Endometriose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Endometriose
Clasificación e recursos externos
ICD-10F99
OMIM131200
DiseasesDB4269
MedlinePlus000915
eMedicinemed/3419 ped/677 emerg/165
MeSHD004715
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A endometriose[1] consiste no crecemento ectópico de tecido endometrial, que pode localizarse dentro da musculatura do propio útero, constituíndo entón a adenomiose ou endometriose interna, ou ben fóra das estruturas uterinas, dando lugar á endometriose externa[2].

É menos frecuente que a endometriose apareza fóra do abdome como nos pulmóns ou noutras partes do corpo. Describíronse casos raros de endometriose mesmo no cerebro. Non existe cura para a endometriose, aínda que existen diferentes tratamentos que inclúen analxésicos para a dor, tratamento hormonal e cirurxía.[3]

Querendo é o nome da asociación de mulleres con endometriose de Galiza[4].

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A endometriose é unha doenza relativamente frecuente que afecta entre o 10 e o 15% das mulleres en idade fértil, desde a menarquía até a menopausa, aínda que algunhas veces a endometriose pode durar até despois da menopausa. A endometriose altera a calidade de vida das mulleres que a padecen, afectando ás súas relacións de parella, familiares, laborais e de reprodución.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

Cando o tecido endometriósico medra, aparecen uns vultos chamados de tumores ou implantes, que a maioría das veces son benignos ou non cancerosos e de cando en cando relaciónanse co cancro de endometrio. Os implantes da endometriose están influídos polo ciclo menstrual, de tal maneira que en cada menstruación xorden unha serie de problemas.

Os tumores endometriósicos tamén sangran, sen posibilidade de que o sangue saia fóra do corpo, polo que se desenvolve unha inflamación e tecidos cicatriciais ou fibrose, que ocasionan posteriormente obstrución intestinal, sangrado dixestivo e trastornos miccionais.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

A causa da endometriose é descoñecida. Unha teoría é que, durante a menstruación, parte do tecido menstrual ou endometrial, en lugar de evacuar na menstruación, regresa ao abdome a través das trompas de Falopio por fluxo retrógrado. Segundo esta teoría, o tecido endometrial viábel pode chegar a colonizar o ovario e responder en cada ciclo do mesmo xeito que as células endometriais uterinas, é dicir, crecendo e descamándose en cada regra. Outra teoría suxire que hai células do peritoneo que se transforman en endometriais. O tecido endometrial que escapa do útero acaba arrodeándose de epitelio e formando quistes denominados endometriomas que é necesario eliminar. A endometriose pode ser unha enfermidade hereditaria e ser causada, polo tanto, por unha predisposición xenética.

Os investigadores tamén están a observar a participación do sistema inmunitario e a maneira en que estimula ou reacciona á endometriose. As substancias químicas producidas nas áreas afectadas pola endometriose irritan ou impulsan o crecemento de tumores en máis áreas. Está demostrado que as mulleres que teñen esta doenza teñen maiores probabilidades que outras mulleres de sufrir trastornos do sistema inmunitario, nos que o corpo ataca os seus propios tecidos (enfermidades autoinmunes) e que as mulleres con endometriose teñen tamén maiores probabilidades de sufrir síndrome de fatiga crónica e síndrome de fibromialxia. Tamén é moi probábel que estas mulleres sufran asma, alerxias e un trastorno da pel chamado de eccema. Pénsase que un estudo máis profundo do sistema inmunitario na endometriose podería revelar información importante para atopar as causas desta enfermidade e o seu tratamento.

Outros investigadores están a ollar a endometriose como unha doenza do sistema endócrino, xa que semella que os estróxenos fomentan o desenvolvemento da enfermidade. Outros estudos procuran coñecer se os axentes ambientais, como a exposición a substancias químicas fabricadas polo home, provocan a doenza e outras pescudas tentan comprender que outros factores, se existiren, afectan o curso da enfermidade.

Outra área importante da investigación é a procura de marcadores de endometriose. Estes marcadores son substancias presentes no corpo creadas pola doenza ou en resposta a esta, e poden illarse no sangue ou na urina. De se atoparen marcadores por medio dunha análise de sangue ou ouriños, entón poderíase facer un diagnóstico de endometriose sen necesidade de cirurxía.[5]

Cadro clínico[editar | editar a fonte]

  • Asintomático: Preséntase no 50% dos casos.
  • Dor (Dispareunia e dismenorrea): É o síntoma máis frecuente da endometriose. Localízase principalmente no abdome, na rexión lumbar, rectal, dores radiantes a ambas as pernas, pero en especial a dereita e na pelve, que pode ser de leve a aguda.[6]
  • Hipermenorrea: Consiste en sangrados menstruais moi abundantes tanto no tempo como na cantidade de sangue.
  • Metrorraxia: Sangrado de procedencia uterina fóra dos períodos menstruais.
  • Infertilidade: Dificultade ou imposibilidade de quedar grávida.
  • Trastornos intestinais: Como diarrea, estrinximento ou constipación, dor ao defecar ou proctagra, dores de estómago agudas etc.
  • Amenorrea: Consiste en ausencia menstrual, debido a que o sangrado é interno na cavidade abdominal.

