Luigi Manfredini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLuigi Manfredini
Biografía
Nacemento6 de decembro de 1771 Editar o valor em Wikidata
Boloña (Estados Pontificios) Editar o valor em Wikidata
Morte22 de xuño de 1840 Editar o valor em Wikidata (68 anos)
Milán (Reino Lombardo-Vêneto) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeItalia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosGaetano Manfredini (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Luigi Manfredini, nado en Boloña o 6 de decembro de 1771 e finado en Milán o 12 de xuño de 1840, foi un escultor, gravador, medallista, empresario e docente italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Luigi Manfredini naceu o 6 de decembro de 1771 en Boloña, fillo de Anna Ruggi e de Giuseppe Manfredini.[1]

Entre 1794 e 1796 foi alumno do escultor G. de Maria na Accademia Clementina, de Boloña, e o ano seguinte realizou a súa primeira obra escultórica, en colaboración con G. Putti, consistente nunhas estatuas erixidas en Rávena pola celebración do primeiro aniversario da República Cisalpina.[1]

Gravador de moedas e medallas[editar | editar a fonte]

1 lira italiana napoleónica (1812)

O 21 de novembro de 1798 comezou a súa actividade como gravador de moedas e medallas na Casa da Moeda de Milán e en outubro de 1801 pasou a residir no propio complexo da casa da moeda, ao se confirmar o seu posto durante o restablecemento da República Cisalpina. O 4 de xuño de 1808 foi ascendido a gravador xefe e neste establecemento mantivo a súa actividade como artista gravador ata a súa morte.[1][2]

10 soldos a nome de María Luísa de Parma (1815).

Entre as creacións máis significativas de Manfredini como gravador monetario figuran a serie de moedas da lira italiana napoleónica (1806-1815) e a serie de moedas do Ducado de Parma a nome de María Luísa de Parma (1815-1832).[2]

En 1807 foi nomeado profesor de Arte da Medalla na Accademia di Brera, en Milán.[1][2]

Medalla da coroación de Napoleón como rei de Italia.

A súa obra foi a única da produción medallística do seu tempo en Italia que puido competir coa supremacía dos artistas franceses, e destacan as súas creacións durante o Reino de Italia (1805-1814), entre elas a medalla da coroación de Napoleón como rei de Italia (1805) e a do matrimonio entre Napoleón e María Luísa (1810).[1]

Na época posterior de dominación austríaca continuou as súas producións na Casa da Moeda, con medallas como a dedicada ao regreso de Francisco IV a Módena en 1814 ou á entrada de Francisco I en Milán en 1815. Logo da realización da medalla da coroación de Fernando I o 9 de outubro de 1838, o propio emperador rei de Lombardía-Venecia concedeulle a Manfredini a Medalla de Ouro ao Mérito Civil con cinta.[1]

Escultor en metal[editar | editar a fonte]

Busto en bronce do vicerrei Eugène de Beauharnais (1811).

A súa actividade como fundidor comezou en 1806, cando o vicerrei Eugène de Beauharnais ordenou o traslado a Milán dunha fundición establecida en París tres anos antes polo irmán de Luigi, Francesco Manfredini, un recoñecido xoieiro e escultor. A partir de entón, a fundición dos Manfredini, á que se incorporaron outros dous irmáns, Giovanni e Antonio, especializouse na creación de bustos e ornamentos de bronce, como candelabros e outros obxectos.[1][3]

Entre as súas obras deste xénero pódese salientar o busto do vicerrei Eugène de Beauharnais realizado en 1811.[1]

En 1821 os irmáns abriron un comercio na Praza de San Paolo, en Milán, coñecida como Magazzino Manfredini ("Almacéns Manfredini"), dedicada á venda retallista de xoias e outros ornamentos e obxectos de fundición para o fogar.[1]

A súa actividade cono fundidor de pezas monumentais comezou en 1827, coa encarga dunhas estatuas de bronce para o Arco da Paz, en Milán, unha obra para a que creou un novo sistema de unión das pezas, fundidas previamente por separado.[1]

Vida persoal e morte[editar | editar a fonte]

Luigi Manfredino estivo casado con Teresa Bernabei, con quen tivo seis fillos.[4]

Faleceu en Milán o 22 de xuño de 1840, cando traballaba na fundición dunha estatua ecuestre do rei de Sardeña Carlos Alberte. O seu corpo foi soterrado no cemiterio de Porta Comasina da mesma cidade.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Imbellone, A. (2007).
  2. 2,0 2,1 2,2 Forrer, L. (1907). Vol. III. "Manfredini, Luigi". Páxinas 552-555.
  3. Gallizia di Vergano, B. (2010). Páxinas 219-233.
  4. Gallizia di Vergano, B. (2010). Páxina 231. Nota 11.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]