Dionizy Kajetanowicz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dionizy Kajetanowicz
DionizyKajetanowicz.jpg
Presbítero da Igrexa Católica Armenia
Biografía
Nacemento8 de abril de 1878 en Tyshkivtsi (hoxe Ucraína)
Pasamento18 de novembro de 1954, RSFS de Rusia
Administrador apostólico de Lviv dos armenios
1938 - 1954 (morte)
PredecesorJózef Teofil Teodorowicz
Sucesor(sé vacante)

Dionizy Kajetanowicz[nota 1] (en ucraíno: Діонісій Каєтанович (Dionisii Kaietanovych), en armenio: Դիոնիսի Կաետանովիչ), nado o 8 de abril de 1878 en Tyshkivtsi (Horodenka),[1] e finado o 18 de novembro de 1954 no gulag de Abez (República dos Komis),[1] foi un sacerdote católico armenio galiciano que exerceu de administrador apostólico da arqueparquía de Lviv da Igrexa Católica Armenia, e finou nun campo de concentración soviético.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de etnia armenia, fillo de Kajetan e Maria, de apelido de solteira Zajączkowskiej.[1] En 1896 entrou na Orde dos Freires Menores, tomando o nome monástico de Roman.[1]

Foi ordenado sacerdote en 1903 polo arcebispo latino de Lviv Józef Bilczewski,[1] e pasou a exercer o su ministerio en Jarosław.[1] En 1908 decidiu deixar os franciscanos e pediu ao arcebispo armenio Teodorowicz incardinarse na súa arquidiocese. A partir de 1912 exerceu o seu ministerio en Sniatyn.[1]

Na arquieparquía armenia[editar | editar a fonte]

En 1918 foi nomeado coéngo de honra, e en 1922 párroco en Lviv.[1] Entre 1925 e 1930 fu8ndou e presidiu unha cooperativa de vivendas para arredor de 20 indixentes e anciáns.[1] O 22 de febreiro de 1930 o papa Pío XI nomeouno camareiro segredo supernumerario.[2] En 1930 pasou a ser tamén vicepresidente da Asociación de Armenios de Lviv.[1]

En 1927 traduciu ao polaco e publicou o texto do ordinario da misa en rito armenio para a diocese de Lviv, e en 1938 publicou unha versión revisada do mesmo.[1] Tamén convenceu ao arcebispo da necesidade de traer a Polonia sacerdotes dende Armenia e de enviar aos seminaristas de Lviv ao Pontificio Colexio Armenio de Roma.[1] Buscou volver ás raíces do rito armenio, que na diocese estaba moi mesturado con formas latinas; e coa aprobación do seu arcebispo viaxou ao Patriarcado de Cilicia, en Constantinopla e, posteriormente, Beirut. O propósito destas viaxes foi o de afondar na tradición e no rito armenio máis puro, e de fornecer as relacións co Patriarcado e coas comunidades armenias do Medio Oriente. Dende o Patriarcado levou a Lviv cánticos armenios e unha descrición precisa da Misa, dos outros sacramentos e do Breviario. Á súa volta estabeleceu unha Comisión Litúrxica coa tarefa de restaurar de xeito gradual a liturxia armenia á súa forma máis propia.[3]

O 4 de decembro de 1938 finou o arcebispo armenio de Lviv Józef Teofil Teodorowicz.[4] Dionizy foi elixido vigairo capitular,[1] e convocou ao capítulo encargado de escoller un sucesor para presentalo á aprobación da Santa Sé. De entre os tres candidatos, foi elixido el como sucesor, e foi enviada a petición a Roma para a súa aprobación.[nota 2] Porén, o comezo da segunda guerra mundial fixo que a decisión non chegara, e Dionizy converteuse en administrador da arquidiocese.[1]

Segunda Guerra Mundial, prisión e morte[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda Guerra Mundial salvou a moitos xudeus dándolles certificados falsos de bautismo, e foi por iso arrestado pola Gestapo o 13 de abril de 1943. Foi liberado grazas á intervención do metropolita greco-católico Andrei Sheptytskyi, e coa axuda deste mantivo as relacións coa Santa Sé.[1][5]

O 26 de novembro de 1945 foi arrestado novamente, esta vez polo NKVD, ao rexeitar adherirse á Igrexa Ortodoxa.[1][6] Foi sentenciado con cargos falsos o 8 de marzo de 1946 a dez anos en campos de concentración e á perda de dereitos civís durante cinco anos. Durante o seu período en prisión escribiu moito, principalmente poesía e obras relixiosas en latín e polaco.[1]

Morreu o 18 de novembro de 1954, no gulag preto de Abez, hoxe na república dos Komis (Rusia), pouco antes da súa saída en liberdade. Segundo algunhas fontes morreu envelenado,[1][7] e descoñécese ónde foi enterrado. A República de Ucraína, xa independente, rehabilitouno o 10 de agosto de 1994.[1]

Xunto a el foron tamén condenados os sacerdotes católicos armenios Kazymyr Romaškan e Viktor Kvapinskiy, da mesma diocese, e outros relixiosos. As diversas propiedades e igrexas da diocese foron nacionalizadas, e grande parte da poboación armenia foi deportada forzosamente a Polonia.[8]

