Lion (moeda escocesa)
Lion de Roberto III (1390-1406) | |
---|---|
ROBERTVS : DEI : GRACIA : REX : SCOTTORVM; armas reais. | XPC : REGNAT : XPC : VINCIT : XPC : IMPERAT, Santo André crucificado, con dúas flores de lis. |
Lion. (= 5 xilins). AU. 27 mm. 4 g. [1] |
O lion (voz inglesa; en galego: "león") coñecido tamén como coroa escocesa, era unha moeda escocesa de ouro introducida por Roberto III (1390-1406), inicialmente co valor de 5 xilins ou 1/4 da libra escocesa.[2][3][4]
O seu nome provén da representación do león heráldico do seu anverso, que forma parte do escudo de armas de Escocia e é un dos seus símbolos nacionais.[2][3][4][5]
A moeda de medio lion recibe a denominación de demy.[6][7]
Historia
[editar | editar a fonte]Roberto III a Xacobe IV
[editar | editar a fonte]A primeira moeda con este nome foi cuñada por Roberto III (1390-1406), co valor de 5 xilins.[2][3][8]
Nunha primeira emisión, no período 1390-1403, a moeda tiña un diámetro de 27 mm e un peso de arredor de 60 grans (ca. 4 gramos), cunha lei de 22 quilates, en tanto que na segunda etapa o peso se reduciu a 38 grans (2,452 gramos) e o diámetro a 14 mm, mantendo a mesma lei. Esta redución de peso foi paralela a outra equivalente da moeda de prata.[8][9][10]
O motivo principal do anverso é o escudo escocés coroado, co habitual león rampante, que lle deu nome á moeda. Esta tipoloxía imitaba a do écu á la couronne, cuñado en 1385 por Carlos VI de Francia. A lenda do anverso é ROBERTVS DEI GRACIA REX SCOTTORVM ("Roberto, pola graza de Deus, rei dos escoceses").[11]
No reverso está representado o protector de Escocia, Santo André, crucificado e flanqueado por dúas flores de lis, motivo polo que, en ocasións, estas moedas son coñecidas tamén como Saint Andrew.[3][12] A lenda da primeira emisión era a mesma que a da moeda francesa, XPC REGNAT XPC VINCIT XPC IMPA ("Cristo reina, Cristo conquista, Cristo manda"), en tanto que na segunda emisión foi cambiada por DNS : P:TECTOR MS LIBERAT MS ("Deus é o meu protector e o meu redentor").[8][9][10]
A mesma moeda foi retomada por Xacobe II (1437-1460), cun peso de 3,5 gramos e agora dotada dun valor de 10 xilins ou media libra escocesa, coa mesma tipoloxía e as mesmas lendas que o lion da primeira emisión do seu antecesor.[13]
Tamén Xacobe IV (1488-1513) cuñou o lion de ouro, nesta ocasión cun valor de trece xilins e catro peniques.[14]
María Estuardo (1542-1567)
[editar | editar a fonte]½ Lion de María Estuardo (1542-1567) | |
---|---|
MARIA · D · G · R · SCOTORVM; escudo coroado. | DILIGETE IVSTICIAM 1553, monograma REGINA MARIA. |
½ lion. (= 22 xilins). AU. 21 mm. 4 g. [15][1] |
O lion emitido a nome de María I (1542-1567) achega cambios substanciais na súa tipoloxía. A moeda, agora cun peso 78,52 de grans (ca. 5,01 gramos) e unha lei de 22 quilates, pasou a valer 44 xilins.[16][17]
Este novo lion foi cuñado en 1553 no marco da primeira serie de emisións de María, con anterioridade ao seu matrimonio co Delfín de Francia, Francisco II. No seu anverso amosa o escudo de Escocia coroado, flanqueado polas letras I e G, correspondentes a Iacobus Gubernator (James Hamilton, duque de Châtellerault e segundo conde de Arran), o rexente durante os primeiros anos da raíña María.[18] A lenda é MARIA · DEI · GRA · R · SCOTORVM ("María, pola graza de Deus, raíña dos escoceses"). O motivo principal do reverso é un monograma coroado formado polas letras de REGINA MARIA, rodeado pola lenda DILIGIT · IVSTICIAM · ("Amade a xustiza"), e a data de 1553.[17]
Xunto co lion, María I cuñou tamén na mesma data o medio lion, de 22 xilins, con idéntica tipoloxía e coa metade de peso. [15]
Xacobe VI
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Noble (moeda escocesa).
Outra moeda de ouro co nome de lion foi o coñecido como lion noble (ou angel escocés), introducido en 1584 por Xacobe VI (1567-1625) durante a súa cuarta serie de emisións (1582-1588).[19] O anverso desta nova moeda está caracterizado pola figura dun gran león coroado en posición sedente, cunha espada e un cetro en senllas gadoupas dianteiras, rodeado pola lenda POST 5 & 100 PROA' INVICTA MANENT HEC. No reverso reprodúcese unha cruz cuxos brazos están formados polo monograma I R (Iacobus rex) e un S no centro, coa lenda DEVS IVDICIVM TVVM REGI DA e o ano de emisión.[20][21][22]
O valor desta moeda era de tres libras escocesas e 15 xilins (ou 75 xilins escoceses). Medía 31,8 mm de diámetro e tiña un peso de 78,5 grans (ca. 5 gramos).[21]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "1 Lion - Robert III". Numista.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Lion2". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Lion". En Frey, A. R. (1916). Páxina 135.
- ↑ 4,0 4,1 Stewart, I. (1955).
- ↑ Klütz, K. (2004).
- ↑ "Demy". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
- ↑ "Demy". En Frey, A. R. (1916). Páxina 63.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Stewart, I. (1955). Páxinas 37-40.
- ↑ 9,0 9,1 "1 Lion - Robert III (Heavy Coinage, 2nd Issue)". Numista.
- ↑ 10,0 10,1 "1 Lion - Robert III Light Coinage, Type II". Numista.
- ↑ "Coin (obverse), lion, from reign of Robert III". National Museums Scotland.
- ↑ Belaubre, J. (1996).
- ↑ "1 Lion - James II". Numista.
- ↑ "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
- ↑ 15,0 15,1 "22 Shillings - Mary I 1st Period". Numista.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxinas 80 e seguintes.
- ↑ 17,0 17,1 "44 Shillings - Mary I 1st Period, 1st Issue". Numista.
- ↑ Franklin, D. B. (1995). The Scottish Regency of the Earl of Arran: A Study in the Failure of Anglo-Scottish Relations. Edwin Mellen Press. ISBN 978-0773489714
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxinas 94 e 95.
- ↑ "Fourth Coinage: Lion Nobles". E n Holmes, N. M. McQ. (2006). Láminas 54-55.
- ↑ 21,0 21,1 "Modern coin - HCR41678: Lion Noble". Ashmolean Museum. Oxford.
- ↑ Ficha da moeda Arquivado 31 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Belaubre, J. (1996). Dictionaire de Numismatique médiévale occidentale. París. Léopard d'Or. ISBN 2-86377-121-3
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Holmes, N. (2006). Sylloge of Coins of the British Isles. 58. Scottish Coins in the National Museum of Scotland, Edinburg. Part I. Oxford University Press. ISBN 0-19-726328-3
- Klütz, K. (2004). Münznamen und ihre Herkunft. Viena. Moneytrend Verlag. ISBN 3-9501620-3-8
- Lindsay, J. (1845). A view of the coinage of Scotland. Cork.
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.