Leŭ Haroška

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Леў Гарошка
Leŭ Haroška
Arquimandrita da Igrexa Católica Belarusa
Biografía
Nacemento26 de febreiro de 1911 en Traščyčy, Imperio Ruso
Pasamento8 de agosto de 1977 en París, Francia
Ordes
Ordenación sacerdotal17 de outubro de 1937, por Nykyta Budka

Leŭ Haroška (en belaruso: Леў Гарошка), nado o 26 de febreiro de 1911[1] en Traščyčy[2] (Belarús, daquela na Gobernación de Grodno, Imperio Ruso) e finado o 8 de agosto de 1977 en París (Francia); tamén coñecido polos seus pseudónimos "Anatoĺ Žmienia" (Анатоль Жменя)[3] e "Prakop Kavaĺ" (Пракоп Каваль),[4] foi un sacerdote e arquimandrita grecocatólico belaruso, estudoso da historia das relixións, mestre, escritor e editor.

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia ortodoxa moi pobre, de tradición grecocatólica, en Traščyčy.[5] Entre os anos 1923 e 1931 estudou no Gymnasium Belaruso de Navahrudak.[2][6][5] Grazas ao apoio do director do gymnasium Jan Ciechanoǔski e do director do museo belaruso de Vilnius Anton Luckievič, Haroška entrou na Academia Teolóxica Grecocatólica de Lviv (hoxe Universidade Católica Ucraína), onde estudou entre 1931 e 1936.[2][6][5]

Logo de graduarse na Academia, marchou a continuar os seus estudos a Innsbruck (Austria). Entre 1936 e 1937 estudou no Instituto de Teoloxía Católica da Universidade de Innsbruck.[6] O 17 de outubro de 1937, coa aprobación do metropolita de Lviv Andrei Sheptytskyi, Haroška foi ordenado sacerdote polo bispo Nykyta Budka da Igrexa ucraína na capela privada do metropolita en Lviv.[6][5] A primeira Divina Liturxia no seu país celebrouna na parroquia grecocatólica de Dzialiacičy,[6] preto de Navahrudak, onde o párroco era Vaclaŭ Anoška.

Ministerio sacerdotal[editar | editar a fonte]

Libro de oración «Božym šliacham», editado por Leŭ Haroška.

Comezou o seu traballo pastoral na diocese de Pinsk,[2] entre 1937 e 1939, celebrando a liturxia en belaruso.[5] Serviu nas parroquias de Uhryničy, Haradnaja, Stoŭpcy e Zburaž. Foi perseguido polo seu traballo no ámbito pastoral e na educación polas autoridades civís polacas, e foi vixiado pola policía.[5]

En setembro de 1939 Andrei Sheptytskyi estabeleceu o exarcado apostólico de Belarús (grecocatólico), e en outubro de 1940 o xesuíta Anton Niemancevič foi nomeado como primeiro exarca.[7] O 2 de maio de 1942 Haroška foi elixido membro da dirección do exarcado e converteuse en vice-exarca. Porén, o exarcado foi de curta duración, e foi desmantelado polas autoridades nacionalsocialistas nese ano. O mesmo Haroška acusaba a relixiosos ortodoxos de ter delatado ao exarca.[7]

Durante a Segunda Guerra Mundial viviu en Baranavičy, e traballou de mestre de latín e belaruso en escolas, comercios e xornais;[6] e participu no Segundo Congreso dos Belarusos que tivo lugar en Minsk en 1944.[5] Despois da guerra formou parte da gran migración cara ao oeste,[2] chegando a Berlín e posteriormente a Múnic, onde organizou a pastoral cos belarusos.

