Saltar ao contido

Noble (moeda escocesa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Noble é a denominación de senllas moedas escocesas de ouro e de prata, a primeira delas introducida en 1357 polo rei David II (1329-1371) e a segunda cuñada por primeira vez por Xacobe VI (1567-1625) antes de acceder ao trono de Inglaterra.[1]

Noble de ouro

[editar | editar a fonte]

David II (1329-1371)

[editar | editar a fonte]

Na súa reforma monetaria de 1357, David II introduciu no sistema monetario escocés dúas novas moedas: o groat de prata e o noble, como primeira moeda de ouro do país. No mesmo ano, Adam Tor, o responsable da Casa da Moeda de Edimburgo, recibiu a encarga de ocuparse das cuñaxes dos dous novos valores. Nos libros de contas da ceca figura unha mención a "James Mulekyn, de Florencia", como mestre gravador en Escocia, probablemente autor dos cuños de ambas as moedas.[2]

O noble escocés de ouro foi creado tomando como base o noble inglés cuñado a partir de 1354 por Eduardo III de Inglaterra (1327-1377), que se caracterizaba pola figura do rei sobre un navío no anverso, en pé e cunha espada e o escudo coas armas de Inglaterra e de Francia, e unha cruz ornamentada no reverso, con leóns coroados nos seus cuarteis.[1][3][4][5]

A moeda escocesa, poucos anos posterior, retomou a mesma tipoloxía, aínda que cunha notable modificación no anverso: no escudo que sostén o rei sobre o navío, en lugar das armas inglesas e francesas introduciuse por vez primeira nunha moeda o característico león rampante das armas escocesas, que fora introducido por Guillerme I (1165-1214).[2][6] A lenda que rodea os motivos do anverso é + DAVID: DEI: GRA: REX: SCOTOROTVM ("David, pola graza de Deus, rei dos escoceses") e a do reverso coincidía exactamente coa do noble inglés: + IHC AUTEM TRANSIENS PER MEDIUM ILLORUM IBAT ("Mais Xesús, pasando entre eles, marchou").[7][8]

O noble tiña un peso de 120 grans troy (ca. 7,77 gramos) e un diámetro de 36 milímetros. Estaba cuñado en ouro cunha lei de 23,875 quilates e tiña un valor de 6 xilins e 8 peniques ou, o que é o mesmo, un terzo da libra escocesa.[6][8]

Coñécense unicamente sete exemplares desta moeda, que se conservan nas coleccións numismáticas do Museo Hunterian[9] (Glasgow), do Museo Nacional de Escocia[10] (Edimburgo); do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico[11] (Londres) e do Museo Ashmolean (Oxford).[8][6]

Xacobe VI (1567-1625)

[editar | editar a fonte]

Lion noble

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Lion (moeda escocesa)

Logo de tres séculos de existencia doutras diversas moedas de ouro no sistema monetario escocés (lion, unicorn, hatpiece, sword & sceptre etc.) Xacobe VI retomou o noble na súa cuarta serie de emisións, coa cuñaxe en 1584 do chamado lion noble. O anverso desta nova moeda está caracterizado pola figura dun gran león coroado en posición sedente, cunha espada e un cetro en senllas gadoupas dianteiras, rodeado pola lenda POST 5 & 100 PROA' INVICTA MANENT HEC. No reverso reprodúcese unha cruz cuxos brazos están formados polo monograma I R (Iacobus rex) e un S no centro, coa lenda DEVS IVDICIVM TVVM REGI DA e o ano de emisión.[12][13][14]

O valor desta moeda era de 3 libras escocesas e 15 xilins (ou 75 xilins escoceses). Medía 31,8 mm de diámetro e tiña un peso de 78,5 grans (ca. 5 gramos).[13]

Thistle noble

[editar | editar a fonte]

