Madeleine Pelletier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMadeleine Pelletier

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento18 de maio de 1874 Editar o valor em Wikidata
2º distrito de París, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte29 de decembro de 1939 Editar o valor em Wikidata (65 anos)
Épinay-sur-Orge, Francia Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Ictus Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaÉpinay-sur-Orge Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de París Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoEnsaio Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpolítica , biógrafa , escritora , suffragette , activista polos dereitos das mulleres , ensaísta , autobiógrafa , médica , antropóloga , psiquiatra , editora literaria Editar o valor em Wikidata
Partido políticoSección Francesa da Internacional Obreira
Partido Comunista Francés Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata

Madeleine (Anne) Pelletier, nada en París o 18 de maio de 1874 e finada en Épinay-sur-Orge o 29 de decembro de 1939, foi unha psiquiatra, antropóloga, política, sufraxista e activista francesa. En 1906 converteuse na primeira muller doutora especializada en psiquiatría no seu país. Fíxose coñecida polos seus compromisos políticos e filosóficos, que a converteron nunha das feministas francesas máis coñecidas do século XX.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada como Anne Pelletier nunha familia pobre, de moza interesouse pola política e asistiu a reunións socialistas e anarquistas. Retomou os estudos que interrompera na adolescencia e converteuse na primeira muller en Francia en recibir un doutoramento en psiquiatría. O seu compromiso político levouna a unirse á masonaría, á Sección Francesa da Internacional Obreira (SFIO) e a liderar unha asociación feminista.

En 1917 entusiasmouse coa Revolución de Outubro e emprendeu unha viaxe esperanzada á Unión Soviética en 1921. De volta en Francia, continuou a loita por unha sociedade comunista escribindo numerosos artigos, ensaios e obras literarias. Tamén combateu o auxe do fascismo e non cesou a loita feminista. Aínda que foi acusada por algúns de misandria, foi axudada por un doutor que pasou pola pobreza, tivo compañeiros de partido maiormente homes, ela mesmo vestíase moitas veces con roupas masculinas e non hai evidencia de que mostrase misandria.

Sufriu un derramo cerebral en 1937 que a deixou hemipléxica, pero continuou co seu activismo até ser acusada inxustamente de practicar un aborto en 1939. Foi ingresada nun psiquiátrico, onde a súa saúde se deteriorou, e faleceu dun segundo derramo ese mesmo ano.

Xuventude e formación[editar | editar a fonte]

Madeleine Pelletier adoitaba usar roupas masculinas na época.

Madeleine Pelletier naceu nunha familia de recursos limitados. O seu pai, Louis Pelletier, antigo condutor de carruaxes, quedou paralítico a causa dun derramo cerebral en 1878. A súa nai Anne Passavy, vendedora de verduras, de personalidade pouco afectuosa e moi conservadora, estivo sobrecargada polos coidados ao seu marido, o seu negocio nunha área desfavorecida, e á crianza dos seus fillos nun contexto de múltiples embarazos, dos cales só sobreviviron Madeleine e o seu irmán maior, Louis.

Tras a marcha deste, Madeleine viviu como filla única e, ao morrer o pai, dende os quince anos, só coa súa nai. A súa infancia e adolescencia foron marcadas por dificultades que contribuíron ao desenvolvemento das súas conviccións políticas e filosóficas, en contraposición ás da súa nai. Comezou a participar en círculos socialistas e anarquistas, que reforzaron a súa convicción na necesidade da instrución, que abandoara aos doce anos.[2] Na idade adulta mudou o seu nome a Madeleine.[3] En 1896, aos 22 anos, aprobou por pouco a primeira fase do exame de acceso á universidade, e no ano seguinte obtivo un sobresaínte que lle permitiu inscribirse en estudos de medicina. Co apoio financeiro e intelectual de Charles Letourneau, un médico que tamén superara a pobreza, decidiu retomar os seus estudos e loitar contra as restricións educativas impostas ás mulleres da época. Converteuse na primeira muller psiquiatra francesa, tras superar grandes obstáculos educativos e sociais.[4]

En 1901 empezou a traballar como interna substituta no asilo de Villejuif e logo na clínica de maternidade Baudelocque. En 1903 defendeu a súa tese L'Association des idées dans la manie aiguë et dans la débilité mentale e en 1906, converteuse na primeira doutora francesa especializada en psiquiatría.[5]

A súa experiencia na antropoloxía, estudando a relación entre o tamaño do cranio e a intelixencia baixo as teorías de Paul Pierre Broca, levouna finalmente a cuestionar e rexeitar as premisas pseudocientíficas que sostiñan a inferioridade intelectual feminina e a supremacía da "raza branca", e mesmo a antropoloxía tal como se formulaba nesa época.[1]

Anos de loitas[editar | editar a fonte]

Photo de la couverture d'un journal
De 1912 a 1924, Pelletier colaborou irregularmente coa revista anarquista L'Idée Libre

Pelletier, após completar a súa formación, dedicouse activamente á psiquiatría e mergullouse no activismo político e social. Traballou en asilos psiquiátricos e escribiu artigos científicos, mentres se iniciaba na masonaría en 1904, mantendo a súa pertenza até a súa morte a pesar de varios enfrontamentos colectivos.[1]

