Manuel Lesteiro López

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manuel Lesteiro
Manuel Lesteiro López.jpg
Nome completo Manuel Lesteiro López
Nacemento 27 de novembro de 1907
Lugar Pontevedra
Falecemento 16 de novembro de 1999
Lugar Pontevedra
Nacionalidade España
Alma máter Universidade de Santiago
Universidade da Coruña
Firma de Manuel Lesteiro López.png
editar datos en Wikidata ]

Manuel Lesteiro López, nado en Pontevedra o 27 de novembro de 1907 e finado o 16 de novembro de 1999, foi un lingüista, estenógrafo, intelectual galeguista e profesor catedrático de Taquigrafía, inventor da taquideografía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse na taquigrafía como discípulo do calígrafo Luciano Rodríguez Requena en 1920, segundo o método martiniano, e especializouse no sistema Pitman baixo a tutela do mestre Benjamín T. Rodríguez, graduándose como taquígrafo bilingüe español-inglés pola Escola Politécnica Nacional da Habana en 1925. Nos anos seguintes licenciouse en Filosofía e Letras, Sección de Historia, pola Universidade de Santiago en apenas tres sesións de exames, e titulouse como Profesor Mercantil pola Escola Profesional de Comercio da Universidade da Coruña, e como Mestre Nacional do Grao Profesional pola Escola de Maxisterio de Pontevedra, compaxinando deste xeito as súas principais vocacións: a escritura, a lingüística, a historia, a docencia e o cálculo matemático.[1]

A súa precocidade nesta última xa o levara por recomendación dos seus profesores, moito antes de cursar estudos de especialización, a facerse cargo da contabilidade da sucursal de Pontevedra do Banco de Vigo entre 1922 e 1923, con apenas catorce anos. En 1929 puxo en marcha a primeira oficina do Padroádego Nacional de Turismo de Pontevedra, en tándem con Xosé Filgueira Valverde.[2] Pouco despois, por oposición, obtivo a cátedra de profesor de Taquigrafía e Mecanografía, ademais de adxunto de Historia e Inglés, e accedeu como Xefe de Negociado ao Ministerio de Obras Públicas, para o que en 1950 chegou a trazar, calcular e redatar el só o 90% dos proxectos de convalidación de transportes de toda a provincia.[3] Foi namentres copropietario do Café Savoy, un dos principais centros de faladoiro intelectual da cidade,[4] e continuou cultivando a súa vocación políglota de forma autodidacta: ás linguas maternas (español e galego) e ás adquiridas na infancia e como estudante (inglés, francés, latín, grego) engadiu máis tarde o alemán e o portugués, e despois, con máis de oitenta anos de idade, engadiría tamén o italiano.[5]

Manuel Lesteiro, Claudio Losada, Álvaro das Casas e Filgueira Valverde cos Ultreya en Noia, retrato en Vida Gallega, 1932.

Foi un dos membros fundacionais do Partido Galeguista, a través do que trabaría amizade con Castelao. Tamén formou parte de Ultreya desde os primeiros meses da súa constitución, e foi un dos seis directores rexionais que a Federación de Mocedades Galeguistas designou en toda Galicia para promover a normalización do galego nos ámbitos educativos e profesionais. Nesta mesma época escribiu na revista Nós, poñendo de manifesto nos seus ensaios as correspondencias entre espírito, idea e palabra, as relacións entre home, pobo e paisaxe, e a importancia do concepto de fondo ancestral, nunha reivindicación da responsabilidade histórica de conservar e revitalizar a lingua galega como única forma de expresión posible da súa identidade cultural.[6][7] En 1935, a desaparición da revista, a politización da Federación de Mocedades Galeguistas e a intensificación das disputas ideolóxicas no seo do partido levárono a afastarse do activismo galeguista, ao entender que en pouco máis de tres anos tíñase desviado irremediablemente dos seus propósitos iniciais.

