Delft Aerospace Rocket Engineering

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Delft Aerospace Rocket Engineering
Tipoasociación
Data de fundación2001
SedeDelft
PaísPaíses Baixos
Na rede
http://www.dare.tudelft.nl/
editar datos en Wikidata ]

Delft Aerospace Rocket Engineering (DARE) (en galego: "Enxeñaría de Foguetes Aeroespaciais") é unha asociación estudantil da Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft), nos Países Baixos, que supera un cento de membros. O obxectivo principal deste grupo de estudantes é o desenvolvemento de tecnoloxías de foguetes sen ánimo de lucro. Todo este desenvolvemento, desde os motores á electrónica, realízase na propia institución universitaria.

Historia[editar | editar a fonte]

DARE foi fundada en 2001 por seis estudantes da Facultade de Enxeñaría Aeroespacial como un comité dentro da iniciativa da Comisión Europea Leonardo da Vinci e hoxe é un dos equipos máis recoñecidos da súa universidade, xunto con Nuna, Forze e DUT Racing.

Ao longo dos anos, DARE desenvolveu coñecementos especializados nas tres tecnoloxías principais da propulsión de foguetes (sólida, líquida e híbrida) e os seus membros levan a cabo múltiples conferencias e publican artigos anualmente.

Aproximadamente o 70 por cento dos seus membros proveñen da Facultade de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Tecnoloxía de Delft, e o 30 por cento restante pertence doutras facultades, como a de Enxeñaría Mecánica, a de Enxeñaría Eléctrica, a de Física Aplicada e a de Deseño Industrial. DARE tamén conta cun número importante de estudantes internacionais.

Proxectos principais[editar | editar a fonte]

Proxecto Stratos[editar | editar a fonte]

Aínda que a DARE está a levar a cabo diversos proxectos, o buque insignia do grupo é o proxecto Stratos, no que se encadrou o foguete Stratos I, que foi lanzado en 2009 e estableceu o récord europeo de altitude para foguetes a nivel afeccionado, en 12,5 km.[1][2] A continuación deste foguete foi o Stratos II+, que se lanzou o 16 de outubro de 2015 e alcanzou unha altitude de 21,5 km e rompeu o récord europeo de altitude.[3]

Aínda que DARE coopera co exército para levar a cabo os seus lanzamentos con seguridade, a súa tecnoloxía é estritamente non militar.

Outros proxectos[editar | editar a fonte]

  • Cansat.[4]
  • Solid Six.[5]
  • Dawn.[6]
  • Deimos.[7]
  • Advanced Control Team.[8]
  • Electronics.[9]
  • Safety Board. 

Instalacións[editar | editar a fonte]

Talleres e laboratorios[editar | editar a fonte]

O traballo de DARE desenvólvese en dous lugares no campus de TU Delft. O primeiro deles, chamado LaikaLab, é un taller orientado á fabricación, onde ten lugar a maior parte da produción de foguetes. O segundo lugar é un espazo de oficinas para reunións, deseño teórico e desenvolvemento da electrónica. Esta instalación, chamada KorolevLab, localízase na facultade de Enxeñaría Eléctrica, Matemáticas e Informática da universidade, e funciona en cooperación con Instituto de Robótica de TU Delft.[10]

Lanzadeiras[editar | editar a fonte]

DARE leva a cabo habitualmente entre dúas e catro xornadas anuais de lanzamento de foguetes de pequena escala, que acadan un máximo de dous quilómetros de altitude. Estes lanzamentos teñen lugar nun establecemento militar preto de 't Harde, no norte dos Países Baixos. Para acadar altitudes superiores, DARE participa ocasionalmente en campañas de lanzamento noutros lugares de Europa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Van Kemenade, Luc. "Studenten TU Delft breken record met experimentale raket". En Elsevier. 17 de marzo de 2009. (En neerlandés)
  2. "Project Stratos". Delft Aerospace Rocket Engineering. (En inglés)
  3. "Raket op kaarsvet en koffiezoetjes knalt 21 kilometer omhoog". En NOS. 15 de outubro de 2015. (En neerlandés)
  4. "CanSat". En ESERP Netherlands. (En neerlandés)
  5. "Solid Rocket propulsion (Solid Six) Arquivado 03 de xuño de 2017 en Wayback Machine.". En DARE.tudelf.nl. (En inglés)
  6. "Hybrid Rocket Propulsion (Project DAWN) Arquivado 13 de xuño de 2017 en Wayback Machine.". En DARE.tudelft.nl. (En inglés)
  7. "Liquid Rocket Propulsion (Project Deimos) Arquivado 13 de xuño de 2017 en Wayback Machine.". En DARE.tudelf.nl. (En inglés)
  8. "Advanced Control Team". En DARE.tudelft.nl. (En inglés)
  9. "Electronics". En DARE.tudelft.nl. (En inglés)
  10. "Raketclub betrekt nieuw onderkomen Arquivado 18 de xuño de 2015 en Wayback Machine.". En Delta. 13 de xuño de 2014. (En neerlandés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]