Héctor Núñez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Héctor Núñez Bello»)
Héctor Núñez
Información persoal
Nome Héctor Núñez Bello
Nacemento 8 de maio de 1936
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 19 de decembro de 2011
Lugar de falecemento Madrid
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Liverpool
Club Nacional
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1956–1959 Club Nacional
1959–1965 Valencia FC 145 (46)
1965–1966 Mallorca 24 (6)
1966–1968 Levante 42 (13)
Adestrador
1970–1971 Calvo Sotelo
1971–1973 Tenerife
1973–1974 Levante
1974–1975 Rayo Vallecano
1975–1976 Real Valladolid
1976 Granada
1977–1978 Rayo Vallecano
1978 Atlético de Madrid
1979–1980 Rayo Vallecano
1981–1983 Tecos
1983–1984 Las Palmas
1985–1987 Rayo Vallecano
1989 Club Nacional
1992 Costa Rica
1993–1994 Valencia FC
1994–1997 Uruguai
2001 Al-Nassr
2007 Tacuarembó
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Héctor Núñez Bello, alcumado Pichón Núñez, nado en Montevideo o 8 de maio de 1936 e finado en Madrid o 19 de decembro de 2011, foi un futbolista e adestrador uruguaio de orixe galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Naceu en Montevideo, sendo fillo de dous emigrantes galegos. Seu pai, Héctor Núñez, era de Meicende, e súa nai da Pastoriza (Arteixo).[1][2] Súa nai era madriña de Ramón Alberto Villaverde, outro histórico futbolista uruguaio, tamén fillo de arteixáns.[3]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Liverpool da capital uruguaia, no equipo da quinta división. Alí chamou a atención do Club Nacional, que o fichou para as súas categorías inferiores.[2] En 1954 entrou en contacto co Deportivo da Coruña, durante a súa xira suramericana, chegando a adestrar co equipo galego no Estadio Centenario, pero continuou no equipo uruguaio.[1]

Debutou co primeiro equipo o 15 de decembro de 1956 nun partido amigable contra o Independiente arxentino, da man do adestrador Ondino Viera. Viera fixo debutar tamén aos compañeiros de Núñez no equipo xuvenil, Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, que xunto a Guillermo Escalada, formarían unha das dianteiras máis célebres da historia do club.[2]

Debutou na Primeira División en 1957, e ao remate da campaña o seu equipo acabou campión, sendo Núñez elixido mellor xogador uruguaio do ano. Ao ano seguinte viaxou co seu equipo á Coruña, para disputar a 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera contra o Flamengo do Río de Xaneiro. Sobre o céspede de Riazor o equipo uruguaio bateu ao brasileiro, por dous goles a un, cun dos tantos anotados por Héctor Núñez. A súa actuación no torneo chamou a atención dos equipos españois, e foi fichado polo Valencia FC.[1] No equipo valenciano xogou sete tempadas, nas que disputou 215 partidos, marcando 86 goles. Conquistou dúas Copa de Feiras consecutivas nas tempadas 1961/62 e 1962/63, marcando goles en ambas finais contra o FC Barcelona e o Dinamo Zagreb respectivamente.[4]

No verán de 1965 fichou polo Mallorca, onde xogou unha tempada, non podendo evitar o descenso á Segunda División. A continuación xogou no Levante durante dúas tempadas, ao mesmo tempo que rexentaba un restaurante en Valencia xunto ao seu ex compañeiro Roberto Gil.[3][4] No equipo levantino colgou as botas en 1968.

Adestrador[editar | editar a fonte]

Retirado como xogador, organizou unha axencia de fichaxes e comezou a súa carreira de adestrador.[4] Así, dirixiu sucesivamente o Calvo Sotelo de Puertollano, o Tenerife, o Levante UD, o Rayo Vallecano, o Real Valladolid, e o Granada CF, todos eles na Segunda División. Na tempada 1977/78 volveu ao Rayo Vallecano, esta vez en Primeira División, rematando a tempada no décimo posto. Ao ano seguinte fichou polo Atlético de Madrid, pero foi cesado por Vicente Calderón despois de só seis partidos, e substituído por Luis Aragonés.[5]

Despois regresou ao Rayo Vallecano e de novo ao Atlético, onde traballou como secretario técnico. Exercendo dito cargo no club madrileño, foi o artífice da chegada do mexicano Hugo Sánchez a España en 1981.[6] Ese mesmo ano instalouse el mesmo en México, onde adestrou durante dúas tempadas ao Tecos FC, ata 1983.

De volta en España, dirixiu a UD As Palmas e, por cuarta vez, ao Rayo Vallecano. En 1989 adestrou por primeira vez no seu Uruguai natal, e fíxoo no mesmo club no que debutara como futbolista anos atrás, o Nacional de Montevideo. Conquistou co club de Montevideo a Copa Suramericana e a Copa Interamericana.

En 1992 dirixiu a Selección de Costa Rica e, despois dunha tempada de novo en España como adestrador do Valencia CF en Primeira, regresou a Uruguai como seleccionador nacional. Á fronte da selección uruguaia gañou a Copa América de 1995 en Montevideo e foi elixido adestrador do ano en América do Sur.[7]

Posteriormente trasladouse a Arabia Saudita, onde estivo a cargo do Al-Nassr, e pechou a súa carreira en 2007, adestrando no seu país ao Tacuarembó FC.

Foi tamén profesor da Escola Nacional de Adestradores de España e secretario técnico do Valencia CF. Faleceu en Madrid o 19 de decembro de 2011, aos 75 anos de idade.[8][9]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Club Nacional

Valencia CF

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Club Nacional

Selección uruguaia

Distincións individuais

  • Futbolista uruguaio do ano (1): 1957.
  • Adestrador do ano en América do Sur (1): 1995.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "El Atlético de Madrid está obligado a no defraudar a los aficionados". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xuño de 1981. p. 45. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Maceiras, Xabier (20 de xaneiro de 2017). "Héctor Núñez, outro futbolista de sangue arteixá na elite do fútbol mundial". Consultado o 23 de abril de 2021. 
  3. 3,0 3,1 Furió, Luis (28 de xuño de 2011). "«¿El PSOE? Si los políticos están arriba no los sacas ni con lejía»" (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Ficha de Héctor Núñez". Ciberche (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  5. "Estallo la crisis en el At. Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de outubro de 1978. p. 39. 
  6. González, José Damian (27 de novembro de 1981). "La llegada de Hugo Sánchez, nuevo lío para el Atlético". El País (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  7. "South American Coach and Player of the Year". rsssf.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  8. "Falleció Héctor "Pichón" Núñez" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de abril de 2021. 
  9. "Fallece Héctor Núñez, el técnico uruguayo que ganó una Copa América" (en castelán). 21 de decembro de 2011. Consultado o 24 de abril de 2021.