Herminia Fariña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Herminia Fariña
Herminia Fariña Cobián 1927.jpg
Herminia Fariña en 1927.
Nome completoHerminia Fariña Cobián
Nacemento4 de abril de 1904
LugarSantiago de Compostela, Galicia Galicia
Falecemento16 de outubro de 1967
LugarSimes, Meaño, Galicia Galicia
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta e escritor
PaiJosé Fariña González
editar datos en Wikidata ]

Herminia Fariña Cobián, nada en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1904 e finada en Simes (Meaño) o 16 de outubro de 1967[1], foi unha poeta e dramaturga galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de José Fariña González, militar, e Regina Cobián Tejo. Viviu a súa infancia en diferentes cidades debido á profesión do pai. Aos dez anos trasládase a Simes, á casa da súa avoa materna, onde comeza a desenvolver a súa vocación literaria.

Os seus versos apareceron en Vida Gallega, publicación da que foi asidua colaboradora, e na revista Gloria Femenina. O seu primeiro libro foi de poemas en castelán, publicado en Pontevedra en 1922 co título de Cadencias. En 1924 publicou Seara, con poemas en galego. Tamén publicou en galego o poema dramático Margarida a malfadada e a peza cómica O soldado froita e outros diálogos e monólogos. Margarida a malfadada xunto coa comedia en castelán La marquesa de Miraflores, foron estreados no Teatro Principal de Santiago o 23 de marzo de 1927[2]. Colaborou en La Temporada en Mondariz e publicou nesa vila Pétalos líricos (1927). Foi elixida membro non numerario da Real Academia Galega en 1925.

Marchou a Buenos Aires, onde colaborou coa prensa (Céltiga, La Razón, El Mundo de Montevideo) e publicou Bajo el cielo porteño (1930) e Hosanna (1931)[3]. Regresou a Galicia en xaneiro de 1932[4] e escribiu unha zarzuela en tres actos e un cadro, O avarento, con música de José Jané. Foi vivir co seu pai destinado en Calatayud, onde fundou e dirixiu a revista Fortaleza dende febreiro de 1935[5]. A finais de 1935 malvivía en Madrid ata o punto que se solicita unha subscrición popular para aliviar a súa situación económica[6].

Nos seus anos mozos.

En 1937 publicou ¡Por España y para España! (El libro del combatiente) con 14 poemas de exaltación relixiosa e do bando franquista, dez deles en castelán e catro en galego, que foi utilizado como propaganda polos sublevados[7]. Ante o goberno franquista de Burgos publicitábase como orfa do pai "asasinado polos republicanos"[8]. Colaborou en La Noche, Sonata Gallega e Ciudad. En 1950, con motivo das festas de Vigo, publicou o folleto Cantiga serea con tres poemas[9].

A principios da década dos sesenta instálase definitivamente en Simes, onde morreu en 1967.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Eduardo del Río en xullo de 1922[10]. Viúva de Eduardo del Río, casou con Pedro Fontenla Camiña o 7 de xuño de 1930 en Buenos Aires[11][12]. Novamente viuva, volveu casar con Isaac Sánchez Alonso en Madrid en 1939. Era irmá de Ramón Fariña Cobián.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 17-10-1967, p. 14.
  2. El Orzán, 23-3-1927, p. 1.
  3. Vida Gallega, 30-6-1931, p. 8.
  4. Vida Gallega, 10-2-1932, p. 8.
  5. El Avisador Numantino, 13-2-1935, p. 3.
  6. "¡Humanidad! Gallegos en pie", El Progreso, 29-12-1935, p. 1.
  7. El Pueblo Gallego, 20-6-1937, p. 9.
  8. "El dolor de la poetisa huérfana. Un general que murió en su cama". La Vanguardia: 3. 19-5-1938. 
  9. La Noche, 26-8-1950, p. 6.
  10. La Integridad, 1-8-1922, p. 2.
  11. El Progreso, 12-7-1930, p. 2.
  12. Vida Gallega, 10-8-1930, p. 39.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]