María Telo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
María Telo
María Telo.jpg
Nacemento8 de outubro de 1915
 Cáceres
Falecemento5 de agosto de 2014
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Salamanca
Ocupaciónavogada e xurista
editar datos en Wikidata ]

María Telo Núñez, nada en Cáceres o 8 de outubro de 1915 e finada en Madrid o 5 de agosto de 2014,[1] foi unha xurista e feminista española, considerada unha das 100 mulleres do século XX pola súa defensa dos dereitos da muller. Doutora honoris causa pola Universidade de Salamanca,[2] Premio Scevola 2011[3] polo seu compromiso coa xustiza e pola súa loita a prol da democracia e a igualdade da muller e Premio Clara Campoamor 2006.[4] É autora do libro Mi lucha por la igualdad jurídica da mujer.[5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de notario, en 1932 iniciou os estudos de Dereito na Facultade de Dereito da Universidade de Salamanca. Por falta de dúas materias e debido o estoupido da Guerra Civil española, tivo que esperar ata 1940 para poder obter, pola Universidade de Zaragoza, a licenciatura. As reformas lexislativas da ditadura franquista impedíronlle acceder ao corpo de notarios. Como ela mesma relata no discurso de investidura:

Meu pai, que fora militar, e que sendo tenente coronel fíxose notario, pretendía que todos os seus fillos estudasen dereito, pero comigo existía un problema, que era muller, polo que comecei o bacharelato de Ciencias, para ser farmacéutica, pero tiven a fortuna de que a República permitise a entrada da muller nese Corpo, o mesmo ano 1931, en que se proclamou. O meu bacharelato de Ciencias quedou descartado e comecei o de Letras para estudar Dereito. Pero ocorreu que cando me faltaban dúas materias para rematar a carreira, estourou a guerra civil. Os horizontes fecháronse, os exames quedaron suspendidos e non se reanudaron ata o ano 1940, data en que rematei a miña licenciatura. O ditador borrou de vez toda a lexislación da República, e volvín a atoparme con que non podía opositar a notarías.
María Telo Núñez, Discurso Honoris Causa[6]

En 1944 opositou ao Corpo Técnico de Administración Civil do Ministerio de Agricultura, sendo a primeira muller en acceder a el. Foi alí onde coñeceu o que sería o seu esposo, Juan Manuel Fernández Albor, con quen tivo unha única filla. Especializouse en Dereito de Familia.

Nos anos 50 iniciou as súas accións a prol da mellora da situación xurídica das mulleres. Mantivo correspondencia con Clara Campoamor.[7] Nun artigo publicado en ABC dixo:

Cando en setembro de 1969 eu iniciei a loita para liberar á muller das cadeas xurídicas ,a súa situación era tan vexatoria e alienante dentro da familia, con proxección no público, que había artigos como o 1263 que situaba á muller casada entre os menores, os tolos ou dementes e os xordomudos. O artigo 57 obrigaba a muller a obedecer ao marido e a licenza marital era como a súa sombra para todos os actos da vida. Sen licenza, practicamente, a muller só podía facer testamento.

Activismo durante a ditadura franquista[editar | editar a fonte]

María Telo pertenceu a varias asociacións e organizacións estatais e internacionais que tiñan entre os seus fins a defensa dos dereitos das mulleres. A finais dos anos cincuenta,[10] María Telo ingresou na Federación Internacional de Mujeres de Carreras Jurídicas (FIMCJ).

Foi en 1969 cando organizou o Consello anual desta federación en Madrid. O relatorio de María Telo, baixo o título La mujer en el derecho civil analizou a situación de inferioridade xurídica das mulleres españolas. Este relatorio tivo gran repercusión. Nese Consello coñecéronse varias avogadas que decidiron crear a Comisión de Estudos dependente da FIMCJ, co obxectivo de "estudar as conclusións acordadas no Consello e reivindicalas ante as autoridades correspondientes". Chegaron a visitar as máximas autoridades en materia xurídica del país —o xefe de Estado e a delegada nacional da Sección Femenina de Falange (SF)—.Máis tarde, en xullo de 1971, creouse a Asociación Española de Mujeres Juristas (AEMJ), baixo a presidencia de María Telo Núñez. Os fins desta asociación son: o estudo do dereito, especialmente no que afecte directamente á muller ou á familia; promover a adecuación de normas legais á época actual e a promoción da muller, dentro das súas respectivas profesións, e particularmente das tituladas en Dereito.