Esforzos pola beatificación[editar | editar a fonte]

En 2009 un grupo de armenios polacos asociados á Fundacja Kultury i Dziedzictwa Ormian Polskich comezaron esforzos para a súa beatificación como mártir da fe. Recolleron centos de sinaturas en Polonia, non só de armenios, para enviarlle unha petición ao patriarca católico armenio Narsés Pedro XIX para que comezara o proceso de beatificación de Kajetanowicz e de Adam Bogdanowicz Rosco. O 16 de marzo de 2009 lle foi entregada unha petición bilingüe, acompañada de dúas biografías dos sacerdotes, ao arcebispo Nechan Karakéhéyan, ordinario para os armenios de Europa Oriental.[9]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Odnowienie i rekonstrukcya katedry Ormiańskiej we Lwowie, 1908
  • Na historycznym szlaku, 1920
  • Katedra ormiańska i jej otoczenie: (przewodnik), 1930
  • Przenajświętsza Ofiara w obrządku ormiańskim, 1938

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

Notas
  1. Os armenios de Galicia tiñan o polaco como lingua propia. Outros nomes polos que aparece son Dionisio Kajetanowicz (Acta Apostolicae Sedis, Annuario Pontificio), Dionysius Kajetanowicz (Actes et documents du Saint Siège relatifs à la Seconde Guerre mondiale), Dionysius Kajetanowicz e Dionisiy Kaetanowicz, entre outros.
  2. Unha descrición da forma de elección dos arcebispos pode atoparse en Petrowicz, pp. 377-378.
Referencias
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Isakowicz-Zaleski, Tadeusz (2001). Ormiańskie Towarzystwo Kulturalne, ed. Słownik biograficzny duchownych ormiańskokatolickich oraz duchownych rzymskokatolickich pochodzenia ormiańskiego w Polsce w latach 1750-2000 (en polaco). p. 56-69. ISBN 9788390315744. 
  2. "Segreteria di Stato - Nomine" (PDF). Acta Apostolicae Sedis (en italiano) 22: 200. 1930. 
  3. Żaliński, Henryk; Karolczak, Kazimierz. Lwów, miasto, społeczeństwo, kultura: studia z dziejów Lwowa 2. p. 56. ISBN 9788386841127. 
  4. Zugger, Christopher Lawrence (2001). Syracuse University Press, ed. The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. p. 305. ISBN 9780815606796. 
  5. Petrowicz, Grzegorz (Gregorio) (1971). La chiesa armena in Polonia e nei paesi limitrofi: 1686-1954. Istituto degli studi ecclesiastici. p. 379. 
  6. Hlebowicz, Adam (1993). Katolicyzm w państwie sowieckim 1944-1992. p. 128. 
  7. Por exemplo, Jan Żaryn (1997). Kościół a władza w Polsce (1945-1950). Towarzystwo im. Stanisława ze Skarbimierza. p. 44. ISBN 9788371810091. 
  8. Zugger, p. 305
  9. Pełczyński, Grzegorz (2019). "Represje wobec duchowieństwa Archidiecezji Ormiańskokatolickiej we Lwowie podczas drugiej wojny światowej i po jej zakończeniu". Zesłaniec (en polaco) (Związek Sybiraków) (76): 69. ISSN 1426-2126. OCLC 68735658. Po rozpadzie Związku Sowieckiego, władze niepodległej Ukrainy zrehabilitowały represjonowanych księży ormiańskokatolickich, wydając specjalne dekrety 9 i 10 sierpnia 1994 r. Natomiast 16 marca 2009 r. delegacja Ormian polskich złożyła na ręce abp Nyszana Karakehejana, ordynariusza Ormian-katolików w Europie Wschodniej, petycję w sprawie beatyfikacji ks. Dionizego Kajetanowicza i ks. Adama Bogdanowicza. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Бронислав Чаплицкий (Bronislav Chaplitskiy), Ирина Ивановна Осипова (Irina Ivanovna Osipova) (2000). Книга памяти: мартиролог Католической церкви в СССР (Kniga pamiati: martirolog Katolicheskoi tserkvi v SSSR). Серебряные нити (Serebrianye niti).  (en ruso) (Traducido por G. Kelley, ver máis abaixo.)
  • Zugger, Christopher Lawrence (2001). The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. Syracuse University Press. ISBN 9780815606796. 
  • Petrowicz, Gregorio (1971). La chiesa armena in Polonia e nei paesi limitrofi: 1686-1954. Istituto degli studi ecclesiastici. 
  • Isakowicz-Zaleski, Tadeusz (2001). Słownik biograficzny duchownych ormiańskokatolickich oraz duchownych rzymskokatolickich pochodzenia ormiańskiego w Polsce w latach 1750-2000. Ormiańskie Towarzystwo Kulturalne. ISBN 9788390315744. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Józef Teofil Teodorowicz
(Arcebispo)
 Administrador apostólico de Lviv 
1938 - 1954
Sucesor:
(Sé vacante)