Saltar ao contido

Tabaco (planta)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Nicotiana tabacum»)

Este artigo trata sobre a planta, para a manufactura véxase o artigo tabaco.

Tabaco

Unha leira de tabaco.
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Solanales
Familia: Solanaceae
Subfamilia: Nicotianoideae
Tribo: Nicotianeae
Xénero: Nicotiana
L.
Especie: N. tabacum
Nome binomial
'Nicotiana tabacum'
L., Sp. Pl., vol. 1: 180, 1753 [1]
Inflorescencias.
Flor, vista lateral.

O tabaco[1] (Nicotiana tabacum) é unha planta herbácea perenne, da familia das solanáceas, oriúnda de América tropical e de cuxas follas se produce a meirande parte do tabaco consumido hoxe no mundo.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A verba galega tabaco é de orixe incerta, posibelmente de termos provenientes do árabe tabbaq cos que se designaban plantas medicinais que mareaban ou facían durmir.

Descrición

[editar | editar a fonte]

N. tabacum é unha herba anual, bienal ou perenne, pubescente-glandulosa, robusta, de 50 cm até 3 m de altura. A raíz é longa e fibrosa. O talo é erecto, de sección circular, piloso e viscoso ao tacto. Ramifícase preto do seu extremo superior, producindo follas mestas, grandes (30–40 cm de longo por 10 a 20 de largo), alternas, sésiles, ovado a lanceoladas, apuntadas, de cor verde pálida; ao tacto comparten a viscosidade do talo. Son febles, e botan un cheiro lixeiramente agre e narcótico, por mor á nicotina, un alcaloide volátil de sabor agresivo e cheiro intenso.

As flores, actinomorfas, hermafroditas, bracteadas e pediceladas son verde-amarelentas ou rosadas segundo a variedade, cun pequeno cáliz de 1 a 2 cm e unha corola pubescente, de cinco lóbulos ovados, de até 5 cm. O ovario é glabro; a planta é hermafrodita, producindo flores de ambos os dous sexos. A polinización é entomófila, sendo himenópteros e lepidópteros os principais polinizadores. Aparecen a comezos do verán, e contra outubro dan un froito cápsular ovoide e coriáceo de 1,5-2,5 cm de longo, con sementes infra-centimétricas pardas con apículo.[2]

N. tabacum parece ter sido o resultado dun cruzamento espontáneo entre Nicotiana sylvestris e Nicotiana tomentosa. É tetraploide.

Distribución

[editar | editar a fonte]

O centro de orixe do tabaco sitúase na zona andina entre o Perú e o Ecuador, onde os primeiros cultivos seica tiveron lugar entre cinco mil e tres mil anos a.C.[3].

Artigo principal: Cigarro.

Crese que a planta de tabaco, a Nicotiana tabacum, é orixinaria da zona do planalto andino e que chegou ao Caribe uns 2 000 ou 3 000 anos antes de Cristo. Cando Cristovo Colón chegou ás Américas, a planta xa se estendera por todo o continente e case todas as súas tribos e nacións tiveran contacto co tabaco e tiñan con el unha relación máis ou menos intensa.

O 28 de outubro de 1492 foi unha data clave na historia do tabaco. Ese día, Colón e as súas naves chegaron á baía de Bariai, cacicado de Maniabón, na costa noroeste da illa de Cuba, ao norte da actual provincia de Holguín. «...Es aquella isla la más hermosa que ojos hayan visto...», escribiría logo Colón no seu diario, impresionado polo esplendor e a variedade de cores que lle ofrecía a terra que acababa de descubrir.

Uns días máis tarde Colón, como era o seu costume, mandou a dous dos seus homes, Luis de Torres e Rodrigo de Xerez, a explorar a zona circundante e, se era posíbel, contactar cos emisarios do Gran Khan. Colón aínda cría que chagara ás Indias, e a súa única obsesión era reunirse con ditos emisarios para levar a cabo a principal misión que lle encomendaran os Reis Católicos: firmar un tratado comercial.

Entre os días 2 e 5 de novembro, os dous exploradores percorreron a zona próxima ao lugar de desembarco e encontráronse cos habitantes da illa, os indios taínos. Unha das cousas que máis lles chamou a atención foi ver a homes e mulleres aspirando o fume duns cilindros de follas secas.

De regreso a Praia Branca, na baía, relatan a Colón o que viran e este fixo a seguinte anotación no seu diario o 6 de novembro de 1492:

...Iban siempre los hombres con un tizón en las manos (cuaba) y ciertas hierbas para tomar sus sahumerios, que son unas hierbas secas (cojiba) metidas en una cierta hoja seca también a manera de mosquete..., y encendido por una parte del por la otra chupan o sorben, y reciben con el resuello para adentro aquel humo, con el cual se adormecen las carnes y cuasi emborracha, y así diz que no sienten el cansancio. Estos mosquetes... llaman ellos tabacos.

