Saltar ao contido

Krugerrand

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Krugerrand [1]
A/: busto de Paul Kruger cara á esquerda.

Lenda: SUID-AFRIKA * SOUTH AFRICA.

R/: gacela saltona cara á dereita, que divide a data a ambos os seus lados. Marca de gravador (CLS).

Lendas: KRUGERRAND / FYNGOUD 1 OZ FINE GOLD.

O krugerrand é unha moeda de ouro surafricana de investimento co peso dunha onza troy de ouro puro, cuñada por primeira vez o 3 de xullo de 1967 como vía para comercializar o ouro surafricano e producida pola Rand Refinery e a Casa da Moeda de Suráfrica.[2][3]

O nome da moeda resulta dunha combinación do apelido do antigo presidente da República Surafricana Paul Kruger —representado no anverso—, e de rand, a unidade monetaria surafricana. No reverso do krugerrand aparece unha gacela saltona, o animal nacional de Suráfrica.

En 1980, o krugerrand representaba máis do 90 % do mercado mundial de moedas de ouro e era a primeira opción para os investidores que compraban este metal. No entanto, durante as décadas de 1980 e 1990, os krugerrand caeron en desgraza, xa que algúns países occidentais prohibiron a súa importación pola súa vinculación co Goberno surafricano do apartheid.[4][5]

Aínda que os krugerrand carecen de valor nominal, teñen a consideración de moedas de curso legal en Suráfrica, en virtude da Lei do Banco da Reserva de Suráfrica (SARBA), de 1989.[6]

En 2017, a Rand Refinery comezou a cuñar versións en prata, que teñen o mesmo deseño xeral que a moeda de ouro, aínda que cun diámetro superior.[7]

O krugerrand introduciuse en 1967 como unha vía para a propiedade privada do ouro. Cuñouse nunha aliaxe o 91,67 % de ouro e o 8,33 % de cobre —máis duradeira que o ouro puro— e co contido en ouro dunha onza troy. En 1980, cando o krugerrand representaba o 90 % do mercado mundial de moedas de ouro,[8] o Goberno surafricano introduciu tres moedas máis pequenas de carácter divisionario, que contiñan ½, ¼ e ⅒ onza troy (15,6; 7,8 e 3,1 g) de ouro, respectivamente.[9][10][11]

Protesta contra a venda do krugerrand nos bancos en Ámsterdam, en outubro de 1984.[12]

Por mor das sancións económicas contra Suráfrica pola súa política de apartheid, o krugerrand pasou a ser considerado como un obxecto de importación ilegal en moitos países occidentais durante as décadas de 1970 e 1980, e os Estados Unidos, que historicamente fora o maior mercado desa moeda, chegou a prohibir as importacións en 1985. O ano anterior comercializáranse nese país krugerrands por valor de máis de 600 millóns de dólares.[4]

A maioría destas sancións elimináronse en 1991, logo de que o Goberno surafricano tomara medidas para pór fin ás súas políticas de apartheid.[13][14][15]

En total vendéronse máis de 50 millóns de onzas en moedas de ouro krugerrand desde que comezou a súa produción en 1967.[16]

Dimensións e contido en ouro do krugerrand [1]
Moeda Diámetro Espesor Peso Pureza Contido en ouro puro
Gramos Oz. Troy
1 32,77 mm 2,857 mm 33,9305 917 ‰ 31,104 1,00
½ 27,07 mm 2,20 mm 16,9653 917 ‰ 15,552 0,50
¼ 22,06 mm 1,83 mm 8,4826 917 ‰ 7,776 0,25
16,55 mm 1,30 mm 3,3931 917 ‰ 3,110 0,10
Canto estriado dun krugerrand de 2016.

A moeda recibiu o nome de krugerrand porque no anverso, deseñado por Otto Schultz, aparece o rostro do estadista bóer Paul Kruger, presidente durante catro mandatos da antiga República Surafricana. A imaxe da gacela saltona do reverso foi deseñada por Coert Steynberg e utilizárase xa anteriormente no reverso das moedas surafricanas de cinco xilins (1947-1951 e 1953-1959)[17][18] e de 50 centavos (1961-1964).[19] A denominación do país e a alusión ao contido en ouro da moeda están inscritos tanto en afrikaans (SUID-AFRIKA) como en inglés (SOUTH AFRICA).[1]

Emisións proof

[editar | editar a fonte]

A Casa da Moeda de Suráfrica produce edicións limitadas do krugerrand con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— destinadas non tanto aos investidores en ouro senón aos coleccionistas numismáticos. Estas moedas teñen un prezo superior ao da emisión común. Ambas as emisións diferéncianse, á parte de polo seu acabamento, polo número de estrías do seu canto, que nas da versión proof son 220, en tanto que nas da versión estándar de investimento son 160.[20]

50 aniversario do krugerrand

[editar | editar a fonte]
Detalle do logotipo do 50 aniversario gravado no reverso dun krugerrand de prata dunha onza en 2017.

