Antonio Vega
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Antonio Vega Tallés 16 de decembro de 1957 Madrid, España |
Morte | 12 de maio de 2009 (51 anos) Madrid, España |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Educación | Liceo Francés de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | compositor, guitarrista, cantante, artista discográfico |
Membro de | |
Xénero artístico | Música pop |
Instrumento | Voz |
Antonio Vega Tallés, nado en Madrid o 16 de decembro de 1957 e finado na mesma cidade o 12 de maio de 2009 aos 51 anos, foi un músico español.
Mediano de sete irmáns, o seu pai é un prestixioso médico leonés de Carrizo da Marxe especializado en traumatoloxía. En 1978 forma a banda Nacha Pop, que provén doutra banda, Uhu-Helicopter, na que militaba o seu curmán Nacho. No 1980, Nacha Pop editou o seu disco de presentación. No 1988, o grupo separouse definitivamente, tras do cal Antonio comezou a súa carreira en solitario.
Nacha Pop
[editar | editar a fonte]Durante esta etapa na carreira musical de Antonio Vega, saíron á luz numerosos temas que terminaron entrando no cancioneiro popular español, en especial, "La chica de ayer", canción que se converteu nun himno da movida madrileña dos 80. Entre outros temas seus, salientan "Lucha de gigantes", "Una décima de segundo" ou "Cada uno a su razón". En cada un dos seus temas, Antonio transmitía unha historia persoal ou a súa visión do mundo. Deste xeito, marcou unha diferenza coa música do seu curmán, Nacho Vega, que compoñía un pop máis directo e unhas letras menos metafóricas.
A mítica banda separouse en 1988, tras unha serie de concertos en Madrid que deron lugar ao seu disco de despedida, Nacha Pop 80-88, un repaso da súa discografía de estudo e epitafio da banda.
En 2007, porén, vólvese reunir coa banda co gallo dunha serie de concertos por España, entre os meses de xuño e outubro.
Carreira en solitario
[editar | editar a fonte]A carreira en solitario de Antonio Vega comezaría marcada pola súa etapa anterior, da que saíu como un músico consagrado e moi respectado polos seus compañeiros de profesión. Xa que logo, Antonio mantivo a mesma liña de creación durante a súa etapa en solitario ca na anterior andaina, aínda que cun ton máis intimista, se cadra pola ausencia da influencia musical do seu curmán Nacho.
O seu primeiro disco desta etapa saíu á luz no 1991 baixo o título No me iré mañana, onde se mesturan temas cun estilo máis pop, coma os magníficos "Esperando nada", "Háblame a los ojos" ou "Lo mejor de nuestra vida", con temas máis próximos á que se dá en chamar canción de autor, como "Tesoros" ou "Se dejaba llevar por ti".
Posteriormente a este disco, publicouse, no 1992, un disco recompilatorio no que se incluían algunhas das súas máis recoñecidas cancións da época de Nacha Pop e mais do seu anterior e único traballo en solitario até daquela, xunto a canción "Ansiedad", de Chequile Saravia, e unha primeira versión doutro dos seus temas de maior sona: "El sitio de mi recreo", que daba nome ao disco.
No 1994 sairía o seu seguinte traballo: Océano de sol, para cuxa gravación Antonio Vega viaxaría a Inglaterra, onde lle esperába Phil Manzanera, ex guitarrista da mítica banda Roxy Music, que se ocuparía da produción do disco, non obstante, Antonio Vega non quedou nada contento co traballo de Manzanera, parece ser que por causas de falta de profesionalidade por parte deste e diferenzas na concepción do traballo. Neste disco salientan temas como "Vapor", "Palabras" ou unha segunda versión máis traballada de "El sitio de mi recreo".
Tras un silencio de catro anos, Antonio publica o disco Anatomía de una ola, máis acústico e tranquilo cós anteriores, no cal se recollen temas como "Ángel caído", dedicada a Vincent Van Gogh ou "Como la lluvia al sol". No 2001 publica o seguinte título, De un lugar perdido, un disco curto no que salientan temas como "Estaciones", "Para bien u para mal" ou "A trabajos forzados", canción na que Antonio pon música a un poema do escritor Antonio Gala. No ano 2002 Antonio Vega publica o seu particular Básico, no que fai versións acústicas das súas cancións máis coñecidas e doutras algo menos, e saca algún tema inédito.
Seguiría a este no 2004 un disco de colaboracións, entre outros con Amaral, cos que canta "Como hablar", Jarabe de Palo, facendo dueto con Pau Donés no tema "Completo incompleto", ou Los Elefantes, cos que fai unha versión de "Que yo no lo sabía". No 2004 participa tamén na homenaxe colectivo ao poeta Pablo Neruda no seu centenario: Neruda en el corazón.
O seu último traballo ata a data publícase no 2005, 3000 noches con Marga, pretende render homenaxe á que foi a súa compañeira, Margarita del Río, que falecera pouco antes. O propio título é unha referencia ao tempo que Antonio puido pasar con ela ata a súa morte. É un disco no que se atopan temas como "Angel de Orión", "Caminos infinitos", "Pasa el Otoño" ou a instrumental "3000 noches con Marga".
No ano 2007 Antonio reúnese con Nacho García Vega e deciden volver ao escenario como Nacha Pop nunha xira en España. Acabada a devandita xira, volve á súa carreira en solitario.
Falecemento
[editar | editar a fonte]Xa dende os anos oitenta, Antonio Vega tiña graves problemas de saúde derivados da súa adicción ás drogas. Este feito, co tempo, deixara de ser un segredo para o público, debido á súa notábel deterioración física.
O 20 de abril de 2009 foi ingresado no hospital Puerta de Hierro de Majadahonda (Madrid), debido a unha pneumonía aguda que o obrigara a suspender a súa xira de concertos. Finou o 12 de maio dese ano, aos 51 anos, por consecuencia dun cancro de pulmón que lle diagnosticaran meses antes.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Sala Capitol, Santiago de Compostela
-
Sala Capitol, Santiago de Compostela
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Antonio Vega |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web Oficial de Antonio Vega Arquivado 06 de marzo de 2009 en Wayback Machine.
- Antonio Vega en AudioKat