Germán Coppini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Germán Coppini
Nome completoGermán Coppini López-Tormos
AliasGermán Coppini
Nacemento1961
OrixeSantander
Falecemento24 de decembro de 2013
 Madrid
Ocupacióncantante e autor-compositor
Relacionado conSiniestro Total, Golpes Bajos
editar datos en Wikidata ]

Germán Coppini López-Tormos, nado en Santander en 1961 e finado en Madrid o 24 de decembro de 2013,[1][2] coñecido artisticamente como Germán Coppini, foi un cantante pop, fundador de Siniestro Total ou Golpes Bajos, e persoeiro fundamental da movida viguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Siniestro Total[editar | editar a fonte]

A principios de 1980 forma xunto con Miguel Costas á guitarra e Julián Hernández á batería o grupo afeccionado Coco y los del 1.500, no que fai de vocalista. Entre finais de agosto e principios de setembro de 1981 os seus compañeiros cambian o nome do seu outro grupo, que comparten con Alberto Torrado, Mari Cruz Soriano y los que Afinan su Piano, por Siniestro Total, e ante a necesidade dun vocalista, disolven Coco y los del 1.500 e incorporan a voz de Germán ó novo grupo.

Entre outono de 1981 e primavera de 1983 forma parte de Siniestro Total, cos que edita en xuño de 1982 o EP Ayudando a los enfermos, en novembro o LP ¿Cuándo se come aquí? e en febreiro de 1983 o sinxelo Sexo chungo/Me pica un huevo.

En febreiro de 1983 recibe un botellazo na perna mentres está actuando con Siniestro na Sala Zeleste en Barcelona, o que o obriga a ingresar por unhas semanas no hospital, durante as que se prantexa seriamente a súa continuidade no grupo. Tras saír do hospital contacta co seu compañeiro de instituto Teo Carralda, co que forma un dúo, en principio tan só un pequeno proxecto paralelo a Siniestro Total, co nome de Golpes Bajos; de modo que compaxina a súa actividad nos dous grupos tocando de luns a vernes en Siniestro e as fins de semana en Golpes, que en principio só se dedicaban a gravar versións de The Who.

Pero o momento decisivo chega cando con este último grupo envía algunhas cancións para participar no concurso de maquetas da revista Rock Espezial (actualmente Rockdelux) e gañan o primeiro premio. Pouco despois e debido a este éxito, Golpes aparece no programa La edad de oro de Televisión Española, presentado por Paloma Chamorro; Germán non comenta que tamén pertence a Siniestro Total, o que fai que o resto de compoñentes do grupo se ofendan.

Así pois, Germán e Teo buscan a dous instrumentistas máis para o seu grupo; encontran a Pablo Novoa e Luis García, e en abril de 1983 Germán abandona definitivamente Siniestro Total.

Golpes Bajos[editar | editar a fonte]

Xa como vocalista de Golpes Bajos, a mediados de 1983 edita coa discográfica Nuevos Medios un maxisinxelo homónimo, do que conseguen vender máis de 20.000 copias, o que fai que chegue a intervir na película musical A tope interpretando o tema dese maxisinxelo "Malos tiempos para la lírica" na Sala RockOla de Madrid. O 28 de xuño dese mesmo ano aparecen de novo no programa La edad de oro, no que conceden unha entrevista, ademais de tocar dous temas do maxisinxelo e un terceiro aínda inédito, "Fiesta de los maniquíes".

Mercede ó éxito deste primeiro traballo, o grupo pode permitirse continuar con Nuevos Medios e editar un LP completo en 1984 co nome de A Santa Compaña, acompañado dos sinxelos coas cancións "Escenas olvidadas" e "Fiesta de los maniquíes" e do maxi "Colecciono moscas". Ademais, realizan un videoclip para o programa La Bola de Cristal do tema "Cena recalentada", e Germán colabora no disco de Alaska y Dinarama Deseo Carnal. En canto ós galardóns, reciben o premio Ícaro ó mellor grupo revelación de Diario 16 e o premio ó mellor grupo de 1984 outorgado pola sala RockOla.

Xa a principios de 1985 Golpes saca o seu terceiro e último traballo, de novo con Nuevos Medios, un mini-LP titulado Devocionario, acompañado polos sinxelos dos temas "La virgen loca" e "Desconocido". A xira deste disco finaliza na primavera dese aon cun concerto en Tarragona na que o grupo anuncia publicamente a súa disolución.

