O topónimo "Jilin" podería vir de Girin ula, un termo manchú que se traduce como "ao longo do río", transcrito como Jilin wula (T: 吉林烏拉 / S: 吉林乌拉) ao chinés, e simplificado como Jilin, que literalmente en chinés é "bosque auspicioso".
A zona de maior altitude de Jilin atópase no sueste, descendendo lenemente cara ao noroeste. Nas Montañas Changbai, na zona suroriental, sitúase o cumio máis alto da provincia, o monte Baiyun (2.691 metros). Outras cadeas montañosas son Jilinhada, Zhang Guangcai e Longgang. En Jilin hai diversas concas fluvials: as dos ríos Yalu e Tume (que forman a fronteira entre a China e Corea do Norte no suroeste, as de diversos afluentes do río Liao na fronteira meridional e dos ríos Songhua e Nen, que desembocan no río Amur. O clima é continental monzónico con invernos longos e moi fríos e veráns curtos e cálidos. A temperatura media do mes de xaneiro obscila entre -20°C e -14°C. As precipitacións son escasas, cunha media de 350–1000mm
Nota: Este gráfico xerouse automaticamente a partir de datos recollidos de Wikidata. Se precisa cambiar ou actualizar algún dos datos, fágao no propio Wikidata.
Na antigüídade habitaban Jilin diversos pobos, como os Mohe e os Wuji. O reino de Balhae establecuse na zona o ano 698 e perdurou ata o 926, caendo sucesivamente nas mans da dinastía Liao dos Khitan, a Jin dos Jurchen e a Yuan dos mongois. Durante a dinastía Qing gran parte da zona estaba baixo o control do xeneral de Jilin, que gobernaba ata o Mar do Xapón. Nesta época a inmigración han estaba estritamente controlada, o que vai mudar despois da cesión a Rusia de Primorie. O goberno Qing comezou a abrir a zona aos inmigrantes han, a maioría procedentes de Shandong, e ao comezar o século XX eran a etnia dominante na rexión. En 1932, Jilin incorporouse ao estado do Manchukuo que tiña como capital Changchun. Despois da derrota do Xapón en 1945 a rexión foi liberada polos soviéticos para os comunistas chineses, que a utilizaron como plataforma para ocupar o resto da China.
En 1949, a provincia de Jilin era moito máis pequena, abranguendo tan só os arredores de Changchun e a cidade de Jilin, onde estaba a capital. Nos anos cincuenta ampliouse ata a súa extensión actual. Durante a Revolución Cultural ampliouse de novo para incluír parte da Mongolia Interior, ata a fronteira con Mongolia, aínda que este cambio non durou moito.