Lemavos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lemavi»)
Localización aproximada da pobo dos Lemavi ou Lemavos na provincia romana da Gallaecia.

Os lemavos (latín: lemavi) eran un pobo galaico, pertencente ao convento xurídico lucense, cuxo territorio pode reducirse á actual comarca de Terra de Lemos, no sur da provincia de Lugo, Galicia.

Fontes[editar | editar a fonte]

Os lemavos son citados por Plinio, Naturalis Historia, IV, 112, e por Claudio Ptolomeo, Geographia, II, 6, 25, quen identificou Dactonium como a súa capital.

Dactonium é citado tamén como unha etapa nas Táboas de barro de Astorga.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os lemavos pertencían á coñecida como cultura castrexa, cultura prerromana con trazos célticos, caracterizada entre outras cousas pola construción de núcleos chamados castros, por trazos artísticos comúns, adoración ós fenómenos naturais e de deidades pancélticas coma o Deus Lug[Cómpre referencia], moi popular no Conventus Lucensis.

Redución xeográfica[editar | editar a fonte]

Os lemavos están reducidos á Terra de Lemos, desde hai xa bastante tempo, pois o nome da comarca conservouse en documentos altomedievais como Lemavus ou Lemabus.

Dactonium tardou máis en identificarse, porén figuraba tamén nos cartularios da Alta Idade Media como Castrum Actonium, que expresamente indicaban que naquela época xa se comezaba a denominar Pino, polo que o seu asentamento é obrigatoriamente a parte alta da actual cidade de Monforte de Lemos, ocupada hoxe polo mosteiro de San Vicente do Pino e o castelo dos condes de Lemos. Durante o 2007 escavacións na faldra do monte, deixaron ó descuberto restos dun castro e varios vestixios prerromanos, o cal vén a reforzar a teoría que situaría o asentamento dos lemavos na actual localización de San Vicente do Pino.

Recrutamento militar[editar | editar a fonte]

Os lemavos colaboraron co exército romano, pois sábese que conformaron a Ala I Lemavorum e máis a Cohorte de Cidadáns romanos lemavos (Cohors I Lemavorum civium romanorum), unha cohorte que loitou ó servizo do exército romano, a cal coñecemos a través de testemuños escritos.

Étimo[editar | editar a fonte]

O nome dos lemavos, ten sido posto en paralelo co dos lemovices galos, e, seguindo a Grohler e Holder, ambos estarían ligados a unha raíz céltica *limos / *lemos "olmo". Outros autores póñeno en relación á raíz indoeuropea Lim-, Lem-, Lym-, que tería que ver con zonas pantanosas ou lagoas[1]. É un topónimo étnico como Valdeorras (<Val de Gigurros), Trives (<Tíburos), Céltigos, Postmarcos (<Praestamáricos), Cobres (<Copori),Tamagos (<Tamáganos), e varias ducias máis, todos en Galiza. Lemavos significarían polo tanto "os habitantes do lugar arxiloso"[Cómpre referencia].

Descendentes notables[editar | editar a fonte]

Un dos notables descentes é Gaspar de Lemos, que comandou o escuadrón xunto a Amerigo Vespucci. Foi este escuadrón o que descubriu a baía de Todos os Santos o 1 de novembro de 1501. Na cidade de Recôncavo da Bahia, que está preto da baía de Todos os Santos, pódense atopar varias persoas co apelido Lemos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]