Heraclio Pérez Placer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Heraclio Pérez Placer que aparece nas páxinas interiores da obra Beira do lar, feito probablemente por Enrique Mayer Castro[1].

Heraclio Pérez Placer[2], nado en Ourense o 8 de novembro de 1866 e finado en Calatayud (Aragón) o 21 de outubro de 1926, foi un escritor, xornalista e editor galego. Como autor, participa das características habituais dos prosistas de finais do S. XIX (ambientación rural e costumismo), se ben presenta trazos singularizantes como a insistencia na descrición paisaxística e no cariz erótico destas escenas, algo que a crítica da época fixo notar. Foi, así mesmo, un escritor satírico e polémico, mais tamén próximo ao impresionismo e ao subxectivismo, interesado na busca de novos camiños expresivos para a prosa galega, algo que compartía co seu íntimo amigo Francisco Álvarez de Nóvoa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa familia paterna era natural de Ourense e gozaba dunha posición acomodada. O pai, Salustiano Pérez, exercía a avogacía. A nai, Manuela Placer, procedía de Reboredo, parroquia próxima a Ourense. Foi o único fillo varón da parella, que tivo ademais dúas fillas, Matilde e Sofía (a esta última, o autor dedicou varios versos e relatos, por exemplo o poema "Noitébrega" e o relato "Amor de fadas"). Cursou estudos de bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense, onde daquela impartían clases de gramática Juan Antonio Saco y Arce e Juan Sieiro González. En 1884 marchou a Ávila para cursar estudos no Colexio Politécnico; alí redacta e asina un dos seus primeiros relatos, "¡Ourensiño, meu Ourense...!", publicada en O tío Marcos da Portela[3]. Volvería un ano despois á cidade das Burgas, onde se graduaría como bacharel en xuño de 1885. Chegou a Compostela ese mesmo ano, e en 1886 viu publicada a súa primeira achega ao semanario ourensán: o poema "¡Ay!"[4]. A partir daquela asinará con gran frecuencia colaboracións, ben en prosa, ben en verso, no xornal que entón dirixía Valentín Lamas Carvajal. Pediu o traslado de matrícula á facultade de Medicina de Valladolid, onde cursou o ano académico 1889-1890[5]. Nos últimos anos de carreira, escribiu no xornal santiagués Gaceta de Galicia, onde publicaba no suplemento "La quince literaria" poemas e relatos en castelán asinados xa co seu nome xa co pseudónimo Blanca de Valdomir ou Baldomir[6]. Licenciouse finalmente en Medicina en xuño de 1891 na Universidade de Santiago de Compostela.

Casou en Compostela con Carmen Pico Ferreiro meses despois de licenciarse. Ela proviña dunha familia santiaguesa adiñeirada e de boa posición social, e estaba emparentada con Antonio López Ferreiro. De feito, o matrimonio Placer-Pico foi propietaria (até a década de 1920)[7] da casa de López Ferreiro sita na praza da Universidade, actual sede do ILG. Con todo, tras a voda, Pérez Placer tornou a Ourense, onde instalaría a súa consulta de médico. Alí residiu até finais de 1894. Neste período levou a cabo unha intesa actividade xornalística e literaria. En 1892 coñeceu a Francisco Álvarez de Nóvoa. Por outra banda, o autor comezou a colaborar en El Derecho e en El Diario de Orense. En 1893 rompeu a súa relación con que fora o seu mentor, Lamas Carvajal, con motivo dunha polémica entre figuras relacionadas coa prensa. Cabe sinalar que Pérez Placer se mostrou particularmente ferinte[8] nas súas arremetidas contra Lamas. Chegou a propoñer para el un epitafio tal que así[9]:

"Como poeta, uno de los mejores de Galicia. Como hombre... Dios, conociendo su corazón, le puso una venda sobre los ojos, para que no muriese de envidia a cada instante."
Imaxe da cuberta de Narraciones Compostelanas, publicada na Biblioteca de Verde y Rosa.

Por esas mesmas datas, fundou canda Álvarez de Nóvoa a Biblioteca Verde y Rosa, unha iniciativa que constou de catro títulos (tres obras de Pérez Placer e unha de Francisco Álvarez de Nóvoa). Xa en Santiago de Compostela, o autor e a súa dona fixaron a súa residencia durante case vinte anos nunha vivenda sita na rúa Tránsito dos Gramáticos[10], se ben pasarían longas tempadas noutra propiedade familiar (chamada Villaplacer) en Ventosa, concello de Ames. Durante a nova etapa compostelá, non consta que exercese como médico.

En 1895 publicou o que se considera o seu mellor traballo en prosa galega, Contos da terriña, a cargo do editor coruñés Andrés Martínez Salazar. Comezou a colaborar ese mesmo ano na revista rexionalista As Burgas. Tras a publicación en 1901 de Beira do lar, Pérez Placer abandonou a escrita en lingua galega, feito sobre o cal o estudoso Anxo Tarrío sinala[11]:

" os estreitos prexuízos morais impediron a entrada do Naturalismo na Literatura galega e foron en non pequena medida os que decidiron a Heraclio Pérez Placer e a Francisco Álvarez de Novoa a abandonar a escrita en galego."

