Vainica Doble

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vainica Doble
OrixeEspaña España
Xénero(s)Música pop
Selo(s) discográfico(s)Columbia, Ópalo, Ariola, Gong, Guimbarda, Nuevos Medios, Universal, Elefant Records
MembrosGloria Van Aerssen, Carmen Santonja
Na rede
Spotify: 2jbPowmJ5OQ9c4HxLjLkZZ iTunes: 35417742 Musicbrainz: bd70f31b-96c5-4bc5-8951-9a6a48478a94 Discogs: 1030429 Allmusic: mn0000431117 Deezer: 77941 Genius: Vainica-doble Editar o valor em Wikidata

Vainica Doble foi un dúo español de música pop, activo de forma irregular entre 1971 e 2000. Estaba formado por Gloria van Aerssen (1932-2015) e Carmen Santonja (1934-2000), e influíu considerablemente no pop independente do seu país.

Aínda que a súa actividade artística se desenvolveu sempre á marxe das grandes casas discográficas, a finais da década de 1970 as súas cancións e a súa actitude chamaron a atención de varios músicos independentes que, co tempo, conformarían o xerme da así chamada nova onda da música española. Carlos Berlanga e Fernando Márquez, especialmente, achegaron logo a Vainica Doble aos novos grupos de música indie, como Le Mans, La Buena Vida, Nosoträsh ou Family, algúns dos cales gravaron tamén para Elefant Records, compañía que editou o último disco do dúo. O grupo editou os seus discos a través de oito compañías diferentes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Carmen Santonja e Gloria van Aerssen empezaron a colaborar musicalmente en 1966. Máis tarde debutaron anonimamente nunha película de Marisol de 1969, Carola de día, Carola de noche. A través de Enrique de Las Casas, directivo de Televisión Española, entraron en contacto co grupo Music Son e achegaron ao seu repertorio algúns temas, entre eles Lágrimas de cocodrilo, que se emitiu por televisión.

O seguinte traballo do dúo foi compor unha sintonía e varias cancións para a serie televisiva Fábulas, proxecto de Jaime de Armiñán. Isto levounas a colaborar con músicos e arranxistas e a dar forma ao seu primeiro traballo profesional como dúo que canta e compón. Entraron en contacto con Pepe Nieto, que estaba a producir o grupo Nuevos Horizontes, aos que Carmen e Gloria achegaron catro temas: El afinador de cítaras, Las cuatro estaciones, Mi mosca favorita e Mi churumbel. Á vez que compoñen temas para novos sinxelos do grupo, coñeceron o director de cine Iván Zulueta e prepararon tres cancións para a súa película Un, dos, tres, al escondite inglés.

Tras esta experiencia, Nieto propúxolles gravar un sinxelo co seu propio nome. Dunha longa lista de nomes, elixiron finalmente Vainica Doble. O sinxelo, gravado coa discográfica Columbia, inclúe as cancións La bruja e Un metro cuadrado, que moitos anos despois versionaron Los Planetas. O disco pasou desapercibido para o gran público, pero un pequeno grupo de afeccionados recibiuno con entusiasmo.

A continuación colaboraron nunha nova tempada de Fábulas, acompañadas por un grupo chamado Tickets (do que xurdiría Asfalto), que incluiría no seu primeiro sinxelo un tema de Vainica Doble titulado El rigor de las desdichas.

Ao acabar o seu contrato con Columbia, a través de Pepe Nieto contactaron con Manolo Díaz, que dirixía o selo Ópalo, de recente creación. Outra vez con Tickets, gravaron un sinxelo titulado Refranes, tema que de novo é sintonía dunha serie de televisión. En 1971 por fin gravaron o seu primeiro disco de longa duración, Vainica Doble, producido por Manolo Díaz. Inclúe temas tan sorprendentes como Guru Zakun Kin Kon, a historia dun dragón extraterrestre que entra en contacto, de forma traumática, coa especie humana. Unha vez terminado o disco, a compañía tivo problemas coa censura por mor da canción Quién le pone el cascabel al gato, na que se quixo ver unha alegoría sobre Franco, aínda que só se trataba de musicar unha fábula.

En 1972 gravaron un disco do Nadal que contén dous temas nos que colaboran Aguaviva, do mesmo selo: Oh Jesús e Evangelio según San Lucas. Foi o último traballo de Vainica Doble para Ópalo. Tras o peche da compañía, asinaron con Ariola e para este selo editaron Heliotropo, un disco cunha produción máis elaborada, con arranxos orquestrais e a dirección artística de Pepe Nieto. A este álbum pertencen clásicos do grupo como Habanera del primer amor e Elegía al jardín de mi abuela. Con este álbum realizaron algunhas das súas poucas actuacións en directo, en Marrocos e en Bourbon St. Compuxeron a sintonía da serie de televisión Tres eran tres e actuaron no programa infantil Hoy también es fiesta.

En 1975, José Luis Borau pediulles a banda sonora da súa película Furtivos. Asinaron coa discográfica Gong e no verán de 1976 gravaron o seu seguinte disco, Contracorriente. O seu tema máis popular é Déjame vivir con alegría, armado cun sorprendente arranxo de sitar. Descontentas coa produción definitiva, desapareceron de escena.

En 1980 volveron ao estudio de gravación. Destas sesións xurdiu o disco El eslabón perdido, no que recuperaron varias cancións de televisión e temas esquecidos e engadiron algunhas melodías novas. En 1981 editaron El tigre del Guadarrama, de ambiente escuro e crítico. En cancións como Crónica madrileña dan a súa peculiar visión rockeira da nacente Movida madrileña. En 1984 editaron un dobre disco titulado Taquicardia, un regreso intrigante e moi experimental. Ese mesmo ano crearon e interpretaron, xunto a Joaquín Sabina, a sintonía de Con las manos en la masa, un programa de TVE presentado por Elena Santonja, irmá de Carmen.

En 1997 saíu á luz Carbono 14, co que a discográfica tentou canalizalas cara a un público masivo. Interferiu nos arranxos e impúxolles colaboradores como Alejandro Sanz, Miguel Bosé e Ismael Serrano, con tirón comercial pero con pouca ou ningunha relación coa estética do dúo. Resultou o seu disco máis vendido, pero tamén o que menos aprecian os seus seguidores.

No 2000 as Vainica despedíronse definitivamente con En familia, gravado no selo independente Elefant e sen ningunha presión comercial. Inclúe a balada Dices que soy e a prensa especializada saúdao como un dos mellores do ano. Colaboran nel os fillos e netos das cantantes.

Compuxeron tamén algunhas das máis coñecidas sintonías de televisión dos últimos anos, como a das series Juncal (de Jaime de Armiñán) e Celia (de José Luis Borau), e crearon cancións para artistas como Luz Casal, Sergio y Estíbaliz ou Paco Clavel.

Carmen Santonja faleceu en Madrid o 23 de xullo de 2000, aos 66 anos, e Gloria van Aerssen no hospital da localidade de Cercedilla (Comunidade de Madrid) o 22 de outubro de 2015, aos 83 anos.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Vainica Doble (1971)
  • Heliotropo (1973)
  • Contracorriente (1976)
  • El eslabón perdido (1980)
  • El tigre del Guadarrama (1981)
  • Taquicardia (1984)
  • 1970 (1991)
  • Carbono 14 (1997)
  • Carne sin huesos (1997)
  • Miss labores (1999)
  • En familia (2000)