En 2017 fixéronse 50 anos de primeira emisión do krugerrand e, para conmemorar o aniversario, a Casa da Moeda de Suráfrica produciu versións especiais en ouro, que a maiores da moeda dunha onza incluíron fraccións de ¹⁄₅₀ e de ¹⁄₂₀ hrugerrands,[21][22] así como un múltiplo de 5 krugerrands.[23] Por primeira vez, a emisión do krugerrand abriuse tamén a unha versión en prata e outra en platino, ambas de 999 milésimas.[1][24][25] A versión de prata tivo continuidade nos anos seguintes, xa sen a marca do cincuentenario.[7][26]

O límite de tiraxe destas moedas conmemorativas foi de 2.017 para a onza de platino, 5.000 para a de ouro e 1.000.000 para a de prata. As emisións conmemorativas distínguense pola inclusión dun emblema do 50 aniversario sobre o deseño da gacela no reverso das versións de platino e de prata, e á dereita do deseño da gacela nas emisións de ouro.[1][16][24][25].

Moedas similares noutros países

[editar | editar a fonte]

Durante o mercado alcista do ouro da década de 1970, o krugerrand de ouro converteuse axiña na principal opción para os investidores en ouro de todo o mundo.[27] Entre 1974 e 1985, calcúlase que só nos Estados Unidos se importaron 22 millóns de moedas de krugerrand de ouro. Este grande éxito do krugerrand animou outros países produtores de ouro a cuñaren e a emitiren as súas propias moedas de investimento neste metal, como a Maple Leaf ("folla de pradairo") canadense en 1979,[28] a Nugget australiana en 1987,[29] o "panda de ouro" chinés en 1982,[30] a American Gold Eagle en 1986,[31] e a Britannia británica en 1987.[32]

  1. 1 2 3 4 5 "1 Ounce Krugerrand". Numista.com
  2. "Investment Gold. Krugerrands". Rand Refinery (Randrefinery.com).
  3. "Bullion". South African Mint (Samint.co.za)
  4. 1 2 Secter, B. (1985). "Reagan Bans Imports of S. Africa Krugerrand". En Los Angeles Times, 2 de outubro.
  5. "Krugerrand Luster Dim for Local Collectors". En Orlando Sentinel. 10 de setembro.
  6. Lei do Banco da Reserva Surafricano, 1989: 17 (2) (a) [...] o valor de cada moeda de ouro así ofrecida será igual ao importe neto ao que o banco estea disposto a comprar a devandita moeda de ouro o día do seu ofrecemento [...].
  7. 1 2 "The Silver Krugerrand Has Arrived". London Bullion Market Association (LBMA). Nº 90. Xullo de 2018.
  8. Bethell, T. (1980). "Crazy as a Gold Bug". En New York. Vol. 13. Nº 5. 4 de febreiro. Páxina 34.
  9. "⅒ Ounce Krugerrand". Numista.com
  10. "¼ Ounce Krugerrand". Numista.com
  11. "½ Ounce Krugerrand". Numista.com
  12. "Protest tegenverkoop Krugerrant bij banken". Nationaalarchief.nl
  13. Yearbook of the United Nations 1991. Volume 45. Páxina 114. 1992.
  14. "Most South African Sanctions Lifted". Morgan, Lewis & Bockius . Agosto de 1991. Páxina 2.
  15. Friedman, T. L. (1991). "Bush Lifts a Ban on Economic Ties to South Africa". En The New York Times. 11 de xullo.
  16. 1 2 St. Angelo, S. (2016). "Global Interest In Silver Investment Expands As South Africa Adds New Silver Krugerrand Arquivado 08 de maio de 2023 en Wayback Machine.". En Money Metals. 4 de novembro.
  17. "South Africa. George VI - 5 Shillings". Numista.com
  18. "South Africa. Elizabeth II - 5 Shillings". Numista.com
  19. "South Africa. 50 Cents". Numista.com
  20. Rodgers, K. (2017). "Krugerrand: Right idea at right time". En Numismatic News. 9 de xullo.
  21. "¹⁄₅₀ Ounce Krugerrand 50th Anniversary". Numista.com
  22. "¹⁄₂₀ Ounce Krugerrand 50th Anniversary". Numista.com
  23. "5 Ounce Krugerrand 50th Anniversary ". Numista.com
  24. 1 2 "1 oz Silver Krugerrand - 1 Rand Gold Krugerrand Anniversary". Numista.com
  25. 1 2 "10 Rand 50th Anniversary of the Krugerrand". Numista.com
  26. "Silver Krugerrand - 1 Rand". Numista.com
  27. "Gold Krugerrands: Buying gold coins". Bullionvault.com. 17 de agosto de 2007.
  28. "50 Dollars - Elizabeth II 2nd Portrait; GML Bullion Coinage". Numista.com
  29. "100 Dollars - Elizabeth II 4th Portrait - Australian Nugget - Gold Bullion Coin". Numista.com
  30. "1 Ounce Gold Panda". Numista.com
  31. "5 Dollars "American Gold Eagle" Bullion Coinage". Numista.com
  32. "100 Pounds - Elizabeth II 3rd portrait; 1 oz Fine Gold". Numista.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]