En solitario: ata Carabás[editar | editar a fonte]

Así pois, xa sen compromisos, Germán decide entón tomar uns meses de descanso durante o resto do ano, ata que en marzo de 1986 volve á escena musical en forma de reunión con Nacho Cano, co que grava o maxisinxelo "Edición limitada", presentado oficialmente en La 2 de Televisión Española o 12 de marzo de 1986, e mercede ó cal recibe o premio ó mellor solista do programa de Rafael Abitbol en Radio 3. Este maxisinxelo vén acompañado polos sinxelos promocionais "Dame un chupito de amor" e "Pepito el Grillo".

Finalmente en 1987 decídese a gravar un disco en solitario, El ladrón de Bagdad, esta vez en Hispavox, producido por Luis Fernández Soria, que aparece xunto co sinxelo "Alien divino" e un maxisinxelo cos temas "Por una caperuza" e "Despierta, escuela". O álbum foi presentado en directo nas festas de San Isidro en Madrid, onde tamén interpretou o tema inédito "Mi chiquitito".

En 1988 colabora con Alaska y Dinarama nun rap para a revisión do tema "Bailando", e xa en 1989 grava o seu segundo álbum en solitario, outra vez con Hispavox: Flechas negras, consistente en versións de clásicos do soul dos anos 70 actualizadas por Germán e producidas polo grupo Rebeldes sin Pausa, xunto con temas propios. Tódalas letras están firmadas por Germán Coppini, Pablo Sycet e Luis Carlos Esteban. Como sinxelo promocional do novo disco editouse a canción "Mujer".

Durante a primeira metade da década dos 90 Germán mantívose algo afastado do mercado musical, aínda que participou esporadicamente en discos doutros artistas, como Salud y pesetas de Las manos de Orlac (onde están o seu irmán Ernesto Coppini e Nacho Mastretta) en 1990. En 1994 colabora no disco homenaxe a Antonio Vega Ese chico triste y solitario cunha versión da canción de Nacha Pop "Chica de ayer" interpretada por "Los Cuatro Fantásticos de Germán Coppini", que incluía a Pedro Andrea, Billy Villegas e Javier Marsán. Nese mesmo ano colabora con Paco Clavel no seu disco Duets, cantando o tema "Contrabando y traición". Pouco despois canta as cancións "El astronauta de tu corazón" e "Vuela, vuela, pajarito" no primeiro disco de Tino di Geraldo: Burlerías. Durante todo este tempo escribe cancións para series de debuxos animados e, por último, colabora na revista musical santanderina Bag Culture.

Ademais en marzo de 1991 Nuevos Medios edita un CD duplo con todos os temas gravados por Golpes Bajos durante a súa carreira, incluídos os contidos nos maxisinxelos promocionais, que ten unha acollida moi boa no mercado.

Por fin, tras case sete anos de silencio, a principios de 1996 volve gravar un disco en solitario, de novo en Nuevos Medios, que sae en maio co título de Carabás, esta vez inzado de ritmos latinos e moi afastado do pop que gravara durante toda a súa carreira.

En solitario: desde Carabás[editar | editar a fonte]

Tralo novo álbum, en 1997 interviu nos coros da canción "Juncal" no disco Carbono catorce do grupo Vainica Doble, e a finais dese mesmo ano Teo Cardalda e el volven reunirse ó ver os esperanzadores resultados do dobre CD publicado seis anos antes, de modo que inician unha xira a nivel estatal que comeza o 17 de marzo de 1998 no Teatro Cervantes de Málaga coa presentación do novo disco en falso directo Vivo; pero ó finalizar a xira e comprobar os discretos resultados comerciais do álbum, deciden abandonar o proxecto.

Así pois, en xaneiro de 1999 Germán volve á súa actividade normal de colaboración en discos doutros artistas e intervén na canción "Coplillas de la mitómana" de Vainica Doble, no seu EP "Miss Labores", que é editado na primavera dese ano. E xusto antes de comezar o verán pon letra á canción "Amor garantizado" do disco Castaña de Tomasito.

Tras dous anos de inactividade, o 15 de novembro de 2001 participa na festa organizada por Jesús Ordovás para celebrar o aniversario da Sala Pentagrama, onde canta, xunto con Julián Hernández, compañeiro seu nos primeiros tempos de Siniestro, á guitarra, o tema "Ayatolah!", do primeiro EP de dito grupo, que máis tarde foi publicado no disco do aniversario da Sala Pentagrama.