Hai que destacar as palabras cuaba, cojiba e tabaco que utiliza Colón no seu diario. Crese que cojiba (tamén cohiba, cohoba ou cojoba) é a palabra taína que designaba ao mosquete ou rolo de follas secas que fumaban, o primeiro nome do cigarro. Cuaba fai referencia a un arbusto do Caribe que aínda hoxe se utiliza no campo para transportar lume dun lugar a outro e para prender fogueiras, debido á súa extremada combustibilidade. E tabaco era o nome do tubo en forma de «Y» co que os indios aspiraban tabaco en po, aínda que hoxe é a palabra que se usa en Cuba e na República Dominicana para dicir «cigarro».

As primeiras sementes trouxéronse a Europa en 1559 e foron plantadas en leiras situadas arredor de Toledo (España). Dende alí estendeuse o seu cultivo polo mundo enteiro. Contra 1560 o tabaco era xa coñecido en Castela e Portugal. Neste último país, para eses anos, estaba como embaixador de Francia o cabaleiro Jean Nicot, quen se interesou pola exótica planta. Cando o mencionado embaixador regresou ao seu país, levou consigo follas de tabaco para obsequiar á raíña Catarina de Medicis (a esposa de Henrique II) polo que se a chamou "herba da raíña", "nicotiana" ou "herba do embaixador".

En 1584 un dos máis célebres aventureiros ingleses, Sir Walter Raleigh, fundou en América do Norte a colonia de Virxinia e adquiriu dos indíxenas o costume de fumar en pipa (a pesar da opinión do rei Xacobe).

Noutras nacións como o Xapón, Rusia, a China ou Turquía, pasouse da sanción moral a medidas máis drásticas. O sultán turco Murad IV mandou executar a numerosos fumadores. En 1638 as autoridades chinesas ameazaban con decapitar a todo o que traficase con tabaco.

Máis recentemente, os primeiros cigarros envoltos papel manufacturados e empaquetados chegan a España contra 1825; en 1833 aparecen os primeiros paquetes (cajetillas) e é cando se o denomina «cigarrillo» o «cigarrito», que provén da palabra «cigarro» (o cigarro puro), chamado así pola súa similitude cunha cigarra (chicharra). Introducido por mercadores procedentes do Brasil, proseguiu a súa expansión por Portugal e máis tarde por toda Europa.

A Guerra de Crimea serviu para popularizar os cigarrillos (cigarettes) entre as tropas francesas, imitando aos turcos que fumaban en pipa. En 1830 en España esténdese o consumo de cigarrillos, especialmente entre as mulleres, e o «papel español para cigarritos» é coñecido e apreciado en toda Europa, aromatizado con licor e estampado con vivas cores. Aínda que o auténtico auxe prodúcese coa máquina de vapor estadounidense Bonsack, que era capaz de liar millóns de cigarrillos, invento de James Albert Bonsack cuxa patente comprou James Buchanan Duke en 1885. Nas frontes de guerra popularizouse durante a Guerra franco-prusiana de 1870.

Os pitos foron, desde entón, de gran valor nas guerras e nas situacións de crises económicas. Durante a segunda guerra mundial chegáronse a pagar 400 francos por unha cigarette e, máis recentemente, durante os días seguintes ás revoltas en Romanía que derrocaron ao réxime comunista, o pito converteuse en moeda de cambio habitual.

Trátase dun cultivo delicado, xa que as sementes son moi miudiñas polo que cómpre facer unha sementeira previa en alcouve e despois facer o transplante. Unha vez que as plantas medran, poden acadar os dous metros de alto. Cómpre de solos esponxosos, areentos e de boas cualidades agronómicas. Adóitase plantar en regadío e se escollen manualmente as follas que se han levar a instalacións para secado ou fermentación de xeito controlado.

Composición Química

[editar | editar a fonte]
  • Glícidos (40%), sales minerais (15-20%) e ácidos fenois (cafeico, cloroxénico).
  • Principios activos: Alcaloides piridínicos (2-15%). O principal é a nicotina, líquido oleoso, volátil, solúbel na auga e solventes orgánicos.

Actividade farmacolóxica

[editar | editar a fonte]
  • É un estimulante ganglionar: É dicir, ten un efecto estimulador complexo, do sistema simpático e parasimpático. Produce efectos estimulantes, seguidos dun estado de depresión, polo que actúa primeiro como estimulante ganglionar e despois coma gangliopléxico.
  • Estimula o sistema nervioso central (SNC), producindo taquicardia e aumento da presión arterial.
  • No sistema dixestivo: Produce diarrea, aumento da secreción gástrica e pirose (quemadela no esófago).
  • Nun indutor encimático, xa que afecta ás concentracións plasmáticas doutros fármacos.
  • É aditivo.
  1. Nome vulgar galego da planta do tabaco en Termos esenciais de botánica Santiago de Compostela, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009; e Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012
  2. Nicotiana tabacum en Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid. p. p.
  3. Tabaco y tabaquismo en la historia de México y de Europa
  4. Sinónimos en The Plant List - xaneiro 2013

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]