Osteoporose

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A corcova pode ser un sintoma típico da osteoporose das vértebras.

A osteoporose[1] (do grego antigo οστούν πόρος 'óso poroso') é unha doenza ósea caracterizada por baixa rexeneración e/ou rápida dexeneración ósea, xerando ósos pouco densos e febles por diminución do tecido que os forma, tanto das proteínas que constitúen o miolo ou estrutura como dos sales minerais de calcio que conteñen. É dúas veces máis común nas mulleres ca nos homes e máis común despois dos 50 anos. A doenza progresa amodo e raramente presenta síntomas antes que acontezan fracturas espontáneas ou por trauma físico. Se non se fixesen exames preventivos para o seu diagnóstico a osteoporose podería pasar despercebida, até que tivese gravidade maior (ás veces denomínase "a epidemia silenciosa"). A perda de masa ósea non provoca dores musculoesqueléticas. En caso de caídas os ósos poden crebar de xeito doado tras un traumatismo, producíndose fracturas ou microfracturas.[2] [3]

A OMS defínea en mulleres coma unha densidade mineral ósea menor ou igual de 2,5 desviación estándar por baixo da masa ósea media de persoas sás de 20 ans, medida por densitometría ósea. A densidade mineral dos ósos mídese mediante unha proba médica que se chama densitometría ósea.[4]

A afección é común en mulleres amenorreicas ou posmenopáusicas por mor da diminución da produción de estróxenos polos ovarios e outras carencias hormonais. Porén, hai un número considerábel de causas de osteoporose a calquera idade que non soen ser recoñecidas nin valoradas, entre as que salientan a doenza celíaca, a gammapatía monoclonal de significado incerto, a insuficiencia renal, a diabetes mellitus e a acidose tubular renal. Outros factores que aumentan o risco de presentar osteoporose son a deficiencia de calcio e vitamina D por malnutrición, o consumo de tabaco, alcol e a vida sedentaria. A práctica de exercicio físico e unha achega extra de calcio antes e após a menopausa favorecen o mantemento óseo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [Termo en galego en Vocabulario de medicina, Universidade de Santiago de Compostela / Consellaría de Sanidade, 2008; e Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002]
  2. ¿Que es la osteoporosis?. Sociedad Española de Reumatología. Consultado o 29 de decembro de 2012.
  3. Dr. Martin Etchart. Capítulo 12. Anatomía Patológica Osteoarticular (artigo completo dispoñíbel en español). Pontificia Universidad Católica de Chile. Escuela de Medicina. Último acceso 25 de xuño de 2008.
  4. WHO (1994). "Assessment of fracture risk and its application to screening for postmenopausal osteoporosis. Report of a WHO Study Group". World Health Organization technical report series 843: 1–129. PMID 7941614. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Osteopenia, calquera dos trastornos da remodelación ósea nos que existe perda de masa ou densidade esquelética, entre os cales se inclúen a osteomalacía e a osteoporose.
  • Menopausa
  • Raquitismo
  • Celiaquía

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]