Se o avance da enfermidade é superior a dous meses, adoita provocar fortes dores.

A frecuencia e intensidade dos síntomas varía e depende do caso; ademais poden presentarse varios síntomas á vez ou só un síntoma illado. En situacións excepcionais a endometriose pode afectar a vexiga, o que xera molestias ao ouriñar e pequenas perdas de sangue.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Cando a muller padece un ou varios destes síntomas, especialmente dismenorrea ou dor intensa durante a menstruación, debe consultar un xinecólogo. O diagnóstico de endometriose é difícil e para conseguilo é necesario realizar unha ou varias probas como:

  • Exploración xinecolóxica: De cando en cando pódense palpar os implantes de endometriose e só en casos nos que os focos estean situados entre o recto e a vaxina.
  • Ecografía xinecolóxica: É a proba que obtén imaxes mediante ultrasóns do aparello xenital feminino. Pode ser abdominopélvica, onde o transdutor colócase sobre a pel da paciente en distintas posicións, ou vaxinal, onde un transdutor específico se introduce dentro da vaxina. Mediante a ecografía transvaxinal é moi pouco probábel que poidan observarse os focos, mais axuda a determinar o grosor endometrial.
  • Resonancia magnética nuclear: Hai que realizala en casos seleccionados.
  • Laparoscopia: É a proba que pode asegurar con máis certeza se se padecer endometriose. A laparoscopia é unha cirurxía con anestesia xeral na que se coloca dentro do abdome un tubo con luz. A/o xinecóloga/o revisa os órganos e pode visualizar calquera tumor ou tecido de endometriose. Este procedemento amosará a localización, extensión e tamaño dos tumores e será fundamental para tomar decisións entre a/o médica/o e a paciente.
  • Laparotomia: É unha cirurxía maior na que se pode observar con máis claridade os órganos afectados polos focos de endometriose activos e brancos. Esta cirurxía é beneficiosa debido a que se poden extraer facilmente os focos e reparar órganos danados, onde se formaron adherencias e fístulas.[7]

Tratamento[editar | editar a fonte]

A endometriose non ten cura. Con todo, hai moitos tratamentos, cada un dos cales ten as súas vantaxes e inconvenientes. É importante que haxa unha boa relación entre a/o médica/o e a paciente, para poder decidir cal é a mellor opción para esta, para o que hai que ter en conta o seu estilo de vida, os síntomas, a idade e se desexar ou non quedar grávida.

Tratamento da dor[editar | editar a fonte]

Para algunhas mulleres con síntomas leves, talvez non sexa necesario maior tratamento que medicamentos para a dor ou analxésicos. Para mulleres con endometriose mínima que desexen quedar grávidas, os médicos afirman que, dependendo da súa idade e da magnitude da dor, o mellor é manter unha tempada de proba (desde 6 meses até un ano) para ter relacións sexuais sen protección. Se a muller non queda grávida durante esa tempada, é posíbel que precise un tratamento maior.[8]

Tratamento hormonal[editar | editar a fonte]

No caso das pacientes que non desexan quedar grávidas, mais que necesitan un tratamento para a súa doenza, os médicos poden suxerir un tratamento con hormonas, o cal é máis eficaz cando os tumores son pequenos. As hormonas poden vir en presentacións de pastillas, por inxección ou nebulización nasal. Existen varias hormonas usadas para este tratamento, incluíndo unha combinación de estróxeno e proxesterona, como as pílulas anticonceptivas, a proxesterona soa, a danocrina (unha hormona masculina feble), e agonistas da hormona liberadora da gonadotropina.

