James Buchanan Duke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
James Buchanan Duke
Nome completoJames Buchanan Duke
Nacemento23 de decembro de 1856 e 1856
Lugar de nacementoDurham, Carolina do Norte
Falecemento10 de outubro de 1925 e 1925
Lugar de falecementoNova York
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupaciónemprendedor
PaiWashington Duke
NaiArtelia Duke
FillosDoris Duke
IrmánsBenjamin Newton Duke
Na rede
WikiTree: Duke-1287 Find a Grave: 304 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
James B. Duke House na Quinta Avenida de Nova York

James Buchanan Duke, nado en Durham, Carolina do Norte, o 23 de decembro de 1856 e finado en Nova York o 10 de outubro de 1925, foi un industrial estadounidense do tabaco e a electricidade, coñecido pola introdución da fabricación e venda do cigarro moderno[1] e pola súa implicación na Universidade Duke.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

James Buchanan Duke, coñecido como "Buck", naceu o 23 de decembro de 1856 preto de Durham, Carolina do Norte, fillo do industrial e filántropo Washington Duke (1820–1905) e da súa segunda esposa, Artelia Roney Duke.[2]

Negocios[editar | editar a fonte]

O pai de Duke era propietario dunha compañía tabaqueira da que os seus fillos James e Benjamin (1855–1929) se encargaron na década de 1880. En 1885, James Buchanan Duke obtivo unha licenza para usar a primeira máquina automatizada para producir cigarros, inventada por James Albert Bonsack, e en 1890, Duke proporcionaba o 40% do mercado estadounidense do cigarro. Ese ano, Duke consolidou o control sobre os seus catro competidores principais baixo unha entidade corporativa, a American Tobacco Company, que era un monopolio que controlaba máis do 90% do mercado estadounidenses. As súas tácticas de barón ladrón levárono directamente ás guerras do tabaco Black Patch en 1906-1908.

A comezos do século XX, Duke intentou conquistar o mercado británico como fixera co estadounidense, obrigando finalmente as fábricas británicas a fusionarse na Imperial Tobacco Company of Great Britain and Ireland, Ltd (Imperial Tobacco). Tras dous anos de intensa competencia en Gran Bretaña, Imperial Tobacco levou a loita ao mercado estadounidense, forzando a American Tobacco a procurar un acordo. Isto resultou nun convenio polo que American Tobacco controlaba o comercio estadounidense, Imperial Tobacco o comercio nos territorios británicos, e unha terceira parte, unha cooperativa chamada British-American Tobacco Company se establecía entre as dúas para controlar a venda de tabaco no resto do mundo. Durante ese tempo, Duke foi demandado repetidamente polos seus socios e accionistas. En 1906, a American Tobacco Company foi declarada culpable por violacións das leis antimonopolio e ordenouse que se dividise en dúas empresas separadas: American Tobacco Company, Liggett & Myers, R. J. Reynolds e P. Lorillard Company.

En 1892, os Duke abriron a súa primeira firma téxtil en Durham, Carolina do Norte, que foi dirixida polo seu irmán Benjamin. Co cambio de século, Buck organizou a American Development Company para adquirir terras e dereitos sobre a auga no río Catawba. En 1904, creou a Catawba Power Company e o ano seguinte el e o seu irmán fundaron a Southern Power Company, que logo foi coñecida como Duke Power, precursora do conglomerado Duke Energy. A empresa proporcionaba electricidade á fábrica téxtil dos Duke e nas seguintes dúas décadas, as súas instalacións foron expandidas enormemente e achegaban electricidade a máis de 300 muíños de algodón e a outras compañías industriais. Duke Power estableceu unha rede eléctrica que servía cidades e vilas na rexión de Piedmont de Carolina do Norte e do Sur. O lago James, encoro para producir enerxía no oeste de Carolina do Norte, foi creado pola empresa en 1928 e bautizado en honor de Duke. O Buck Steam Station do condado Rowan, Carolina do Norte, construído en 1926, tamén se chamou así por Duke.

