVII, a mellorar as defensas, levantándose baluartes e instalando canóns. O resultado foi unha fortaleza case inexpugnábel, que só capitulou o 18 de setembro de 1714 e que foi o último reduto da resistencia catalá ás tropas de Filipe V, pero que nunca rendeuse durante os interminables asedios das guerras dos Segadores, da Independencia ou das Carlistas.

As súas instalacións militares, que practicamente acabaron derruídas, foron reconvertidas nun parador, que abriu as súas portas en 1976.[4]

Parador de Granada[editar | editar a fonte]

Parador Museo de Granada.
Artigo principal: Parador de Granada.

Situado nun convento de finais do século XV (Convento de San Francisco) construído por decisión dos Reis Católicos, dentro do recinto da Alhambra, sobre un palacio nazarí do que aínda se conservan restos, como a Sala Nazarí.

Numerosas obras de arte e pezas de mobiliario antigo decoran o claustro e as estancias interiores.[5]

Parador de León[editar | editar a fonte]

Parador de León.
Artigo principal: Parador de León.

O Parador Museo de León, un dos monumentos máis importantes do Renacemento español, ocupa o antigo Mosteiro de San Marcos, Mosteiro-Hospital construído a partir do século XVI que sucedeu a outro dos tempos do rei Afonso VI.[6] Parte do edificio alberga o Museo da cidade.

A orixe deste edificio data do século XII, cando a infanta Sancha de Castela realizou unha doazón destinada á construción dun modesto edificio ás aforas da cidade no que puideran "hospedarse os pobres de Cristo", converténdose así nun templo-hospital para refuxio dos peregrinos que realizaban o Camiño de Santiago.

No século XVI derrubouse este hospital, realizándose un novo grazas a unha doazón de Fernando o Católico, baixo a dirección de Xoán de Orozco (igrexa), Martín de Villarreal (fachada) e Xoán de Badajoz o Mozo (claustro e sancristía). A construción foi, porén, moi lenta, sendo finalizadas as obras no século XVIII.

O parador dispón, ademais dos cuartos e o restaurante, de amplos salóns e unha biblioteca. Así mesmo garda numerosas obras artísticas e decorativas. Pinturas da escola flamenga, tallas de madeira, mobles recuperados de igrexas e casas señoriais derrubadas, tapices e tamén obras de artistas contemporáneos, como Lucio Muñoz, Vela Zanetti, Redondela, Álvaro Delgado, Ochoa, Macarrón e Vaquero Turcios. Severo Ochoa, nunha das súas visitas ao parador, comentou: "Que sorte que teñan tres obras do meu amigo Goñi", ao que á dirección do parador contestou: "Don Severo, non só temos tres, senón trinta". En canto ao edificio, a principios do século XIX o capitán de navío da Royal Navy Samuel E. C. Widdrington dixo: "Nada pode sobrepasar a beleza dos arabescos e demais ornamentos da fachada de San Marcos.[7]

Parador de Oropesa[editar | editar a fonte]

Castelo novo de Oropesa.
Artigo principal: Parador de Oropesa.

O castelo Novo de Oropesa, na vila do mesmo nome, na provincia de Toledo, data do ano 1402 en que pasou, co condado creado en 1475, aos duques de Frías. Estes vendérono ao Concello, que o usou como coso taurino. Posteriormente foi adquirido polo estado.

A vila de Oropesa e o seu castelo (vello) foran cedidas en 1355 a Don García Alvarez de Toledo, por renunciar a ser Gran Mestre da Orde de Santiago en favor dun fiel seguidor de Henrique II. O castelo foi escenario das loitas mantidas pola sucesión ao trono de Xoana a Beltranexa e, posteriormente, dos disturbios comuneiros. Desde esta fortaleza saíu o conde de Oropesa, aliado de Xoán de Padilla, para combater ás tropas imperiais de Carlos V.[8]

No conxunto destacan a Torre da homenaxe (que non forma parte do parador) e as columnas e soportais do patio.

Parador de Úbeda[editar | editar a fonte]

Fachada principal do Parador de Úbeda, xunto á Capela do Salvador.
Artigo principal: Parador de Úbeda.

O Parador de Úbeda, un dos paradores máis antigos de España, posto que foi inaugurado en 1930, emprázase no Palacio do Deán Ortega, declarado Ben de Interese Cultural, antiga casa nobiliaria de estilo renacentista de traza clásica atribuída ao arquitecto Andrés de Vandelvira. De feito, trátase do antigo palacio que ocupaba o deán da contigua Sacra Capela do Salvador.

O palacio foi construído no século XVI e reformado ao longo do XVII. Consta duna sobria fachada de pedra cunha fermosa entrada adintelada. No seu interior destaca o patio de dupla galería, coa parte superior acristalada e unha serie de delicadas columnas de estilo renacentista-nazarí.

Recentemente realizáronse obras de ampliación, restaurando un edificio adxunto para novos cuartos, mantendo o equilibrio co contorno da Praza Vázquez de Molina, pero aumentando o espazo para recepcións e restauración.

Paradores en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia hai un total de 11 paradores e outro en construción en Muxía.[9][10]

Imaxe Nome Localización Categoría Construción
Santiago Hostal Obradoiro.jpg Hostal dos Reis Católicos (Parador Museo) Santiago de Compostela ***** Pazo/Recinto histórico
Hospital Real en 1499
Ferrol-112.jpg Parador de Ferrol Ferrol *** Rexional
Pazo mariñeiro
TorreVilalba.JPG Parador de Vilalba Vilalba **** Torreón Medieval
Século XV
Parador de Ribadeo Ribadeo **** Rexional mariñeira
Claustro do mosteiro de San Vicente do Pino.jpg Parador de Monforte de Lemos Monforte de Lemos **** Convento/Mosteiro
Século XVII
Verín Parador 167.JPG Parador de Verín Verín *** Rexional
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín, Galiza 12.jpg Parador de Santo Estevo Nogueira de Ramuín **** Mosteiro/Convento
Século X
Rio Miño y al fondo las murallas de ValenÇa.jpg Parador de Tui Tui **** Pazo
Parador de Baiona, fachada suroeste.JPG Parador de Baiona Baiona **** Rexional
Pontevedra coats of arms838.JPG Parador de Pontevedra Pontevedra **** Pazo
Século XVI
Pazo de Bazán (s. XVII).jpg Parador de Cambados Cambados **** Pazo
Século XVII

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plan estratéxico Paradores 2009-2012
  2. Que é un Parador Museo [Ligazón morta] Consultada o 5/2/2012.
  3. Paradores Museo [Ligazón morta] Consultada o 4/2/2012.
  4. Cardona [Ligazón morta] Consultada o 5/2/2012.
  5. Parador Museo de Granada [Ligazón morta] Consultada o 5/2/2012.
  6. Parador de León [Ligazón morta] Consultada o 5/2/2012.
  7. Samuel Edward Cook Widdrington, Sketches in Spain, 1829.
  8. de Oropesa Castelo de Oropesa CastillosNet (en castelán) Consultada o 5/2/2012.
  9. Parador Muxía
  10. Lado, J.V. (10-4-2016). "La burocracia garantiza otro año perdido en el Parador de Muxía". La Voz de Galicia (en español). Consultado o 25-7-2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]