Entre finais do século XIX e 1908, os seus relatos e poemas reproducínose en varias publicacións periódicas de Galicia e da emigración, por exemplo en El Eco de Galicia, La Tierra Gallega, Follas Novas ou Nova Galicia. Polo que se recolle na prensa da época, seica tiña unha intensa vida social en Compostela. Como parte da intelectualidade do seu tempo, en 1908 acudiu á Coruña para recibir os restos mortais de Curros Enríquez. En 1913 viu a luz a súa derradeira publicación en lingua castelá, Diálogos femeniles, e foi tamén daquela cando Pérez Placer foi condenado ao desterro de Galicia por 3 anos, 6 meses e 21 días[12], por inxurias graves escritas en 1906 no madrileño Diario Universal contra o notario compostelán Jesús Castro Rodríguez[13][14]. Pérez Placer e a súa dona mudáronse entón a Calatayud, talvez ao concello de Maluenda[15], na provincia de Zaragoza, onde el retomou a súa profesión, ao exercer como médico no balneario de Paracuellos de Jiloca. Alí morreu en outubro de 1926, por completo esquecido polos círculos literarios galegos.

Canto á súa relevancia como autor, Otero Pedrayo dixo:

"Autor de algunas finas páginas sobre Santiago de Compostela y tan entregado al gusto y simbólica de las flores que se le ha llamado en Alfonso Karr gallego."[16]

Pérez Placer rompeu coas técnicas do conto tradicional e popular e abriu o camiño impresionista que seguirá Francisco Álvarez de Nóvoa.

Obra[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Cantares, 1887. Accésit no Certame Literario de Ourense.
  • O fillo dos tronos. Bodas de morte, 1888.
  • A vendima. Costumes vellas, 1895.

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Prediución, 1887. Accésit no Certame Literario de Betanzos
  • Contos, leendas e tradiciós, 1891.
  • Contos da terriña, 1895.
  • Beira do lar, 1901[17].

En castelán[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Guindillas, 1894.
  • Oqueruelas, 1904.

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Belial, 1900.
  • Verde y rosa, cuentos cortos, 1903.
  • Narraciones compostelanas, 1904.
  • Diálogos femeniles, 1913.

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Irrepresentable, 1894
  • Lo inmoral de la moral. Espíritu y carne, 1907.

Zarzuela[editar | editar a fonte]

  • Morir amando: zarzuela en dos actos y seis cuadros, 1890.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MARTÍNEZ JIMÉMEZ, Xorxe, Noticia varia sobre Heraclio Pérez Placer (e II), na revista A trabe de ouro, nº 77, tomo I, ano 20, xaneiro-febreiro-marzo de 2009, p.58.
  2. Bautizado como Heraclio Manuel Antonio Salustiano o 17 de novembro de 1866, como consta no Libro 9, folio 39 v. da parroquia da Santísima Trindade do Acisprestado de Ourense.
  3. Parrafeo 468, 20 de febreiro de 1887, pp.1-3.
  4. Parrafeo 139, 1 de agosto de 1886, pp.3-4.
  5. Arquivo Histórico da USC, Fondo da Facultade de Medicina, Atado 1073, nº 13.
  6. Diccionario da Literatura Galega II. Publicación periódicas, 1997, p.202.
  7. MARTÍNEZ JIMÉNEZ, Jorge, "O escritor e algúns ilustres eclesiásticos", La Voz de Galicia, 23 de novembro de 1996, p. 40.
  8. Así o recolle José Fernández Gallego no seu libro Valentín Lamas Carvajal. Estudio bio-bibliográfico (A Coruña, ed. Moret, 1950, p.78), que cualifica estes escritos como "violentísima arremetida", e sinala que "es, indudablemente, lo más cruel y violento que salió de las plumas enemigas de Carvajal".
  9. PÉREZ PLACER, Heracio, "Una carta", El Derecho, nº 740, 16 de novembro de 1893.
  10. MARTÍNEZ JIMÉNEZ, Jorge, "Notas para un itinerario", La Voz de Galicia, 24 de novembro de 1996, p.40.
  11. Roberto Vidal Bolaño na historia do teatro galego, Conferencia pronunciada no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o día 16 de maio de 2013 co gallo do Día das Letras Galegas, p.7.
  12. MARTÍNEZ JIMËNEZ, Jorge, "O escritor e a antigua granxa de Ventosa", La Voz de Galicia, 26 de novembro de 1946, p. 40.
  13. Así o sinala Xorxe Martínez Jiménez en "Apuntes sobre un escritor esquecido" (La Voz de Galicia, ed. de Ourense, 21 de novembro de 1996, p.43)
  14. MARTÍNEZ JIMÉNEZ, Xorxe, Noticia varia sobre Heraclio Pèrez Placer (I), A trabe de ouro. Publicación galega de pensamento crítico, nº 76, tomo IV, ano XIX, Acoutacións, outubro-novembro-decembro 2008, pp. 67-88.
  15. O médico de Maluenda, artigo de Xosé Roi Bâs no Faro de Vigo o 18 de marzo de 2014.
  16. OTERO PEDRAYO, Ramón, Ourense, Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1973, p.60.
  17. Na data da primera páxina figura 1901, aínda que a dedicatoria, intitulada "A un predilecto amigo", aparece Hermida de Santa Marina, 23 de febreiro de 1902-12 de mayo de 1902. O estudoso Modesto Hermida indica en Narrativa galega: Tempo de Rexurdimento (Edicións Xerais de Galicia, 1995, p.129) que a obra non saíu por diversas dificultades até o ano 1903.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • SOTO LÓPEZ, Isabel (edición, introd. e notas). Obra narrativa en galego de Heraclio Pérez Placer, A Coruña: Xunta de Galicia. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa recuperada, 1998.
  • SOTO LÓPEZ, Isabel. Os relatos galegos de Pérez Placer, no Boletín Galego de Literatura, nº 19, 1º semestre, p.21-63 (1998). ISSN 0214-9117.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]