Saltar ao contido

Rider

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rider de Xacobe VI (1567-1625)
· IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM ·; o rei con armadura e de a cabalo. · SPERO · MELIORA ·, escudo coroado.
Rider. 1593. AU. 5,09 g. [1]

O rider (en galego: "cabaleiro") foi unha moeda escocesa de ouro introducida por Xacobe III de Escocia (1460-1488), inicialmente cun valor de 23 xilins ou 1,15 libras escocesas, chamada así pola imaxe do rei como cabaleiro que se amosa no seu anverso.[2][3]

Xacobe II (1460-1488)

[editar | editar a fonte]

Xacobe III foi o introdutor de dúas novas moedas de ouro no sistema monetario escocés: o unicorn, de 18 xilins, e o rider, con valor de 23 xilins, que baseaba a súa tipoloxía no franc á cheval, cuñado en Francia preto dun século antes.[4] A súa cuñaxe comezou en 1475.[2] O seu diámetro era en torno aos 24 milímetros e o seu peso de 78,5 grans (ca. 5,06 gramos).[5]

O motivo principal do seu anverso, do que a moeda tomou o nome, é unha imaxe do rei de a cabalo, con armadura, erguendo unha espada na man e cabalgando cara á dereita.[2] A lenda que o circunda é IACOBVS : DEI : GRA : REX SCOTOR ("Xacobe, pola graza de Deus, rei dos escoceses").[5]

No reverso represéntase o escudo coroado coas armas escocesas situado no centro dunha gran cruz, rodeado pola lenda SALVVM FAC POPVLVM TVVM DNE ("Oh, Señor! Salva o teu pobo").[5]

Paralelamente ao rider cuñáronse tamén os valores de 1/2 rider e 1/4 rider.[2][3][6][7][8]

Xacobe VI (1567-1625)

[editar | editar a fonte]

Xacobe VI retomou, no marco da súa sétima serie de emisións (1593-1601), a cuñaxe do rider de ouro. Nesta segunda época, a moeda conservaba o peso e a lei da moeda orixinal, e mesmo a súa tipoloxía era moi semellante, coa única alteración da inclusión da data no exergo do anverso e a eliminación da cruz do reverso. O que si que cambiou, por mor da desvalorización do xilin, foi o valor: en tanto que o rider de Xacobe III valía 23 xilins, o de Xacobe VI pasou a valer 100 xilins ou, o que é o mesmo, cinco libras escocesas.[9][10]

A lenda do anverso é · IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM · ("Xacbobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses") e a do reverso · SPERO · MELIORA · ("Espero cousas mellores").[10]

O rider de Xacobe VI cuñouse anualmente entre 1593 e 1601, excepto en 1596, 1597 e 1600.[10] En paralelo ao rider, neses mesmos anos emitíronse tamén moedas de 1/2 rider, coa mesma tipoloxía.[2][3][6][11]

  1. "1 Rider - James VI 7th coinage". Numista.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Rider". En Frey, A. R. (1916). Páxina 201.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Rider3". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
  4. Klütz, K. (2004).
  5. 5,0 5,1 5,2 "1 Rider - James III Issue of 1475-83". Numista.
  6. 6,0 6,1 "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
  7. "½ Rider - James III Issue of 1475-83". Numista.
  8. "Coin (reverse), quarter rider, from reign of James III Arquivado 29 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
  9. Stewart, I. (1955).
  10. 10,0 10,1 10,2 "1 Rider - James VI 7th coinage". Numista.
  11. "½ Rider - James VI 7th coinage". Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]