Colmea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcos móbiles dunha colmea

A colmea, que tamén recibe os nomes de cortiza, cortizo, covo e trobo, é o niño dunha colonia de abellas. As colonias de abellas sor organizacións sociais complexas e xerárquicas que poden chegar a conter ata 80.000 individuos. Están integradas por tres castes distintas de abellas: as obreiras, os abázcaros e a abella mestra. As abellas que se ven comunmente son as obreiras, que tamén constitúen a parte máis numerosa da colonia.

As abellas forman as suas colonias de xeito moi diferente de como o fan outros insectos sociais, como as formigas. Cando unha nova abella mestra nace divídese a colonia. Para constituír un novo grupo, a abella mestra de máis idade abandona a colmea, leva canda ela un crecido número de obreiras e deixa a raíña más nova a cargo do que resta da colonia orixinal. Este proceso natural de formación dunha nova colonia chámase enxamia e o grupo de abellas coa súa nova raíña chámase enxame. Existen diferentes métodos artificiais de creación de novas colonias que aproveitan esta tendencia natural das abellas a permanecer coa súa mestra[1].

Partes dunha colmea movilista[editar | editar a fonte]

Panal

Ademais existe unha serie de accesorios, tales como excluidores das mestras, trampas para o pole, alimentadores, etc, cos que se persegue incrementar o rendemento da colmea.

Clasificación das colmeas[editar | editar a fonte]

Existen dous tipos de colmeas dende o punto de vista metodolóxico[2]:

  • colmea rústica: é a colmea que as abellas constrúen de forma natural no oco dunha árbore ou dunha rocha.
  • colmea racional: a construída polo home para soporte da apicultura.
    • colmea de panais fixos: é a propia dunha apicultura pouco desenvolvida. Tradicionalmente facíanse en troncos baleiros, en cilindros de cortiza, en cestos de vimbio, en campás de palla, etc. Dentro destes refuxios as abellas constrúen os panais de cera dun xeito espontáneo. Durante a esmelga cómpre destruír os panais. a súa rendibilidade é moi limitada.
    • colmea de marcos móbiles: é a utilizada na apicultura intensiva. Hai diferentes modelos de colmeas movilistas, cada un deles con diferentes dimensións. A característica común a todos eles é que, no seu interior, os panais están soportados por cadros móbiles que adoitan ser de madeira. Esta división en cadros permite redistribuír os panais de cría, de pole e de mel segundo as necesidades da colmea. Tamén fai posible esmelgar sendo respectoso coa cámara de cría.

Tipos de colmeas de panais fixos[editar | editar a fonte]

Tipos de colmeas de marcos móbiles[editar | editar a fonte]

  • Colmeas verticais: estas colmeas teñen unha capacidade ilimitada, pois poden ser ampliadas engadindo alzas á cámara de cría a medida que son necesarias.
  • Colmeas horizontais: estas colmeas teñen sempre capacidade limitada, non importa o tamaño co que se constrúan, non é factible engadir alzas.
    • Colmea horizontal con lateral inclinado (Top Bar Hive ou Keniana). En inglés KTBH.
    • Colmea horizontal con lateral recto (Top Bar Hive ou Tanzania). En inglés Tanz, colmea tipo Layens.
  • Colmeas de reprodución
    • Núcleos ou nucleiros: constan de dous a cinco marcos, e empréganse para criar unha nova colmea a partir de poucas abellas e unha mestra. Se a mestra non está fecundada chámanse núcleos de fecundación.

Medidas de diferentes tipos de colmeas verticais[editar | editar a fonte]

Tipo[3] Langstroth Dadant Lusitana Layens
Cámara de cría (cm) 46,5x38x24 46,5x38x31 37x38x31 según nº cadros
Alzas (cm) 46,5x38x24 46,5x38x17 37x38x16
Cadros da cámara (cm) 42x20 42x27 33x27 35x30
Cadros das alzas (cm) 42x20 42x13 33x12 35x30
Cadros (dm²) 160 220 180 240
Cría teórica (nº abellas) 45.000 60-62.000 50.000 67.200
Kg de abella x cría 4,5 6 5 6,7
Capacidade (litros) 42,4 54 43,5
Capacidade total (litros) 84,8 84 65,9
Capacidade da alza (kg) 25 16 13

Conxunto de colmeas: apiario[editar | editar a fonte]

O conxunto de colmeas que un apicultor ten nun determinado lugar físico chámase apiario. O apicultor adoita ter varias colmeas en cada apiario, dependendo da capacidade polinífera e nectarífera da flora que haxa no lugar. Recoméndase non facer nunca apiarios de máis de 50 colmeas para non provocar a competencia entre as colmeas e manter a produción de mel por colmea.

As alvarizas, abellarizas ou cortiños[4], son tradicionais en Galicia e outras zonas peninsulares. Son recintos murados que, en zonas de montaña, se empregan para protexer os apiarios da depredación dos animais silvestres, especialmente dos osos, e da acción agresiva dos ventos do inverno. As alvarizas teñen planta aproximadamente circular, muros altos e portas estreitas polas que non sexa doado o acceso aos animais de maior tamaño. Tamén existen construcións chamadas fornos onde se colocan varias colmeas fixas nun interior baixo teito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Layens, G. De; Bonner, G. Curso completo de apicultura (cultivo de las abejas). El colmenero español. Barcelona, 1904. Ed. facsímile Ed. Maxtor. Valladolid, 2008.
  2. Jean-Prost, Pierre. Apicultura : conocimiento de la abeja. Manejo de la colmena. Madrid : Mundi-Prensa, 2007.
  3. Bradbear, N. La apicultura y los medios de vida sostenibles. Volumen 1 de Apicultura Y Los Medios De Vida Sostenibles, Folleto de la FAO sobre diversificación. Food & Agriculture Org., 2005
  4. González Pérez, Clodio. A Apicultura tradicional no Concello de Navia de Suarna (Lugo). Lugo : Deputación Provincial, Servizo de Publicacións, 1989.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]