En 1976 organizou o I Congreso Internacional de Mujeres Juristas que tivo lugar do 13 ao 16 de decembro en Madrid.[11]

Participación na Comisión Xeneral de Codificación[editar | editar a fonte]

A AEMJ solicitou a incorporación de mulleres xuristas na Comisión General de Codificación (CGC),[12] que é, dende a súa creación polo Real Decreto de 19 de agosto de 1843, o máximo órgano consultivo do Ministerio de xustiza. Para isto houbo de presentar varios escritos nos que se fundamentaba a solicitude con argumentos como este:

Excmo. Sr., nosoutras somos as primeiras en lamentar, por ser as máis afectadas directamente, que ningunha muller xurista poida ter a oportunidade de acceder ós postos que para ser Vogal nato da devandita Comisión General de Codificación son requiridos, a causa de estar prohibido en España, ata hai cinco anos en maxistratura e dez anos noutras profesións, o ingreso da muller, excepción feita da actuación no Foro 'María Telo Núñez'

María Telo y la participación de mulleres xuristas na Comisión General de Codificación (1973-1975).[10]

O 23 de decembro de 1972 foille comunicada a constitución, no seo da Comisión General de Codificación, dunha sección especial para o estudo das incidencias que os cambios sociais puidesen ter producido no dereito de familia e a formulación, no seu caso, das correspondentes propostas. María Telo foi nomeada xunto a tres mulleres máis para formar parte desta Comisión. Os traballos culminaron coa promulgación da Lei 14/75 de 2 de maio de 1975 que lle devolveu á muller a súa capacidade plena de obrar ao eliminar a obediencia ao marido, a licenza marital e todas as discriminacións por razón de sexo agás dúas: a patria potestade conxunta e a administración conxunta dos bens gananciais.

En 1978, por razóns ideolóxicas, abandonou a asociación que ela creara.

Activismo dende a democracia española[editar | editar a fonte]

A súa obra xurídica e política foron decisivas para a reforma do Código Civil. A patria potestade conxunta e a administración conxunta dos bens gananciais foron obxecto da lei de 13 de maio de 1981 sobre «Filiación, patria potestade e réxime económico matrimonial», en cuxo estudo María Telo participou activamente na CGC. Igualmente tivo unha destacada participación nos estudos previos á aprobación da lei de 7 de xullo de 1981 sobre «Clases de matrimonio, separación, nulidade e divorcio». Seguiu pertencendo á CGC como Vogal Permanente durante anos. Dende 1982, como secretaria de Lingua Española da Federación Internacional de Mulleres Juristas, promoveu a creación de sete asociacións de Mulleres de Carreiras Xurídicas, incardinadas en Porto Rico, Perú, Arxentina,Colombia, Bolivia, Brasil e Chile.

O 23 de novembro de 2005, impartiu a conferencia na Plataforma por los Permisos Iguales e Intransferibles de Nacimiento y Adopción onde dixo:

Por iso o acadar que o permiso de paternidade sexa obrigatorio, paréceme unha medida moi sabia para romper esa complicidade masculina entre empresario e traballador. Os empresarios, e a sociedade en xeral, han de comprender que tanto o home como a muller son seres humanos, que non son máquinas; que teñen fillos e ambos teñen a obriga e o dereito de coidalos e gozar da súa compaña nos primeiros tempos da súa vida. E que se isto comporta un certo prexuízo para a empresa, non se pode saldar facendo recaer a carga só sobre a mai en prexuízo do seu traballo e reservándose o traballo do pai no seu propio beneficio. É unha medida moi mentalizadora, pois ao ser obrigatoria creará costume, e ao cabo de certo tempo considerarase e abrirá camiño a outras igualdades.

