Delft University of Technology Racing Team

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O equipo ante o seu primeiro coche: o DUT01

O Delft University of Technology Racing Team (máis coñecido pola súa forma resumida DUT Racing, en galego: "Equipo de Carreiras da Universidade de Tecnoloxía de Delft"), tamén denominado Formula Student Team Delft (FS Team Delft, en galego: "Equipo de Delft de Fórmula Student") é un equipo holandés de automobilismo xurdido na Universidade de Tecnoloxía de Delft. O equipo é coñecido por construír vehículos lixeiros para a Fórmula Student, na que participa desde 2001, e na que compite tamén o equipo galego UVigo Motorsport, da Universidade de Vigo[1]. Forma parte dos equipos da TU Delft, coñecidos como os Dream Teams (DARE, Nuna, DUT Racing e Forze).

Logo de resultar gañador na Fórmula Student do Reino Unido en tres edicións (2011, 2014 e 2015) e outras seis edicións da de Alemaña (2008, 2010, 2011, 2012, 2013 e 2015), o DUT Racing figura actualmente entre os equipos de más prestixio desta competición.[2]

O equipo[editar | editar a fonte]

O equipo DUT Racing componse de entre 65 e 85 membros, tanto alumnos pregraduados como de mestrado, doutoramento e outros posgraduados, pertencentes a case todas as facultades da TU Delft, que cooperan para deseñar e producir un coche de carreiras rápido, eficiente e fiable en cada curso académico.

O seu obxectivo principal é a formación. O equipo ofrécelles aos estudantes a oportunidade de aplicaren as competencias e os coñecementos teóricos adquiridos no plan de estudos da universidade, ao mesmo tempo que ofrece un campo de formación para outras transversais, como o traballo en equipo e a comunicación. As conferencias e os obradoiros organízanse ao principio de cada tempada para ensinar aos membros do equipo os fundamentos no deseño do vehículo de carreiras.[3]

Historia na competición[editar | editar a fonte]

2000-2002: os catro cilindros[editar | editar a fonte]

Primeiras probas do coche DUT01

Fundado en 2000 por dous estudantes da TU Delft, o equipo comezou o seu primeiro proxecto de carreiras en 2001, xa con 20 membros, que elaboraron un coche de catro cilindros.

DUT Racing competiu novamente o ano seguinte en Bruntingthorpe, no Reino Unido, esta vez co seu catro cilindros de 2001 e tamén co novo DUT02.[4]

2003-2005: pesos lixeiros[editar | editar a fonte]

Ata esa data, os coches construíranse coa máxima potencia permitida polo regulamento, o que, cunha cilindrada máxima de 600 cc, implicaba o uso de vehículos de catro cilindros.

Pero un cambio nesa normativa en 2003 supuxo un punto de ruptura na filosofía de DUT Racing en relación co deseño dos coches de Fórmula Student. O equipo DUT Racing deseñou o seu automóbil dese ano cunha potencia menor, usando un motor KTM de só un cilindro e 530 cc, polo que era máis lixeiro. Con esta filosofía de "menos é máis" o equipo logrou construír un coche de menos de 140 quilos, e os da competencia non baixaban de 220 quilos. Debido a esta diferenza de peso, sen mingua no rendemento, o equipo gañou o premio de enxeñaría de deseño por primeira vez.[5]

Nos tres anos seguintes, o equipo mellorou o seu concepto de peso lixeiro e acadou, finalmente, os mellores resultados en 2006.[6]

2006-2007: primeiros resultados[editar | editar a fonte]

Durante os seus primeiros seis anos, o equipo creceu significativamente. Con máis de 60 estudantes, converteuse no maior proxecto estudantil da Universidade de Tecnoloxía de Delft.

A tempada 2006 tróuxolle ao equipo o seu primeiro grande éxito, despois do premio de deseño de 2003, cun terceiro posto na Fórmula Student en Hockenheimring, Alemaña.

A tempada 2007 trouxo un novo éxito, cun segundo posto no Campionato do Mundo FISITA, no circuíto de Silverstone, en Buckinghamshire, no Reino Unido.[7]

2008-2010: E85[editar | editar a fonte]

A partir de 2008, o equipo repensou o seu concepto de vehículo lixeiro monocilindro para un combustible máis ecolóxico e máis rápido, co novo E85. Despois de usar a gasolina normal máis de sete anos, o equipo fixouse un novo desafío ao converter o motor WR450F de Yamaha nun motor accionado por etanol. Con este novo motor no coche de 2007 (DUT07) participaron na competición da FSAE en Michigan (EEUU).[8]

A xeración de coches de carreiras de DUT Racing alimentados con etanol (DUT08, DUT09 e DUT10) foi un éxito. Na tempada 2008, quedaron en segundo lugar na Fórmula Student do Reino Unido e gañaron a de Alemaña. En 2009 repetiron o segundo posto no Reino Unido e en 2010 volveron gañar a Fórmula Student alemá.[9]

2011 - actualidade: electricidade[editar | editar a fonte]

Logo de anos de pesadas máquinas de combustión, a competición cambiou e DUT Racing tamén. Coa introdución dunha clase eléctrica en 2010 na Fórmula Student do Reino Unido e de Alemaña, varios equipos de alto nivel fixeron o cambio á nova fonte de enerxía. O rendemento demostrado polos coches eléctricos na tempada 2010 fixo que o equipo DUT Racing cambiase á nova clase en 2011.[10][11]

Á parte do rendemento, tamén o reto de redeseñar case todas as partes do coche e o conseguinte desafío á capacidade de enxeñaría dos estudantes xogou un papel importante no cambio. E foi con éxito: 2011 foi a tempada más exitosa para o equipo ata hoxe. Co DUT11, o equipo gañou tanto a competición do Reino Unido como a de Alemaña.[12]

O DUT12 foi o segundo coche eléctrico do equipo DUT Racing. A maior diferenza co DUT11 foi o sistema de tracción ás catro rodas, que fixo posible utilizar a enerxía de freada para recargar as baterías, facendo así o coche máis eficiente. Acadou un segundo posto na Fórmula Student do Reino Unido, outra vitoria na competición alemá, así como outras vitorias e récords internacionais.[13]

O DUT13, coche co que o DUT Racing participa na Fórmula Student

En 2013, o DUT13 mellorouse cun paquete de aerodinámica, algo que ata entón o equipo non experimentara. Con tracción ás catro rodas, o coche pasou a dispor dun alerón dianteiro, un traseiro e un inferior, o que mellorou significativamente a tracción do coche. Ademais, modificouse parte da electrónica, mellorando as características de control de tracción e os reguladores de velocidade. O equipo gañou novamente a competición de Fórmula Student en Alemaña, e situouse segundo en Austria.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]