Irena Szewińska

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Irena Szewińska
Irena Szewinska 2012.jpg
Nome completoКир­шен­штейн, Ире­на e Irena Kirszenstein
Nacemento24 de maio de 1946
Lugar de nacementoSan Petersburgo
Falecemento29 de xuño de 2018
Lugar de falecementoVarsovia
CausaCancro de mama
SoterradaPowązki Military Cemetery
NacionalidadePolonia
EtniaPobo xudeu
Alma máterUniversidade de Varsovia
Ocupaciónvelocista, atleta e sports official
CónxuxeSławomir Szewiński
FillosAndrzej Szewiński
PremiosOfficer of the Order of Polonia Restituta, Order of the Rising Sun, 3rd class, Commander of the Order of Polonia Restituta, Commander with Star of the Order of Polonia Restituta, Grand Cross of the Order of Polonia Restituta, Gold Cross of Merit‎ (Poland), Orde da Aguia Branca, Polish Sportspersonality of the Year, Polish Sportspersonality of the Year, Polish Sportspersonality of the Year, Polish Sportspersonality of the Year, Kalos Kagathos e Ordem da Bandeira do Trabalho, 2ª classe
Na rede
IAAF: 64878 Olympic.org: irena-kirszenstein WikiTree: Kirszenstein-1 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Irena Szewińska (de solteira Kirszenstein), nada en Leningrado (Unión Soviética) o 24 de maio de 1946 e finada en Varsovia o 19 de xuño de 2018,[1] foi unha atleta polaca especializada en probas de velocidad e salto de lonxitude. Participou en cinco Xogos Olímpicos (1964, 1968, 1972, 1976 e 1980) e gañou sete medallas, tres delas de ouro, en cinco probas diferentes.[2][3][4][5][6][7] Bateu varias plusmarcas mundiais,[8] sendo a única persoa que foi plusmarquista de 100, 200 e 400 metros.[9] Foi a primeira muller que baixou dos 50 segundos na proba dos 400 m e foi coñecida como a "raíña do sprint".[10][11]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que nada en Leningrado, os seus pais eran polacos xudeus.[12][13][14][15][16] O seu pai era de Varsovia e a súa nai de Kíiv e coñecéranse en Samarkanda onde estudaban. En 1947 a familia mudouse a Varsovia.[17]

Con 18 anos participou aínda co seu apelido de solteira nos Xogos Olímpicos de Toquio 1964, onde gañou tres medallas. Foi segunda nos 200 metros por detrás da estadounidense Edith McGuire e no salto de lonxitude trala británica Mary Rand; finalmente logrou o ouro co equipo polaco de remudas 4×100 m que deu a sorpresa ao derrotar as estadounidenses.

En 1965 conseguiu bater a marca mundial dos 200 metros (22.7 en Varsovia) e igualar a dos 100 (11.1 en Praga). Nos Campionatos de Europa de Budapest de 1966 logrou tres medallas de ouro (salto de lonxitude, 200 m e remudas 4×100 m) e unha de prata (100 m). Nesta proba foi superada pola súa compatriota Ewa Klobukowska.

Acudiu aos Xogos Olímpicos de México, onde acabou terceira na final dos 100 metros gañada pola estadounidense Wyomia Tyus seguida de Barbara Ferrell. O seu maior éxito chegou na final dos 200 metros, en que gañou a medalla de ouro por diante das australianas Raelene Boyle e Jennifer Lamy, e bateu o récord do mundo con 22.58 s. Tamén participou en salto de lonxitude, mais non logrou pasar á final.

A partir de aquí a carreira de Irena Szewińska entrou nun certo estancamento, espazando as súas competicións. Sufriu un importante fracaso nos Campionatos de Europa de Helsinqui (1971), onde só puido lograr unha medalla de bronce nos 200 m. Nos Xogos Olímpicos de Múnic de novo tivo que conformarse cun bronce nesa proba, ao ser superada pola alemá oriental Renate Stecher e pola australiana Raelene Boyle.

A pesar deste relativo fracaso, Szewińska logrou sobreporse e volver obter grandes triunfos. 1974 foi un ano moi importante para ela, xa que nos Campionatos de Europa de Roma gañou os 100 e os 200 metros e obtivo un bronce nas remudas 4×100 m. Foi recoñecida como a mellor atleta do mundo.[18] Ademais, ese mesmo ano recuperou o récord mundial dos 200 metros (22.21 en Potsdam) que perdera a mans da campioa olímpica en Múnic Renate Stecher, e bateu tamén o récord mundial nunha proba nova para ela, os 400 metros, con 49.9 en Varsovia, converténdose na primeira muller que rompía a barreira dos 50 segundos.

A partir dese momento decidiu centrar os seus esforzos nos 400 m, unha proba que se adaptaba perfectamente ás súas condicións, xa que requiría velocidade e resistencia. Con trinta anos consolidou o seu reinado nos Xogos Olímpicos de Montreal 76, onde fixo a mellor carreira da súa vida gañando o ouro olímpico dos 400 m e volvendo bater o récord do mundo con 49.29 s.

