Letras de Cal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Letras de Cal foi un proxecto editorial galego que se desenvolveu entre os anos 1997 e 2002. Nace ao abeiro da Asociación Cultural Amaía como consolidación e continuación dos proxectos inspirados no proxecto Edicións do Dragón e mais na revista Ólisbos, editada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Letras da Cal xorde como consecuencia da polémica xeracional entre os «Poetas dos 80» e os «Poetas dos 90», a cal se produce cando os «poetas novos» desexan incorporarse ao sistema literario galego e atopan grandes obstáculos e dificultades para incorporarse ao campo debido a antagonismos ideolóxicos. Dentro da heteroxeneidade, conséguese crear unha conciencia de grupo en base a principios anti-elitistas e populares co fin de ofrecer un espazo de publicación para escritores de poesía novos, os cales reprochan á xeración anterior o seu culturalismo, escapismo e afastamento da realidade[1]. Segundo Rafa Villar, as problemáticas que os confrontaban eran os seguintes:

« [...] reducción notábel da edicion logo do ‘boom’ dos 80; escasa actividade pública relacionada coa poesía (recitais, presentacións, actos públicos…); e dificultades de edición para os autores e autoras novos».[2]

Así, co detonante das palabras de Rafa Villar no Congreso da Asociación de Escritores en Lingua Galega[3], comezaron este proxecto coa intención de unir a poesía coa mocidade actual, integrala na realidade e traspasar os límites dos ambientes ou orientacións académicas.

Inicialmente, Letras de Cal fúndase cos cartos de dezasete autores, a maior parte deles novos. A idea era facer unhas edicións accesibles e de tiraxes curtas que puidesen sufragar os seus propios gastos, a diferenza doutros proxectos anteriores como Edicións do Dragón. Os fundadores formaban parte con voz e voto do consello editorial, sen contar con ningún outro privilexio á hora de publicar.

A editorial tivo unha importancia fundamental no decorrer da poesía dos 90, tanto por dar voz a autores novos nun momento no que as editoriais canónicas lles fechaban o paso, como por protagonizar un novo fenómeno na relación dos autores co fenómeno da edición. Parte do éxito evidénciase na creación do "Premio Letras de Cal", para autores inéditos, algo que deixara de existir no panorama literario galego. Tamén merecen un comentario os labores de publicidade e distribución que levaron a cabo, transformando e modernizando o fenómeno do recital. A traxectoria da editorial remata oficialmente no ano 2002, sendo unha das causas a separación profesional da maioría dos seus fundadores e a falta de actividade.

A modo de conclusión, cómpre destacar que, máis que unha revolución no campo galego poético, a achega principal de Letras de Cal foi a consagración e lexitimización das novas técnicas literarias, proceso que se materializou intencionalmente nos autores máis novos.

Integrantes[editar | editar a fonte]

Letras da Cal estaba formado por dezasete escritores de diferentes idades, mais a maioría novos. Dentro deste proxecto editorial, uníaos o feito de compor poesía, pois algúns deles xa publicaran noutros xéneros (narrativa fundamentalmente) con anterioridade. Os nomes que compuxeron esta agrupación son Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Modesto Fraga, Emilio Ínsua, Igor Lugrís, Chus Nogueira, Chus Pato, Carlos Quiroga, Xabier Rodrigues Fidalgo, Paco Souto, Rafa Villar, Séchu Sende e Antonio Fernández Seoane.

Publicación: Edición, promoción e venda[editar | editar a fonte]

O obxectivo era, segundo palabras de Yolanda Castaño «[...] que a poesía non ficase nos andeis senón que circulase...»[4], polo que se tratou de libros manexables, ben editados e economicamente accesíbeis, e que eran achegados aos consumidores mediante recitais.

Coa fin de evitar líderes ou personalismos, creouse un comité de preselección para escoller os libros que se publicarían; neste comité, unha obra só podía quedar excluída por consenso absoluto.

De cada un dos libros publicáronse ata 400 exemplares, agás coas antoloxías, que rondaron as 1000 copias.

