Saltar ao contido

Gamo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gamo

Macho

Femia
Femia

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Cervidae
Xénero: Dama
Especie: D. dama
Nome binomial
Dama dama
(Carl von Linné, 1758)
Distribución en Galicia
Distribución en Galicia

Distribución en Galicia
Distribución no mundo
Distribución no mundo

Distribución no mundo

O gamo[1] (Dama dama, ás veces chamado Cervus dama) é unha especie de cérvido nativa da área mediterránea. Diferénciase do outro gran cérvido europeo, o cervo común (Cervus elaphus), en que ten menor tamaño, o pelame roxo salpicado de pintas brancas (ocasionalmente cunha banda escura no lombo) e as hastas palmadas.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

O gamo é un animal con elevado dimorfismo sexual. Unicamente os machos teñen hastas, que están inclinadas cara a atrás e presentan tres candís e unha ancha palma, típicos da especie. A corna muda anualmente, cae na primavera e a época de medra complétase a finais do verán. A lonxitude do gamo varía entre os 129–155 cm dos machos e os 118–140 cm das femias. O seu peso oscila entre os 52–63 kg nos machos e 28–41 kg nas femias.

A cola é característica pola súa lonxitude (ata 19 centímetros) e o seu dorso escuro. O pelo vólvese máis escuro e lixeiramente agrisado no inverno, aínda que no ventre, glúteos e parte inferior das patas e a cola é branco todo o ano.

Dama dama

Esta especie prefire os bosques de folla caduca relativamente húmidos, onde se alimenta preferentemente de follas de árbores e matogueiras e en menor medida de herbas. Na antigüidade, o gamo converteuse nunha presa cobizada polos cazadores, sobre todo os pertencentes ás clases altas. Isto, paradoxalmente, contribuíu á súa conservación e introdución en varios lugares onde antes non estaba presente ou se extinguira durante a derradeira era glacial. A maior expansión produciuse durante o Imperio Romano e a Idade Media, cando a especie foi introducida na Europa central, as illas británicas e o sur da Península Escandinava e Finlandia. Con todo, a unha especie relacionada que vivía en Oriente Medio, o gamo persa (Dama mesopotámica), foille considerablemente peor, e chegou a crerse extinta ata que se redescubriron unhas cantas cabezas nunha rexión recuada do sueste de Irán. Os gamos adoitan ser habitantes habituais dos parques e xardíns de varios países, onde se crían con fins ornamentais.

Ao contrario que outros cérvidos do seu tamaño, non forma mandas senón que vive en grupos familiares de menos de 10 individuos, ou ben leva unha vida solitaria. Un macho únese a un destes grupos durante a época de celo, normalmente en outubro.

Na actualidade, os gamos introducíronse tamén nos Estados Unidos, Perú, Chile, Arxentina, Suráfrica, Australia e Nova Zelandia.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O gamo é unha especie polígama. Os machos adultos marcan o seu territorio e compiten con outros machos para cortexar as femias. Emiten un son característico para se advertiren entre eles e atraer as femias. A época de apareamento ten lugar a comezos do outono. O período de xestación dura 8 meses. Contra o final da primavera as femias preñadas paren, polo xeral, unha cría, e de cando en cando, dúas ou ata tres.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]