En 2002, e para celebrar o seu vixésimo aniversario, Nuevos Medios reedita en formato Digipack o único LP de Golpes Bajos, A Santa Compaña, totalmente remasterizado e en edición de coleccionista, con material gráfico inédito. En 2003 Germán colabora con Tino di Geraldo na canción "Ojalá" do seu último disco, titulado Tino. Entre 2003 e 2004 Televisión Española publica unha serie de DVDs con emisións do programa La bola de cristal, entre as que se encontran videoclips tanto de Golpes Bajos como de Germán Coppini en solitario. Neste último ano tamén se dedica á pintura, e algúns dos seus cadros poden ser vistos na exposición Los colores de la música, no que diversos músicos amosan os seus deseños.

Ademais, a finais de verán de 2003 forma un novo grupo, co nome de Anónimos, xunto con Patacho Recio, Juan Jaren, Carlos Rodríguez e Ñete; participa nos actos de conmemoración do vixésimo aniversario da revista Rockdelux o 23 de novembro, e colabora escribindo as letras e prestando a súa voz no primeiro disco de Carmen Cancer, Ynolose.

En xuño de 2006 edita un novo álbum, nesta ocasión de rarezas, chamado "Las Canciones Del Limbo". Son temas gravados entre 1999 e 2004 que non viron a luz por diversos motivos. Destacan as colaboracións con Andrés del Val -Qun Qún-, Danny Van Der Lay, Jorge Mira e Susana Cáncer, coa que colaborou en tres temas do seu último álbum e algúns temas dun proxecto chamado "Glub" con Raúl Marín, Billy Villegas e Ludovico Vagnone. Inclúe cancións con Justo Bagüeste ou Tino Di Geraldo, así como unha versión de Franco Battiato "Centro De Gravedad".

En 2004 retoma a formación Anónimos xunto a Patacho Recio e o batería Carlos Hens de Los Elegantes, irmán da cantante de Objetivo Birmania, Yolanda Hens.

En abril de 2006 colabora no terceiro disco homónimo do trío sevillano Maga, no tema "Trampa En La Boca". Durante 2007 deu unha serie de concertos con Maga como banda de acompañamento, baixo o nome común de Cocoma, cun repertorio baseado fundamentalmente no repertorio de Golpes Bajos e algúns temas de Siniestro Total.

Paralelamente Germán Coppini preparou durante 2007 un novo proxecto, Lemuripop, xunto ó artista multimedia Alex Brujas, programador e dj do "New Order Club" e compoñente doutros proxectos como o grupo dark "Stereoskop" (xunto a Susana Egea), e Mask.

Discografía[editar | editar a fonte]

Con Siniestro Total[editar | editar a fonte]

  • "Ayudando a los enfermos" (EP) (DRO, 1981)
  • ¿Cuándo se come aquí? (DRO, 1982)
  • "Sexo Chungo/Me pica un huevo" (sinxelo) (DRO, 1983)

Con Golpes Bajos[editar | editar a fonte]

  • "Golpes Bajos" (maxisingle) (Nuevos Medios, 1983)
  • "Fiesta de los maniquies + Hansel y Gretel" (sinxelo) (Nuevos Medios)
  • "Escenas olvidadas + Cena recalentada" (sinxelo) (Nuevos Medios)
  • "A Santa Compaña (Nuevos Medios, 1984)
  • "Colecciono moscas" (Maxisinxelo)(Nuevos Medios)
  • "Devocionario (mini-LP) (Nuevos Medios, 1985)
  • "La virgen loca + Las travesuras de Till") (sinxelo) (Nuevos Medios)
  • "Desconocido + Ayes)(single) (Nuevos Medios)
  • "Todas sus grabaciones 1983/1985 (recompilación de tódolos seus temas en CD) (Nuevos Medios, 1991)
  • Vivo (Nuevos Medios, 1998)

Con Nacho Cano[editar | editar a fonte]

  • "Edición limitada" (EP) (1986)

Con Anónimos[editar | editar a fonte]

  • "Anónimos" (CD) (2005)

Coa Orquestra de Música Espontánea de Galicia[editar | editar a fonte]

  • Semper audax (2015, póstumo)[3].

En solitario[editar | editar a fonte]

  • El ladrón de Bagdad (Hispavox, 1987)
  • Flechas negras (Hispavox, 1989)
  • Carabás (Nuevos Medios, 1996)
  • Las Canciones Del Limbo (La Ecléctica Madrileña / Nuevos Medios, 2006)

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En 2013 detéctanlle un cancro de fígado, do que falece na Noiteboa dese ano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Manerasdevivir.com
  2. "Zona Musical". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2013. Consultado o 24 de decembro de 2013. 
  3. O derradeiro adeus galego a Germán Coppini, Praza Pública, 18/1/2015.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]