A acollida que tiveron as obras estivo condicionada en gran medida polo libro e a poesía en particular, ademais das preferencias das librarías.

Obras publicadas[editar | editar a fonte]

A editorial Letras da Cal publicou entre os anos 1997 e 2002 un total de catorce obras.

  • A primeira visión, María Lado, 1997. Foi a primeira obra desta institución e a máis representativa, pois é paradigma da idea de poesía do grupo, cuxa autora é unha poeta moi nova que publicaba por primeira vez.
  • Propiamente son captivo, Celso Fernández Sanmartín, 1997. Esta publicación foi, xunto coa anterior, obxecto de catro recensións conxuntas.
  • Quen nos defende a nós dos idiotas?, Ígor Lugrís, 1997. Escrito por un poeta que participaba como socio na propia editorial.
  • Ruído de motos, Kiko Neves, 1997. Motivou unha recensión conxunta, na cal Miro Villar consideraba moi acertada “a canle aberta polos propios poetas novos”.
  • Fado, Francisco Souto, 1998.
  • As laranxas de Alí Babá, Carlos Negro, 1998. Este libro e o anterior, Fado, foron analizados tamén conxuntamente. Caracterizados, segundo os críticos, por posuír, respectivamente, un ton triste e alegre.
  • Un corpo para a infância, Celeste Craveiro, 1998. Escrito por unha mozambicana, este libro pode ter dous obxectivos: transmitir as tendencias de moda nos outros sistemas literarios (o portugués, neste caso) ou, por outra parte, achegar o patrón da literatura portuguesa ao da galega.
  • Odiseas, Séchu Sende, 1998. Este libro, o primeiro e único poemario de seu publicado, apenas tivo repercusión na prensa.
  • A teta sobre o sol, Olga Novo, 1998 (reedición da primeira edición de Edicións do Dragón, 1996). Caracterizado por un cambio de criterios no sistema literario da editorial, tivo un grande éxito comercial.
  • dEfecto 2000, Antoloxía, 2000: antoloxía da poesía dos 90 onde participan tanto autores relacionados coa editorial como outros. Non resultaba significativa pola súa amplitude, xa que só incluíu 21 poemas, mais axudou a reafirmar e consagrar os materiais literarios destes autores.
  • Presencia da fenda, Xosé de Cea, 2001. Gañadora do I Premio de Letras da Cal.
  • Desterrada do meu corpo, Verónica Martínez Delgado, 2001.
  • A ponte das palabras. Poesía vasca 1990-2000-Hitzezko Zubia. Euskal poesia 1990-2000, 2001. (Antoloxía bilingüe da poesía vasca). Desta obra só houbo dúas recensións e tampouco tivo unha presenza significativa na prensa.
  • Óxido nas flores da tarde, Suso Bahamonde, 2001. Esta obra e Desterrada do meu corpo constituíron as últimas entregas editadas. Os seus autores non publicaran nada anteriormente.

Premio de poesía Letras da Cal[editar | editar a fonte]

No ano 2000, Letras da Cal convocou un premio en poesía dirixido aos novos poetas. Ademais de estimular a produción poética, esta iniciativa supuxo un paso moi significativo para a consagración como institución de Letras da Cal no sistema literario galego.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez Alonso, Manuel (2002). Historia de la literatura gallega. Las nuevas generaciones en el final del siglo: la generación de los ochenta y los nuevos poetas de los 90: Acento. p. 116. 
  2. Louzao Outeiro, Miguel (2006). Laiovento, ed. Letras da Cal na produción poética galega dos 90. Teoría das xeracións poéticas. p. 98. ISBN 84-8487-098-7. 
  3. Louzao Outeiro, Miguel (2006). Letras da Cal na produción poética galega dos 90. Teoría das xeracións poéticas: Laiovento. p. 97. ISBN 84-8487-098-7.
  4. Louzao Outeiro, Miguel (2006). Laiovento, ed. Letras da cal na produción poética galega dos 90. pp. 125–126. ISBN 84-8487-098-7.