Tralos Xogos de Montreal continuou a competir, aínda que xa sen logros notables. Nos Campionatos de Europa de Praga (1978) foi terceira nos 400 m, nunha carreira onde a nova raíña da proba, a alemá oriental Marita Koch bateu o récord mundial baixando por primeira vez dos 49 segundos (48.94 s).

A súa última competición foron os Xogos Olímpicos de Moscova, os seus quintos xogos, onde vencida máis polos anos que polos seus rivais, non logrou clasificarse para a final.

Igual que outras grandes atletas como Marjorie Jackson ou Wilma Rudolph, non abandonou a vida pública trala súa retirada, senón que continuou a traballar no mundo do atletismo como adestradora e directiva. Foi presidenta da Federación Polaca de Atletismo, membro do consello directivo da Federación Internacional e membro do Comité Olímpico Internacional.[19]

Faleceu de candro o 29 de xuño de 2018 en Varsovia aos 72 anos.[20] Foi enterrada como católica na "Avenida dos Meritorios" do Cemiterio Militar Powązki de Varsovia.[21]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En 1967, casou co seu adestrador, Janusz Szewiński,[22] que tamén competía en probas de valas a nivel nacional e despois traballou como fotógrafo deportivo.[23] Tiveron dous fillos, Andrzej Szewiński, nado en 1970, que xogou na selección polaca masculina de voleibol e posteriormente foi senador, e Jarosław, nado en 1981.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Irena Szewińska passed away" (en polaco). TVN 24. 30 de xuño de 2018. Consultado o 30 de xuño de 2018. 
  2. Siegman, Joseph (2000). Jewish sports legends: the International Jewish Hall of Fame. Brassey's. pp. 176–177, 252–253. ISBN 1-57488-284-8. 
  3. Wechsler, Robert; Wechsler, Bob (2007). Day by Day in Jewish Sports History. KTAV Publishing House, Inc. pp. 36, 40, 54, 70, 145, 157, 165, 21, 221, 246, 248, 288–289, 292–293, 295. ISBN 978-0-88125-969-8. 
  4. Schreiber, Mordecai; Schiff, Alvin I.; Klenicki, Leon (2003). The Shengold Jewish Encyclopedia. Schreiber Pub. pp. 246, 300. ISBN 1-887563-77-6. 
  5. Horvitz, Peter S. (2007). The Big Book of Jewish Sports Heroes: An Illustrated Compendium of Sports History and the 150 Greatest Jewish Sports Stars. SP Books. p. 22. ISBN 978-1-56171-907-5. 
  6. Taylor, Paul (2004). Jews and the Olympic Games: the clash between sport and politics : with a complete review of Jewish Olympic medallists. Sussex Academic Press. pp. 138, 192, 243. ISBN 1-903900-87-5. 
  7. Burton Nelson, Mariah; Smith, Lissa (1998). Nike is a Goddess: The History of Women in Sports. Atlantic Monthly Press. p. 22. ISBN 0-87113-761-5. 
  8. Arribas, Carlos (30 de xuño de 2018). "Muere Irena Szewinska, la reina del sprint". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  9. Europa Press (30 de xuño de 2018). "Fallece la atleta polaca Irena Szewinska a los 72 años". europapress.es (en castelán). Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  10. Arribas, Carlos (30 de xuño de 2018). "Muere Irena Szewinska, la reina del sprint". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  11. "Muere la atleta polaca Irena Szewinska, la "reina del sprint", a los 72 años". www.efe.com (en castelán). Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  12. "Irena Kirszenstein-Szewinska". jewishvirtuallibrary.org. 
  13. "Irena Szewińska". Britannica. Consultado o 26 de xullo de 2021. 
  14. "Welcome to Jews in Sports Online". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2018. Consultado o 19 de outubro de 2021. 
  15. Siegman, Joseph M. (1992). The International Jewish Sports Hall of Fame. ISBN 9781561710287. 
  16. Wechsler, Bob (2008). Day by Day in Jewish Sports History. ISBN 9780881259698. 
  17. Rozmowa z Ireną Szewińską. bieganie.pl. 18 de maio de 2012
  18. "Muere la atleta polaca Irena Szewinska, la "reina del sprint", a los 72 años". Eurosport Espana. 30 de xuño de 2018. Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  19. "Irena Szewinska, la velocista total". ELMUNDO (en castelán). Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  20. "Muere la atleta polaca Irena Szewinska, la "reina del sprint", a los 72 años | Tribuna Feminista". Tribuna Feminista (en castelán). 1 de xullo de 2018. Consultado o 2 de xullo de 2018. 
  21. "Pogrzeb Ireny Szewińskiej"
  22. Irena Szewińska-Kirszenstein Arquivado 1 de novembro de 2014 en Wayback Machine.. sports-reference.com
  23. 23,0 23,1 SZEWIŃSKA (KIRSZENSTEIN) IRENA. pkol.pl

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]