Durante a Guerra Civil colaborou como estenógrafo con Radio Pontevedra e Faro de Vigo, desempeñando un papel decisivo na difusión de noticias a diversas rexións de España, illadas da actualidade nun período marcado pola ausencia de axencias informativas. Apenas dous días despois de ser licenciado desta función, en novembro de 1937, o Goberno Militar solicitou a súa reincorporación inmediata, por consideralo "indispensable no seu desempeño". En virtude dos seus méritos neste labor, unha vez restablecidos os servizos de información foi nomeado secretario persoal do Ministro de Defensa Nacional, Fidel Dávila, practicamente ata o final da guerra.[3]

Sendo un dos poucos catedráticos españois adscritos ao sistema Pitman de taquigrafía, concibiu unha adaptación sintética deste método, que describiu en 1945 no seu libro Metataquigrafía.[8] En paralelo a esta publicación, investiu máis de dúas décadas de estudos lingüísticos, históricos e filosóficos, ademais do caudal de coñecementos adquiridos a partir da súa experiencia profesional e docente, en desenvolver o seu propio sistema evolucionado de taquigrafía, a taquideografía. Mediante esta nova forma de escritura, presentada en 1952 na súa obra Taquideografía con prólogo de Filgueira Valverde, acadou o seu propósito de levar a estenografía ata o seu maior grao de síntese posible, reducindo a notación taquigráfica a meros índices ópticos de base ideográmica que, a través dun proceso de abstracción análogo ao das convencións matemáticas, ligan directamente a lectura e a escritura ao pensamento.[9] Meses antes publicara como separata, a xeito de introducción, a súa Teoría de la escritura, por cuxas notas de exexese bíblica e interpretación biolóxica recibiu a bendición apostólica do papa Pío XII e a felicitación do doutor Gregorio Marañón.[3]

Ao fío da repercusión destas obras, foi un dos articulistas convidados a participar en 1953, cun ensaio a dobre páxina sobre o nacemento e a evolución da escritura ata a teoría taquideográfica, no número conmemorativo do centenario de Faro de Vigo, xunto a demais escritores e personalidades destacadas do mundo da cultura como Camilo José Cela, Eugeni d'Ors, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Georges Duhamel o Wenceslao Fernández Flórez, entre outros.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Foi fillo do industrial e político Manuel Lesteiro Martínez e irmán de Raquel Lesteiro López, Directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ademais de cuñado do historiador Ramón Iglesia Parga[10] e tío político do poeta Gregorio San Juan.[11]

Obra[editar | editar a fonte]

Lingüística[editar | editar a fonte]

  • Metataquigrafía (1945). Pontevedra: Dirección General de Propaganda.
  • Taquigrafía elemental (1947). Pontevedra: Imp. C. Peón.
  • Teoría de la escritura (1952). Pontevedra: Imp. C. Peón.
  • Taquideografía. Curso completo autodidáctico (1952). Pontevedra: Imp. C. Peón.
  • Prácticas de mecanografía al tacto (1959). Pontevedra: Imp. Antúnez.

Artigos[editar | editar a fonte]

  • Perspeitivismo, esprito e língua (1931). Revista Nós, nº 90.
  • Paisaxe i-esprito (1935). Revista Nós, nº 137-138.
  • La atrayente historia del nacimiento y evolución de la escritura (1953). Faro de Vigo. Número especial conmemorativo del centenario (1853-1953).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lesteiro, Manuel (1952). Imp. C. Peón, ed. Taquideografía. Curso completo autodidáctico (en español). Pontevedra. p. IV. 
  2. Cañada, Silverio, ed. (1974). "Lesteiro López, Manuel". Gran Enciclopedia Gallega (en español) XIX. p. 45. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Lesteiro, Manuel (1953). "La atrayente historia del nacimiento y evolución de la escritura". Faro de Vigo. Número especial conmemorativo del centenario (1853-1953): 207. 
  4. Torre, Rafael L. (2013). Tekla, ed. Pontevedra, de vuelta y media (en español). Pontevedra. p. 218. ISBN 978-84-616-7550-0. 
  5. "Fallece a los 91 años el lingüista Manuel Lesteiro". Diario de Pontevedra (en español). 17 de novembro de 1999. p. 47. 
  6. Lesteiro, Manuel (1931). "Perspeitivismo, esprito e língua". Nós (90). 
  7. Lesteiro, Manuel (1935). "Paisaxe i-esprito". Nós (137-138). 
  8. "Liquidación de unas oposiciones". El Mundo Taquigráfico (en español) (364): 76. 1930. 
  9. Lesteiro, Manuel (1952). Imp. C. Peón, ed. Teoría de la escritura (en español). Pontevedra. pp. XXIII–XXIV. 
  10. "Pontevedra". El Correo de Galicia (en español). 5 de agosto de 1928. p. 13. 
  11. Bernardo Estornés Lasa, ed. (2011). "San Juan García, Gregorio". Auñamendi Eusko Entziklopedia (en español). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]