Fritz Nordsieck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFritz Nordsieck
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1906
Düsseldorf
Morte23 de maio de 1984
Datos persoais
País de nacionalidadealemá
Formación profesionalAdministración de empresas, Economía, Socioloxía e Dereito
EducaciónUniversidade de Colonia
Actividade
Campo de traballoFilosofía, zooloxía, organização industrial (pt) Traducir e work management (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Ocupacióneconomista, político e malacólogo
Partido políticoPartido Socialdemócrata de Alemaña Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeHildegard Nordsieck-Schröer

Fritz Nordsieck, nado en Düsseldorf o 8 de marzo de 1906 e finado o 23 de maio de 1984 foi un economista, político (era membro do Partido Socialdemócrata de Alemaña), e malacólogo alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nordsieck estudou Administración de empresas, Economía, Socioloxía e Dereito na Universidade de Colonia,[1] traballando no Instituto de vendas da Universidade para financiar os seus estudos.[2]

Despois do seu doutoramento en 1930,[3] Fritz Nordsieck foi axudante de investigación na Facultade de Ciencias Económicas e Sociais da Universidade de Colonia até 1934.[1][4] Despois traballou como auditor para a empresa fiduciaria Wirtschaftsberatung Deutscher Gemeinde AG en Berlín,[1] e máis tarde como consultor científico na Asociación Alemá de Municipios. Durante este tempo tamén foi editor xefe da revista de economía Zeitschrift für öffentliche Wirtschaft.[2]

Durante a época nazi, a súa habilitación, á que tiña como obxectivo en 1936, non puido levarse a cabo por razóns políticas. Durante a segunda guerra mundial Nordsieck serviu como oficial do exército en Rusia e en Noruega.[2]

Despois do final da guerra continuou a súa carreira profesional, primeiro como administrador de distrito (Kreis) en funcións e, de 1947 a 1959 como director xefe do distrito de Gandersheim na Baixa Saxonia.[1] Como político do SPD, foi membro do Concello de Haan desde marzo de 1961 e, máis tarde, membro do consello de distrito e da asemblea rexional. En 1964 asumiu o cargo de administrador de distrito no distrito de Düsseldorf-Mettmann, que ocupou até 1967.[5] Alí adquiriu experiencia no desenvolvemento da administración distrital,[3] así como no ámbito da administración social e do servizo público de saúde.

[editar | editar a fonte]

Na década de 1950 Nordsieck comezou a investigar os moluscos mariños. Afondou as súas investigacións en numerosas viaxes á rexión mediterránea, especialmente a Italia e ao sur de Francia. Alí tomou conciencia da crecente contaminación dos mares. Traballou intensamente na fauna de moluscos dos mares europeos, co apoio do Museo Senckenberg de Frankfurt. En particular, os malacólogos Wilhelm Kobelt e Wilhelm Wenz foron modelos a seguir para o seu traballo.[1]

Os libros de Nordsieck sobre os caracois mariños europeos, cunha nova compilación de especies coñecidas dos mares de Europa foron ilustrados por el mesmo e recibiron atención internacional. Centrou a súa atención especialmente nas pequenas formas. Nas súas publicacións describiu máis de 400 novas especies, subespecies e variedades e nomeou máis de 100 novos xéneros e categorías superiores.[1]

Ademais dos libros, Nordsieck escribiu numerosos artigos e foi coeditor durante un tempo da revista italiana La Conchiglia.[1]

En vista do descenso da biodiversidade, Nordsieck e a súa esposa fixeron unha intensa campaña pola conservación da natureza e recibiron a Medalla de Conservación da Natureza do Rheinisch-Bergischer Naturschutzverein. No seu libro filosófico A nova conciencia trata tamén da necesidade de preservar a natureza.[3]

Despois da súa morte, a súa viúva deixou a colección de Nordsieck, que comprendía unhas 5 000 especies, ao Instituto de Investigación Senckenber.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Nordsieck casou en 1934 con Hildegard Nordsieck-Schröer, doutora en Administración de empresas, á quen coñecera por estudar xuntos. O matrimonio tivo cinco fillos, incluído o biólogo e malacólogo Hartmut Nordsieck.[1]

Á parte da súa carreira política, ademais de á malacoloxía e á filosofía, tamén se dedicou á pintura, que lle interesaba desde a súa mocidade. As súas obras —principalmente acuarelas e óleos— mostráronse en varias exposicións de arte en Renania.

Honores[editar | editar a fonte]

Epónimo[editar | editar a fonte]

A especie Tricolia nordsiecki foi así nomeada na súa honra.[6][7]

Abreviatura[editar | editar a fonte]

A abreviatura F. Nordsieck emprégase para recoñecer a Fritz Nordsieck como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Hans-Dieter Zollondz, Michael Ketting & Raimund Pfundtner (2019): Lexikon Qualitätsmanagement: Handbuch des Modernen Managements auf der Basis des Qualitätsmanagements. Carl Hanser Verlag GmbH & Company KG. ISBN 978-3-4464-6048-5.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Fritz Nordsieck (1906–1984)". En: R. Janssen (ed.): Archiv für Molluskenkunde der Senckenbergischen Naturforschenden Gesellschaft. 118 (4-6). Frankfurt am Main, 1988.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Dr. Fritz Nordsieck Arquivado 31 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.. En: Archiv des Kreises Mettmann.
  4. Fritz Nordsieck: Haaner Sozialdemokrat baute eine moderne Kreisverwaltung Mettmann auf Arquivado 31 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.. En: Sozialdemokratische Lebensläufe im Kreis Mettmann. SPD.
  5. Kreises Mettmann 1816 bis 1999
  6. Tricolia nordsiecki (Talavera, 1978) no WoRMS.
  7. Nordsieck en Shellers From the Past and the Present.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rolf Franken & Erich Frese (1981): "Fritz Nordsieck und die Entwicklung der Organisationslehre". Zeitschrift für Organisation 50 (2): 85–92.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]