Desde 1906, exercendo como doutora, ocupou diversos roles, incluíndo o de médico nocturno para atender especialmente aos pobres. Participou en movementos feministas e políticos, asumindo a presidencia de "Solidariedade das Mulleres" e incorporándose á SFIO, onde promoveu cambios máis radicais. En 1910 propúxose como candidata ás eleccións lexislativas e municipais, pero os dirixentes asignáronlle un concello no que era imposible gañar. Aínda que o seu resultado foi superior ao da anterior candidata socialista, perdeu categoricamente nas eleccións.[6] Sentiuse decepcionada polo limitado impacto do seu activismo e pola resistencia ás súas ideas sobre o aborto e a familia, o que a levou a achegarse aos anarquistas.

Colaborou con prensa antimilitarista até a chegada da Primeira guerra mundial, cando intentou servir na fronte, pero foi rexeitada; entón, traballou para a Cruz Vermella, e en 1914, foi ao campo de batalla do Marne e volveu aínda máis antimilitarista, retornando á medicina tras desilusionarse coa acción militante debido ás horrores da guerra.[7]

En 1920, o Congreso de Tours da SFIO marcou a división entre os comunistas, fieis á Terceira Internacional, e os socialistas partidarios da Segunda Internacional. Pelletier, entusiasmada pola revolución rusa, uniuse aos comunistas, aínda que, neste novo partido, coñeceu vellos adversarios. Comezou a escribir análises das obras de Lenin ou Trotsky para o xornal La Voix des Femmes e tras o congreso de Tours, apoiou ao Partido Comunista. Decidiu ver cos seus propios ollos os "logros" da Rusia soviética (especialmente no ámbito da igualdade de xénero), polo que foi alí soa e en segredo. A viaxe non coincidía co que ela soñara, debido á fame, pobreza, vixilancia policial, etc. Porén, Pelletier seguiu crendo no comunismo e buscou explicacións para os males de Rusia (guerra contra as potencias capitalistas, apatía poboacional, etc.). Xa no outono de 1921, en Francia, contou a súa historia, La Voix des Femmes. A publicación desgustou ao partido. Cada vez máis en desacordo co Partido Comunista, deixouno en 1926.[1]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Despois de deixar o partido comunista, volveu aos movementos anarquistas. Ao mesmo tempo, a súa situación material mellorou, mercou unha casa en Gif-sur-Yvette e un coche, pero continuou mantendo unha vida pública e activista, escribindo artigos feministas e comunistas. Tamén adoptou unha postura contra o fascismo italiano de Mussolini en 1925, pero tamén o defendido por grupos de nacionalistas franceses. Así, denunciou ao Partido Socialista fundado por Gustave Hervé, o seu antigo compañeiro de SFIO.[1]

En 1933, foi acusada ter practicado un aborto. Non obstante, os cargos finalmente son retirados e non foi procesada. A finais de 1937 volveuse hemipléxica por efecto dun ictus, e para sobrevivir dependía da axuda de amigos.[1] En 1939, nun ambiente de caza a quen practicaba abortos, foi detida por ter participado dunha nena de 13 anos, violada polo seu irmán. Pelletier declarouse inocente, e dado o seu estado de saúde e parálise, o xulgado admitiu que non tería sido quen de facelo. No entanto, foi considerada "un perigo para si mesma, para os demais e para a orde pública" e ordenouse o seu ingreso na clínica psiquiátrica de Sainte-Anne e despois de Épinay-sur-Orge.[8] Nese mesmo ano, morreu aos 65 anos, despois dun segundo ictus.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Maignien, Claude; Sowerwine (1992-01-01). Madeleine Pelletier, une féministe dans l'arène politique (en francés). ISBN 9782708229600. 
  2. CP. "Madeleine Pelletier 1874-1939 - [Divergences, Revue libertaire internationale en ligne]" (en francés). Consultado o 2017-01-31. 
  3. Sowerwine, Charles (1982-01-28). Femmes Et Le Socialisme (en inglés). ISBN 9780521234849. 
  4. Jacques Chazeau, « Constance Pascal (1877-1937), première femme psychiatre et médecin-chef des hôpitaux psychiatriques en France », Histoire des sciences médicalesvol. 35, no 1, 2001, p. 85.
  5. SOUMET, Hélène (2014-05-15). Les Travesties de l'Histoire (en francés). ISBN 9782754067775. 
  6. Holmes, Diana; Tarr (2006-01-30). A Belle Epoque?: Women and Feminism in French Society and Culture 1890-1914 (en inglés). ISBN 9780857457011. 
  7. Beach, C. (2005-06-15). Staging Politics and Gender: French Women’s Drama, 1880–1923 (en inglés). ISBN 9781403978745. 
  8. Christine Bard, "Leas vaincues de l'an 40", dans Évelyne Morin-Rotureau, 1939-1945 : combats de femmes, Autrement, (ISBN 9782746701434), p. 29

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]