A repoboación da zona que hoxe ocupa La Secuita foi encargada polo mosteiro de Santes Creus a Guillem de Claramunt. O termo municipal seguiu en mans do cenobio que foi adquirindo os diversos masos da zona; compra que se completou no século XIII coa adquisición de Vistabella. O alcalde era nomeado desde o propio mosteiro.
Trala desaparición das señorías, os distintos núcleos de poboación uníronse para formar un único municipio. O último en integrarse foi o de Les Gunyoles que o fixo en 1842.
No núcleo antigo de La Secuita atópase a igrexa parroquial dedicada a Santa María. Ten tres naves laterais construídas en diferentes períodos mentres que a nave central é de estilo gótico.
A igrexa de L'Argilaga está dedicada a San Roque e é de construción recente xa que se edificou logo da Guerra Civil. Aí atópase tamén o edificio coñecido como Casa dels Frares construído no século XVIII. As festas maiores celébranse no mes de agosto e como festa de inverno celébrase a festividade de San Paulo, copatrón do pobo.
O arquitecto modernistaJosep Maria Jujol edificou en Vistabella unha igrexa dedicada ao Sagrado Corazón. As obras iniciáronse en 1918 por encargo dos habitantes do lugar que non dispoñía de igrexa. O templo foi construído cun certo aire rústico utilizando materiais sinxelos como a pedra ou a madeira.
A festa maior de La Secuita ten lugar no mes de agosto. Teñen tamén tradición as festas de San Sebastián no mes de xaneiro e as de San Cristovo en xullo.