Hilozoísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O hilozoísmo[1] ou imaxinismo foi un movemento poético propio da vangarda galega inspirado na poesía popular, cuxo pai foi Luís Amado Carballo. A súa innovación consistiu en vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, é dicir, de incorporala ás vangardas. Nos poemas hilozoístas préstaselle unha grande atención á natureza, a cal aparecece en constante movemento, grazas moitas veces ao uso de imaxes autónomas.

A orixe e as diferentes denominacións[editar | editar a fonte]

Na opinión de certos críticos, o poeta en español Juan Bautista Andrade, natural de Pontevedra, foi un antecesor deste movemento. Mais Andrade tiña unha boa relación de amizade con outros dous poetas pontevedreses, Xoán Vidal Martínez e, sobre todo, Luís Amado Carballo, verdadeiro impulsor deste movemento. Ramón González-Alegre e Rey Romero, dada a procedencia destes dous escritores, denominan o Hilozoísmo "escola pontevedresa". Mais esta nomenclatura non tivo moito éxito polo feito de ser localista, posto que haberá poetas cultivadores desta tendencia non nados na ribeira do río Lérez. Ademais, como máis adiante veremos, esta corrente prescribe o uso do verso octosílabo, mais en Andrade predomina o dodecasílabo.

Ricardo Carvalho Calero, na súa obra Sete Poetas Galegos, bautiza esta estética co nome de "escola Neo-Románica", xa que entende nesta poesía se homenaxea o mundo rural, os pequenos espazos, as cousas ínfimas,...

Xosé Luís Méndez Ferrín, en 1970, no estudo que precede a súa edición da obra completa de Luís Amado Carballo en galego (en verso e en prosa), denomina esta escola como "imaxista", xa que crea imaxes plásticas, presentando unha natureza activa). Mais o imaxinista é un movemento de vangarda xa existente noutras literaturas, e nada ten que ver co Hilozoísmo.

De novo, Ricardo Carvalho Calero, na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, bautiza este movemento co nome de Hilozoísmo, posto que dinamiza a imaxe. Seguindo a este autor, podemos dicir que son textos os hilozoístas en que a natureza cobra vida.

En fin, Xosé Ramón Pena sitúa o Hilozoísmo como unha "vangarda pactada" toda vez que, dunha parte, os versos de Amado Carballo e os seus seguidores constitúen un punto de encontro entre a tradición imaxinista-paisaxista da lírica galega e a presenza daquelas novidades vangardistas que eran consideradas "axeitadas á espiritualidade galega" por parte dos mentores do nacionalismo. Doutra banda, o éxito de Amado Carballo, o feito de que fose saudado como o verdadeiro creador dunha "estética apropiada para os novos" por parte de personalidades significativas como A. Villar Ponte ou o mesmo Vicente Risco, e, en suma, a excelente recepción da súa obra por parte dunha crítica que, polo contrario, se mostrou receosa coa vangarda plena, determinan, segundo Pena, que se Cabanillas foi "o poeta por antonomasia" das Irmandades e movementos afíns, Amado Carballo e o Hilozoísmo conforman a "vangarda necesaria" ou "vangarda pactada" que respondía aos intereses estéticos do nacionalismo galego dos anos 20 do século pasado.

Trazos principais[editar | editar a fonte]

Algúns dos seus principais trazos son:

  • Tematicamente, a natureza é a grande protagonista, mediante o uso e abuso de prosopopeas. O elemento humano apenas aparece e, cando o fai, fúndese coa paisaxe.
  • Emprego abondoso e atrevido de imaxes.
  • Ampla utilización das cores. A presenza do elemento plástico e cromático é abondosa e evidente. Predomina o uso do AMARELO, o cal simboliza o desacougo enmascarado pola euforia.
  • Uso do verso octosílabo, co que se diferencia dos movementos de vangarda europea, onde se prescribía o versolibrismo.
  • Ambientación rural, aparecendo con frecuencia elementos folclóricos, relixiosidade popular e bucolismo.
  • Presenza do mar, mais visto desde terra, co que se diferencia do creacionismo, onde o mar era visto desde dentro.
  • Uso da toponimia (conectada co paisaxismo), con calidade evocadora e/ou enfática.
  • Presenza de estranxeirismos, sobre todo empréstimos do francés e inglés. Isto conecta o Hilozoísmo co multilingüísmo das vangardas europeas, o cal lle outorga un certo cosmopolitismo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Hilozoísmo.