Wartan Hunanian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Wartan Hunanian
Вартан Гунанян
Arcebispo da Igrexa Católica Armenia
Biografía
Nacemento1644
Pasamentomaio/xuño de 1715
Ordes
Consagración episcopal28 de abril de 1675, por Mikołaj Torosowicz
Arcebispo metropolitano de Lviv dos armenios
1681 - 1715
PredecesorMikołaj Torosowicz
SucesorJan Tobiasz Augustynowicz
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Wartan Hunanian[1][2] (en ucraíno: Вартан Гунанян, "Vartan Hunanian"), nado en 1644 en Tokat (Armenia Menor, Imperio Otomán; hoxe Turquía) e finado en maio/xuño de 1715 en Lviv,[3][4] foi un eclesiástico católico armenio, arcebispo de Lviv entre 1681 e 1715.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chegada a Lviv e arcebispo coadxutor[editar | editar a fonte]

Naceu en Tokat en 1644.[5] Chegou a Lviv en 1665 dende Etchmiadzin como diácono, acompañando ao legado do catholicos armenio Xacobe IV.[3][5] En Lviv estudou no colexio dos teatinos, e en 1670 marchou a estudar a Roma no Colexio Urbaniano, onde doutorouse en Teoloxía e foi ordenado sacerdote.[3][5]

O 28 de xaneiro de 1675 foi nomeado arcebispo coadxutor de Lviv e arcebispo titular de Epiphania in Syria. Recibiu a ordenación episcopal en Roma o 28 de abril de mans do arcebispo Mikołaj Torosowicz, e volveu a Lviv a finais do ano.[3][5][6] Porén, non foi ben recibido alí nin por Torosowicz nin polos fieis, xa que o percibían como un estraño ao non ser orixinario de Polonia,[6] e a colaboración entre os dous bispos foi imposible.[5]

Exilio e cativerio en Armenia[editar | editar a fonte]

O papa Inocencio XI pediu ao rei de Polonia que asegurase a presenza de Hunanian en Lviv, mais o rei non desexaba interferir nos asuntos da comunidade armenia.[6] Por iso, canso de insistir e das discrepancias con Torosowicz, Hunanian deixou Lviv o 5 de xuño de 1677 e marchou a evanxelizar á Armenia persa.[3][6]

En Armenia reuniuse co catholicos de Etchmiadzin Xacobe IV, favorable á unión coa Igrexa católica.[6] Porén, o seu sucesor Eleazar I era opoñente e, cando logo do pasamento de Torosowicz o 24 de outubro de 1681 Hunanian converteuse en arcebispo de Lviv, o catholicos de Etchmiadzin Eleazar I non lle permitiu volver a Lviv a tomar posesión da súa sé:[3][6] Hunanian foi detido e encerrado en decembro de 1682, sufrindo torturas na cadea,[6] co propósito de que na súa ausencia os armenios de Lviv rexeitasen a unión coa Santa Sé.[3]

Na súa ausencia, a familia Bernatowicz persuadiu ao monxe basiliano Jan Bernatowicz, a quen Torosowicz nomeara abade en 1676, a tomar a posición de arcebispo.[3] Bernatowicz, home ambicioso e desexoso de progresar na súa carreira, acudiu ao catholicos de Cilicia Isaac I e foi ordenado bispo.[3] Á súa volta, tratou de tomar o poder e botar ao administrador da arquidiocese, Gabriel Zachnowicz, partidario da unión. O seu plan, porén, fracasou.[3]

Liberación e goberno da arquidiocese[editar | editar a fonte]

Ao saber o reitor do colexio armenio de Lviv Francesco Bonesana destes feitos, escribiu á Congregación para a Propagación da Fe.[6] O papa Inocencio XI escribiu ao shah de Persia Suleiman I pedindo a liberación de Hunanian.[6]

Finalmente Hunanian foi liberado por Eleazar I logo dos esforzos diplomáticos do papa Inocencio XI e do rei Xoán III de Polonia.[3] En decembro de 1685 chegou a Alepo, e o 2 de outubro de 1686 chegou a Lviv. Bernatowicz pediulle perdón, e Hunanian levantoulle as penas canónicas impostas polo nuncio Opizio Pallavicini.[3]

Hunanian foi un firme defensor da unión con Roma, e reforzou a xurisdición do arcebispo de Lviv sobre os armenios dos principados de Moldavia e Valaquia.[3] Durante o seu pontificado organizou o mosteiro de irmás bieitas armenias de Lviv,[3][4] e reforzou a disciplina do clero, aceptando só sacerdotes célibes na arquidiocese.[3] Realizou tamén unha reforma litúrxica, que significou na práctica un novo ritual para os católicos armenios de Polonia.[3]

Finou en maio/xuño de 1715, e está enterrado na catedral armenia de Lviv.[3][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os armenios de Galicia tiñan como lingua propia o polaco.
  2. Tamén Vartan, Vardan; e Hunanyan, Yunanean, Unanean, Unanyan.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 Bohosiewicz, Michał (1964). "Hunanian Wartan". En Konopczyński, Władysław. Polski słownik biograficzny (en polaco). Vol. X. Nakł. Polskiej Akademii Umiejętności. p. 106-107. 
  4. 4,0 4,1 Vaccaro, Luciano; Zēkʹiean, Lewon, eds. (2010). Storia religiosa dell'Armenia: una cristianità di frontiera tra fedeltà al passato e sfide del presente (en italiano). Centro ambrosiano. p. 154. ISBN 9788880257547. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Obertyński, Zdzisław (1974). "Unia ormian polskich". Historia Kościoła w Polsce (en polaco). Vol. 1, parte 1. Poznań: Pallottinum. pp. 338–340. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 de Vries, Wilhelm (1957). "Der selige Papst Innozenz XI. und die Christen des Nahen Osten". Orientalia christiana periodica (en alemán) 23: 33–57. ISSN 0030-5375. 
  7. O Polski słownik biograficzny data a súa morte en maio de 1715.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Mikołaj Torosowicz
 Arcebispo de Lviv 
1681 - 1715
Sucesor:
Jan Tobiasz Augustynowicz