En 1911, a Corte Suprema dos Estados Unidos ratificou unha orde que rompía o monopolio da American Tobacco Company. A compañía dividiuse entón en varias empresas máis pequenas, das que só British-American Tobacco Company permaneceu en control de Duke.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Duke casou dúas veces, a primeira en 1904 con Lillian Fletcher McCredy (tamén coñecida como Lillian Nanette Duke). Divorciáronse en 1906 e non tiveron fillos. En 1907 casou coa viúva Nanaline Holt Inman, coa que tivo a súa única filla, Doris, nada o 22 de novembro de 1912. Doris creceu en Duke Farms, situadas en Hillsborough, Nova Jersey, onde o seu pai traballara con paisaxistas como James Leal Greenleaf (membro da firma Frederick Law Olmsted) e Horatio Buckenham para transformar máis de 8 km2 de terras nunha extraordinaria paisaxe con 2 invernadoiros, 9 lagos, 35 fontes, 45 edificios e incontables esculturas, sobre 3 km de muros de pedra e máis de 29 km de estradas.[3]

Duke faleceu en Nova York o 10 de outubro de 1925 e está enterrado co seu pai e o seu irmán na Memorial Chapel do campus da Universidade Duke. Residiu na súa casa, Lynnewood en Charlotte, Carolina do Norte, durante os últimos cinco anos da súa vida.[4] Foi incluído na lista nacional de lugares históricos en 1978.[5]

Filantropía e testamento[editar | editar a fonte]

Estatua de James B. Duke fronte a West Campus Quad.

En decembro de 1924, Duke estableceu The Duke Endowment, un fondo de 40 millóns de dólares, parte do cal foi ao Trinity College. A universidade foi rebautizada como Universidade Duke en honor do seu pai. A biblioteca James B. Duke Library, principal biblioteca do cambpus da Universidade Furman, tamén recibiu o seu nome pola súa relación filantrópica coa universidade.[6]

Á súa morte, deixou aproximadamente a metade das súas propiedades ao Duke Endowment, que achegou outros 67 millóns de dólares ao fondo. No contrato do trust, Duke especificou que o legado apoiase a Universidade Duke, o Davidson College, a Universidade Furman, a Universidade Johnson C. Smith; hospitais e fogares para nenos sen ánimo de lucro nas dúas Carolinas; e igrexas metodistas unidas de Carolina do Norte, pastores xubilados e as súas familias sobreviventes.

O resto das propiedades de Duke, estimadas en aproximadamente 100 millóns de dólares, foron para a súa filla, Doris, converténdoa na "nena máis rica do mundo".[7] Doris demandou a súa nai polo control das granxas Duke e gañou. Asociando as granxas cos recordos do seu pai, Doris Duke fixo algúns cambios importantes na propiedade ademais da adaptación do invernadoiro do seu pai para crear uns xardíns na súa honra.[8] Estes xardíns acollían a extensa colección de esculturas do seu pai e estiveron abertos ao público dende 1964 ata que foron pechados polos administradores da fundación en maio de 2008.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kremer, William (13 Nov 2012). "James Buchanan Duke: Father of the Modern Cigarette". BBC News. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 13 Nov 2012. 
  2. "The Duke Family and its Legacy". Duke Endowment. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 2 de xuño de 2008. 
  3. "History". Duke Farms. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2008. Consultado o 11 de febreiro de 2008. 
  4. Hood, Davyd Foard; Mobley, Joe (n.d.). "James Buchanan Duke House" (PDF). National Register of Historic Places - Nomination and Inventory. North Carolina State Historic Preservation Office. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 1 de febreiro de 2015. 
  5. Modelo:NRISref
  6. James Duke Arquivado 28 de marzo de 2018 en Wayback Machine., Philanthropy Hall of Fame
  7. Pace, Eric (29 de outubro de 1993). "Doris Duke, 80, Heiress Whose Great Wealth Couldn't Buy Happiness, Is Dead". New York Times. Consultado o 7 de maio de 2008. 
  8. "The Gardens at Duke Farms". Skylands Visitor Guide. Consultado o 2 de xuño de 2008. 
  9. "Duke Farms Promotes 'Greener' Future" (Nota de prensa). Duke Farms. 2 de marzo de 2008. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2008. Consultado o 14 de abril de 2008. it's the final months of the gardens being on display in the greenhouses that have enchanted visitors since 1964 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]