Jorge Peteiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jorge Peteiro
Nacemento20 de decembro de 1959
 A Coruña
Falecemento20 de febreiro de 2013
NacionalidadeEspaña
EidoPintura, escultura
Webwww.peteiro.com
editar datos en Wikidata ]

Jorge Peteiro Vázquez, nado na Coruña en 1959 e finado en Sada o 20 de febreiro de 2013, foi un pintor e escultor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o bacharelato no colexio dos Xesuítas da Coruña. Entre os anos 1973 e 1977 participou na creación do grupo de teatro independente Teodam, na elaboración dos primeiros fanzines da cidade e na realización de representacións, e pintou os seus primeiros murais. En 1977 matriculouse na Facultade de Psicoloxía e Empresariais de Universidade de Santiago de Compostela. En 1979 trasladouse a Valencia, onde ingresou na Escola de Belas Artes de San Carlos para licenciarse na especialidade de Gravado. Jorge Peteiro exerceu como profesor de Debuxo en institutos públicos entre 1985 e 1990, nas localidades galegas de Ortigueira, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cambados e Betanzos. Durante este período investigou e asentou as bases da súa teoría sobre a cor e o obxectivo da pintura. En 1990 trasladouse a Nova York para pintar e tomar contacto coas últimas tendencias do mundo da arte. Alí coincidiu con grupos e artistas cos que estableceu lazos artísticos, como co escultor galego Francisco Leiro, co pintor David Salle e co polifacético Julián Schnabel.

A partir de 1992 instalouse na Coruña e presentou ó público a evolución do seu propio estilo. Sen enmarcarse en ningún movemento artístico, retomou o contacto e a amizade cos pintores galegos Laxeiro, Alfonso Abelenda e Xaime Cabanas, cos que realizou varias exposicións. Coa súa compañeira, a pintora e escultora Beatriz García Trillo, realizou varios proxectos artísticos e creou un espazo arquitectónico deseñando a su casa-estudio de arte, en Sada, A Coruña.

Peteiro adicouse de forma intensa e exhaustiva á pintura e á escultura; a su obra e as súas máis de 40 exposicións teñen unha marcada proxección e o recoñecemento de coleccións privadas e particulares, de museos e institucións. A súa obra foi incluída en numerosas exposicións colectivas, co que se converteu nun dos referentes da pintura galega.

Faleceu o 20 de febreiro de 2013, vítima dun cancro.[1][2]

Obra[editar | editar a fonte]

Do seu paso e experiencia mediterránea trouxo a súa luz e os coñecementos artísticos. Co seu regreso a Galicia, sintonizou a forza vital dos seus admirados impresionistas coas tendencias dos anos 80, o neoexpresionismo e o atlántico. A gama de cores que utilizou vai dende os marróns, os terra, até os verdes, brancos ou violetas e, a chispazos, as cores primarias, coas que desenvolveu finalmente a súa paleta; con todas elas mantivo esa tensión na procura da súa visión persoal. O festival de cor e a luz foron a base principal das súas obras, a súa linguaxe, o seu estilo e a súa identidade.

As súas primeiras obras foron retratos e unha serie de paisaxes que denomina "Envolventes"; estas obras foron realizadas cunha técnica espiral-elipsoide, onde o espectador é conducido ou inducido a observar o punto central do cadro, para así conseguir a sensación de ser envolto pola obra e ver a dimensión do cadro.

A finais dos oitenta comezou a desenvolver unha etapa de rachadura, onde a investigación e o desenvolvemento de novas propostas. Nestes anos comezou a experimentar coa madeira, como soporte ou textura das obras, e cos pigmentos, como novas mesturas de cores. Propuxo o maximalismo como concepto recorrente. Nestas obras emerxeu a súa linguaxe pictórica; co seu propio alfabeto e unha nova iconografía. Un estilo único e recoñecible coma o seu.

Os críticos e observadores sentíronse atraídos pola súa pintura e resultoulles difícil encadrala dentro dos movementos artísticos. Nos comentarios á súa obra, resaltan a súa complexa simplicidade, a aparente ausencia de perspectiva en favor da xustaposición dos elementos do cadro, e o dominio dunha moi persoal e hipnótica paleta de cores, e, sobre todo, enxalzan a capacidade da súa pintura para transmitir frescura, optimismo e unha madura ledicia.

Os anos noventa foron os da consolidación, do dominio da técnica e dunha gran soltura plástica. A súa pintura comezou a triunfar fóra dos circuítos oficiais e das galerías de arte. O público e os coleccionistas catapultárono ó éxito. Peteiro, consciente deste diálogo co público e da popularidade das súas obras, espremeu ó máximo a súa creatividade e a capacidade de produción artística, realizando importantes series pictóricas, esculturas, murais e de obra gráfica.

Peteiro entendeu a escultura como o feito de traballar dende unha fantástica cuarta dimensión, como se se tratase dunha realidade cotiá, para dende alí revisar ou chegar de novo ós seus elementos formais. A escultura non a entendeu sen cor, non tivo intención de integrala na paisaxe, senón que resalte, que se converta nunha icona discordante.

A obra gráfica, sobre todo a serigrafía, está pensada como unha peza independente para, en clave desta técnica, conseguir facerse aínda máis accesible, máis próximo ó seu público. Consciente desta responsabilidade, sempre controlou moi de preto a calidade formal, estética e técnica de cada unha das súas serigrafías.

Peteiro converteu a pintura nun caleidoscopio, cheo de imaxes construídas coa combinatoria da cor. A súa linguaxe gañou en impacto visual, en singularidade e en proximidade. A súa pintura viuse reforzada grazas a unha sutil evolución, mantendo unha gran atención polos murais e pola paisaxe, como expresión total do seu concepto vital e optimista da arte. Na súa derradeira etapa retomou os retratos, cunha excepcional selección de personaxes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fallece el pintor Jorge Peteiro". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-02-21. Consultado o 2019-07-25. 
  2. Pereiro, Xosé Manuel (2013-02-22). "Jorge Peteiro, pintor a contracorriente". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-07-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

(en castelán)