Dende o outono de 1945 viviu en Roma, onde en 1946 publicou a revista relixiosa en belaruso «Božym šliacham». O 16 de outubro de 1946 a Congregación para as Igrexas Orientais nomeouno rector da Misión Católica Belarusa en Francia.[6][5] Entre 1947 e 1957 viviu en París, e seguiu a editar alí a revista Božym šliacham.[5] Posteriormente regresou a Roma, onde fixo o noviciado en 1959 coa Congregación dos Padres Marianos. En 1960 o bispo Časlaŭ Sipovič nomeouno rector da Misión Católica Belarusa en Gran Bretaña,[5] e entre 1962 e 1969 foi tamén abade da casa dos Padres Marianos en dita localidade, recibindo en 1965 a dignidade de arquimandrita.[5][6]

Tomou un papel moi activo en Londres, participando na vida cultural e relixiosa dos belarusos. Foi membro da Asociación de Belarusos en Gran Bretaña e participou no ХІV Congreso de "Axuda á Igrexa Necesitada" en Königstein (1964).

Entre 1970 e 1977 dirixiu a sección belarusa de Radio Vaticano,[5][2][8] e foi rector novamente da Misión Belarusa en Francia. O arquimandrita Leŭ Haroška finou no hospital en París, o 28 de xullo de 1977. Foi enterrado o 4 de agosto no cemiterio de St Pancras de Londres.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo o calendario xuliano, correspóndese co 11 de marzo do calendario gregoriano.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Radio Vaticano, ed. (11-03-2011). "100 год з дня нараджэняя былога кіраўніка нашай рэдакцыі". Consultado o 17-06-2014.  (en belaruso).
  3. Por exemplo, no libro Кветкі І Церні Жыцьця. Зборнік Апавяданьняў.
  4. Por exemplo, no libro Беларусь у датах, ліках і фактах.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 Garbiński, Jerzy, ed. (1998). Беларуская думка XX стагоддзя: філасофія, рэлігія, культура. Польская акадэмія навук. p. 408. ISBN 9788386619627. Леў ГАРОШКА (1911—1977) Каталіцкі святар, гісторык, культуролаг, пісьменнік, рэлігійны і грамадскі дзеяч [...] 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Catholic.by, ed. (10-03-11). "Да 100-годдзя з дня нараджэння архімандрыта Льва Гарошкі". Consultado o 17-06-14.  (en belaruso).
  7. 7,0 7,1 Aleh Hardzienka. "Юрэвіч, Лявон (укл.) Беларуская мэмуарыстыка на эміграцыі.". Belaruski Histaryčny Ahliad. Consultado o 17-06-14. У гэты час львоўскі мітрапаліт Андрэй Шаптыцкі [...] заснаваў для земляў былой Расійскай імперыі чатыры экзархаты, [...] Антон Неманцэвіч. Спадзяванні беларускіх уніятаў былі перакрэсленыя ў жніўні 1942 г., калі нямецкія ўлады арыштавалі і неўзабаве знішчылі айца Неманцэвіча. З яго забойствам фактычна скончылася і грэка–каталіцкае жыццё ў Беларусі. Уніяцкія святары ці былі арыштаваныя, ці выехалі на эміграцыю (як аўтар успамінаў). У арышце ксяндза Неманцэвіча Леў Гарошка абвінавачвае праваслаўных біскупаў з Жыровіцкага манастыра, якім замінала душпастырская дзейнасць грэка–каталікоў найперш сярод праваслаўных вернікаў. 
  8. Radio Vaticano, ed. (18-03-2014). "“100 пытанняў – 100 адказаў”. Якія выдатныя постаці звязаны з гісторыяй Беларускай рэдакцыі Ватыканскага радыё?". Consultado o 17-06-2014. У 1970 г. кс. Татарыновіч дасягнуў пенсійнага узросту і на пасадзе кіраўніка Беларускай рэдакцыі яго змяніў грэка-каталіцкі святар, мар’янін, айцец Леў Гарошка – беларускі рэлігійны і грамадскі дзеяч, даследчык гісторыі рэлігіі ў Беларусі, культуролаг і пісьменнік.  (en belaruso).