As pílulas anticonceptivas controlan o crecemento do tecido que reviste o útero e a miúdo diminúen a cantidade de fluxo menstrual. Estas a miúdo conteñen dúas hormonas, un proxestáxeno e un estróxeno. Unha vez que a muller deixa de tomalas, regresa a súa capacidade de quedar grávida, porén os síntomas da endometriose tamén poden reaparecer. Algunhas mulleres toman anticonceptivos decote, sen usar as pílulas de azucre ou placebo que lle indican ao organismo que é tempo do período. Cando se toman pílulas anticonceptivas desta maneira, o período menstrual pode interromperse totalmente, o que pode reducir a dor ou eliminala completamente. Algunhas pílulas anticonceptivas só conteñen proxestina, unha hormona semellante á proxesterona. As mulleres que non poden tomar estróxeno usan estas pílulas para reducir o seu fluxo menstrual. Con estas pílulas, é posíbel que algunhas mulleres non experimenten dor durante algúns anos despois de suspender o tratamento. Todas as pílulas anticonceptivas poden causar algúns efectos secundarios leves como aumento de peso, sangrado entre períodos e inflamación.

A danocrina converteuse na elección de tratamento máis común, mesmo que as pílulas de proxestina ou de combinación de hormonas. Os efectos secundarios da danocrina inclúen pel graxenta, aparición de grans ou acne, aumento de peso, cambras musculares, cansazo, seos máis pequenos, sensibilidade dos seos, dor de cabeza, mareos, fraqueza ou frouxidade, sufocacións ou unha voz máis grave. As mulleres que consomen danocrina probabelmente só terán períodos de cando en vez, ou quizais simplemente desaparecerán. As mulleres que toman danocrina tamén deberán tomar medidas para evitar a gravidez, xa que esta pode lesionar o feto que se desenvolve no útero. Posto que deberá evitarse o consumo doutras hormonas, como as pílulas anticonceptivas, recoméndase o uso de condóns, un diafragma ou outros métodos de "barreira" para evitar a gravidez.

Os agonistas GnRH (usados diariamente en nebulización nasal, ou como inxección aplicada mensual ou trimestralmente) evitan que o organismo produza certas hormonas para previr a menstruación. Sen menstruación, o crecemento da endometriose redúcese ou se detén. Estes medicamentos poden causar efectos secundarios, como sufocacións, cansazo, insomnio, cefalalxia, depresión, osteoporose e sequidade vaxinal. Recoméndase que unha muller siga coa administración de agonistas GnRH durante un seis meses. Despois dese seis meses, o corpo comezará a ter períodos de novo e a muller podería quedar grávida. Pero, despois dese momento, preto da metade das mulleres experimentan o regreso dos síntomas da endometriose.

Tratamento cirúrxico[editar | editar a fonte]

Normalmente, a cirurxía é a mellor opción para as mulleres con endometriose extensa, ou que sofren fortes dores. Existen cirurxías maiores e menores que poden axudar. O xinecólogo podería suxerir un dos seguintes tratamentos cirúrxicos:

  • Laparoscopia: Tamén se usa para diagnosticar a enfermidade. Consiste na apertura de polo menos dúas incisiones no baixo ventre, para introducir pequenas ferramentas cirúrxicas no abdome. Entón extraeranse os tumores e os tecidos cicatrizados ou destruiranse con calor intensa e pecharán os vasos sanguíneos sen necesidade de suturas. A finalidade é tratar a endometriose sen danar o tecido san do redor desta. A recuperación da laparoscopia é moito máis rápida que no caso dunha cirurxía maior, como a laparotomía.
  • Laparotomía: É o último recurso para o tratamento da endometriose xa que é unha cirurxía maior na que se extirpa a endometriose ou o útero (histerectomía ou baleirado). Durante unha histerectomía, tamén poden extirparse os ovarios e as trompas de Falopio, se é que os ovarios tamén teñen endometriose, ou se a lesión é grave. A cirurxía non garante que a doenza non reapareza ou que a dor desapareza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Termo galego enVocabulario de medicina, Universidade de Santiago de Compostela/Consellería de Sanidade, 2008; Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
  2. Definición en Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
  3. "Endometriosis fact sheet". NIH. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2013. Consultado o 16 de marzo de 2017. 
  4. "Web da asociación galega: Querendo". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2017. Consultado o 16 de marzo de 2017. 
  5. "Endometriosis ureteral" (53). 
  6. Operative gynecologic endoscopy (2nd ed. ed.). Springer. ISBN 9780387944678. 
  7. "Endometriosis primaria de pared abdominal, una enfermedad que debe ser considerada en el diagnóstico diferencial de las tumoraciones de la pared abdominal" (79). 
  8. "Nuevos conceptos en la patogénesis y tratamiento de la endometriosis asociada a dolor" (16). 
  • Comprehensive proteomic analysis of human endometrial fluíde aspirate.Casado-Vea J, Rodriguez-Suarez E, Iloro I, Ametzazurra A, Alkorta N, García-Velasco JA, Matorras R, Prieto B, González S, Nagore D, Simón L, Elortza F. J Proteome Res. 2009 Oct;8(10):4622-32. doi: 10.1021/pr9004426.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]