O 10 de xuño de 2008, no acto de investidura como doutora honoris causa, afirmou que a desigualdade subsiste, situando a raíz deste problema en que os roles que o home a a muller desempeñan dentro da familia son desiguais "e as súas consecuencias proxéctanse no mercado laboral, na ocupación de postos de poder, de decisión e de responsabilidade, etc.". Aludiu á dobre xornada, ós traballos a tempo parcial ou de horario flexible de distinta natureza que, asegurou, "arruínan" a formación das mulleres. A xurista, que acadara modificacións importantes do Dereito de familia, terminou o seu discurso enunciando o que segundo ela é o reto do século XXI, non denantes apelar a gobernantes, empresarios e sindicatos, de quen dixo que "deberan de tomar conciencia a nivel mundial da necesidade dun cambio na produción"."Na mentalización está o reto do século XXI, —dixo— e en conseguila debe involucrarse a muller, esixindo dos gobernos medidas adecuadas e sancións duras para os que as incumpran."[6]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • Premio Clara Campoamor, primeira edición, Concello de Madrid, en 2006.
  • Premio Scevola, en 2011 á Ética e calidade dos profesionais do dereito.
  • Doutora Honoris Causa pola Universidade de Salamanca en novembro de 2007, presentada e defendida pola profesora Esther Martínez Quinteiro en xuño de 2008.
  • Medalla ao mérito no traballo, do Consello de Ministros, en 2007.
  • Lazo de Dama ao Mérito Agrícola do Ministerio de Agricultura en 1972, pola súa obra e publicacións sobre Dereito agrario.
  • Cruz Distinguida de Primeira Clase de San Raimundo de Peñafort, do Ministerio de xustiza, en 1976.
  • Medalla ao mérito da Doutora Pérez Perozo, fundadora da Federación Venezolana de Avogadas (FEVA), en Caracas, 1978.
  • Premio Rosa Manzano, da Organización “Mujer y Socialismo” do PSOE, en 1992.
  • Premio Mujer Progresista 1995 da Federación de Mujeres Progresistas, en Madrid, en 1996.
  • Condecoración da Federación Latinoamericana de Abogadas, outorgada en Caracas, en 1996, "como testemuño e recoñecemento á súa solidariedade para as avogadas e mulleres de carreiras xurídicas, nas loitas por obter verdadeiros espazo de igualdade, xustiza e paz para a humanidade e polo seu esforzo ao contribuír á evolución das institucións do dereito".
  • Premio muller europea, da Unión de mulleres por Europa, outorgado en Madrid o 21 de outubro de 1999 "polo seu valor histórico para transformar nos primeiros anos da Transición Política española o Dereito de Familia en España e a súa labor como fundadora e presidenta da AEMJ, para, tras abandonar esta, seguir traballando polos dereitos da muller".
  • Placa da Federación Internacional das mulleres de carreiras xurídicas, outorgada en 2002.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nogueira, Charo (14 de agosto de 2014). "María Telo, la abogada de la igualdad". El País (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2018. 
  2. "La jurista María Telo y el economista Álvaro Cuervo, nuevos honoris causa de la Universidad" (en castelán). 10 de xuño de 2008. 
  3. "María Telo Núñez recibe el premio Scevola por su lucha a favor de la democracia y de los derechos de la mujer". Diario Juridico.com (en castelán). 19 de marzo de 2012. Consultado o 9 de marzo de 2015. 
  4. Martínez Quinteiro, Esther (10 de xuño de 2008). "Laudatio de la Dra. Esther Martínez Quinteiro" (PDF). Universidad de Salamanca (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2018. 
  5. Telo Núñez, María. Mi lucha por la igualdad jurídica de la mujer. ISBN 9788499031897. 
  6. 6,0 6,1 Telo Núñez, María (10 de xuño de 2008). "Discurso de la doctora María Telo Núñez" (PDF). Universidade de Salamanca (en castelán). Consultado o 7 de agosto de 2018. 
  7. Aznar Soler, Manuel. "Escritores, editoriales y revistas del exilio republicano de 1939" (en castelán). Renacimiento. ISBN 9788484722885. 
  8. Telo Núñez, María (18 de xaneiro de 1998). "Las investigadoras de la mujer". ABC (xornal) (en castelán): 64. 
  9. Telo Núñez, María. "Las investigadoras de la mujer". nodo50 (en castelán). 
  10. 10,0 10,1 Franco, Rosario (decembro de 2003). "La situación legal: discriminación y reforma". En Gloria Nielfa Cristóbal. Mujeres y hombres en la España franquista: sociedad, economía, política, cultura (en castelán). Complutense. pp. 117–143. ISBN 84-7491-745-X. 
  11. "Se ha clausurado el I Congreso Internacional de Mujeres Juristas". ABC (en castelán). 19 de decembro de 1976. Consultado o 13 de xuño de 2016. 
  12. Ruiz Franco, Rosario (2006). "María Telo y la participación de mujeres juristas en la Comisión General de Codificación (1973-1975)". Asparkía (en castelán) 17: 165–180. ISSN 1132-8231. 
  13. "María Telo. Intervención en acto sobre Permiso de paternidad obligatorio en acto celebrado el 23 de novembro de 2005 en el Instituto Cervantes de Madrid" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 04 de agosto de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]