Xa na quinta serie de emisións, no período 1588-1590, Xacobe VI emitiu novamente o noble, denominado agora thistle noble, pola presenza no reverso do cardo (thistle), un dos símbolos nacionais de Escocia.[15] Esta nova moeda retoma a figura do navío no anverso, sobre a que agora aparece un grande escudo co león rampante escocés, rodeada pola lenda · IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX · SCOTORVM · ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses"). No reverso amósase unha cruz formada por cetros, cun cardo no centro, rodeado por catro coroas, cardos e leóns rampantes, coa lenda FLORENT · SCEPT · PIIS · REGNA · HIS · IOVA · DAT · NVMERATQ · ("Os cetros florecen cos piadosos, Xehová dálles reinos e numéraos").[16]

O valor do thistle noble era de 146 xilins e 8 peniques (equivalente a 11 merks ou a 22/3 de libra escocesa). A moeda tiña un peso de 7,63 gramos e un diámetro de 36 mm.[16]

O gravador dos cuños foi Thomas Foulis.[17]

Noble de prata

[editar | editar a fonte]
Noble de prata de Xacobe VI
IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM ·. Armas reais coroadas. 6 - 8. · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE ·. Cruz con coroas e cardos, e estrela no centro.
Noble (= ½ merk). 1577. AG. 32 mm. 6,57 g. [18]

A mesma denominación de noble recibiuna tamén outra moeda, de prata, cuñada por vez primeira no marco da segunda serie de emisións a nome de Xacobe VI, ininterrompidamente entre 1572 e 1580. O valor inicial do noble de prata era de 6 xilins e 8 peniques (= medio merk ou 1/3 de libra escocesa), polo que coincidía co do primeiro noble de ouro, de David II.[19] O seu peso era de 105 grans (ca. 6,80 gramos).[1]

A lenda do anverso é · IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM · ("Xacobe VI, pola graza de Deus, rei dos escoceses") e o motivo principal é un grande escudo coas armas escocesas, flanqueado pola marca de valor 6 - 8 (6 xilins e 8 peniques). No reverso represéntase unha cruz ornamentada, cunha estrela no centro e con coroas e cardos alternando entre os seus cuarteis; a súa lenda é · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE · ("Oh, Señor! Salva o teu pobo").[19]

Nos mesmos anos e tamén ininterrompidamente cuñouse tamén a moeda fraccionaria de medio noble, coa metade de peso e valor.[1] A súa tipoloxía é idéntica á do noble, coas únicas excepcións do seu diámetro (25 mm fronte aos 32 mm do noble) e da marca de valor, que neste caso é 3 - 4 (3 xilins e 4 peniques, ou 1/3 de merk, ou 1/6 de libra escocesa).[20]

Cuñaron tamén pezas dun nobre de prata (ou ½ merk) Carlos I (entre 1636 e 1638)[21] e Carlos II (entre 1664 e 1775)[22].[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Noble 2". En Frey, A. R. (1916). Páxina 160.
  2. 2,0 2,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 25-34.
  3. "Noble Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxinas 340-341.
  4. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Noble". Páxina 132.
  5. "1 Noble - Edward III". Numista.
  6. 6,0 6,1 6,2 Grueber, H. (1899). Páxina 167.
  7. Tomada do Evanxeo de Lucas, 4:30.
  8. 8,0 8,1 8,2 "1 Noble - David II". Numista.
  9. Fotografía da moeda: "anverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine." e "reverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Hunterian Museum.
  10. Ficha da moeda: "anverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine." e "reverso Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
  11. "Ficha da moeda". The British Museum.
  12. "Fourth Coinage: Lion Nobles". E n Holmes, N. M. McQ. (2006). Láminas 54-55.
  13. 13,0 13,1 "Modern coin - HCR41678: Lion Noble". Ashmolean Museum. Oxford.
  14. Ficha da moeda Arquivado 31 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". National Museums Scotland.
  15. "Noble al cardo (Noble au Chardon - Thistle Noble Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 341.
  16. 16,0 16,1 "[https://en.numista.com/catalogue/pieces53498.html 1 Thi stle Noble - James VI 5th Coinage]". Numista.
  17. Grueber, H. (1899). Páxina 192.
  18. "½ Merk - James VI". Numista.
  19. 19,0 19,1 "½ Merk - James VI 2nd Coinage". Numista.
  20. "¼ Merk - James VI 2nd Coinage". Numista.
  21. "½ Merk - Charles I". Numista.
  22. "½ Merk - Charles II". Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]